CURTOCIRCUITO 2016: A VOLTAS COA IDENTIDADE

Fotografía: Curtocircuito

Fotografía: Curtocircuito

Atopar a identidade non é sempre un proceso de diferenciación. Moitas veces trátase de aprender a convivir coa nosa verdadeira personalidade, descoñecida ou ocultada para non caer baixo o xuízo dunha moral caduca. Outras, a identidade é o conxunto dun traballo social onde cada persoa aporta un grao de area. Mais a identidade tamén pode ser o paso final dun proceso de creación; o resultado dunha imaxe que se leva artellando paso a paso durante un proceso de tempo longo ou curto.

Esta última é a identidade que, nesta edición 2016, o Festival Internacional de Cine Curtocircuíto atopou e amosou, xa en plenas facultades, na cidade de Santiago. Non será o que asina estas palabras o que diga que esta edición é mellor ou peor que outra, pero si que é certo que este ano foi a consolidación dun paso alén máis da dirección do festival que, posiblemente, prosiga no 2017 nunha dirección que, aínda que descoñecida, promete ser sorprendente.

Mais, esta reflexión da identidade non é unha excusa para louvar ao festival, senón que tamén é unha liña programática que parece espallarse pola selección de curtametraxes do festival desde as súas seccións oficiais ata as paralelas.

Identidade sexual

Baixo o nome de ‘Sex tapes: autorrepresentacións’, Miquel Martí Freixas escolleu unha selección de curtametraxes que analizaban a autorrepresentación da sexualidade, especialmente ligada ás novas linguaxes que trae a rede. Así, traballos coma Spunk (Antonio da Silva, 2015) empregaban esta nova linguaxe para inzar de pirolas a pantalla do cinema mentres recollía as experiencias de homes que se adicaban a facer shows porno online. Como na vida mesma, o ollo do espectador percorría a pantalla entre anuncios falsos de sexo para atopar a información. Tamén 6Lola6 (Tomás Peña, 2014) usa esta nova lingua para retratar a amizade, ou relación sentimental, entre dúas persoas que só se coñeceron no espazo virtual e para falar desa necesidade de filmar/fotografiar compulsivamente para penduralo en Internet; algo similar ao que fai Flor Aliberti en (Self)exhibitions (2016) construíndo un discurso sobre a autoestima na rede e sobre os monotemas que a xuventude expón na mesma: o peso, beleza, ter un paquete grande ou saír do armario. A través de vídeos de Youtube montados de forma simultánea, Aliberti fai un collage de visionado obrigatorio para comprender a unha xuventude que, como reflexionaba Martí Freixas no coloquio posterior ao pase, “ve totalmente natural falar destes temas na rede”.

Xa na sección oficial, Notre Héritage (Jonathan Vinel, 2016), mención especial do xurado Radar nesta edición, explora a vida do suposto fillo de Pierre Woodman. Para aqueles que non coñezan a figura deste francés, Woodman é o pai dun xénero pornográfico: o casting-sofá. Jonathan Vinel trata de amosar a relación do fillo coa profesión do seu pai. Sempre ausente, aínda que evocado a través do sofá, o pai comeza a convertirse nunha obsesión de seu fillo, algo que rematará por afectar á súa vida persoal.

Non podía faltar nesta edición un coñecido xa de Curtocircuito: Jan Soldat. Sempre sorprendente na súa aposta cinematográfica, Coming of age (2016) volta a repetir os patróns observativos que Soldat xa amosara en filmes coma Hotel Straussberg (2014). Desta volta, unha parella de homes maiores adoptan os roles de pai e fillo (bebé) nun xogo sexual que lles permite expresarse en liberdade. Nun intre do filme, os dous homes, un sentado no sofá e outro dentro dunha especie de berce, en cueiros e cun osiño de peluche, conversan co director sobre como xurdiu esta filia sexual. Unha cinta que rompe cos estereotipos e clixés que persiguen e critican as diferentes expresións sexuais e que avoga por filmar estes comportamentos dun xeito natural.

Ocean Hill Drive (Lina Sieckmann y Miriam Gossing, 2016)

Ocean Hill Drive (Lina Sieckmann y Miriam Gossing, 2016)

Identidade xeográfica

Aínda que non me gusta empregar o termo ‘xeográfico’ para estes aspectos, é o único termo que me permite englobar as seguintes curtas. Falamos aquí da identidade dun espazo, natural ou non, que se constrúe a través do discurso dos actores que participan del. Así en Trazos (Alberte Branco, 2016), o director convértese nunha especie de estudoso que trata de filmar a identidade dun espazo, San Sadurniño, valéndose só das imaxes da súa cámara e das testemuñas presentes. En ocasións, o propio son da película recolle ao director falando do que filmar, como nun caderno onde as anotacións do espazo se mesturan coa propia descrición do mesmo Alberte Branco debuxa os trazos identitarios, non a través do recoñecible para o visitante externo, senón a través das vivencias do coletivo.

Son tamén as vivencias dos habitantes de Ocean Hill Drive (Lina Sieckmann e Miriam Gossing, 2016) as que convirten un “erro” na paisaxe nun signo identitario que transforma ao vecindario. Nunha mestura que parece máis próxima a unha ficción que a un documental, imaxes e son van separadas para describir os episodios paranormais que se viven neste barrio de Boston. Cabe sinalar que a potencia deste filme reside, sobretodo, no uso que se fai das sombras e o xogo a través das xanelas das vivendas. Mais, coma un suceso paranormal perde o seu encanto unha vez explicado, mellor deixar que sexa o espectador o que o descubra.

Identidade ausente

Ser sen ser. Todos xogamos papeis nas nosas vidas, tratamos de ser quen non somos e interpretamos un papel unha vez entramos na sociedade. Ás veces, este rol acábase confundindo coa nosa propia identidade e transformámonos no rol que xogamos. Convertímonos en seres sen ser, ausentes de nós mesmos. Decorado (Alberto Vázquez, 2016), unha sorte de The Truman Show (Peter Weir, 1998) máis escuro e crú, reflexiona sobre a vida coma un escenario onde cada un ten unhas liñas que ler, que interpretar. Coma un doce amargo, Alberto Vázquez relata, axu repetitivo gro y del to retar. como vida como un escenario donde cada uno tiene unas ln el rol que jugamos. Nos convertimos endándose do humor negro e do gag repetitivo, unha historia de esquizofrénica onde é imposible separar realidade e apariencia e só se pode escoller entre a comodidade do que xa foi decidido para nós, ou a indeterminación do que hai alén.

Decorado (Alberto Vázquez, 2016)

Decorado (Alberto Vázquez, 2016)

Sobre roles apropiados tamén vai Valeria (Erin Vassilopoulos, 2016) que se centra nunha muller que acaba de recibir un transplante de faciana e a estraña conexión que sinte coa súa doante. É posible recuperar recordos cun tecido transplantado? É posible crear unha conexión con alguén que non coñecemos e do que nunca soubemos nada? Preguntas que se repiten na mente dunha Eva que acaba por apropiarse da identidade da súa doante, xa morta, e á que comeza a suplantar.

Quizais a aproximación máis interesante á identidade ausente sexa a de B Roll with André (James N. Kienitz Wilkins, 2016) que se aproveita de imaxes tomadas de todos os posibles soportes (CCTVs, GoPro, GoogleStreetView,…) para facer un retrato distorsionado dun ausente André que tan só existe nas verbas do protagonista. Parapetado baixo unha capucha, o rostro permanece escuro e a súa voz sae distorsionada, ao igual que o seu relato, que de cando en cando se perde en detalles inútiles que foxen da imaxe que tratamos de construír dun André que nunca saberemos se existiu nalgures máis que no noso maxín. O filme gañador do premio Explora amosa que é posible enganchar ao espectador coa promesa de coñecer a unha personaxe falsa e innexistente pero, non é iso o cinema a fin de contas?

Identidade política

Para rematar este bloque de catro identidades presentes na programación do Curtocircuíto é preciso falar de política. Política entendida non só como a representación dunha idea a través dun sistema, senón como motor da sociedade e como creadorade estigmas. Import (Ena Sendijarevic, 2016) céntrase na vida dunha familia bosnia que vive na Holanda actual. A aparente normalidade e os episodios humorísticos que rodean esta historia ocultan a problemática da integración nun país alleo. Por exemplo, mentres as nenas protagonistas comparten as súas galletas cos amigos, néganlla a outro por ser xitano; pouco despois, todos os rapaces bérranlles ás cativas que marchen ao seu país de volta. A contraste co ton ‘humorístico’ de todo o filme sorprende cunha forza quizais maior que se o ton do filme fose máis branco. Tan lonxe están eses comportamentos dos que podemos vivir no noso propio país?

Pola súa parte, Luis E. Parés en El cadáver del tiempo (2016) reflexiona sobre a necesidade da sociedade española de apropiarse e destruír a simboloxía do fascismo franquista para así, podela superar. Nunha curta máis performativa que narrativa, o director risca os rostros do ditador dunha revista do corazón da época ou rompe cun vaso que leva a imaxe do mesmo. Mais iso non chega para esquecer a ditadura. Noutro intre, Parés lembrar a lei que o PP co apoio de UPyD tumbaron no Congreso para facer do 18 de xullo o día de homenaxe ás vítimas do franquismo co argumento de que “nós non construímos historia”. Unha vez máis, a pantasma do ditador, desta volta metamorfoseada no brazo máis rancio e casposo da política, segue a xirar os controis do país no seu favor.

Unha reflexión semellante á de Luís E. Parés fana Xurxo Chirro, Fernando Redondo e Isabel Sempere en Retransmisión da chegada dos restos de Castelao a Galicia. A pérdida da inocencia no relato da Transición (2015). Posiblemente o filme máis urxente de todos os programados e o que maior importancia política tiña. Quizais porque toca de preto aos galegos, quizais porque Castelao é unha figura que os máis conservadores políticos quixeron facer súa. Neste vídeo ensaio, estúdase a retransmisión da chegada dos restos de Castelao ao cemiterio de Bonaval, acto promovido pola esquerda galega pero que o conservadurismo aproveitou para anular a figura do pai do galeguismo a un mero referente literario e pictórico. A través dun vaivén de imaxes, da voz de Tereixa Navaza (presente no pase no Teatro Principal) e do texto en pantalla, a cinta desmonta o acto como un momento histórico de Galicia para convertilo nunha vergoñenta utilización da lembranza do ideólogo nacionalista.

Comments are closed.