DOMINIC GAGNON: O FINAL DUN SISTEMA

35 Gagnon 2

Dominic Gagnon paséase coas súas gafas escuras polo café do Play Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui. Viu presentar os seus filmes como parte dunha retrospectiva que inclúe tamén unha carte blanche. O canadense semella un rockeiro, malia que isto é xa unha percepción persoal.

O seu labor é case arqueolóxico. A súa busca consiste na acumulación de material atopado en internet, posteado por ‘neo-cineastas civís’, se adaptamos eiquí a Pasolini, para este neoloxismo que poño enriba da mesa. Gagnon observa e recolecta pequenas pezas que mostran aos humanos do capitalismo tardío filmándose a si mesmos ou aos seus semellantes. Unha tipoloxía que o propio cineasta denomina coma ‘cine hiperdirecto’. Acumula este material en discos duros e parte cara o norte de Canadá, onde se refuxia durante meses nunha caravana no medio da neve, namentres dá forma ao seu filme. Unha vez rematada, a película volve a internet. E aí os seus problemas comezan: ten recibido queixas polo uso da imaxe persoal. Foi tachado de racista e incluso recibiu ameazas.

Os seus relatos cinematográficos son estarrecedores. Of the North (2015), o seu filme máis polémico, é unha boa mostra. Se ben o título fai referencia ao documental pioneiro de Robert J. Flaherty sobre unha familia de inuits –Nanook of the North (1922)– a película de Gagnon aparece como unha sorte de reporte sobre a actual situación deste pobo que habita nas terras do norte de Canadá. Hai algo que funciona neste título e é que fai pensar sobre todo o que sucedeu desde que fora rodada a película de Flaherty ata as imaxes que nos chegan hoxe, agora xa producidas por eles mesmos. Como é posible que chegáramos ata este punto?

Porque as novas non son boas: violencia, armas, deforestación… pero, sobre todo, alcoholismo e problemas de adaptación ao sistema capitalista que o humano branco lles impuxo. Non hai saída nin escapatoria: todos caeron nas súas redes, e cada un o leva coma pode. Lembro unha frase dun campesiño nunha película de Herzog aparecida en Netflix non hai moito tempo: “a culpa é dos rusos, que nos trouxeron o vodka” – Happy People: A Year in the Taiga (Werner Herzog & Dmitry Vasyukov, 2010).

Of the North (Dominic Gagnon, 2015)

Of the North (Dominic Gagnon, 2015)

Hoax_Canular (2013) ten unha estrutura quizais máis clara, fixada pola conta atrás para o advento do doomsday, ou día do xuízo final. Se ‘hoax’ é farsa, ‘canular’ refírese á mensaxe enviada de boa fe por un achegado, normalmente por internet, avisando dun grave castigo se, por exemplo, non a reenvías en menos de media hora ás 90 persoas que máis queres neste mundo. Unha película máis discursiva, utiliza o relato de rapaces youtubers que anuncian a destrución total. Kits de supervivencia e recomendacións para sobrevivir ao apocalipse zombie. Moitos o cren e o temen, outros mófanse e algúns veno ata con alivio; un bo final para unha vida solitaria e aburrida. Apoiándose tamén no material rodado por cineastas amateurs e no relato das súas reflexións á cámara, a película conta mesmo con imaxes de aí afora, que veñen a demostrar que o final do mundo se achega realmente. É curioso coma a nosa percepción da realidade vén precedida polo discurso que nós temos dela a priori.

A liña que separa o documento artístico do freak show é moi fina, pero Dominic consegue surfear esa separación mantendo a súa distancia coas personaxes. Sen tomar partido por elas nin tampouco contra elas. Sen caer nas banalidades nin na utilización da imaxe destas persoas para facer escarnio. Os profetas / youtubers protagonistas de RIP in Pieces, America (2009) prepáranse, pola súa banda, para o inevitable ataque final do Estado norteamericano contra o seu pobo, un medo que, non esquezamos, forma parte do espírito fundacional desa nación. Merquen arroz e armas, posto que o goberno dará o seu golpe final, e dende YouTube hai tempo que llo estamos a anunciar, you bastards.

Mentres miro as súas películas e, particularmente, durante o visionado da primeira montaxe do seu próximo filme, Going South, que presentou en exclusiva durante a súa masterclass en Tui, asáltame unha sensación apocalíptica: a de estar a presenciar como a especie humana fabrica xa as imaxes do final da súa historia. Sen embargo, hai unha luz ao fondo. Vexo unha certa coherencia en cada unha das fitas: sempre hai un neno ou unha persoa inocente que celebra a súa ledicia por estar viva. Iso faime pensar que, en realidade, non se trata das imaxes do final do mundo. Son as imaxes do final dun sistema económico e social que tenta matarnos mentres perde, definitivamente, o pouco que lle queda de lexitimidade.

Comments are closed.