DE REVOLTAS E HOMES

“Debemos negar o presente en todas as súas formas e construir o futuro”

Ice

“O gran dragón chámase “ti debes”, pero o espíritu do león di “eu quero”

Nietzsche

A labor de difusión cultural da empresa Intermedio atopa outro dos seus momentos álxidos coa edición de dous excelentes (e autoproducidos) títulos da primeira etapa do cineasta estadounidense Robert Kramer (1939-1999), Ice (1969) e Milestones (1975). Esta pertinente edición permite recuperar a un dos autores que mellor representan a outra cara do New Hollywood, etapa creativa dourada que abrangue os anos 60 e 70 do século pasado, establecendo a coincidencia entre un movemento ou Nova Ola periférica a Hollywood -a industria- que vai de Mekas, Warhol, Brackhage e parte do cine underground ao cine experimental e as prácticas documentais do New American Cinema. Preto do underground militante, Kramer deixaría pegadas posteriores en títulos tan significativos como Scenes from the Class Struggle in Portugal (1977), Doc’s kingdom (1987) ou Route One USA (1989).

Viaxeiro, exiliado, nómada revolucionario (Venezuela, Israel, Vietnam, Europa do Leste, Portugal, Angola) sen sumisión a etiqueta algunha –circunstancia que refuta a confusión ideolóxica que percibira nel un Bill Nichols-, auspiciador do esencial proxecto militante Newsreel e, sobre todo, explorador das diferentes formas de resistencia, narración e vida comunitaria, Kramer foi riguroso e coherente, alguén que indagaba nas relacións arte-política mentres practicaba ambas.

Carente dos aparellos da nostalxia, a xustificación ideolóxica ou o acomodo que conleva perda de enerxía, Kramer aparece próximo a autores como Cassavetes (os corpos en movemento no encadre), Rivette (a continuidade da montaxe), John Ford (a vida en comunidade, os individuos que forman grupos e as súas ilusións colectivas), Marker (a percepción e a memoria, a comprensión cara aos desposuidos), Flaherty ou o Rossellini postneorrealista (o reflexo do traballo), empeñado en reinventar con autenticidade a distinción ficción-documental e contar polifonicamente, con relatos in medias res, o propio proceso de construcción do seu cine, de modo que a implacable trama de política-ficción de Ice dá paso sen sobresaltos ao cine de fragmentos asociados de Milestones, viaxe lúcida polo crepúsculo da contracultura yankee a mediados dos 70.

Facendo do home filmado un novo obxecto de coñecemento

O cine-guerrilla de Kramer –baseado na pelexa sobre a confrontación mesma de materiais-, enriquecida con precisión constante a súa perspectiva (dividida entre o artista, o activista, o ensaista, o filósofo cheo de estímulo), devén en narracións de corpos, xestos e movementos que conleva unha apertura dos camiños de percepción. Ice, influida por Paris nous appartient e Alphaville, escenifica as opcións da insurrección en Estados Unidos –enlace con forzas externas mediante: céntrase na conxunción de distintas “xentes sen rostro”, amosando as posibilidades dunha solidariedade expresada de xeito fílmico- e, como indica Eduardo A. Russo, o interese do autor polas “organizacións subterráneas e a tentación da violencia”. Colage-sondeo nas prácticas militantes, bó exemplo da capacidade do autor para a mestura de materiais, Ice estrutura a narración por medio de tracts, rótulos, pezas contrainformativas, elementos do filme-enquisa e o cine directo e segmentos metanarrativos que facilitan unha disección dos rituais, perigos e formas de loita e estratexia dentro dunha hipotética clandestinidade política.

Rodaxe de 'Milestones'

Robert Kramer coa súa equipa na rodaxe de 'Milestones'

Milestones, como Route One USA, é un filme “monstruo” (Comolli), magma, mosaico, un retablo épico capaz de fiar e incorporar a experiencia ao proceso. A nobre fuxida pola xeografía desperdigada dos Estados Unidos –itinerario multidireccional característico do cine-ensaio como aprecia Adrian Martin- na procura dun lugar futuro sen abusos parece unir os estados anímicos da decena ampla de personaxes de Milestones, entendida xa como drama de expectativas, nacenza dunha colectividade (o parto final), relato de (auto)análise de tintes xeracionais. A persoal alquimia ficción-non ficción, resultante dunha concepción biopolítica da existencia –a filmación con cualidade revelatoria, prolongación da vida- e da idea do filme como materia viva, é un dos aspectos sobresaíntes do cine de Kramer acentuado aquí. Outro pasa pola trascendencia da palabra. Cineasta do diálogo, o encontro e a comprensión, modela un cine performativo que comparte e combate tecendo unha rede de relacións sociais, necesidades e desexos. Estes mecanismos de verbalización alcanzan formas maiores de expresión; incluso acadan extremos metafóricos coa perspicacia narrativa da voz de Kramer para outros (Ernesto Che Guevara, el diario de Bolivia (1994) de Richard Dindo; Utopia (1998) de James Benning; Um outro pais (1999) de Sergio Tréfaut) e a través da operación-proeza de destripamento verbal nun único plano contido na visionaria Berlín 10/90 (1991), título contra o tempo como fluidez onde fai convivir espectador activo con memoria, Historia e subxectividade. Outro dos rasgos vén definido pola capacidade de artellar espazos, unha navegación pola mutación das xeografías–territorios do corpo ou mapas da Historia: a cidade do guerrilleiro ou a urbe mental plantexada en Ice– que encadea, grazas á colaxe e as marcas copulativas, retratos do periodo de actividade política máis intenso na historia do seu país.

Esbozo e necesariamente obra inacabada, organismo vivo en perpetua mutación -como o Movement; en conexión cos mellores casos do Novo Hollywood-, o fluir do ser e todo o que hai ao redor (mirada, palabra, xestos) conforman o estado de movemento perpetuo –a variedade, o fluir de enerxía- de quen tivo a estraña virtude de fundir acción e pensamento. A compañía dun libro, formado por selectos textos ben elaborados por Kramer e o codirector de Milestones, John Douglas, máis un incisivo artigo de Fran Benavente sobre a súa obra, completan esta recomendable edición.

_____

Cofre Robert Kramer

Milestones (1975) / Ice (1969)

2 DVD e libro de 64 páxinas

Dispoñible por 20 euros en Intermedio

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.