CURTOCIRCUÍTO 2019: EXPLORA, PERSOAL ABSTRACCIÓN

Se tivésemos que sintetizar a diferencia entre as seccións Radar e Explora do festival Curtocircuíto, seguramente o xeito máis sinxelo de facelo sería falar de figurativo e abstracto. Sen entrar en grandes detalles, dende logo este ano non nos equivocaríamos. E, con todo, sendo as formas dalgunhas películas tan dispares, queda un coa sensación de que o fondo comparte moitas similitudes. Xa dixemos que en Radar existía na selección deste ano unha vontade de resistencia formal e política. Varias das propostas de Explora van polo mesmo camiño. Fica constatado nos últimos traballos de dous dos grandes tótems da renovación do  documental etnográfico. Vever (for Barbara) (2019), aproximación de Deborah Stratman a unhas filmacións que gardaba de Guatemala, ten a valentía de presentar a dicotomía entre a representación do mito como órgano de poder político e a realidade, dúas modulacións que inciden na permanencia do discurso dos vencedores sobre os vencidos, instaurando o relato oficial da historia. Fronte ás grandes construcións ideolóxicas, Stratman decide filmar simplemente a realidade, sen filtros. Unha voz en off reflexiona sobre estas cuestións, indicando como hai anos fuxiu da Bay Area a Latinoamérica na procura de novas experiencias e escapando desta lousa discursiva. Un podería pensar que se trata do diario da propia Stratman, pero nos atopamos ante as palabras de Maya Deren, lidas por Barbara Hammer. O filme remata cun proverbio haitiano, quizais en homenaxe á cineasta de Meshes of the Afternoon (1943).

A un lugar máis afastado da civilización occidental vai parar Ben Russell na súa máis recente viaxe poscolonial. Color-Blind (2019) lévao ata a Polinesia Francesa para compor un retrato das súas xentes, traballando con distintas persoas, coma o DJ que vertebra ritmicamente a proposta. A visión que ofrece, lonxe do paternalismo e o exotismo que caracterizan as orixes da tradición documental á que representa, está ancorada nun discurso moderno, que mestura o patrimonial co tecnolóxico en perfecta convivencia. Con Paul Gauguin como guía espiritual, pintor que desenvolveu a parte máis representativa da súa obra por estes lares, Russell pon ao mesmo nivel ao home branco e ao nativo, desfacendo en realidade estas divisións. 

Con recursos documentais que raian no pictórico e na abstracción, outras películas propuñan outros discursos de contestación política, véxase Imperial Valley (cultivated run-off) (Lukas Marxt, 2018) en torno á explotación agrícola masiva no deserto de Sonora, esgotando a súa diversidade natural; ou as diferentes visións vencelladas ao control dos medios de produción como mecanismo do poder político que se atopan en Wall Unwalled (Lawrence Abu Hamdan, 2018), This Action Lies (James N. Kienitz Wilkins, 2018) e Mensch Maschine or Putting Parts Together (Adina Camhy, 2019). A este respecto, cómpre citar a Algo-Rhythm (Manu Luksch, 2018) coma o filme que mellor incluía a aproximación máis documental coa abstracta. Xuntando a músicos, poetas e grafiteiros de Dakar, créase unha sorte de regueifa entre varios hipotéticos candidatos presidenciais que venden as súas promesas aos electores. Úsanse diferentes técnicas entre o video-clip e as imaxes xeradas por sintetizadores dixitais para tecer un canto experimental e interartístico en contra do uso dos algoritmos como ferramenta do poder político e económico.

Imperial Valley (cultivated run-off) (Lukas Marxt, 2018)

Estas técnicas con sintetizadores podemos tamén atopalas en It Has to be Lived Once and Dreamed Twice (Rainer Kohlberger, 2019), Momentum 115811 (Manuel Knapp, 2018), The Sound Drifts (Stefano Canopa, 2019) e Mustererkenntnis (Thorsten Fleisch, 2019), sobre as que seguramente podería desenvolverse algún argumento conceptual, pero das que se pode gozar tamén como simple experiencia sensorial. O mesmo pode dicirse doutras fitas contemplativas, nas que se aplican certas intervencións na imaxe ou que procuran impresionantes efectos ópticos. Conségueo Umbra (Florian Fischer, Johannes Krell, 2019) captando impactantes eclipses, o que fai tamén Maureen Fazendeiro na máis lírica e menos científica Soleil noir (2019). Tomando unha lectura da actriz Delphine Seyrig dun poema de Henri Michaux, a luso-francesa resalta así a beleza do fenómeno, captado nas súas imaxes en branco e negro en 16mm, cun gran especial.

Non faltaron as películas de corte poético coma esta, nas que poderiamos citar La balada de Sandoval (Jean-Jacques Martinod, 2019), Lore (Sky Hopinka, 2019) ou Past Perfect (Jorge Jácome, 2019), aínda que a min me resultou dunha inusitada beleza e dun verbo embelesador Gulyabani (Gürcan Keltek, 2018), filme que transita por momentos con inspiradora beleza polas imaxes de Artavazd Pelechian, a espiritualidade de El espejo (Zerkalo, 1975) de Andrei Tarkovsky ou o bonito recital de La casa es negra (Khaneh siah ast, Forugh Farrokhzad, 1963). Recordoume sobre todo a esta película.

A selección pechábase con Now, at Last! (2019), de Ben Rivers, que non pode ser interpretada máis que como unha divertida broma ao espectador. Son 40 minutos de observación dun mono preguiceiro que non se move! En efecto, o cineasta intenta amoldarse aos seus ritmos e conségueo á perfección. Con Time Goes by so Slowly como banda sonora, como non imos ver isto coma un exercicio de refinada ironía?

Deixa o teu comentario