PLATAFORMAS VOD: ESTADO DA CUESTIÓN (II)
Continuamos co debate a cinco bandas establecido cos responsables de Filmin (Jaume Ripoll), Márgenes (Diego Rodríguez), Filmotech (Juan Alía) e Play-Doc TV (Ángel Sánchez). Dividimos o artigo, moi longo, en tres partes, para facilitar a súa lectura. Aquí a primeira.
Discutamos as políticas de prezos, promocións, e outras estratexias para atraer aos usuarios das plataformas. Debemos tratar loxicamente o tema da pirataría. Seguramente unha lexislación que regule mellor o mercado sexa necesaria, pero non parece que esta vaia mudar os hábitos de consumo dos españois. Afixémonos durante moito tempo a consumir cinema gratis, e é moi posible que quen soben as películas, sempre atopen a trampa. Como se combate isto, máis aló de aprobar unha lexislación máis restritiva e cumprila? Non se lle pode dar algo ao público polo que estea disposto a pagar?
Isto condúcenos tamén aos retos tecnolóxicos Que ancho de banda necesita un usuario para ver unha película en streaming, por exemplo? A un servidor pasoulle mesmo, nun par de ocasións, ter malas experiencias de visionado pagando, e acabar recorrendo á descarga ilegal (as dúas películas eran independentes, e españolas, por certo), obtendo unha mellor calidade na copia. Como pode ocorrer isto? Hai outros retos importantes. A opción ou non de HD, de seleccionar ou non subtítulos en varios idiomas, de prohibir a captura de pantalla para evitar a pirataría (ou engadir marcas de auga, moi molestas), de ofrecer o idioma orixinal xunto ao dobrado… E non falemos da compatibilidade con dispositivos. Na nosa opinión, dista moito a experiencia de internet, aínda, da da copia dixital, por exemplo, que acompaña unha edición en blu-ray. O ideal sería visionar onde se queira: tableta, psp, móbil, computador, pantalla de televisión ou proxector. En definitiva, os retos tecnolóxicos son moitos, e aínda se debe traballar bastante neles. Cales pensades vós que son os máis importantes e como se lles poden dar solución?

Ángel Sánchez: "Non me gusta a adquisición de dereitos exclusivos de certas plataformas cando se trata dun cinema que xa de seu non ten moita visibilidade".
Ángel Sánchez: Nós de momento, e durante este período de lanzamento, ofrecemos os contidos de maneira gratuíta, pero ten as súas limitacións: lémbrovos que Play-Doc TV só é accesible a aqueles que teñan contratados os servizos de R, que é a operadora galega por cable, tan só dispoñible en Galicia. Ademais só se pode ver mediante subscrición, e aínda que de momento é gratuíta, nesta fase promocional e de probas, cando sexa de pago será por unha cota mensual que non chegará aos dous euros, algo que podería ser bastante disuasorio con respecto á pirataría. Doutra banda unha parte dos contidos que ofrecemos poderiamos dicir que teñen certa “exclusividade” no sentido de que resulta moi complicado poder visionalos a través doutra plataforma ou atopalos facilmente pola rede. Falamos dun cinema que é sumamente descoñecido para o público xeral, hai que estar bastante posto no tema para saber quen son gran parte dos realizadores cuxas obras e/ou retrospectivas ofrecemos, polo que só a moi poucos se lles ocorrería buscar na rede a maioría de títulos do noso catálogo. Tamén nos preocupa ofrecer a maior calidade posible de visionado, formatos, subtítulos, contidos extras, etc.
Jaume Ripoll: Tecnoloxía e lexislación ou, realidade e desexo.
Empezarei polo final. Que ancho de banda se necesita? 4Mb mínimo, aínda que os servizos de CDN españois en horas punta xogan malas pasadas a todos os que nos dedicamos a isto. Sobre o resto de preguntas tecnolóxicas, a resposta é máis ou menos obvia: todos queremos aplicar os últimos desenvolvementos en servizos de vídeo pero non sempre é posible. Que o limita? Os contratos coas majors, a arquitectura de rede do noso país e o cash para aplicar certas vangardas. Por que non se poden elixir diferentes pistas de subtítulos? Por unha banda, por temas contractuais, por outro por incompatibilidade (temporal) con HTML5. Por que ás veces unha copia pirata ten mellor calidade que unha legal? Sinxelamente porque aquel que piratea non ten que preocuparse por engadir ningunha medida de encriptación ou seguridade que repercute no rendemento do computador que o procesa e engade datos á carga de vídeo que pode impedir (só ás veces) un correcto visionado. A principal diferenza? A descarga progresiva versus o streaming adaptativo. O primeiro, Youtube e Vimeo (imposible de aplicar no noso caso por temas de dereitos). O segundo, o noso, o de Netflix, o de tantos outros.
É posible regular o mercado? Non sei até que punto é posible pero polo menos a obrigación daqueles que nos gobernan é tentalo. Levamos moitos anos e nada fixeron. Non sei cal é a mellor forma nin canto se reduciría o consumo de contido non autorizado pero si sei que a situación do noso país é excepcional, que en ningures como en España se descarga tanto pagando tan pouco e isto non só afecta o cinema, que tamén, senón a servizos de música tan exemplarmente montados como Spotify ou Deezer, que nun mercado como este, no que existen portais que se lucran por contidos (ou ligazóns a contidos) que non son seus nin vontade algunha teñen de que o sexan. Que podemos facer portais como filmin? Ofrecer un catálogo máis amplo (preto de 5.000 títulos), un prezo axustado (8 euros ao mes), as opcións de idiomas posibles (VOSE + VE), multidispositivos e campañas ocorrentes para que o amable espectador teña a ben pagar por algo que podería atopar gratis a medio click de distancia.
Grazas, Jaume, polas túas precisas explicacións. Só querería puntualizar unha cousa. Non todo se atopa e medio click de distancia. Penso, no voso caso, no Atlántida Film Fest, entre outros. Iniciativas como esa parecen crear espazo para outro cinema, non fácil de localizar na rede. Se chegades antes que os piratas, desde a vosa experiencia, non credes que moitos espectadores pagan? Outra cousa xa son as grandes estreas de Hollywood, pero creo que o cinema independente vai a outras velocidades e ten outro público, con hábitos de consumo diferentes. Que opinades?

Jaume Ripoll: Os festivais online "poden convencer aos espectadores de que portais coma os nosos poden ofrecerlle algo singular que, iso si, desgraciadamente segue estando a medio click de distancia da gratuidade".
JR: Atlántida, filmin music fest, My French Film Fest e Márgenes son camiños que poden convencer aos espectadores de que portais coma os nosos poden ofrecerlle algo singular que, iso si, desgraciadamente segue estando a medio click de distancia da gratuidade. A nosa experiencia con Atlántida ten un lado certamente desolador, loitamos para convencer a axentes de vendas e produtores que un festival como este é o camiño a seguir, conseguimos convencelos e o día despois de estrear a película online a súa versión non autorizada fixo metástase e pode atoparse por toda a rede acumulando moitísimos máis visionados que aquela que se ofrece desde o noso portal. Non Víctor, é necesario tentar regular este feito para que aquel que fai negocio con algo polo que non negociou non o faga desde a impunidade máis brutal. En caso contrario é máis que posible que Atlántida sexa un destino compartido.
Non dicía que non se teña que regular. Só apuntaba que, xa que vai ser difícil a curto prazo (hai que seguir intentándoo) lograr verdadeiros cambios lexislativos, haberá que ofrecer algo que certos públicos (os que están dispostos a pagar) queiran. Lembro ver Alps, de Lanthimos, en Filmin, xunto con algunha outra, para poder escribir críticas sobre elas, cando non podía atopalas en ningún outro lugar meses antes. Filmin deume esa oportunidade, e oxalá o tivese feito antes. Creo que moitos usuarios pagarían de atopar títulos coma estes. O que non pode ser é que sigamos esperando títulos da edición de 2012 de Cannes, cando xa están dispoñibles noutros países en DVD. Como non vai haber pirataría, se agora con Amazon ou outras páxinas parecidas calquera pode conseguir o DVD, facer un ripeo e subilo? Non é que defenda estas prácticas, só digo que son lóxicas no contexto actual, predicibles, e que hai que identificar o problema e intentar corrixilo. Cónstame que Filmin o fai con vehemencia, e estes festivais que citas son un paso adiante. Resulta moi frustrante o feito que comentas, que as películas estean dispoñibles na súa versión non autorizada ao día seguinte de incluílas no festival.
En definitiva, estamos a falar das compras de dereitos de exhibición (deben seguir sendo nacionais nun mundo globalizado?) e das ferramentas (técnicas e lexislativas) para evitar a pirataría. Non quixese facer sangue co tema, pero creo que nos atopamos ante unha cuestión tan puntillosa como esencial. Non por mirar a outra parte e dicir que a pirataría está mal, e que se lexisle, se arranxa. Lamentablemente, se esa é a actitude (a que tiveron as distribuidoras tradicionais), creo que estas iniciativas se condenan a desaparecer por inadaptación ao medio. Un que é moi hostil, claro, e seguramente para lograr os nosos obxectivos haberá que facer apostas, probar moito, e acertar por proba e erro. Sorte e ánimo con iso.
Pero gustaríame saber que opinan os demais compañeiros deste acalorado debate.

A clave para Diego Rodríguez: "estas plataformas filtran, ordenan, comisarían, nesta era da sospeita dos millóns de contidos dispersos".
Diego Rodríguez: A min particularmente todo isto escápaseme un pouco. Como controlar que estean gratuítos pola rede certos contidos que os autores e produtoras non queren que o estean? Non o sei, imaxino que é algo que nos supera a nós, que boamente estamos a tratar de xerar espazos para o visionado de cinema de calidade.
O que si sei é que é fundamental continuar concienciando o máximo posible sobre a sustentabilidade do noso cinema, neste país parece que non se cuestiona ningún prezo excepto o da cultura, que sempre parece ser cara. Eu debo de ser imbécil integral porque me explicaron un millón de veces a cultura libre e demais, pero debo de ser doutra xeración xurásica e sinalada, porque sigo pensando que só se mantén un sector coma o cinema se a xente paga por velo, un pouco, prezos moi competitivos, pero algo. Como é absolutamente en todo. No momento no que exista unha verdadeira conciencia deste tema, ese problema será o pasado, e non ten que ver con grandes majors e industrias malignas, falo de pequenas pemes, plataformas de visionado, directores de aquí e alá que loitan día a día, pequenas produtoras cargadas de soños que loitan por ofrecer bos servizos e con honestidade. Son os grandes damnificados. O demais é un conto chinés para non durmir. E os beneficiados os que ofrecen servizos de banda ancha e os aproveitados de sempre que se lucran co traballo dos demais.
Eu levo facendo festivais de toda a vida, 20 anos na súa sala e co director presente, pero este mundo online é novo para todos. Xa veremos por onde vai, pero son 24 horas, 7 días á semana, tratando de buscar solucións nun mundo onde aínda non hai manual de instrucións, que entre todos imos creando. Pero présa, ningunha. Seguiremos buscando contidos de máxima calidade rodeados de valor engadido impecable, para seguir remando no exercicio de filtro en internet. Que é a clave, todas estas plataformas filtran, ordenan, comisarían, nesta era da sospeita dos millóns de contidos dispersos.
Juan Alía: Seguindo na liña do que comentou Jaume. Desde a nosa perspectiva hai un principio que non se debe perder de vista nunca. As razóns que se proporcionan habitualmente para intentar explicar un fenómeno como a pirataría, desmóntanse se se trasladan a outros ámbitos distintos das obras de entretemento ou culturais. Non parece cuestionarse a ilicitude da apropiación non autorizada doutros bens alleos. A pirataría non é xustificable, e, aínda que a súa existencia se debe a unha serie de causas, a principal de todas elas, é que a utilización dunha obra sen permiso e gratis é algo sinxelo, ao alcance de todos e que se pode levar a efecto, no momento, sen maiores consecuencias desgraciadamente. No fondo e na base, é un problema de educación e de responsabilidade persoal e social.
Por moita oferta legal que exista, por moito que se axusten os prezos, por moito que se protexan as producións, non se pode gañar a batalla ao gratis total, se non existe unha clara conciencia de ilicitude e consecuencias suficientemente disuasorias e eficaces.

Juan Alía: "Por moito que se axusten os prezos, por moito que se protexan as producións, non se pode gañar a batalla ao gratis total".
AS: Estou de acordo con Víctor con respecto aos seus apuntamentos sobre a pirataría, é algo inevitable e até certo punto lóxico, hai certos filmes que non se poden nin se poderán ver nunca doutra maneira. Tamén estou de acordo co tema da compra dos dereitos de exhibición nacionais, nun mundo globalizado e coa existencia da rede; e algo que non me gusta é a adquisición de dereitos exclusivos de certas plataformas cando se trata de certo tipo de cinema que xa de seu non ten moita visibilidade, é un tema peliagudo, claro, pero por exemplo, retomando o exemplo de Yorgos Lanthimos, cuxa obra está dispoñible en Festival Scope, pero que desde o noso país non se pode ver por un tema de dereitos. Eu pago a miña cota en Festival Scope e con todo non podo vela por un tema de dereitos nacionais que me obriga a pagar aparte se quero vela, noutra plataforma. Nós non esiximos exclusividade, nin no festival (xamais solicitamos premieres) nin na Play-Doc TV. É algo no que non cremos e con todo sempre acabamos ofrecendo unha gran cantidade de contidos exclusivos, e inéditos no noso país. É unha cuestión de perfilar unha liña editorial, de ter unha personalidade determinada, de ofrecer algo distinto, non por comprar os dereitos exclusivos (nacionais) senón por buscar e ofrecer cousas diferentes.
De todas as maneiras este asunto é moi complexo, pasa igual noutros ámbitos, como na industria da música por exemplo, a tecnoloxía e as formas de consumo cambian tan rapidamente e tan continuamente que a lei queda sempre varios pasos por detrás e resulta obsoleta, por momentos absurda e case sempre ineficaz. Sobre todo porque é ademais un fenómeno universal.