CURTOCIRCUÍTO 2018: ROBERTO MINERVINI, A VIDA NAS MARXES

MINERVINI
“I wonder how many people I’ve looked at all my life and never seen.” 
― John Steinbeck, The Winter of Our Discontent

Seguindo o ronsel de grandes nomes do cinema mundial como Teddy Williams, Sergei Loznitsa ou Jørgen Leth, a 15º edición do Festival Internacional Curtocircuíto, que se celebra en Santiago de Compostela do 29 de setembro ao 7 de outubro, adica unha das súas retrospectivas ao realizador italiano Roberto Minervini (Fermo, 1970). Coñecido principalmente polos seus poderosos retratos de personaxes e comunidades illadas no Sur dos Estados Unidos, que destacan pola súa crueza e extremo naturalismo, Minervini acaba de presentar a súa última obra, What You Gonna Do When the World’s on Fire?, na Sección Oficial do Festival de Cine de Venecia.

Afincado dende hai anos en Houston (Texas), Minervini non é alleo ao circuíto de festivais internacionais, onde leva acumulados diversos éxitos e recoñecementos ao longo dos últimos anos. Mentres que a súa ópera prima, The Passage (2011), tivo unha repercusión máis ben modesta en Estados Unidos e Canadá, Minervini deuse a coñecer a nivel internacional coa súa segunda longametraxe, Low Tide (2012), seleccionada na sección Orizzonti do Festival de Venecia. Un ano despois, con Stop the Pounding Heart (2013), o director pechaba a súa chamada “Triloxía de Texas” percorrendo citas como Cannes, Toronto ou Karlovy Vary, entre outros, e recibindo galardóns da talla do Premio David di Donatello ao Mellor Documental. A súa seguinte obra, The Other Side (2015), volveu a atraer todas as miradas na sección Un Certain Regard de Cannes, mentres que a súa última proposta competiu este ano polo León de Ouro en Venecia. Cinco películas que xa o fixeron merecedor de diversas retrospectivas, situando a Minervini como unha das voces máis singulares dentro do panorama documental contemporáneo, así como un dos mellores retratistas do que coñecemos popularmente como “América Profunda”.

Como acontecía no caso de Teddy Williams, aínda que máis próximo á liña de outros realizadores actuais como Jonas Carpignano (Mediterranea, A Ciambra), volvemos a atoparnos cun director que transita libremente os lindes entre o documental e a ficción, construíndo relatos de corte político e humanista a través da observación de suxeitos marxinais e abandonados polo sistema. Todas  as súas obras están ambientadas nos estados americanos de Texas e Lousiana, compoñendo un universo particular de espazos e personaxes compartidas, que traspasan as fronteiras líquidas entre obras e xéneros. A medio camiño entre a crónica social e o estudo antropolóxico, as películas de Minervini presentan unha evolución clara, tanto a nivel cinematográfico coma no seu discurso. Partindo do máis particular e episódico, o seu cinema busca afondar nas raíces dalgúns dos problemas máis alarmantes que asolan os Estados Unidos na actualidade: a pobreza, a división racial, a violencia e o consumo de drogas.

THE PASSAGE

Se nos dispoñemos a realizar un repaso integral polas obras de Minervini, The Passage supón a porta de entrada lóxica a unha filmografía que se irá enriquecendo e cobrando sentido en base ás sucesivas achegas do seu director. Trátase dunha road-movie atípica, ambientada no oeste de Texas e protagonizada por un grupo de personaxes aínda máis peculiares: unha muller con cancro terminal, un ex-presidiario que acaba de saír da cadea e un artista frustrado. Un trío de auténticos inadaptados cuxos camiños se cruzan de xeito fortuíto para acabar embarcándose nunha viaxe impregnada por un sentimento de fatalidade. Ana, Jack e Harold representan un exemplo de protagonistas afastados dos cánones clásicos: xente de mediana idade con físicos non-normativos e motivacións diferentes, entre os que se crea un forte vínculo de comunidade. En certo sentido, estamos ante o filme máis convencional de Minervini, o único que emprega un guión de ficción como punto de partida, pero no que xa se intúen moitos dos trazos estilísticos e intereses temáticos que veremos en obras posteriores.

The Passage supón tamén a primeira colaboración entre Minervini e o galego Diego Romero Suárez-Llanos, que se fará cargo da dirección de fotografía en todas as súas películas. O  traballo de Romero está caracterizado por un estilo hiperrealista, cun emprego da cámara en man que confire á historia maior veracidade e dinamismo. Os diálogos son escasos, un patrón que veremos repetido en varias das súas películas, pero que resulta algo frustrante nunha obra que se apoia principalmente na empatía que debemos establecer cos seus protagonistas. O propio Minervini recoñece que, a medida que avanzaba na realización do filme, decidiu abandonar o guión e deixar que a vida e as personaxes irrompesen libremente na historia (Hoffman, 2016). Esta decisión dota de frescura á película, pero ten como consecuencia que botemos en falta máis tempo para desenvolver as historias persoais e profundar nos conflitos de cada individuo. En xeral as interaccións son pouco cribles, e a pesar da dureza dos temas que se tratan resulta moi complicado conectar a nivel emocional. Por outra parte, o filme inclúe unha breve aparición dos Carlson, unha familia de granxeiros que volveremos a ver en Stop the Pounding Heart, iniciando así o particular microcosmos do director.

LOW TIDE

Na súa segunda longametraxe, a íntima Low Tide, Minervini ofrece unha sorte de filme iniciático co que logrou espertar o interese da crítica internacional. Neste caso, o catalizador da historia é a complexa relación entre unha nai e o seu fillo, representantes anónimos da white trash (basura branca), que malviven nun parque de caravanas nos suburbios de Lone Star (Texas). Ao contrario que na cinta anterior, a maior parte da acción desenvólvese sen abandonar os límites da comunidade, asolada polos problemas económicos e a ausencia de perspectivas de futuro. Trátase dun relato máis persoal, no que seguimos de cerca a vida do neno protagonista ao longo do que semella un anódino verán. Mentres que a nai traballa como asistenta nunha residencia, aproveitando o seu tempo libre para saír de festa e manter relacións con distintos homes, o rapaz vese obrigado a coidar de si mesmo. O filme pon o foco na desconexión existente entre ambos, unha total incomunicación que provoca no protagonista unha forte necesidade afectiva e un sentimento de soidade. Ao estilo da Jeanne Dielman de Akerman, acompañamos ao neno na súa rutina diaria, realizando actividades repetitivas como mudar as camas ou axudar á súa nai no traballo, nas que podemos apreciar pequenas variacións que serven de preámbulo a un desastre anunciado. No apartado visual, a cámara de Romero acompaña sempre ao protagonista, nun estilo puramente documental dominado por tons pálidos e aproveitando a iluminación natural.

Low Tide pode resultar problemática, principalmente no seu achegamento aos suxeitos filmados, nai e fillo na vida real, así como as circunstancias nas que viven. Minervini foi acusado en numerosas ocasións de bordear a ‘pornomiseria’ nas súas obras, concedéndolle á pobreza un aura case romántica. Porén, é innegable que o realizador amosa un interese real polos suxeitos que filma, empatizando con eles e ofrecéndolles un marco de representación que tradicionalmente lles está vetado. Nado na rexión das Marcas, no leste de Italia (considerada ata os anos 80 unha zona tradicionalmente pobre), o propio Minervini recoñece que o seu pasado tamén estivo marcado pola violencia e a falta de expectativas, o que influíu de forma significativa no seu interese polos temas que trata. “Chegados a este punto, como cineasta, para min resulta inevitable buscar o meu pasado de xeito obsesivo noutras realidades. É como unha catarse, pero ao mesmo tempo unha sensación de dependencia. Iso é o que fai que as miñas películas sexan moi persoais” (Rizov, 2015).

STOP THE POUNDING

Low Tide vese algo lastrada por unha excesiva repetición, pero ao mesmo tempo pon de manifesto algúns dos aspectos máis particulares do cinema de Minervini: a sutileza coa que se producen os cambios e o delicado manexo dos tempos, factores especialmente relevantes na súa seguinte película, Stop the Pounding Heart. Nas obras de Minervini non adoita haber grandes alardes dramáticos, nin xiros de guión inesperados, todo acontece a un ritmo sosegado no que as mudanzas que experimentan as personaxes se manifestan nos pequenos detalles. A súa terceira película conclúe a “Triloxía de Texas”, introducíndonos nun mundo que semella distante e illado, pero que se desprega de xeito paralelo a todo o que vimos observando: o mundo do integrismo relixioso. Retomando temas como a transición á idade adulta e as dinámicas familiares, a película céntrase neste caso na historia de Sara, unha moza de 14 anos que vive coa súa familia nunha granxa do rural texano.

Os Carlson, aos que xa coñecemos en The Passage, adícanse á venta de produtos lácteos, a crianza dos seus 12 fillos e o estudo da Biblia. LeeAnne, a sacrificada nai de familia, pon especial interese en educar ás súas fillas na abnegación e os valores cristiáns, co obxectivo de que cheguen a ser boas esposas e servas de Deus. Pola súa banda, Sara encárgase de axudar nos labores da granxa e de transmitir estes valores ás súas irmás pequenas. Porén, todo cambia cando coñece a Colby Trichell, un mozo de rodeo polo que comeza a sentir un interese romántico, espertando nela dúbidas que a levan a cuestionar os fundamentos do seu estilo de vida. Como ven sendo habitual, volvemos a atoparnos cunha obra sen guión e personaxes que se interpretan a si mesmas. Empregando mecanismos e situacións de ficción, e valéndose de numerosas elipses, a trama amosa dinámicas que se desenvolven de xeito paralelo á vida real dos protagonistas. Segundo explica Minervini, a realización “alterna entre a observación pura e a posta en escena” (Brooks, 2014), acadando un punto álxido na hibridación de xéneros tan característica na carreira do director. Stop the Pounding Heart é ademais unha peza admirable a nivel estético, elevando o nivel da cinematografía en comparación coas cintas anteriores e aportando un catálogo de imaxes icónicas: unha cruz ardendo no medio da noite, unha embarazada disparando nun campo de tiro,…

THE OTHER SIDE

No ano 2015, pouco antes de que Donald Trump anunciase a súa candidatura á presidencia dos Estados Unidos, Minervini presentaba The Other Side no Festival Internacional de Cine de Cannes. Coa súa cuarta longametraxe, o realizador expandía aínda máis o seu universo, aportando algúns cambios singulares: por primeira vez a historia trasládase fóra de Texas (ao estado contiguo de Louisiana), ofrecendo un discurso político máis definido. Seguimos tratando con comunidades marxinais, a xa citada white trash sureña, pero desta volta atopamos unha representación moito máis crúa e explícita, que se articula como parte dunha problemática maior. O filme presenta dúas narrativas principais, aparentemente inconexas: por unha banda a historia de amor entre Mark e Lisa, unha parella de toxicómanos, e por outra as xuntanzas dun colectivo de veteranos de guerra que se adican a adestrar grupos paramilitares (compoñendo o prólogo e o epílogo da película). “A diferencia de Stop the Pounding Heart, para esta película precisaba provocar un curtocircuíto”, afirma Minervini, buscando que as dúas narrativas dialoguen entre si para que, ao conectalas, “o discurso cobre forza nun sentido político” (Rapold, 2016).

A primeira parte do filme destaca pola súa dureza e por un forte compoñente físico, así como por un marcado contraste: alternando escenas de sexo e consumo de drogas explícito con tenras secuencias familiares. Algúns momentos lévannos a cuestionar a dimensión ética do que estamos vendo, como cando una muller embarazada realiza un striptease integral pouco despois de inxectarse metanfetamina. Minervini volve a empregar unha aproximación documental, sen iluminación externa, sen cortar nin cambiar de obxectivo durante a rodaxe (Ide, 2016). O reducido equipo de gravación, aínda que invisible, forma parte da acción. Observando sen interferir, sen xuízos nin didactismo, establecendo unha relación de confianza inédita cuns suxeitos que se ispen (física e emocionalmente) diante da cámara. De súpeto, a trama de Mark remata de forma un tanto abrupta para dar paso a unha segunda parte máis expositiva, dominada pola presenza de armas e a exaltación patriótica. Neste epílogo, onde volvemos a atopar caras coñecidas como Colby Trichell, un grupo de paramilitares lanza discursos xenófobos e incita a defender o país ante un inminente “estado de sitio”. Críticas directas á administración de Obama e discursos repletos de odio e incoherencia, que supoñen un exemplo perfecto do caldo de cultivo que acabará por sentenciar a vitoria de Trump. Unha auténtica incursión no “outro lado”, sen prexuízos, imprescindible para entender cara onde se dirixe un país convulso.

WHAT YOU GONNA

Con What You Gonna Do When the World’s on Fire?, presentada este ano na Sección Oficial de Venecia, Minervini asina probablemente a súa obra máis madura e relevante ata o momento. Nesta nova incursión no “subsolo” americano (Marco, 2018), o director explora a dramática fenda racial nos Estados Unidos, consagrando a súa reputación como un cineasta abertamente político e comprometido. Sen abandonar Lousiana, Minervini trasládanos a un mundo totalmente diferente, ambientando o filme no seo dun barrio de maioría negra en Nova Orleáns. A través de diversas historias persoais, a película compón un retrato da rabia e o medo compartidos por unha comunidade que nos últimos anos se viu azotada por unha tráxica escalada de violencia. Filmada pouco despois do asasinato de varios mozos negros por parte de axentes de policía, provocando unha forte resposta social, What You Gonna Do When the World’s on Fire? é un berro contra o racismo estrutural nos Estados Unidos.

Un documental puro, sen concesións, aínda que estrañamente menos natural que moitas das súas obras anteriores. Minervini contempla, pregunta e toma parte en situacións que chegan a poñer en perigo a súa propia integridade física. A exquisita fotografía de Romero, rodada en branco e negro coa intención de diluír a presenza do director (Marco, 2018), supón unha gran baza a nivel estético, pero aporta unha sensación de maior artificio a todo o relato. Como non podía ser doutro xeito, a música xoga un papel fundamental na película, que abre cunha brillante secuencia durante os carnavais do Mardi Gras, poñendo énfase na herdanza cultural e as conexións co pasado. A mirada de Minervini sempre vai a ser a de alguén alleo á comunidade, pero a súa última longametraxe non é máis que a confirmación dun interese xenuíno por representar a vida nas marxes, dando voz e visibilidade a todos os que foron ignorados. Os escenarios e problemáticas que trata forman parte da súa vida cotiá, e continúa achegándose a eles con humildade, empatía e a intención de comprender a realidade da que agora forma parte. Como el mesmo recoñece: “Tan só son un tipo que trata de comprender o que está pasando e propoñer algo que estimule o debate” (Rapold, 2016).

Consultas e referencias:

  • Brooks, B. (2014). Roberto Minervini Talks ‘Stop the Pounding Heart’ & Faith and Adolescent Awakening. Published by Film Society of Lincoln Center. Dispoñible en: https://www.filmlinc.org/daily/roberto-minervini-stop-the-pounding-heart-faith-interview/ [Última consulta: Setembro 2018]
  • Hoffman, M. (2016). Five Questions with Filmmaker Roberto Minervini. Published by Scene Creek. Dispoñible en: http://scenecreek.com/five-questions-with-filmmaker-roberto-minervini/ [Última consulta: Setembro 2018]
  • Ide, W. (2016). Just dry lightning: Roberto Minervini on The Other Side | Sight & Sound. Dispoñible en: https://www.bfi.org.uk/news-opinion/sight-sound-magazine/interviews/just-dry-lighting-roberto-minervini-other-side [Última consulta: Setembro 2018]
  • Marco, C. (2018). Roberto Minervini: “It’s the story of America’s subsoil.” Published by Cineuropa. Dispoñible en: http://cineuropa.org/en/interview/359522/#cm [Última consulta: Setembro 2018]
  • Rapold, N. (2016). Interview: Roberto Minervini – Film Comment. Published by Film Society of Lincoln Center. Dispoñible en: https://www.filmcomment.com/blog/interview-roberto-minervini/ [Última consulta: Setembro 2018]
  • Rizov, V. (2015). “I Am Completely Oblivious to Risk When I Film”: Five Questions for The Other Side Director Roberto Minervini | Filmmaker Magazine. Dispoñible en: https://filmmakermagazine.com/95568-i-am-completely-oblivious-to-risk-when-i-film-five-questions-for-the-other-side-director-roberto-minervini/#.W5rXGab7RPZ [Última consulta: Setembro 2018]

Comments are closed.