COLUMBUS, de :kogonada

Columbus 3

Durante os últimos anos, a través das diversas plataformas de vídeo online e medios especializados, vense producindo unha interesante renovación do “vídeo-ensaio” como ferramenta de crítica cinematográfica. Esta evolución é o resultado da proliferación de numerosas canles e artistas que ofrecen a súa particular versión deste formato, que acadou unha considerable audiencia. Kevin B. Lee, Jacob T. Swinney, Lessons from the Screenplay (especializado en análise de guión) ou o recentemente clausurado Every Frame a Painting son tan só algúns dos exemplos máis populares desta nova corrente. Tanto críticos profesionais como amateur válense deste medio, e da difusión das citadas plataformas, para ofrecer unha vía de entrada accesible e amena a conceptos complexos relacionados coa análise fílmica. Trátase dun panorama de difícil clasificación, e amplamente heteroxéneo, pero entre todos os ensaístas que traballan na actualidade é xusto destacar o estilo depurado e a mirada singular de :kogonada.

Baixo este pseudónimo (unha homenaxe ao guionista xaponés Kogo Noda, colaborador habitual de Yasujirō Ozu), agóchase a identidade dun profesor, artista e realizador americano de orixe surcoreana. As súas obras son pequenas pezas cheas de lirismo e significado, sen apenas texto nin narración, centradas en analizar a dimensión estética de filmes e directores como Bergman, Hitchcock ou mesmo Ozu. Non son reflexións puramente didácticas, :kogonada non intenta impoñer unha tese ou lectura determinada ao espectador. Pola contra, nos seus vídeos prima a exploración libre e pura da forma, dos mecanismos internos que empregan estes grandes cineastas e que acaban por conformar o que chamamos a súa “marca” ou “selo persoal”. Colaborador habitual de ‘Criteron Collection’ e do ‘British Film Institute’, :kogonada sempre tivo como meta dirixir a súa propia longametraxe. Despois de acadar notoriedade internacional grazas os seus ensaios, que o levaron incluso a formar parte de xurados oficiais como o de Las Palmas, o director estadounidense veu cumprido este ano o seu obxectivo.

Estreada no Festival de Sundance, e tras pasar discretamente por diversas competicións internacionais como a de Rotterdam ou Mar de Plata, chega ás nosas pantallas Columbus (2017). Escrita, dirixida e editada polo propio :kogonada, o filme supón ao mesmo tempo a materialización dun soño e a consagración dun estilo longamente anunciado. Trátase dun debut humilde pero rotundamente sólido, no que resulta imposible non buscar (e atopar) conexións cos traballos previos do seu autor. Desmontando a aparente “dicotomía” entre crítico e cineasta, :kogonada ponse detrás das cámaras para incidir na súa fascinación ante as posibilidades formais e estéticas que ofrece o cinema. Xunto ao director de fotografía Elisha Christian (In Your Eyes), logran compoñer unha impecable experiencia visual que toma como eixo principal o poder da arquitectura e a súa profunda influenza nas vidas e relacións humanas.

Columbus 2

O reparto está encabezado por John Cho e Haley Lu Richardson (nunha das interpretacións máis discretamente conmovedoras do ano), personificando dúas actitudes vitais aparentemente distintas, pero que no fondo comparten unha mesma sensación de confinamento. A historia comeza cando Jin (Cho), tradutor nunha editorial en Seúl, recibe a noticia de que o seu pai, un reputado profesor de arquitectura, cae gravemente enfermo durante unha estancia en Columbus (Indiana). A pesar de que sempre mantiveron unha fría relación, e de levar máis dun ano sen dirixirse a palabra, Jin síntese obrigado a viaxar a Estados Unidos. Unha vez alí coñece a Casey (Lu Richardson), unha moza de 19 anos apaixonada da arquitectura, que acaba de rematar o instituto e traballa a tempo parcial na biblioteca local. Pola súa banda, a moza optou por permanecer na cidade coidando da súa nai (cun pasado marcado polas drogas e as relacións tormentosas), en lugar de continuar estudando e perseguir os seus soños. Mentres o pai de Jin atravesa un coma do que non é seguro que vaia espertar, el vese forzado a deixar a súa vida en suspensión e permanecer ao seu lado. Semellan as dúas caras dunha mesma moeda, que se irán reforzando e complementando mutuamente. E entre ambos está Columbus, unha auténtica “meca” da arquitectura moderna, cuxos enclaves e construcións inspiran multitude de conversas nas que os protagonistas reviven fragmentos da súa propia vida.

:kogonada ten confesado nalgunha ocasión a grande influencia que tivo o seu pai na súa forma de entender a arte. Unha actitude que se basea na observación constante, en non pasar por alto aquilo que nos rodea. Mirar é o primeiro paso para comprender, para descubrir o que se agocha detrás das formas. Do mesmo xeito, o realizador converte a súa primeira longametraxe nunha indagación das sutís conexións entre o medio arquitectónico e os seres humanos, entre os edificios e os recordos, entre os deseños e os sentimentos. Aparentemente, poderiamos pensar que estamos ante unha confrontación entre forma e contido, pero só “observando” sen prexuízos descubrimos que estas logran unha simbiose. Son as percepcións e actitudes das personaxes, a súa conexión coa arquitectura, as que lle outorgan valor ao espazo. Onde Casey ve unha vía de escape, un refuxio contra a desesperanza, Jin tan só atopa feridas abertas que se remontan a un pasado marcado polo abandono paterno. Deste xeito, a parella protagonista eleva a dimensión humana do filme ata colocala no lexítimo centro de interese, nun verdadeiro exercicio de equilibrio artístico. De feito, antóllase case irónico cualificar de ópera prima unha cinta que destila tanta madurez e bo facer como Columbus, froito de longos anos de experiencia e estudo constantes do medio cinematográfico.

En certo momento da película asistimos a unha discusión acerca do concepto de “arquitectura curativa”, aquela que defende o deseño e construción de espazos dende unha perspectiva ética, sempre pensando nas persoas que os van a ocupar. Segundo esta teoría, os propios materiais, as texturas, luces e cores poden combinarse e actuar conxuntamente para que un edificio adquira propiedades ‘reconstituíntes’. Jin critica abertamente este postura, promovida polo seu pai, argumentando que se trata tan só dunha “fantasía que aos arquitectos lles gusta contarse a si mesmos”. Porén, a medida que avanza o filme, semella que o resto de elementos, persoas e situacións conspiran contra o seu escepticismo. :kogonada ofrece unha obra brillantemente construída, na que o técnico e o formalista nunca ensombrecen o humano, e onde as influenzas e intereses do crítico atopan harmonía cunha visión persoal de autor. Para algúns o filme verase lastrado por un ritmo pausado e un excesivo academicismo, chegando a resultar pretensioso cando defende o seu propio valor como obra a través dos diálogos. Con todo, é un exercicio preciso e honesto ao que merece a pena achegarse. Vendo Columbus algúns queremos crer que tamén existe un “cinema que cura”, un capaz de edificar sensacións, personaxes e lugares nos que poder transitar e vernos reflectidos. Unha sorte de fantasía habitable.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.