CSAK A SZÉL – JUST THE WIND, de Benedek Fliegauf

Atribúeselle a Giacomo Leopardi a seguinte cita: “Non temas nin á prisión, nin á pobreza nin á morte. Teme ao medo”.

Como se indica tralos créditos iniciais, Bence Fliegauf inspirouse libremente na vaga de crimes contra familias xitanas que tivo lugar en Hungría en 2008 e 2009. A primeira toma xa é unha premonición: o sol vespertino ocúltase tras uns pastos e dá paso á escuridade.

O día comeza para a familia de xitanos protagonista. A muller dá de comer ao vello convalecente, a filla dúchase e vai á escola, o cativo lata ás aulas. Fliegauf coloca a cámara moi preto dos seus personaxes: sentimos a miseria do pai, a suor da nai laboriosa, as roupas que tapan as incipientes curvas da filla adolescente, a sucidade do neno furabolos. Non hai maniqueísmos á hora de retratar aos xitanos nin ás clases medias: hainos honrados, hainos desprezábeis. Os que ocupamos as cadeiras do cinema non somos quen de explicar as orixes da súa marxinalidade, nin sequera coñecemos as súas circunstancias, mais somos conscientes de que hai moitas saídas da fame e moitas xustificacións aos actos de dubidosa moralidade, coma o roubo.

Porén, no filme non hai tanto interese por expor dilemas éticos como por retratar unha realidade ateigada de matices, moito máis complexa da que posibelmente describiu calquera medio de comunicación á hora de informar sobre os feitos que inspiraron esta obra. Así, ao descubrir os recantos escuros dunha conxuntura social que debe escandalizarnos (e sobre a que consegue de cheo facernos reflexionar), Fliegauf, guión en man, coa banda sonora nunha manga e co son noutra, métenos o medo no corpo: disque uns homes descoñecidos con aspecto de cazadores fan incursións no bosque onde habitan os xitanos, en casas illadas unhas doutras, e dedícanse a disparar indiscriminadamente contra as familias. Os seus motivos son un misterio, mais fica claro que, para o director, están intimamente ligados ao odio ao que están sometidos os xitanos na súa vida cotiá (e que os obriga a pensar nunha fuxida a calquera parte similar á que experimentamos moitos españois na actualidade, aínda que en circunstancias ben distintas). Da man dos xestos contra persoas desta etnia, xorde a violencia: unha violencia da que se fala, mais que a cámara pegada aos corpos non nos permite enxergar directamente, e que, por mor dunha escena clave na que aparecen uns policías, semella ter plena impunidade.

En Viaxes con Heródoto, Ryszard Kapuściński relata o seu encontro nunha rúa na metade da nada cuns negros armados. O xornalista polaco temeu esa noite en metade de África que séculos e séculos de explotación e espolio se traduciran nunha agresión contra el, inocente pero branco. “Estes son os únicos intres nos que sinto a soidade verdadeira”, escribiu, “cando un enfróntase á violencia impune”. (1)

Os xitanos de Fliegauf, os xitanos de Hungría, están indefensos; e sen amosar nada aparentemente e sen facer alarde ningún alén do control absoluto do encadre e do son, o cineasta obra o milagre terríbel e extraordinario de inxectar no espectador ese mesmo medo dende os primeiros minutos. O excelente labor de todo o elenco, en especial de Katalin Toldi (que interpreta á nai) e de Lajos Sárkány (que encarna ao fillo), contribúe a que a miseria e o nerviosismo saian da pantalla e o público senta a ameaza en carne propia. A experiencia faise tan desagradábel como, ao cabo, imprescindíbel.

Malia gañar na súa presentación na Berlinale hai xa un ano o oso de prata (ás veces atribuído inxustamente aos gustos e á influencia do presidente daquel xurado, Mike Leigh), Csak a szél non posúe atractivo comercial algún, polo que non sorprende que o seu periplo festivalero abranguese case un ano (proxectouse no certame de cinema europeo de Les Arcs pouco antes de Nadal) antes de estrearse fóra de Hungría (curiosamente, o primeiro país estranxeiro que a exhibiu en cinemas foi Polonia, e logo virán Eslovenia e Francia en 2013). Dado o panorama cinematográfico do estado español, non é probábel que o filme chegue ás nosas salas, mais agardamos que poida estar dispoñíbel cedo nalgunha plataforma de streaming.

__________ 

(1) Kapuściński, Ryszard (2010) [2004]: Viajes con Heródoto. Barcelona: Editorial Anagrama.

Non hai artigos relacionados.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario