COLOSSAL, de Nacho Vigalondo

image-bench

Producida no 2016, Colossal (Nacho Vigalondo) tardou un ano en conseguir distribución en España a pesar dos máis de 3 millóns de dólares recadados en EUA e de contar cunha estrela do talle de Anne Hathaway entre o elenco. A historia, que combina romance e trazos que lembran a filmes da saga Godzilla, agocha no seu interior unha realidade monstrosa e dura que cómpre dixerir e analizar.

Cando Gloria rompe co seu mozo, volver ao fogar da súa infancia semella a mellor opción para distanciarse dos excesos da noite neoiorquina que causaron todo isto. Esta volta ás orixes fai que se reencontre con Oscar, un amigo da escola que non vía desde hai anos. Os dous conectan de forma inmediata e comezan a trabar unha amizade que leva de novo a Gloria ás longas noites de éxtase alcólica.

Unha mañá de resaca, Gloria recoñécese no televisor convertida en monstro-árbore aterrorizando á cidade de Seul. O monstro, metáfora da vida de excesos de Gloria, obriga a que a protagonista mude de estilo de vida e tome responsabilidades. Ademais, os astros parecen aliñarse cando Oscar, o único que semella conectar con Gloria, aparece tamén convertido en monstro (neste caso monstro-robot) en Seul.

Cando, máis tarde, Gloria deitase cun dos seus novos amigos de troula (Joel) e non con Oscar, o noso cerebro cargado de clixés bérranos: “outra historia na que ela non se decata de que o seu verdadeiro amor e o seu amigo da infancia e non este outro”. Nada máis lonxe da realidade.

Este ‘polvo dunha noite’ provoca que Oscar amose a súa verdadeira faciana: a dun home controlador, acosador e absolutamente tóxico. O filme golpéanos co estereotipo do príncipe azul e amósanos a realidade que vemos unha e outra e outra vez (ata 48 veces segundo o Ministerio de Sanidade). O que semella un xiro da trama sorprendente resulta non tal se un revisa as pistas espalladas no filme: o feito de que Oscar a buscase por internet, a decisión de Oscar de levarlle os mobles a casa por sorpresa, a necesidade de que ela se divirta con só el… De novo, como na vida real, todo estaba aí, á vista: e ninguén o viu.

Colossal apunta ás dúas partes do problema: os verdugos, pero tamén aos que miran e calan. Na secuencia da pelea entre Gloria e Oscar (que se replica en Seul cos seus avatares monstrosos), Joel, asiste aos abusos pendente das consecuencias da loita en Seul a través da pantalla da tablet en lugar de intervir. Vigalondo, de novo, como xa fixo en 7:35 de la mañana (2003), critica a unha sociedade que tan só se lamenta a posteriori, que non intervén ante situacións onde o sentido común semella unha ‘rara avis’.

ANNE_ARMS

Porén, o filme tropeza na escasa, por non dicir, ningunha, importancia que lle dá ás vítimas destes monstros. Os surcoreanos son aquí mero atrezzo para loita que está a ter lugar a miles de quilómetros. Con todo, négome a pensar que este erro é algo premeditado e inclínome a crer que a escolla da cidade de Seul como escenario das aparicións destes monstros é, en primeiro lugar, unha homenaxe de Vigalondo ás ‘kaiju movies’ da súa infancia e adolescencia e, en segundo lugar, unha forma de amosar que as accións teñen consecuencias globais: o persoal é político.

A acollida do filme foi, en xeral, moi positiva. Foron moitas ss louvanzas a Vigalondo por incluír no filme unha trama que tratase a violencia de xénero e o machismo, algo que lle gañou o apelativo de empoderador e foi chamado por moitas críticas ‘o filme que ningún grande estudio faría’. Porén, foron tamén algunhas as voces, masculinas, que sorpresa, que calificaron o filme como “lagarto del tres al cuarto” ou que, directamente, din que as personaxes do filme “non lles importan”. Quizais a existencia destas voces, ignorantes e perigosas ao banalizar un filme que abre un debate moi necesario, estas voces máis propias dunha etapa de rebeldía adolescente que da profesionalidade que a crítica de cinema merece, son as que xustifican por si soas este filme. Alén do filme en si, da súa calidade ou do gusto persoal de cada un respecto a ela, non atopar en Colossal unha lectura crítica e un punto de comezo para reflexionar sobre nós mesmos é un erro de “tres al cuarto”.

Finalmente, e por volver ás virtudes do filme de Vigalondo, cómpre sinalar as excelentes interpretacións de Anne Hathaway e Jason Sudeikis. Dous intérpretes que cargaban coas etiquetas doutros filmes anteriores e que, grazas ao seu excepcional traballo, conseguen ampliar o seu horizonte alén daquel máis estereotípico das comedias máis tradicionais.

A grande bondade que ten Colossal é que sobrevive ao primeiro visionado e fica na memoria. O monstro que copa os posters e os trailers funciona como gancho e como fío narrativo para facer un filme que debuxa unha sociedade sexista, totalmente absorta nunha dinámica de memes, ‘favs’ e ‘likes’, que semella estar estancada, detida fronte ao futuro co móbil na man gravando. Colossal funciona como filme non só pola súa boa factura e orixinalidade, senón pola capacidade para xerar un debate, unha conversa, posterior ao visionado sobre un tema do que non se fala nunca o suficiente.

Comments are closed.