EDUARDO CASANOVA E O SEU MUNDO “DE COR DE ROSA”

Cando se fala de cinema fálase de crear, de idear, de construír. De lograr a verosimilitude pero tamén de xerar outros mundos, de conformar atmosferas perfectas para a narración fílmica e ante os ollos do espectador. E cando se fala de dirección de arte, en moitos casos xoga un papel crucial a innovación, a extravagancia e o exceso, para dotar a unha película de todos eses elementos que a fagan inesquecible. Todo isto aparece na obra audiovisual de Eduardo Casanova (Madrid, 1991) ao que, aínda que só ten unha longametraxe, recoñéceselle un sinal autoral moi claro en toda a súa produción, que vai das curtametraxes, aos videoclips e ata as campañas publicitarias. Este novo director e actor deixa marca por onde pasa, convertendo todo o que toca en rosa.

Eduardo Casanova aumentará a súa filmografía este ano, xa que, como anunciara Alex de la Iglesia (o seu produtor habitual) en Fotogramas hai cousa dun ano, está traballando en La Piedad, a súa segunda longametraxe, na que aposta por unha liña máis intimista a nivel argumental, pero na que non deixará de empregar o seu característico estilo á hora de facer cinema. Todo xirará en torno ao propio mundo persoal do director, sobre todo arredor do seu círculo familiar e á figura da súa nai, a cal prométese como un personaxe magnífico. Case todo apunta, ademais, a que Netflix volverá a participar na produción do filme, como fixo coa súa anterior película.

“Segue a historia de persoas fisicamente diferentes que, por este motivo, víronse obrigadas a agocharse, recluírse ou unirse entre elas. Ninguén elixe como nace, pero a aparencia física condiciónanos para coa sociedade, aínda que non a escollésemos nós.” (Sinopse de Pieles, 2017)

pieles posterPieles (2017) é a súa ópera prima e un dos filmes dos que máis se falou, para ben ou para mal, no seu ano. Cunha aposta estética excesivamente coidada e estraña, esta convértese no talón de Aquiles do filme, xa que pasa a ser o centro de atención máximo, quedando o fondo e a historia relegados a un segundo plano. Pieles é un filme coral, formado polas vidas de varias persoas consideradas distintas polas súas condicións físicas, nas que a cor rosa e as deformidades humanas son as protagonistas. É unha película extremadamente peculiar, cargada de ironía, crítica e surrealismo, no que a ansiedade che invade o peito e non sabes que pensar nin que sentir ao rematar de vela.

Pieles consegue xerar unha especie de mundo paralelo que convive coa realidade, coa rutina común da sociedade, pero que se agocha. Xérase un espazo fílmico habitable e desexable, que reloce polas súas cores e formas, pero que alberga horrores propios de morais corrompidas. Prostitución, pederastia, maltrato, anorexia, autolesións, familias rotas, almas solitarias e procuras de afecto desesperadas. Todo isto amosado do xeito máis carnal, explícito e sensitivo posíbel. A cámara fixa predomina durante toda a película, aínda que, de cando en vez, esta parece cobrar vida, optándose polo uso da steadycam e empregando movementos rápidos de desprazamento polo espazo. Casanova parece querer meter así ao espectador de pleno na acción nos momentos máis crús, como se dunha montaña rusa se tratase, na que todo vai cada vez máis rápido e é imposible volver para atrás. O mesmo sucede co tamaño dos planos e o encadre, no que predomina o plano xeral descritivo, que destaca o elaborado traballo de dirección de arte. A estes, súmanselle primeiros ou primeirísimos planos dos personaxes, que se intercalan por toda a acción, intensificando o drama, e normalmente evocando e destacando as angustias que viven os protagonistas. Estas imaxes transportan a quen as ve ao lugar deses seres que narran esta historia e aos que lles brota sufrimento por cada poro da pel.

O rosa é a cor por excelencia da película. Esta cor, sobre todo en tons pasteis, aínda que tamén acompañada de gamas lilas e violetas, inunda absolutamente toda a estética do filme. Paredes, mobiliario, decoración, vestiario, perruquería, maquillaxe… O universo e o día a día destes personaxes oprimidos é completamente “de cor de rosa”. Unha clara ironía do director, quizais? Dominan ademais as texturas evidentes e destacables á vista así como todo o esteticamente extravagante, non só no vestiario, senón no propio decorado: veludo, estampados, purpurinas, brillos, plásticos…

Asemade, un aspecto de gran importancia falando de texturas e mesmo de plasticidade, é o dos efectos especiais do filme referidos esencialmente á maquillaxe. Eduardo Casanova destaca polo seu amor incondicional ás deformidades humanas e aos corpos pouco convencionais. É por iso que conta cun elenco moi pouco común de actores, os cales están dotados con estas características mais, aos que non as teñen, engádellas. O director xa ten falando en varias ocasións sobre este tema e sobre os métodos que emprega para transformar radicalmente os rostros e corpos dos seus protagonistas, declarándose absolutamente en contra dos novidosos métodos dixitais, xa que considera que non acaban de alcanzar un resultado real, verosímil e palpable. Casanova aposta polo tradicional, pola maquillaxe de caracterización levada a un nivel superior, polas técnicas que lle permiten moldear ao seu gusto ata conseguir os resultados desexados. Látex, masillas, pinturas, enxertos, perrucas, moldes… É formidable contemplar o material bibliográfico e filmográfico que recolle os procesos de “construción corporal” dos actores e actrices na súa obra audiovisual. Neles pódese apreciar o verdadeiro traballo que hai detrás deste departamento no seu equipo técnico, que consegue xerar a eses seres únicos das historias de Casanova.

Dentro de Pieles destacan especialmente o caso de Ana Polvorosa e o de Jon Kortajarena. A actriz interpreta a Samantha, unha rapaza cunha estraña malformación que lle fai ter o ano no lugar onde debería ter a boca. Por outra banda, foi moi soado o caso do actor, que era irrecoñecible encarnando a Guille, un home coa cabeza e o rostro completamente queimados e que aspiraba a poder realizarse unha operación de cirurxía estética que finalmente consegue proporcionarlle o tan admirado rostro do modelo vasco.

O actor Jon Kortajarena sendo maquillado por Óscar del Monte

O actor Jon Kortajarena sendo maquillado por Óscar del Monte

David Lynch e John Waters, referentes e máximas influencias do mundo de Casanova.

Ao pensar en comparacións e en referentes, hai evidencias claras de que Eduardo Casanova está enormemente influenciado pola obra de David Lynch e de John Waters. Dándose ademais o caso de que, a pesar de que este director aínda está no comezo da súa carreira, ten unha traxectoria e transversalidade dentro do audiovisual semellante á do primeiro. Casanova, como Lynch, non reduce a súa produción unicamente ao mundo das longametraxes. Previamente realizou curtametraxes, moitas das cales acabaron culminando no que a día de hoxe é Pieles: universos xa rosados que narraban perturbadoras historias de personaxes incomprendidos pola sociedade. Destacan títulos como Fumando espero (2012), La hora del baño (2014) ou Eat my shit (2015). Ademais disto, ten realizado importantes traballos no mundo publicitario, igual que fixo o propio Lynch. A súa última e máis sonada colaboración foi a que fixo para a campaña de Nadal de 2018 de Bimba y Lola. Tres excéntricos e controvertidos capítulos dunha especie de miniserie protagonizados por unha súper moderna estilista montada nun unicornio. Á súa vez, os dous directores pasaron pola creación audiovisual no mundo musical. Eduardo Casanova sorprendía o pasado mes de outubro ao descubrir que dirixira o último videoclip do polémico trapeiro C. Tangana, para a súa canción Cuando me miras. Seguindo a súa liña de cor de rosa e seres estraños, o director convertía o proxecto nunha verdadeira experiencia para os sentidos.

Non se pode esquecer, ademais, a carreira como actor de Eduardo Casanova, o cal alcanzou a fama interpretando na súa adolescencia ao personaxe de Fidel na serie Aída. Aínda que actualmente está máis centrado na súa faceta como director, segue traballando como actor, sendo a serie Arde Madrid (Paco León, 2018) un dos últimos traballos onde ten amosado as súas dotes interpretativas. David Lynch tamén tivo os seus momentos como actor, sendo o máis destacable a encarnación que fixo do xordo xefe de policía Gordon Cole na serie Twin Peaks.

Pieles1En todos estes proxectos, pódese identificar perfectamente a marca autoral do director de forma moi clara, evidente e distintiva. Tendo a cor rosa como carta de presentación constante, as deformidades físicas e os seres estraños son outro dos puntos clave da obra de Casanova e aparecen constantemente en todos os seus proxectos.

Casanova, igual que Lynch, amosa unha interese especial sobre o tema das malformacións na súa filmografía. Os personaxes xigantes e ananos altérnanse cos mutilados ou deformes na obra do americano, destacando especialmente dous aos que se pode chegar a identificar como inspiración ou coincidencia para creación dunha das protagonistas de Pieles: a “muller no radiador” de Eraserhead (1972) e a “muller sen ollos” da última e máis experimental tempada de Twin Peaks (2017). Vese unha clara fusión destes dous personaxes nunha importante e peculiar nena sen ollos que se nos presenta dentro dunha especie de casa de prostitución ao principio da acción de Pieles. Esta, vestida do mesmo xeito que aquela singular muller de Eraserhead, canta igual que ela ante un home que a contempla, e que abusará sexualmente dela ao fin da súa actuación. Ao longo da acción, vese á mesma personaxe, xa de adulta (interpretada por Macarena Gómez) e moito máis similar á xove asiática sen visión da serie de televisión de Lynch.

John Waters, recolle na súa obra unha maior predilección polos seres peculiares, únicos e estrambóticos. Pero os personaxes máis destacables deste director son os encarnados pola súa intérprete estrela Divine, que protagonizou gran parte da súa filmografía. Ademais, no que a temática se refire, aposta por temas como a marxinación social, o conflito, o exceso, a provocación e a loita por encaixar nunha sociedade demasiado ríxida. Unha liña pola que Eduardo Casanova aposta de forma clara. En consonancia con isto, o director español realizou tamén na súa curtametraxe Eat my shit unha particular homenaxe á obra de Waters. Como ben é sabido, unha das escenas máis famosas e icónicas da filmografía do americano é a do final de Pink Flamingos (1972) na que unha Divine máis “inmunda” que nunca come os excrementos feitos por un can. Na curtametraxe de Casanova vese unha situación igualmente escatolóxica, protagonizada pola que coñeceremos posteriormente en Pieles como Samantha (Ana Polvorosa). Esta rapaza, cansada das burlas sociais cara a súa condición e chegando ao límite da súa paciencia ao ver como a camareira dun restaurante ri diante dela polo seu rostro, decide tomar medidas. Aproveita entón a súa peculiar fisionomía para expulsar polo ano/boca unha merda (acción que vemos explicitamente en pantalla) que cae na conta pola comida consumida.

Pink Flamingos vs. Eat my shit

Un aspecto que os tres comparten tamén é o de traballar practicamente sempre co mesmo elenco nos seus proxectos. David Lynch tiña a Jack Nance ou a Kyle MacLachlan como uns dos seus favoritos e o acompañaron durante toda a súa carreira, Nance xa desde os tempos de Eraserhead. Harris Glenn Milstead, máis coñecida polo seu nome artístico de Divine, é a musa por excelencia de John Waters. E Eduardo Casanova, pola súa banda, ten predilección por Macarena Gómez ou por Ana Polvorosa, coa que comezou xa como compañeira de rodaxe da serie Aída. Mais a opción de repetir co mesmo equipo non queda soamente no eido interpretativo. No caso de Lynch, son especialmente destacables dous dos seus compañeiros de rodaxe que, aínda que non traballaron en todos os seus filmes, si o fixeron na maioría e nos máis icónicos e foron grandes responsables da conformación da marca autoral do director: Angelo Badalamenti, compositor e responsable do son e Frederick Elmes, director de fotografía, co cal se iniciou no mundo das longametraxes. Waters, neste sentido, destaca máis por asumir gran parte dos postos dos seus proxecto, como o de guión, dirección, produción e fotografía. Por outra banda, Eduardo Casanova, repite en canto a produtor, tendo como “padriño” cinematográfico a Alex de la Iglesia; no resto do equipo haberá que agardar a que se descubra o seu novo filme e o equipo que o conforma para constatar se aposta polos cambios ou prefire continuar e confiar naqueles que lle axudaron a conseguir os resultados de Pieles.

Está claro que o cinema é unha arte coral aínda que a cotio se manche dun elitismo que soamente destaca a figura de certas/os directoras/os ou actrices/ores. Este tema é aínda máis controvertido cando se fala de trazos autorais destacables, como poden ser as dos tres profesionais que se mencionan neste estudo. Mais, como teñen dito grandes profesionais do sector, como o aclamado director de cine Wong Kar-Wai, a autoría dos filmes, as súas características e a pegada particular de cada artista, depende do traballo dun preparado equipo técnico e artístico forxado, labrado e formado en conxunto durante anos e sen o que seria imposible que o resultado fora o mesmo

Casanova está comezando e a súa filmografía ten que medrar con el. Mais hai que recoñecer que este director e a súa obra son un claro exemplo de traballo, peculiaridade e innovación. Deixando de lado os gustos persoais a nivel de estética ou de relato fílmico, hai que dicir que Casanova consegue crear arte desde a fealdade e o estraño, ideando mundos fantásticos pero inxustos, cargados de realidade.  A “barbaridade rosa”, que como dixo Alex de la Iglesia, foi Pieles, non deixou indiferente a ninguén e converteuse nun gran foco de atención cinematográfico dentro do cinema español (no que chegou a ter presencia en lugares como o Festival de Málaga e os Goya) e do internacional (estreándose na prestixiosa Berlinale). Deberemos agardar a ver que nos atopamos no seu novo filme, La Piedad, mais, probablemente, o escándalo estea asegurado.

Comments are closed.