DOCLISBOA 2015: ZILNIK E TERRORISMO

Esta crónica continúa dunha anterior, sobre a sección oficial.

8-Rani Radovi_Zelimir Zilnik

Zelimir Zilnik

A retrospectiva que, como cada ano, o Doclisboa dedica a un cineasta de relevancia internacional recaeu, nesta edición, na figura do serbio Zelimir Zilnik. Neste caso, a inabarcable obra do autor, con máis de medio cento de filmes para cinema e televisión, lévanos a pór en cuestión o espírito “completista” desta caste de retrospectivas que se desenvolven en tan pouco espazo de tempo. Se cadra o labor de programación do festival podería chegar tamén a este tipo de seccións, seleccionando aquelas obras chave no desenvolvemento creativo dun autor para compor un corpus accesible ao público asistente. O pouco que puidemos chegar a ver da obra de Zilnik, amosounos un cineasta irregular, de quen salientamos a frescura da súa obra temperá, con artefactos políticos importantes coma Rani Radovi (1969), no que un grupo de mozos entusiastas percorre o país procurando espertar a conciencia do pobo, ou a valente curtametraxe Nezaposleni ljudi (1968), na que retruca a versión oficial segundo a cal Iugoslavia era un país sen desemprego, co rexistro do cotiá de persoas sen fogar. Porén, dos anos setenta en diante, Zilnik tivo que aceptar traballos alimenticios en televisións públicas, asinando filmes carentes de valor, coma por exemplo Stara mašina (1989), que pouco din do pensamento político e cinematográfico que si posúen outras pezas do autor.

Mais a retrospectiva permitiunos acceder á obra de Karpo Godina, axudante de realización nas primeiras obras de Zilnik, cuxo universo creativo, irreverente no plano visual e celebrativo no vital, constituíu un dos encontros máis felices e inesperados do festival. A obra de Godina na súa primeira etapa componse de pequenas pezas musicais nas que, a partir de encargos institucionais de propaganda, desenvolve pezas satíricas cuxo poder subversivo reside precisamente na súa capacidade para captar a felicidade, xa sexa a través dos corpos (Gratinirani mozak Pupilije Ferkeverk, 1970), o contacto coa natureza (Piknik v nedeljo, 1968) ou a diversidade cultural (Zdravi ljudi za razonodu, 1971). Esta última peza, traducida ao inglés coma Healthy People For Fun, foi prohibida, coma case todas as demais, polas autoridades locais por considerala unha sátira arredor da irmandade cultural en Iugoslavia. Vista a ollos de hoxe, a fita sitúase a medio camiño entre o documental etnográfico e o musical experimental, mais sobre todo fica impresa na nosa memoria pola súa ollada lúdica e autoparódica arredor da multiculturalidade en Vojvodina, unha rexión duns 20.000 kilómetros cadrados onde convivían, na altura de xeito pacífico, máis de vinte pobos diferentes.

10-Die Innere Sicherheit_Petzold

Terrorismo, representación

Pechamos o repaso ao Doclisboa 2015 cunha das propostas máis suxestivas do festival en termos de contido, que procurou unha reflexión arredor de distintos movementos que teñen promovido o cambio político a través do uso das armas. De novo poñemos en cuestión unha certa dispersión da sección pois, neste amplo marco conceptual, inclúense filmes que relatan realidades políticas moi diferentes e que dificultan en ocasións unha reflexión máis concreta dos distintos movementos de loita representados. En calquera caso, o ciclo permitiu a revisión dun bo número de filmes realizados en moitos casos na clandestinidade que constitúen documentos de loita de primeira orde.

Salientamos a presenza de numerosas obras que teñen atinxido desde distintos puntos de vista a actividade da Fracción do Exército Vermello (RAF), máis coñecida como Baader-Meinhof, unha das organización de estrema esquerda máis activas da República Federal Alemá. Resulta rechamante como un importante número de cineastas se teñen achegado ao conflito armado na RFA desde posición políticas e estéticas anovadoras, asinando obras de relevo, non só desde un punto de vista histórico senón tamén cinematográfico. Falamos do cineasta-activista Holger Meins, quen tras decatarse das limitacións do cinema para intervir de xeito directo na realidade política pasou a formar parte da RAF, falecendo en prisión logo dunha folga de fame, ou outros nomes máis coñecidos como Harun Farocki, Hartmut Bitomsky, Chistian Petzold, Eberhard Itzenplitz, Margarethe von Trotta, Gerd Conrad ou o proxecto colectivo Deutschland im Herbst (1978) dos Fassbinder, Kluge, Schlöndorff, Reitz e compañía. Olladas heteroxéneas, esparexidas ao longo das décadas, que ofreceron unha visión poliédrica arredor da Baader-Meinhoff e que, en moitos casos, sobordaron os límites do cinema do real ao que en teoría fica restrinxido o festival. Debemos aplaudir este espírito aperturista do certame pois, finalmente, filmes explicitamente ficionais coma a apaixonante Die Innere Sicherheit (2000) de Christian Petzold, foron quen de profundar de xeito problemático nos principais dilemas persoais e colectivos desta caste de activismo. Todo este magma creativo podería, asemade, ter acadado un interesante espello na actual Une jeunesse allemande (2015), de Jean-Gabriel Périot, a grande ausente da sección.

Finalizamos aquí o noso repaso ao DocLisboa 2015, unha edición que confirmou a consolidación dun festival que se achega á maioría de idade coma un referente inexcusable para testar a saúde do cinema documental a nivel planetario. Mesmo así, consideramos que o certame podería afrontar novas reformulacións, especialmente a nivel organizativo e de programación, que favorezan unha maior concisión na recepción e análise das propostas realizadas.

Comments are closed.