Dúo, de Meritxell Colell

A VIAXE DA CINEASTA / A VIAXE DA COREÓGRAFA

En 2018 Meritxell Colell asinou unha das óperas primas españolas da tempada, Con el viento. Nesta traballou coa coreógrafa Mónica García nunha historia que a seguía dende Bos Aires, o seu lugar de traballo e residencia, ata as súas orixes nunha vila de Burgos, practicamente abandonada, á que acudía pola morte de seu pai. Alí atopábase coa súa nai e, coa axuda das súas irmás, axudábaa a vender a casa familiar. Era unha película de encontros entre descoñecidas, persoas que debían volver conectar tras tantos anos separadas pola distancia do Atlántico. A danza, a indagación da corporalidade filmada, xunto a un deseño sonoro que subliñaba a beleza agreste da paisaxe castelá, eran nesta primeira fita tan importantes ou máis que a palabra. Era un proxecto cheo de pequenos xestos, que chegaban a converter o cotián en transcendente.

Para Dúo (2022), Colell volveu contar con García como protagonista, uníndose ao reparto principal Gonzalo Cunill como o seu marido. Se a anterior ficción falaba dun reencontro, aquí atácase a cuestión contraria, a crise dunha parella estable en descomposición. Ambos dedícanse ao baile e percorren a cordilleira andina representando un breve número para as pequenas comunidades nativoamericanas que habitan estas montañas. A performance nun espazo habitado polos corpos e a cámara, unha sinxela estrutura dramática e o verismo do lugar captado son características que as dúas pezas comparten.

Porén, hai elementos novidosos en Dúo. O primeiro e máis palpable é a súa aposta polo documental nunha rodaxe sen apenas guión. A filmación levouse a cabo durante oito semanas usando unha xira real como esqueleto para as localizacións. Máis que o paisaxístico, que afonda nos sentimentos das personaxes, de novo entre o baleiro e a aridez que pode deixar unha relación que remata; o máis relevante nesta ocasión son os encontros que ámbolos actores realizan con labregos ou pastores da zona. Desta maneira, estas conversas non só serven para trazar a evolución de Mónica e Colate como personaxes, senón que ofrecen un verdadeiro retrato das poboacións destas latitudes, frecuentemente non representadas no cinema. As súas formas de pensar e os seus costumes quedan inmortalizados na pantalla, á par que narradas polo grupo de mulleres que traban relación con Mónica. A aposta é decididamente etnográfica neste aspecto.

A comparación co Viaggio in Italia (1954) de Roberto Rossellini faise evidente por todo o descrito. Aínda así, Dúo é en realidade máis debedora do western. A viaxe, como en calquera boa road-movie, acaba por cambiar aos personaxes, con dúbidas existenciais que os fan preguntarse pola súa identidade como persoas e parella. Esta indefinición é propia da fronteira, elemento central no xénero mítico do cinema de Hollywood por excelencia. Un non sabe se estamos en Chile ou Arxentina e en realidade pouco importa. Atopámonos simplemente nos Andes, un territorio con personalidade propia.

Aínda que a maioría da película está rodada en dixital, existen certas escenas filmadas en 16 mm que claramente foron captadas como unha sorte de diario de viaxe pola directora. Na fita, convértense no universo interior de Mónica. Sobre as mesmas, centradas na magnificencia da paisaxe e as mulleres que a habitan, en ocasións volvendo a recordos da nai en Burgos, a súa voz en off reflexiona sobre o que está a vivir nun ton epistolar, dirixíndose á súa proxenitora. Fala en suspiros, quizais de forma un tanto afectada e remarcando en exceso o que o resto de la ficción comunica dun xeito máis aberto e sutil. O filme vólvese nestes momentos un pouco ensimesmado e perde forza a base de exceso, cando polo demais se caracteriza por unha medida contención.

Non obstante, a pesar destas pasaxes desestabilizadoras e non de todo ben integradas, a viaxe merece a pena xa só pola entrega de García e Cunill, que pareceran máis sacados dun documental que dunha ficción. O verismo das súas interpretacións é sorprendente, como o son os testemuños que Colell consegue mediante este dispositivo que provoca á realidade para extraer moito máis do que un simple rexistro permitiría. Ollo, por certo, á banda sonora dos seus traxectos en coche, dispoñible en Spotify, que conta con temas de Fito Paez, Janis Joplin, Leonard Cohen, Maria Callas, Jonny Cash ou Nina Simone, entre outros. Una excelente selección.

Deixa o teu comentario