DON’T GO GENTLE: A FILM ABOUT IDLES, de Mark Archer

Comezo este texto con dúas anécdotas persoais, unha máis longa que a outra. A primeira é que recoñezo que a corentena destes últimos meses pilloume cunha lista de filmes que ver moi grande. Clásicos que sempre dis “xa verei” e outros que realmente tiña ganas de ver. Entre todos eles decateime, ao pensar neste texto, que moitos tiñan relación coa música. Especialmente co documental musical. Hai uns anos falaba nesta mesma revista de diferentes tipos de documentais segundo a súa relación co escenario e deixaba patente que este é un xénero que me gusta especialmente. Así, non é de estrañar que nestes meses vise filmes máis esperados como Beastie Boys Story (Spike Jonze, 2020), outros imprescindibles como Linda Ronstadt: the sound of my voice (Rob Epstein, 2019), ou outros clásicos dos que, se son sincero, podería ter prescindido como George Harrison: living in the material world (Martin Scorsese, 2011). A segunda, e máis breve, é que enriba desta pantalla onde escribo este texto, teño as entradas para o Paredes de Coura 2020, festival cancelado por mor da crise do COVID-19; festival onde, por primeira vez, supoñíase que ía a ver a IDLES en directo. A sorte quixo que, IDLES chegase a min, non a través do directo musical, pero a través do documental Don’t go gentle (Mark Archer, 2020).

IDLES nace no 2009, con Joe Talbot e Adam Devonshire como únicos membros do grupo. Eles mesmos confesan que tardaron en ser realmente un grupo porque non sabían que querían facer. O grupo nace no medio dunha crise económica e migratoria, e, de forma natural, comeza a situarse contra esas políticas antieuropeístas e isolacionistas. Non é de estrañar que, co ascenso do movemento do BREXIT, as súas cancións fosen cada vez máis críticas coa deriva nacionalista do Reino Unido: “The best way to scare a Tory is to read and get rich”. O documental amosa este clima contra o que reacciona o grupo e demóstranos que, unha vez máis, a música é catalizador dunha revolta social.

A nivel estrutural, o documental non ofrece nada anovador ao seguir os esquemas tradicionais deste xénero. Isto é, seguir, de forma cronolóxica, a historia, breve, polo de agora, do grupo de Bristol IDLES. A través do arquivo de imaxes do banda e de entrevistas realizadas na actualidade, o filme desenvólvese desde os inicios do grupo, alá polo 2009, ata o éxito da actualidade. Unha historia, especialmente a dos membros fundadores, Talbot e Devonshire, marcada polas perdas familiares; episodios que son incorporados ao documental dunha forma natural, fuxindo da aura de rock and roll star da que ás veces dotamos aos artistas ou deixando totalmente de lado a posibilidade de afondar no trauma de forma morbosa.

Precisamente, esta normalidade á hora de tratar as emocións é quizais o máis sorprendente por parte deste documental. Se ben a primeira impresión que xera IDLES é a violencia á hora de subirse ao escenario, esta impresión desaparece se lemos con calma o que din as letras. “O meu irmán de sangue é un inmigrante”, “A miña nai traballaba 17 horas, sete días á semana” ou “Se alguén falase de ti, como ti falas de ti mesmo, arrancaríalle os dentes. Quérete” son algúns exemplos de cancións que, aínda que teñan o aspecto de violentas, son en realidade cánticos a mellorar unha sociedade que, na actualidade, deixa moito que desexar.

Por isto, non sorprende que dentro deste documental tamén haxa espazo para a comunidade creada arredor de IDLES. AF GANG é un colectivo de seguidores do grupo que, lonxe de xirar por onde o grupo fai tour, é unha rede de apoio entre seguidores para a vida diaria. Organizados a través dun grupo de Facebook, esta comunidade busca ser un lugar seguro para calquera persoa, un espazo para compartir e apoiarse. “É incrible. Comparten os seus problemas entre eles e axúdanse a superalos. E non ten nada que ver con nós”, di Lee Kiernan, guitarrista de IDLES. A propia estratexia de distribución do filme, que non empezou por buscar unha estrea en cinemas ou en festivais, senón ao Vimeo-on-demand, amosa que a banda busca esa conexión cos seus seguidores por diante de todo.

Quizais Don’t go gentle non sexa un filme transgresor en termos de estética ou linguaxe cinematográfica. Tampouco é que a historia de IDLES se caracterice por polémicas, excesos e un anecdotario extenso. Mais, no que si destacan Don’t go gentle e o grupo é en amosar unha nova forma de entender a realidade. Nun momento no que cómpre redefinir moitos conceptos sociais, agradécese ver que un grupo emprega a súa música para difundir non só estas novas realidades, senón tamén a necesidade de crear as nosas propias ideas.

Comezaba este texto comentando dúas anécdotas persoais que, parecían, non viñan moito ao caso. Pareceume importante sinalar estes dous aspectos para, principalmente, demostrar que este non é un texto obxectivo. A miña afinidade polo grupo e por este xénero facíanme moi propenso a desfrutar deste filme. Ademais, ante a noticia de quedarme sen ver a IDLES en directo, Don’t go gentle axudoume a canalizalo mellor, sabendo que terei que agardar ata 2021 para poder unirme á AF GANG. É moi posible que Don’t go gentle non che cambie a vida, pero amosarache que, a maiores de toda a merda que vemos a diario a través das múltiples pantallas, tamén seguen a pasar cousas fermosas.

Como dirían os IDLES: ALL IS LOVE.

Comments are closed.