EL HOTEL A ORILLAS DEL RÍO (강변 호텔, HONG SANG-SOO, 2018)

Contemplar cada novo filme de Hong Sang-soo supón mergullarse nun universo de profundas ramificacións que nos leva dunha película a outra, realizando conexións continuamente coas súas constantes temáticas e formais. É como de se fita a fita establecese unha sorte de rimas e a súa obra completa rematase por ser un grande poemario. Curioso logo que o seu último protagonista sexa un poeta que, sentindo a presenza dunha morte próxima dun xeito que non pode explicar racionalmente, decida retirarse a El hotel a orillas del río (강변 호텔, 2018). Alí chama aos seus dous fillos, aos que non ve dende hai tempo, para despedirse deles. Paralelamente, unha muller reside tamén no hotel, escapando dunha ruptura sentimental; unha amiga é o seu consolo.

Atopamos así certas obsesións do autor, como as relacións de amantes que acaban mal pola fidelidade ao matrimonio ou, contrariamente, as parellas que abandonan á amada por irse con outra. Dúas caras dunha mesma moeda que aquí coinciden en senllos personaxes e que fan inevitablemente pensar na relación persoal do director coa súa musa Kim Min-hee, coa que colabora aquí por última vez (de momento). O instante máis evidente no que se ve que Hong está purgando as súas vivencias persoais é cando pon en boca de Ki Yoo-bong, o seu poeta, palabras dolorosas en relación á súa exmuller, que o considera un ser execrable. A intensidade, quietude e precisión que desprega Gi Ju-bong nesta escena ben valen o premio á mellor interpretación que levou en Locarno; destacando nun gran reparto. Unha vez máis, o coreano móstrase coma un excelente director de actores.

Hai máis elementos que propoñen rimas con outras películas da súa filmografía e que resultan moi persoais, coma o feito de que un dos fillos de Ki sexa director de cine e experimente sentimentos similares sobre o concepto do éxito que xa se vían en Antes sí, ahora no (지금은맞고그때는틀리다, 2015) ou en Un cuento de cine (극장전, 2005), por exemplo. Poderiamos enredarnos en buscar máis similitudes, algunhas moi anecdóticas, pero máis que procurar a rima entre fitas, resulta neste caso moi interesante analizar como funciona estruturalmente El hotel a orillas del río. Aínda que conta cunha progresión de introdución, nó e desenlace en tres partes diferenciadas por situacións e espazos, que provoca case rubor tratándose de Hong; se escudriñamos máis polo miúdo veremos que hai elementos coma o sono, que noutras películas crea ficcións dentro da ficción – Like You Know It All (잘 알지도 못하면서, 2009) –, que aquí funcionan como elementos divisorios e rítmicos. Igualmente, unha mesma acción ou diálogo pode significar cousas diferentes para os protagonistas e a trama segundo as situacións e momentos nos que se digan. Poñamos por caso a sinatura dun autógrafo ou o convite a unha cunca de café. Deste xeito, temos a sensación de habitar un dos poemas de Ki.

Máis relevante é a importancia que Hong concede á dualidade, ordeada cal demiúrgo a través do seu poeta na trama e que ten unha relación directa co feito de que o filme estea rodado nun elegante branco e negro que deixa pouco espazo para os grises. As conversas nas tres partes sempre chegan a pares. Por un lado, as que leva a cabo o pai cos seus fillos, e eles entre os dous; e as que desenvolve coas amigas, e as dúas entre elas. O fundamento filosófico sobre o que se asenta a película fica explicitado nunha escena da parte central que resulta significativa. O pai explícalle o significado dos seus nomes en caracteres chineses aos fillos. O maior, Kyung-soo. Kyung, de “Seúl”, soo de “excelencia”. Aclaremos que a capital inspira “boa fortuna”. O pequeno: Byung-soo. Byung, de “un xunto ao outro” e soo, de “excelencia”. Interésanos sobre todo o duplo significado de Byung. Por un lado, hai unha interpretación literal de que un fillo debe estar xunto ao outro, para sempre unidos. Por outro, fai referencia a dúas mentes que conviven xuntas: unha que pode tocar o ceo, outra que camiña pola rúa. O poeta explica que ningunha pode prevalecer sobre a outra, que deben vivir en harmonía.

Hong estase a referir ao concepto de equilibrio que está presente en moitas filosofías, por exemplo na helénica, a través do termo medio de Aristóteles. Pero a afirmación está tamén impregnada de fortes connotacións budistas. A mente nesta tradición non fai referencia ao cerebro, senón que se asemella máis ben ao concepto occidental de alma ou conciencia. Poden existir varias mentes nun mesmo individuo, coma diferentes estados desta alma, pero o que máis importa é a consecución da transcendencia ou iluminación en contextos que son tanxibles, pois, ao cabo, habitamos un corpo e non vivimos no mundo das ideas, senón no sensible, por citar neste caso a Platón. O pai estalle dicindo ao fillo que está destinado a grandes cousas, mesmo a unha sorte de inmanencia a través dos seus actos que deixará pegada logo da súa morte; pero advírtelle de que estes obxectivos só poden lograrse cunha sensible observación do que nos rodea e relacionándose sen temor co mundo sensible. Máis tarde animarao a vivir sen medos (das mulleres) e a gozar do que ten a man. Dilles aos dous fillos que vivan a vida antes de que sexa demasiado tarde, pois a morte pode chegarlles en calquera momento. De novo, prepararse con tranquilidade para a morte, abrazándoa coma un proceso natural e sen desperdiciar o tempo que temos na terra. Outro concepto budista.

Unha última reflexión sobre estas palabras. Moitas veces compárase nesta relixión a mente cun anfitrión nun hotel. O establecemento sería o corpo. Así, na morte, o anfitrión abandonaría o hotel, como a mente abandona o corpo para a seguinte vida. Atópanse similitudes coa trama? Deste xeito, El hotel a orillas del río revélase coma un profundo tratado metafísico mediante conversas e encontros que poden resultar casuais e desenfadados, mais que deixan un atractivo poso filosófico. Unha das grandes virtudes de Hong consiste en tratar a través de diálogos realistas e que resultan ás veces case improvisados as grandes inquietudes universais da raza humana. E por iso é un dos mellores guionistas, ou simplemente cineastas, do noso tempo. El hotel a orillas del río é un dos seus filmes máis singulares, elegantes e traballados. Outro peliculón. Parece mentira que os faga como churros.

Comments are closed.