El acontecimiento, de Audrey Diwan

El acontecimiento, de Audrey Diwan

© Caramel Films

Os ollos azuis e enormes de Anne (Anamaria Vartolomei) analizan cada xesto, cada acción. Os seus ollos permanecen mentres ela avanza a toda velocidade, cargando de xeito oculto coa súa desesperación. Detense só un momento, a respirar e mollar a cara, para despois continuar. Semella que nos apela coa súa mirada, atravesando a pantalla, e que nos pide axuda, sabendo que non podemos darlla.

El acontecimiento sitúase na Francia dos anos 60 e conta a historia de Anne, unha estudante nova e brillante, cun futuro prometedor, que queda embarazada. De súpeto, ve truncada a oportunidade de rematar os seus estudos e fuxir das asfixiantes restricións do seu entorno. Cos exames finais achegándose e un ventre que non para de medrar, Anne decide actuar, incluso se isto supón confrontar a vergoña, a dor e incluso o cárcere. El acontecimiento é a adaptación ao cine que a directora Audrey Diwan fai do relato homónimo de Annie Ernaux, no que a escritora narra de xeito explícito e rotundo a súa propia experiencia de aborto clandestino en Francia. Para Diwan, esta é a súa segunda longametraxe, coa que gañou o León de Ouro á mellor película na pasada edición do Festival de Venecia. Para Ernaux, a posta en escena dun suceso que viviu na súa mocidade e escribiu xa entrados nos sesenta anos. Dúas obras que se complementan e que están cargadas de sinceridade.

De principio a fin, o filme preséntase como unha loita incansable por sobrevivir. Por sobrevivir nun mundo misóxino no que as mulleres non teñen aínda o dereito nin o poder que queren nin ao que aspiran. É a negación de Anne dese destino que a sociedade dita para ela. O castigo do sexo fóra do matrimonio, o martirio da nai solteira. A loita contra, como di ela, “esa enfermidade que só afecta ás mulleres e que as converte en amas de casa”. Pero que significa sobrevivir neste contexto? Cales son as consecuencias?

El acontecimiento, de Audrey Diwan

© Caramel Films

O camiño é duro, perturbador e ateigado de impotencia. O mesmo camiño que Ernaux tivo que percorrer no seu día. Despois dos doutores neglixentes e as amigas que dan as costas a Anne, chega a espera, e de aí o intento de provocarse a si mesma un aborto cunhas agullas de calcetar. Unha das escenas máis duras da película, na que a dor, o medo e a desesperación trasládanse ao corpo de quen, ao outro lado da pantalla, contempla a situación cos ollos medio pechados. Mais o realmente forte e cru vén despois, ao non ter éxito e verse obrigada a asistir clandestinamente a unha profesional. Audrey Diwan compón unha obra de arte a través deste proceso, no que a explícita práctica dun aborto, con todo luxo de detalles e despregue visual (co que isto significa) confróntase coa aspiración e necesidade de liberdade e de acadar unha voz propia da protagonista, conseguindo un equilibrio perfecto.

El acontecimiento é unha película de época perfectamente situable na actualidade, na que o poder de decisión e a liberdade individual plantéxanse como piares fundamentais e innegociables. Son moitas as mulleres que teñen falado sobre este tema no contexto artístico, mais o filme de Diwan chega ás entrañas (literalmente). O punto de vista da cámara, que acompaña constantemente a Anne, logra que a viaxe que facemos con ela sexa o dobre de intensa e que (case) cheguemos a sentir o que ela sente, que nos metamos no seu corpo, que nos convertamos nela. El acontecimiento é un filme importante e magnético porque reivindica, como reclamou sempre Annie Ernaux, a dimensión política da intimidade.

El acontecimiento, de Audrey Diwan

© Caramel Films

Comments are closed.