O DEBATE DOS CINECLUBES (II): PROGRAMACIÓN E PÚBLICO

Cineclube Compostela (Proxección Ciutat Morta)

Segunda parte do debate dixital sobre a situación actual dos cineclubes en Galiza e no Norte de Portugal entre Iván Cuevas (Cineclube de Compostela), Paulo Cunha (Cineclube de Guimarães), Mely López (Cineclube Lumière de Vigo), Marcos Nine (Cineclube da Illa de Arousa), Ricardo Paz (Cineclube do Carballiño) e Manuel Precedo (Cineclube Padre Feijoo de Ourense). Podedes ler a primeira parte aquí.

3. A Programación

ACP: Cal sería o voso criterio de programación?

Manuel Precedo (Cineclube Padre Feijoo de Ourense)

Nós non temos un criterio único: unhas veces vén pola oportunidade, e outras pola selección continuada, que procuramos agrupar por ciclos, procurando dar unha pequena visión de conxunto.

Non sempre podemos escoller os filmes que queremos polos condicionantes de a quen pertenza a distribución. O obxectivo, en todo caso, é que o filme provoque algún tipo de debate, perturbación ou reflexión interna no espectador; aparte, claro, da súa presumible calidade en base ao que dixo a crítica, porque case nunca podes ver o filme antes, se este é recente.

O traballo interno, polo tanto, implica ler moito, anotar -clasificando- e procurar sacar unha programación estable con certa antelación. Hai momentos que cómpre escoitar a realidade na que se vive, nos que hai que dar información que non é accesíbel cos medios habituais, e entón a programación, ocasional, ten unha compoñente social básica.

 Ricardo Paz (Cineclube do Carballiño)

Como ben di Manuel, en moitas ocasións non podemos ver antes o que proxectamos, polo que a escolla é mais ben intuitiva. Primeiro atendemos a un criterio de suposta calidade (premios en festivais, critica especializada, blogs que nos gustan, compañeiros doutros lugares que nos fan recomendacións, directores aos que seguimos con fidelidade….). Outro criterio é facer visible un tipo de cinema que moitas veces non chega ás salas comerciais, polo menos na nosa provincia, entre o que se atopa o cinema galego e tamén aqueles filmes que, pola súa temática, non van pasar polas salas. E en terceiro lugar, primamos o cinema que se dirixe ao cerebro do espectador para proporlle unha visión da realidade diferente a que impón o discurso dominante.

Mely López (Cineclube Lumière de Vigo)

Pois o noso caso é tamén algo parecido: ao non poder botarlle unha ollada aos filmes que proxectamos (algo que afortunadamente está comezando a mudar con algunhas distribuidoras, que xa deixan un enlace: a ver se facemos forza e acadamos que o fagan todas!!), a escolla é máis ben intuitiva. Tamén supoñemos calidade aos premios de ‘certos’ Festivais nos que confiamos, lemos critica especializada, blogs que nos gustan, recomendacións de xente que igual tivo oportunidade de asistir a algunha estrea, e así, contrastando información, tentamos atinar no posible cos títulos, e logo, se tamén é posible cos prezos, pois adiante! Todo isto, ademais, vén determinado pola idea de sacar á luz traballos que están sen estrear e que non interesan ás salas da cidade por diferentes cuestións…

Paulo Cunha (Cineclube de Guimarães)

Á marxe dalgunha proxección excepcional, a nosa programación regular –uns oito filmes por mes- defínese dende a dirección nunha lóxica de consensos, seguindo tres enfoques: as sesións dos martes, organizadas en ciclos temáticos de seis sesións ao longo de tres meses, están dedicadas ao cinema clásico (e non só de Hollywood, senón calquera filme con máis de trinta anos); as sesións dos xoves están dedicadas ao cinema de autor, xeralmente europeo (incluíndo o portugués), latinoamericano e asiático; e as sesións dos domingo están dedicadas a títulos máis populares, como os filmes premiados nos Golden Globes, os European Film Awards ou Oscars, excluíndo os blockbusters.

Como a nosa sala ten tecnoloxía dixital (proxector DCP, que permite mesmo facer sesións en 3D), a nosa oferta é moi ampla, permitíndonos programar calquera filme que estea no circuíto comercial portugués. Puntualmente, tamén recorremos a festivais de cinema portugueses, á Cinemateca ou a algunhas embaixadas para conseguir copias que están fóra do circuíto comercial.

A nosa estratexia, tendo en conta que a nosa base asociativa é moi heteroxénea e diversificada, pasa por escoller títulos que poidan agradar a todo tipo de socios, dende os cinéfilos máis esixentes aos máis populares. As sesións especiais realizadas en colaboración con diversas institucións locais e nacionais tamén teñen o seu lugar nesta estratexia, como as festas do cinema francés ou italiano, ou as sesións temáticas en días internacionais ou mundiais (por exemplo, contra a discriminación racial), así como as sesións nas escolas primarias e secundarias feitas a petición dos propios colexios e institutos.

Outro fito importante da nosa programación é o Cinema en Noites de Verán, un ciclo de cinema ao ar libre gratuíto que se realiza desde 1989 no centro histórico da cidade de Guimarães. Adoita ter unhas dez sesións que xuntan entre todas arredor dunhas 5000 persoas. Este ciclo vencella ao cineclube coa comunidade e axuda a conquistar novos públicos.

Iván Cuevas (Cineclube de Compostela)

Como xa dixera antes, un dos nosos criterios é o de buscar unha certa radicalidade, quer na forma quer no contido. A partir desta idea, as razóns para programar un ou outro filme poden ser diversas. As propostas realízanse nas asembleas e discutímolas entre todas. Como os intereses das integrantes do cineclube son cada vez máis variados, a programación destes últimos anos colleu un carácter máis ecléctico, fronte a outras tempadas que puideron ser máis uniformes.

Algo que tentamos, aínda que non é un requisito inamovíbel, é fiar dalgún xeito a programación do mes, ben sexa artellando un ciclo ou buscando unha idea que nos pareza que pode levar dun filme a outro. Tamén aceptamos ou procuramos propostas externas, e tentamos traer convidadas cada certo tempo que lle dean un valor engadido á programación.

A diferenza do que estades a comentar desde outros cineclubes, nós, agás contadas excepcións, nunca programamos nada que non viramos antes, algo que supoño que está facilitado polo feito de que non dependamos tanto das estreas, que xa cobren en boa parte outros proxectos da cidade.

Marcos Nine (Cineclube da Illa de Arousa)

Nós comezamos a darlle forma a idea do cineclube en 2013 e a primeira intención, ou tentación, é a de ter unha liña artística definida e máis ou menos homoxénea, pero ao final optas por adaptarte as circunstancias (que creo que é o máis apropiado).

O noso contexto é que estamos nunha illa que pechou os seus cinemas a finais dos oitenta, principios dos noventa, co cal imos cumprir case trinta anos sen un cinema propio. A xente que quería ir ao cinema tiña que desprazarse un mínimo de 15 km. Por tanto, non é que deixase de ver cinema, pero si que perdeu o hábito de acudir a unha sala e, en certo sentido, perdeu igualmente a curiosidade. Polo tanto, o noso papel é tentar trocar esta dinámica.

Tendo en conta isto, nós procuramos programar un cinema diverso, pór dunha banda filmes que sexan moi agradecidos de ver, e por outra filmes que poidan ser máis complexos. A maiores deste apunte xenérico hai varias cuestións que temos en conta:

  1. Programación temática vinculada a unha celebración concreta. Cada vez que celebramos unha data concreta (desde o día do traballador ao día mundial do Alzheimer ou ao día contra a violencia de xénero, etc) tentamos celebralo coa proxección dun filme que aborde o tema. Estas proxeccións adoitan facerse fóra dos días da nosa programación habitual, agás que as datas coincidan. A xente sempre participa destas celebracións, e grazas a elas conseguimos que se vexa o cinema como un elemento ‘útil’ para transmitir coñecementos, ideas, sobre os obxectos da celebración.
  2. O cineclube infantil. É a nosa grande aposta. Pretendíamos poñelo en marcha este ano, pero o máis probable é que arranquemos plenamente o ano que ven. Consiste en crear unha programación exclusiva para o público infantil. Non é doado porque moitos dos filmes (especialmente para os máis pequenos) non se estrean en España e non teñen versión dobrada (falamos dun público que en moitos casos, aínda non sabe ler), pero aínda así aspiramos a poder armar unha programación que poidamos consolidar no tempo.
  3. A programación local. Non falamos exclusivamente da produción galega senón en moitos casos de filmes amateurs realizados por xente da zona. Para nós é importante dar cabida a películas que fan colectivos da zona, grupos de teatro, etc, porque é unha forma de que a xente participe dos espazos públicos e de fomentar iniciativas particulares. Igualmente, para nós é moi importante contar con invitados que acompañen os filmes: directores, produtores, actores… Os encontros posteriores ás proxeccións permítenos que a xente non só vexa as pelis, senón que coñeza a ‘persoas’, e a partir de aí axudamos a crear públicos que sigan a traxectoria de determinados autores. Nese sentido, temos moi boa experiencia: a partires das proxeccións no cineclube temos espectadores que se puxeron a curiosear a obra dos nosos convidados.
  4. Programación xeral. Nós non temos a ‘obriga’ de estar pegados á actualidade, por aquelo de que levamos moitos anos carentes de cinema. Por esta razón, pensamos nunha programación bastante ecléctica, que nos permita pasar por distintos xéneros, proxectando tanto filmes clásicos como actuais. Si que pensamos moito no público que temos, que no noso caso son mulleres duns corenta anos de media. Non é que programemos exclusivamente para elas, pero si que as temos moi en conta, porque son a nosa ‘base social’.
Presentación do filme 'Entreparadas' (Toño Chouza, 2013) no Cineclube Padre Feijoo de Ourense

Presentación do filme ‘Entreparadas’ (Toño Chouza, 2013) no Cineclube Padre Feijoo de Ourense

4. O Público

ACP: Cal sería o perfil habitual dos vosos espectadores?

Manuel Precedo: Varían en idade, mais o noso público é maioritariamente senior. Depende moito da programación. Talvez veña dado, porque ese público -bastante fiel, por certo- foi desprezado polas grellas comerciais. Traballamos, en principio, coa idea de atraer a todo tipo de público, introducindo tamén algunhas sesión para crianzas. Porén, como dicía Marcos Nine, hai poucos filmes dispoñíbeis… aínda que nós optamos por facer dous pases: un dobrado e outro subtitulado.

Diría que a nosa masa social é nun 80% maior de corenta anos, e o resto está entre os trinta e os corenta anos. O público máis adolescente (entre quince e vinte e cinco anos) é lamentablemente mínimo, e non teño moi clara unha razón contundente desa falla.

Iván Cuevas: Nós tentamos dirixirnos a calquera tipo de persoas, e non sei se existe algo así como un perfil tipo, nin entre as espectadoras nin entre as socias. É certo que, durante algún tempo, a idade media do público parecía medrar coa das organizadoras, situándose na trintena. Pero traballarmos nunha cidade universitaria sempre fai que veña público novo nos comezos de tempada, e nos últimos anos conseguimos fidelizar unha certa renovación, tanto entre as socias como na xunta directiva. E, por suposto, temos tamén espectadoras que superan con moito esa idade.

Mely López: Nós tamén tentamos dirixirnos a calquera tipo de público, e tratamos de argallar a programación con intereses diversos: feminismo, medio ambiente, novas realizacións, literatura, manga, LGTB, periferias sociais, etcétera, pero o tipo de público que asiste non varía moito. Non sei se existe  un perfil tipo, pero eu diría que, en xeral,  ronda a corentena, son docentes e profesionais liberais. Hai público máis maior, pero pouco máis moz@. Tampouco sei a razón, aínda que me inclino a pensar (dadas as cifras das redes sociais onde si hai público moi por debaixo dos corenta) que é xente que mira o cinema na casa…

Ricardo Paz: Esa dinámica e ese perfil veñen a ser os mesmos no Carballiño. Nós pensamos en sesións, agás as infantís, dirixidas a calquera tipo de público, se ben é certo que os nosos espectadores son sobre todo xente maior: a media de idade creo que está por riba claramente dos corenta anos.

Paulo Cunha: Polo xeral, podemos falar en tres tipos de socios / espectadores no Cineclube de Guimarães:

  1. Os máis antigos, os que son socios dende hai máis de trinta anos, son persoas cun forte espírito asociativo, que encaran a súa condición de socio nunha lóxica de pertenza a unha comunidade. Xeralmente, son socios que frecuentan moi pouco as sesións, mais que insisten en manter o vínculo.
  2. Os máis recentes, os que son socios dende hai menos de dous anos, son moitos deles estudantes que viven en Guimarães e logo regresan ás súas terras, polo que son socios nunha conxectura temporal. Por veces, funcionan moito nunha lóxica de pagador / usuario, frecuentando só as sesións e non coñecendo moito sobre a propia historia e a diversidade de programación do cineclube.
  3. Os intermedios, que constitúen a gran maioría dos socios, son persoas cunha filiación media de dez / vinte anos, cunha forte conexión emocional ao cineclube, que recoñecen e valoran a súa intervención social, cultural e cívica na sociedade, e que participan nas súas diversas actividades extra-cinematográficas.

Marcos Nine: A nosa radiografía do estado do público é bastante similar ao que expoñen outros compañeiros. No noso caso, agás no apartado de programación para nenos, non nos diriximos a ningún público en concreto, cousa que non quita que non teñamos conciencia do público real que temos: a maioría, como dixen antes, ten uns corenta anos de media e son sobre todo mulleres.

Temos serios problemas para que a xente nova veña ao cinema, e non creo que sexa unha cuestión de títulos, senón dos propios hábitos “de consumo”. O que quizais sexa máis ‘alarmante’ é a falta de curiosidade que amosa o público de determinadas idades. En certo sentido, só amosa interese por ver o que xa coñece e non por descubrir cousas novas. Nese sentido, o público adulto que supera os corenta ou os nenos son moito máis agradecidos porque manteñen a curiosidade. Despois pois pode gustarlles ou non o que ven, pero de inicio teñen a actitude de querer ver e querer curiosear.

ACP: E tendes algún mecanismo para que o público poida intervir dalgún xeito na escolla da programación?

Paulo Cunha: Formalmente non, mais a informalidade das sesións e das relacións persoais entre os socios e a dirección promoven, con frecuencia, conversas sobre a programación, sobre ciclos de cinema clásico ou sobre suxerencias de filmes. Por exemplo, neste momento temos un ciclo chamado ‘Os Nossos Cinéfilos’ no que a dirección convidou algúns dos socios máis regulares a escoller e presentar un filme. As redes sociais tamén ten permitido un diálogo máis frecuente cos asociados máis ausentes ou máis tímidos. En xeral, a Dirección procura ir ao encontro destas peticións, sempre que teñan sentido nas liñas de programación definidas. Outra iniciativa, unha publicación dixital chamada Enquadramento dedicada aos cineastas máis invisíbeis nas historias do cinema, ten sido unha boa oportunidade para convidar a algúns socios a escribir e a presentar sesións sobre os seus autores de referencia. Unha das condicións desta publicación é que os seus autores deben ser socios do Cineclube de Guimarães.

Iván Cuevas: Nós convidamos ás socias e ao resto do público ás xuntanzas para decidir a programación, especialmente nos comezos de tempada. Destes convites xurdiron algunhas propostas e suxestións, pero na práctica téñense demostrado como insuficientes: son moi poucas as persoas que acoden e na meirande parte dos casos non se atreven a achegar ideas. Naturalmente, a nivel informal si hai comentarios sobre a programación, e temos feito convites a espectadoras para programar unha determinada sesión ou ciclo, mais consideramos que o ideal sería estabelecer algún tipo de canle que asegurara o feedback sobre a programación e, ao tempo, a propia renovación do Cineclube.

Continúa nunha terceira e última parte…

Comments are closed.