‘CUANDO LAS PELÍCULAS VOTAN’

22 Pablo Iglesias Turrión

Un ano atrás, cando Pablo Iglesias Turrión non era aínda o animal político que lidera arestora Pablemos, como lle chaman ao seu partido en Domingos en Chándal, adicaba parte do seu tempo a escribir e editar textos científico-académicos que, entroutros temas, ás veces mesmo falaban de cinema. Cuando las películas votan. Lecciones de ciencias sociales a través del cine dá conta precisamente desa actividade, anque o único artigo asinado por Iglesias -un breve comentario sobre a violencia política en La battaglia di Algeli (Gillo Pontecorvo, 1966) ao fío dunhas polémicas declaracións de Felipe González sobre a posibilidade de executar a tódolos integrantes da dirección política de ETA- non é tampouco do mellor do volume. Porén, o mérito de Iglesias atópase ante todo no deseño de contidos e na coordinación dos materiais, entre os que se poden atopar excelentes análises de determinados filmes dende a perspectiva das ciencias políticas e tamén meros esquemas de clases prácticas que non deberían formar parte desta escolma.

Para que carallo serve a crítica de cinema?

Cuando las películas votan aborda dúas cuestións centrais no mundo das publicacións cinéfilas. A primeira delas é un órdago en toda regra á súa totalidade: Para que carallo serve a crítica de cinema? Que cona queremos transmitir os críticos aos lectores con tódalas nosas reflexións? Queremos que vaian ver un filme determinado, sen máis, ou axudarlles a que pensen a súa vida e o mundo enteiro a partir dese filme? A cuadrilla de Iglesias teno moi claro -queren facer o segundo- de xeito que así evitan unha das maiores eivas da crítica cinematográfica: a súa circularidade.

Moitos textos sobre cinema son tan autorreferenciais que nunca deixan de xirar sobre si mesmos. Tanto comparar un filme con outro e explicar a xenealoxía das imaxes impide moitas veces que os críticos cheguemos a dicir algo útil sobre aquilo que nos aborrece ou nos fascina. Belén Gopegui queixábase disto mesmo nun texto no que criticaba a tendencia da Cultura da Transición (a CT, o trasunto autóctono da postmodernidade) a interpretar os filmes sen conectalos co seu contexto político-ideolóxico: “En La clave, un vello programa de TVE, proxectábanse filmes e despois falábase, non chegaremos a dicir debatíase, do que contaban eses filmes, poñamos The Clockwork Orange (Stanley Kubrick, 1971) para dilucidar a cuestión penal. Substituíuno Qué grande es el cine, onde puñan filmes para, na típica recursividade da CT, falar dos propios filmes, do bos que eran, da biografía dos seus directores, de en que outros filmes traballaran os seus actores e de como ese plano no que a actriz se asoma a un precipicio era unha homenaxe, unha chiscadela ao plano daqueloutro filme onde outra actriz se asoma á varanda dun barco en movemento. Pasouse de certa, ben que diluída e moi fugaz, necesidade de entender o que había fóra ao debate endogámico e compracente” (1)

A queixa de Gopegui non anula o valor da crítica que se centra en cuestións de historia e estética do cinema, mais reivindica a necesidade doutra crítica que, a maiores, sexa capaz de establecer pontes e ligazóns entre o cinema e o mundo, entre os filmes e as sociedades que os producen, entre o momento concreto, individual, de ver un filme e o momento histórico, colectivo, ao que pertence ese filme. Esta crítica, nas súas mellores expresións, é capaz de empregar o cinema para explicar o mundo, mais sempre corre o risco de morder máis do que pode mastigar, que é a segunda cuestión central para as publicacións cinéfilas que aparece en Cuando las películas votan. Velaquí entón a gran contradición do volume: dunha banda, cómpre eloxiar a súa capacidade para ler e interpretar os filmes como pezas da superestrutura ideolóxica que nos rodea; mais doutra banda, tamén cómpre advertir ao lector da presenza de varios textos escritos co piloto automático, onde os seus autores soltan a súa chapa deixando caer aquí e acolá o título dalgún filme sen ser capaces de entrar a analizalo en ningún momento. Nestes casos non hai crítica por ningures, só un discurso reseso fóra de lugar.

Dogville (Lars von Trier, 2003)

Dogville (Lars von Trier, 2003)

Por sorte, como Iglesias é un bo estratego, o libro está estruturado de xeito que as pezas máis febles fican disimuladas entre artigos de maior calado. Así, o primeiro capítulo adicado a Dogville (Lars von Trier, 2003) funciona perfectamente como introdución á proposta que atravesa todo o volume: en primeiro lugar, o seu autor, Carlos Prieto del Campo, lanza unha pregunta dende o título (neste caso, “que é o liberalismo?”), e a seguir ofrece como resposta unha lectura político-ideolóxica do filme. Aquelas persoas que non aturen os spoilers deben manterse afastados deste texto, porque Prieto del Campo conta -literalmente- toda a trama de Dogville -que xa era en si mesma moi literal- para así desvelar, capítulo a capítulo, as intencións discursivas do filme: para Prieto del Campo, igual que para Von Trier, Dogville encarna como comunidade tódolos valores do liberalismo, de xeito que as peripecias sufridas pola súa protagonista funcionan como unha parábola dos usos e abusos aos que os cidadáns son sometidos polo sistema. O texto non toma este filme como escusa para falar do liberalismo, senón que comenta cada unha das súas situacións para explicar a crítica ideolóxica ao liberalismo que está presente no filme. Esta análise é moito máis temática que formal, abofé, como ocorre no resto do volume, mais neste caso é unha análise consciente e consecuente coa forma do filme, xa que a mensaxe política de Dogville emana directamente do seu propio dispositivo formal.

Outros artigos salientábeis deste volume serían, por exemplo, a peza asinada por Juan Carlos Monedero sobre a figura de James Bond en Skyfall (Sam Mendes, 2012), onde analiza a súa relación de dependencia e servidume cara o estado neoliberal; o capítulo no que Pablo Sánchez León explica os conceptos de cidadanía e comunidade a partir da trama de Disgrace (Steve Jacobs, 2008); a introdución aos movementos sociais latinoamericanos que propón Miguel A. Martínez a partir da lectura de La estrategia del caracol (Sergio Cabrera, 1993); a descrición que desenvolve Sara Porras de catro dos principais personaxes femininos de Mad Men (2013-) dende a perspectiva de xénero; ou mesmo ese capítulo tan chusco que asina Rubén Martínez Dalmau “sobre a evolución da democracia pasando pola ditadura e a rebelión contra o goberno ilexítimo” na saga de Star Wars. Na parte negativa, hai que sinalar tamén aqueles textos que non están á altura do conxunto, como lle ocorre ás notas de Paloma Román para unha aula sobre liderado a partir de Lawrence de Arabia (David Lean, 1962), que semellan ter sido escritas para outra caste de publicación. 

Con todo, polo xeral, Cuando las películas votan é unha obra ateigada de intuicións políticas relevantes que xustifican a súa lectura, anque despois tamén haxa que aturar algúns capítulos cunhas considerábeis limitacións analíticas. O libro, cando menos, cumpre de sobra co seu obxectivo declarado: ofrecer leccións de ciencias sociais a través do cinema. E quen, a fin de contas, non as quere aprender?

22 Cuando las Películas VotanCuando las películas votan.

Lecciones de ciencias sociales a través del cine

Pablo Iglesias Turrión (ed.)

Páxinas: 256

Editorial: Los Libros de la Catarata

Prezo: 17€

(1) Gopegui, Belén (2012): “CT, ¿para olvidar qué olvido”, en Martínez, Guillem (coord.), CT o la cultura de la transición: Crítica a 35 años de cultura española. Barcelona: Random House Mondadori.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario