Dar Ghorbat, de Sohrab Shahid Saless

Far From Home, de Sohrab Shahid Saless

Esta peza foi elaborada durante o Seminario de crítica e programación de cinema restaurado, que organizamos en colaboración co Play-Doc 2023 (29–30 de abril, Tui).

Podes ler o texto na súa versión orixinal en portugués aquí.

Nein! Deutschland gut!

Sohrab Shahid Saless (1944–1998) foi unha figura esencial da primeira xeración da nova vaga iraniana. Traballou no Kanun, onde foi unha influencia para Abbas Kiarostami; en 1975 emigra á República Federal Alemá, despois de presentar dúas películas o ano anterior na Berlinale. Realizou o resto da súa obra en Alemaña, un total de 13 películas, sempre con grandes dificultades para conseguir apoio, sendo financiado a maior parte das veces por canles de televisión.

Tivo a sorte de caer entre os inicios da nova vaga iraniana e os últimos anos do novo cinema alemán, sendo relegado por demasiado tempo a unha nota ao pé en ámbolos movementos. Só agora comeza a ser recoñecida a súa importancia como un dos máis singulares autores, tanto do cine iraniano como do cine alemán (o groso da súa obra foi producida en Alemaña), grazas en gran medida ao traballo incansable de restauración e divulgación do Sohrab Shahid Saless Archive.

A extraordinaria Dar Ghorbat é unha película triste para xente alegre, na que seguimos a rutina diaria de Husseyin (Parviz Sayyad, importante figura do cine iraniano), un traballador inmigrante, e o seu movemento pendular entre o traballo repetitivo e monótono da fábrica e a casa que comparte con outros inmigrantes turcos que forman unha especie de familia.

A repetición e as mínimas variacións serán o método utilizado para ofrecer un implacable retrato social e unha meditación sobre o tema chekhoviano do paso do tempo.

Far From Home, de Sohrab Shahid Saless

A Saless o que lle interesa é a relación do individuo coa sociedade, por iso o seu protagonista, Husseyin, é un home chaplinesco chafado pola era da automatización. A miseria da súa vida laboral só é superada pola miseria sexual e, con todo, mantén até e o final unha calidez e unha obstinación case infantís. A impertinencia deste improbable heroe faino destacar na sociedade alemá que lle serve de pano de fondo. Esta sociedade  xermana nunca é observada no seu conxunto, coma se non fose identificable un colectivo, senón que está composta por unha colección de individuos resentidos e tensos (o xefe da estación de metro, a veciña trastornada, o compañeiro da fábrica e a prostituta); neste sentido, lembra á sociedade retratada por Fassbinder en Angst essen Seele auf, do ano anterior, e que comparte con esta película unha temática semellante e unha desesperanza parecida ante a falta de solidariedade entre os marxinalizados. Trátase dunha sociedade lumpenizada, sen indicio de cambio.

A este individualismo nórdico oponse unha certa camaradería no fogar, construída ao redor da mesa da cea, onde comen todos xuntos, onde os homes xogan ao backgammon (a eficacia da realización permítenos ver con dous ou tres detalles que estamos ante unha sociedade patriarcal) e onde reciben aos invitados. Trátase dunha película que, na súa mirada sociolóxica, móstranos a importancia estrutural do sistema familiar para esta comunidade inmigrante, o que mantén o tecido social desde Turquía até Berlín, como podemos entrever, noutro exemplo da asombrosa economía narrativa de Saless, na escena en que Husseyin atopa na porta da casa á familia coa que vive. A familia ou a ausencia dela é un dos grandes temas da película, é o último refuxio antes da soidade máis profunda.

Non estamos ante un cinema de vangarda, senón ante a obra dun storyteller marcado pola economía narrativa, a frugalidade expositiva, a elipse inesperada, que contrapón unha duración que vai máis aló da función narrativa do plano e un son que salienta a profundidade dos espazos. Tamén na dirección de actores o artificio é reducido ao mínimo; Saless xoga cunha mestura de actores profesionais e non profesionais, e consegue así fuxir do naturalismo sen caer no teatral, aproximándose á etnoficción. Sen levantar a voz, o realizador acepta o natural desenvolvemento da escena.

Dar Ghorbat acaba onde comezou, na fábrica e no traballo embrutecedor de Husseyin. Pouco ocorreu e moito se repite, pero o inverno está máis próximo.

Far From Home, de Sohrab Shahid Saless

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.