Decision to Leave, de Park Chan-wook

Decision to Leave, Park Chan-wook

O cinema é unha forma de narrar historias. Varias disciplinas artísticas cumpren con esta descrición, como a literatura ou o teatro, pero todas se diferencian na súa forma de chegar ao público. O audiovisual desenvolveu co paso dos anos unha linguaxe propia que foi evolucionando e afastándose do resto de artes. Consegue xerar sensacións, sentimentos e ambientes únicos que non poderían ser recreados nin transmitidos doutra forma. Park Chan-wook é un director que demostrou en múltiples ocasións entender isto á perfección. Mostrouno en obras como Oldboy (2003) ou The Handmaiden (2016), e agora tamén en Decision to Leave (2022), a última obra do director surcoreano na que volve brillar a súa man detrás da cámara.

Escoitamos habitualmente que o cinema coreano atópase agora mesmo na vangarda do audiovisual, e que este país está a ditar o avance da linguaxe cinematográfica. Aínda que resulta moi complicado analizar desde o prisma da historia o que ocorre no presente, é innegable que hai películas chegadas deste país que amosan un notable interese (e talvez un progreso) no uso da linguaxe audiovisual. Decision to Leave é unha delas. Desde os xogos co encadre ata o ritmo interno ou a interpretación, nótase que hai unha man autoral detrás que se interesa e mesmo se divirte coa manipulación consciente da linguaxe.

A historia que se narra é unha trama romántica enmarcada nun universo policial. A película parece perfectamente consciente dos moitos tropos e estereotipos de ámbolos xéneros mais, no canto de evitalos, aproveita algúns deles como parte do seu xogo e mestúraos para construír un ambiente e un relato que atrae ao espectador desde o primeiro instante. O filme resulta ser sorprendentemente divertido por momentos, a pesar da súa condición de thriller dramático. Esta sorte de dimensión cómica que está sempre en segundo plano, agochada nos detalles, non lle quita peso á carga dramática e xera dinámicas moi atractivas.

A trama preséntase nun primeiro momento como unha historia de cine policial: temos a Hae-Jun (Park Hae-il), un detective canso e infeliz que non dorme polas noites, un tipo duro. Preséntannolo xunto ao seu compañeiro, Soo-wan (Go Kyung-pyo), no que podería aparentar unha buddy movie. Porén, esta presentación é un pouco falsa. A medida que avanza o filme, o peso dramático recae nun novo caso, unha investigación que se vai desenvolvendo ata introducir a trama romántica. A partir deste intre, os avances policiais e os elementos da película máis relacionados co thriller pasan a un segundo plano (aínda que sempre presente) e o que adquire verdadeiro valor é o que o protagonista sente por outra personaxe, a sospeitosa Song Seo-rae (Tang Wei). Ao final non importa demasiado descubrir a verdade detrás do caso, senón como isto afecta de maneira humana aos distintos personaxes e como estes o xestionan (ou, máis ben, como son incapaces de xestionalo).

Decision to Leave, Park Chan-wook

A beleza do romance que aquí se fragua repousa en algo moito máis poético e espiritual ca sexual. É un romance en segredo, que xera moitas contradicións no protagonista, tanto coa súa vida privada como coa súa moral profesional. Neste desenvolvemento do conflito está a clave dramática da obra. E entón chega a segunda parte. A película está dividida en dous segmentos claramente diferenciados, que se desenvolven en contextos xeográficos diferentes. Por unha banda, a primeira parte presenta un ritmo máis elevado, maior tensión e unha carga máis presente do thriller. Na segunda parte o ritmo minora un pouco, o misterio pasa a compoñer un pano de fondo e os personaxes e os seus conflitos internos transfórmanse definitivamente na forza motora do relato.

A paisaxe é clave na película. Isto ocorre a varios niveis: hai personaxes que se relacionan moi intimamente con accidentes xeográficos específicos. Da mesma maneira, dá a sensación de que a diferenza no ambiente entre a cidade e o pobo onde se desenvolve a trama conseguen marcar o ritmo da narración. A historia empeza investigando un caso nunha montaña e remata nunha praia. O contraste entre ambas sinala, dalgún modo, os contrastes que se revelan ao longo da cinta, as contradicións e peculiaridades dos personaxes, mais tamén é un reflexo da estrutura da propia película.

Park Chan-wook gañou con Decision to Leave o premio á Mellor Dirección no Festival de Cannes este ano. Baixo o subtítulo “Canto máis te achegas, máis forte caes”, chega aos cines do país un fascinante thriller romántico que se revela como unha gran proposta para os amantes de ámbolos xéneros. Unha película que nos atrapa desde o principio e que se pode chegar a relacionar co espectador dunha maneira moi íntima. Ademais, fai gala dun uso da linguaxe que resulta especialmente gozoso por medio do ritmo, a montaxe, o encadre, as excelentes interpretacións ou a músicas. Todo isto mediante a narración dunha historia verdadeiramente emocionante.

Decision to Leave, Park Chan-wook

Comments are closed.