COURTISANE 2015: VIAXE POR PAÍSES PEQUENOS (SON MÁS DOADOS DE VISITAR)

25 Courtisane 2015 (2)

Bélxica é un país pequeno. Trátase dun país estraño, un estado tapón, dividido en dous, e mesmo en tres partes. Hai quen di que mesmo en catro. Bélxica foi unha estratexia xeopolítica creada co fin de parar os pés a Francia, separala dos Países Baixos e tamén de Alemaña. Ou viceversa. O resultado foi a creación dun Estado con catro comunidades lingüísticas: unha bilingüe en Bruxelas, a neerlandófona ao norte, a francófona ao sur e a xermanófona na zona setentrional-oriental. E tres rexións, Flandes ao norte e Valonia ao sur, cunha terceira chamada Rexión de Bruxelas Capital que, sendo maioritariamente francófona, é a capital de Flandes. Un rollo. Así mesmo, poderiamos engadir unha pequena burbulla situada en Bruxelas, formada por todas aquelas persoas que, vivindo ao amparo da Unión Europea, decidiron non falar nin francés nin neerlandés. Se para estas persoas esta é unha decisión libre, non o é así para o 16% da poboación da capital europea, que non fala ningunha desas linguas porque, en gran medida, non teñen acceso á educación ou alguén ou algo llo impide. E xa, para aproveitar esta deriva do meu texto, direi que norte e sur sofren dos mesmos prexuízos que o norte europeo con respecto ao sur –e viceversa. Está ben falar de prexuízos, di Zizek, precisamente para facelos presentes e entendibles para o bo lector e, así, delatalos.

O festival Courtisane, subtitulado Notes on Cinema, tivo lugar entre o 1 e o 5 de abril de 2015 na marabillosa cidade de Gante. “A nosa intención é manter o tamaño do festival, mantelo pequeno”, di Pieter-Paul Mortier, programador e coordinador do festival xunto a Stoffel Debuysere. Trátase dun certame discreto, que non enfeita nin cobre de carteis a cidade para a ocasión. O editorial do catálogo insiste nesta idea: “A nós gústanos pensar que hai máis sustancia cinematográfica que a que unicamente chega aos nosos ollos (…). A pantalla é unha superficie, unha superficie que nos permite un proceso de intercambio entre o que podemos ver, e o que de feito lembramos: os sons e voces que escoitamos, os soños e esperanzas que fomentamos, as aparicións ante nós e, de feito, o mundo ante nós. Todos ouvimos, vemos, sentimos e entendemos unha película ao mesmo tempo que a compomos como o noso propio poema cinemático (…), sempre en ruta, cara a algo que sempre está a tomar forma”. Así sucedeu nunha selección que non deixou de apuntar e suxerir sons, sensacións, visións, tactos oníricos. Unha selección dividida en 14 programas repartidos ao longo do cinco días nun festival que non obedece simplemente á urxencia de mostrar o panorama actual dunha determinada cinematografía. Programas compostos, pois, de propostas actuais, pero tamén de filmes que ben poderían dialogar con estes, ao redor dun tema, unha procura, ou unha constante, sen importancia da data de realización da mesma, alternando programas cunha e até seis propostas. 

A Tribute to John Cage (Nam June Paik, 1973/1976)

A Tribute to John Cage (Nam June Paik, 1973/1976)

Nos primeiros días, por exemplo, atopámonos no programa 2 F for Fibonacci (Beatrice Gibson, 2014), unha caste de adaptación dun dos capítulos da novela JR de Willian Gaddis (1975). Un ‘capitalista de 11 anos’ constrúe o seu imperio en Minecraft mentres dialoga coa autora arredor da súa creación, delegando nel a creación das imaxes, mentres as fai chocar con debuxos animados, ou imaxes documentais de Wall Street. Nunha sesión denominada polos propios programadores, como a máis ‘mental’ do festival, esta peza dialogou cun extracto de 12 minutos da peza Cycles of 3s and 7s (Tony Conrad, 1976). Trátase dunha procura de ciclos sonoros por parte de todo un pioneiro do cinema estrutural e do videoarte nunha secuencia repetitiva de multiplicacións e divisións co anhelo de achar unha cifra particular, nun único plano gravado sobre unha calculadora manexada por –o que intuímos que é– un matemático frenético. O programa completábase con A Tribute to John Cage (Nam June Paik, 1973/1976), un canto á democratización do son e un retrato dunha figura crave nesta defensa, realizado por un dos capitáns do movemento Fluxus. Democratización do son e da imaxe. Democratización da arte. Paik mestura imaxes de televisión con filmacións propias. Sobresae a interpretación na rúa da peza silenciosa 4’33”, demostrando canda Cage, que “nunca haberá silencio”; e xorde xa como marabillosa a secuencia final na que un analista de televisión tatexo, entre sílabas perdidas e forzadas, afirma, finalmente, “que non hai son mellor que ningún outro”.

Pola súa banda, no programa 3, salientou a proposta dos cineastas Elke Marhöfer e Mikhail Lylov. O festival encargoulles un programa arredor do seu filme Shape Shifting (2014), un traballo feito a dúas cabezas filmado en Xapón e presente tamén na pasada Berlinale. Céntranse no ‘Satoyama’, literalmente, o espazo que existe entre un poboado e a montaña, do que forma parte un armazón de relacións entre a vida humana e salvaxe. Filmado en 16mm pero proxectado en DCP, a metraxe dá conta da actuación que o ser humano exerce sobre a paisaxe, como fai que este tome forma, unha relación de forzas entre estas dúas entidades. E avogan por esta interacción, afirmando que, en efecto, “cantas máis colaboracións entre especies e ciclos de materias existan, máis estables os ecosistemas e as películas serán”. Elixiron como diálogo o filme de animación Tusalava (Len Lye, 1929), composto a partir de máis de 5.000 debuxos, e que conformaban o movemento do que podería ser unha célula tomando diferentes formas. “A animación é a toma de forma”, afirmaba o ruso Mikhail Lylov. “Eliximos este filme porque aborda a creación da forma desde a microperspectiva. En contraposición coa paisaxe, que tamén toma forma, ou, máis ben, o humano faille tomar forma”. O cronista foi verdadeiramente sorprendido polo terceiro dos filmes que estes cineastas programaron, “unha paisaxe humana”, Memories of Agano (Makoto Satō, 2004), un verdadeiro ovni cinematográfico. Esta obra é un retorno a Minamata, centro, na década do cincuenta, dun brote de envelenamento provocado pola vertedura de mercurio ao río por parte da factoría química Chisso. Entre 1988 e 1992, Satō viviu na ribeira do río, en Niigata, xunto a outro sete cineastas, completando un filme que vería a luz baixo o título Living on the River Agano (Makoto Satō, 1992). Dez anos despois, o equipo volveu de novo ao lugar para rexistrar cinematograficamente o que fica do mesmo. O resultado é un filme fantasmagórico, unha canción triste a uns habitantes que nunca deixaron de vivir á beira do río que envelenou a tantos outros dos seus veciños, unha viaxe psicodélica dun ton e unha delicadeza excepcionais.

Dirty Pictures (John Smith, 2007)

Dirty Pictures (John Smith, 2007)

O festival deixou entrever un certo interese polo tema palestino en dous dos programas, nos que o referente foi a vídeo artista Basma Alsharif, presente nas proxeccións. As súas obras teñen un cariz político violento, “nun intento de vernos a nós, a sociedade occidental, desde Palestina”. “O meu desexo”, afimaba a cineasta, “non é o de facer películas furiosas; é, simplemente, o resultado de pór as pezas unha detrás doutra”. O programa 7, por exemplo, propuña un diálogo entre o seu traballo, a peza Wawa de Sky Hopinka, e varias obras de John Smith –Dirty Pictures (2007), Bligh (1996) e Om (1986). Logo, no programa 8 –seleccionado pola propia Alsharif– salientou o microclima de Under the Atmosphere (Mike Stoltz, 2014), un ecosistema fílmico recreado a partir de imaxes tomadas na Space Coast de Florida.

A presenza belga –máis ben flamenca– foi bastante grata na selección oficial. Puidemos ver o interesante traballo In Walking Hours (Sarah & Katrien Vanagt, 2015), un filme artesán que reproduce de forma poética un experimento levado a cabo no Amsterdam de 1632 polo Dr. Pemplius. Este demostrou que, instalando un ollo de vaca recentemente morta nunha camera obscura pódense proxectar nesta as imaxes do mundo exterior. A videoartista Anouk Declercq, pola súa banda, presentou Black (2015), unha oda á escuridade rodada en 35 milímetros completamente en negro, na que a autora se dirixe ao espectador a través de subtítulos non carentes de certo humor.

No apartado de longametraxes, Rabo de Peixe (Joaquim Pinto & Nuno Leonel, 2015) espertou certa expectativa tralo éxito acadado con E Agora? Lembra-me (Joaquim Pinto, 2013). A película segue a vida duns pescadores azorianos na vila de Rabo de Peixe. O proxecto foi concibido para televisión, retransmitido só unha vez, e remontado nun novo filme. Pode lembrar a Aquele Querido Mês de Agosto (Miguel Gomes, 2008) por tratarse dun fresco social costumista, interesante neste punto e no retrato da amizade que une aos cineastas e os pescadores. Sen o mesmo romanticismo e grandeza, trátase dun filme formado por demasiadas partes, que sofre un constante rematar e volver comezar, e que nalgúns momentos musicais pode chegar a semellar un vídeo de aniversarios de Youtube ou un pase de diapositivas de Power Point.

Kosmos (Ruben Desiere, 2014), mentres, amosa a realidade e a expulsión dun edificio ocupado por familias romanesas no barrio Botanique de Bruxelas. Cunha salientábel dirección de actores, e seguindo un estilo semellante a Mange tes morts (Jean-Charles Hue, 2014) cun carácter algo máis documental, Desiere tenta recrear o espazo de vida dos personaxes dunha novela, do mesmo título, do polaco Witold Gombrowicz. Unha desas adaptacións tan abstractas que proliferan hoxe en día; como Vikingland (Xurxo Chirro, 2011) e Moby-Dick (1851), por exemplo.

Mga anak ng unos (Storm Children – Book One, Lav Diaz, 2014)

Mga anak ng unos (Storm Children – Book One, Lav Diaz, 2014)

E chegamos por fin a Lav Díaz. Tendo en conta a duración habitual dos seus filmes, poderíamos dicir que Mga anak ng unos (Storm Children – Book One, 2014), é unha curta de 143 minutos, ou ben a primeira parte dun total de catro. O filme presenta o ritmo do tempo nunha situación post-apocalíptica: unha cidade da costa filipina alagada polo tifón Iolanda. Os nenos andan á procura dalgo debaixo dos cascallos, e as ondas levan a terra barcos enormes nos que agora viven paisanos. Lav Díaz observa, en planos longos e hipnóticos, quedos, calados, ao ser humano sobrevivindo. O cineasta está sentado nunha pedra, como está sentado un vello ao sol ou un lagarto, vendo a praza da vila.

Pedro Costa

Logo de todo o que se escribiu sobre Pedro Costa e Cavalo Dinheiro (2014) xa só queda falar do que se sente preto deste cineasta. Que se sente cando sorrí, ou que se sente cando se lle ve saudando, dende a porta, coma se fose a súa primeira vez. Salas cheas en cada unha das proxeccións, con mozos que sentaban nas escaleiras, con certa ansia, a ansia de saber que algo ocorre cando o seu traballo está en pantalla. En realidade, Pedro Costa é un can, un can caravaggiano, que pode ser ao mesmo tempo alemán e portugués, americano e francés. Cavalo Dinheiro, ademais, é un gran nome para un grupo de rap. Alén de combater o tempo no que vive, el é un home que leva a cabo unha loita interna contra algo que forma parte de si mesmo. El é Non. Así é el. E, por tanto, tamén calado, até que o empurran. Até que o silencio o obriga, e daquela desbórdase, e se ninguén di nada importante, el empúrrase cara ao abismo repetindo unha e mil veces todo o que bota de menos. Todo o que xa non hai. Todo o que xa nunca vai haber! Para min, Cavalo Dinheiro son figuras de bronce e é Roma. É un estado onírico imperial. Como o mesmo Costa afirma, o cinema (e tamén o seu filme) é unha gran ambición nunha pequena embalaxe.

Se cadra o máis interesante foi a súa presenza no programa Dissent!, levado a cabo desde o museo Argos, o colectivo Auguste Orts e o propio festival Courtisane na procura e comprensión de determinadas figuras da disidencia, no que participou xunto ao cineasta Thom Anderson. Gran parte do encontro sucedeu en total suspense, posto que os dous son homes de silencio aos que lles gusta moito pensar en público. Os dous foron bastante aburridos até que Pedro Costa se soltou: “Non son comunista, síntoo! Tampouco teño conviccións relixiosas. O único no que creo é no poder das imaxes e os sons cando estes se xuntan”. E continuou, unha vez que se atopaba xa costa abaixo: “Eu non podo facer filmes sobre montañas e océanos. Eu preciso as persoas. Eu boto en falta un soño, boto en falta un mundo que xa non existe por nunca xamais. Estou aburrido! Boto en falta a Chaplin. O demais é unha merda!”. Costa é un tipo contraditorio, mais tamén problemático: “A xente do cinema é idiota. Ódioa! Non entenderon que en realidade os filmes están feitos para pasar un intre con persoas coas que che gusta estar. A estas alturas… Paisaxes? De verdade? Eu prefiro ver… a parede, non sei, a parede que está á beira da pantalla”. “Estamos nun tempo no que xa non queda teatro, xa non queda pintura. Con todo cinema, si. Hai que preguntarse porqué. O cinema debería estar morto. O mellor que vin ultimamente foi Retorno ao Planeta dos Simios”. E Thom Anderson respondeu pola súa banda: “Pois sabes que, Pedro? A min encantoume Need for Speed (Scott Waugh, 2014)”.

Pedro Costa & Thom Andersen en Courtisane 2015

Pedro Costa & Thom Andersen en Courtisane 2015

 “Filmmakers”, continuou Costa cando lle devolveron o micro, you have to be big. Mais hai que ter coidado: moitas veces pénsase que o seguinte proxecto ten que ser meirande. E esa grandeza é vaga, fea, innecesaria ou, simplemente, chea de merda. Ti ves a 400 persoas vendo un océano… Ah, non, perdoa, é o océano o que nos está vendo… Que me contas, tío? Un océano non é suficiente para facer un filme. Boto de menos un balance entre as estrelas do star system e todos aqueles cometas e planetas que completaban o seu universo. Os experimentos están xa feitos. É tempo de rebalancear… ou de facer balance. Iso é todo

Para min, o máis especial de todo isto, foi ver sorrir a unha persoa coma el. O programador Stoffel Debuysere conta en internet que unha espectadora baixou a dicirlle que lle encantaba como, nos seus filmes, as persoas permanecen e móvense, xestualizan e se tocan. E daquela Pedro Costa sorriu. Non coñezo a ninguén que estivese alí naquel momento, mais seica aconteceu.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario