EL NIÑO DE LA BICICLETA, de Jean-Pierre & Luc Dardenne

AS LUCES E SOMBRAS DESTE NOVO NENO

O venres 28 de outubro estréase en España a última película de Jean Pierre e Luc Dardenne. Para estes irmáns belgas todo comezou realmente coa selección na Quincena dos Realizadores de Cannes e a concesión da Espiga de Ouro en Valladolid por La promesa (1996), terceira longametraxe de ficción na súa traxectoria logo da “aventura desafortunada” –palabras de Luc – de Falsch (1987) e Je pense à vous (1992), cuxos guións asinaron con Jean Gruault (guionista nada menos que de François Truffaut). Acto seguido, con Rosetta (1999) non só acceden á competición internacional en Cannes, se non que gañan nada menos que tres premios (entre eles a Palma d’Ouro) e o aplauso da crítica especializada.

A súa posición privilexiada entre a elite do cine mundial confírmase con sucesivas participacións na competición de Cannes, acompañadas sistematicamente por un galardón: El hijo (2002), premio ao mellor actor (para Oliver Gourmet, un dos seus actores fetiche); El niño (2005), segunda Palma de Ouro; El silencio de Lorna (2008), mellor guión, e El niño de la bicicleta (2011), premio do xurado.

Este repaso á traxectoria festivaleira dos irmáns Dardenne non é en balde: o seu cine, portador sen excepcións da etiqueta do drama social, foi recoñecido en múltiples ocasións por varios xurados e críticos de todas as esferas. O silencio de Lorna, porén, marcou talvez un punto de inflexión na súa filmografía: a película provocou un rexeitamento máis amplo por parte do mundo cinéfilo, que experimentou unha sensación de déjà vu. Os personaxes torturados, a perseverancia contra a desesperación, o realismo exacerbado, o dramatismo, os túneles sen saída: outra vez o mesmo. El niño de la bicicleta é, neste sentido, o primeiro sinal dun posible xiro do cine dos Dardenne cara a luz.

En calquera outra película, unha escena na que unha muller e un quenecho dan un paseo en bicicleta á beira dun río baixo a luz do sol non ten porqué significar nada. Para quen coñece a obra dos irmáns, esa secuencia supón o primeiro signo de esperanza en décadas. O estupor xeral que este xesto produciu en Cannes estivo a piques de se traducir nunha terceira Palma de Ouro, algo inédito na historia do festival.

El niño de la bicicleta, con todo, non anuncia desde un principio esa transformación nos seus autores. Cyril [Thomas Doret] é un neno encabuxado co mundo que só ten unha idea fixa na cabeza: atopar o seu pai [Jérémie Renier, outro dos intérpretes fetiche dos irmáns, quen lle deron o papel de El niño precisamente], quen o deixou por un tempo indefinido nun fogar de acollida para nenos. Un día, Cyril coñece de maneira fortuíta a Samantha [Cécile De France, primeira celebridade que dirixen os Dardenne], unha moza perruqueira que acepta acollelo na súa casa durante as fins de semana. O amor que Samantha profesa polo neno sanará aos poucos as súas feridas emocionais e contribuirá a superar a resistencia natural de Cyril á felicidade.

Este percorrido insólito cara a luz é paralelo ao de Jean Pierre e Luc Dardenne tras das cámaras, quen, por primeira vez, decidiron rodar no verán (na súa Seraign natal e co fotógrafo Alain Marcoen, como vén sendo habitual) e optaron por unha dirección máis pausada e libre, menos próxima ao xénero documental, sen renunciar aos planos secuencia nin a escenas case de acción e que alternan con secuencias máis serenas que serven para afianzar o vínculo que Cyril e Samantha constrúen na pantalla. Para enfatizar os momentos dramáticos da película, os Dardenne, noutra decisión inusitada, fan uso dun breve fragmento musical que se reproduce un total de catro veces ao longo da cinta.

En calquera outra película, unha escena na que unha muller e un quenecho dan un paseo en bicicleta á beira dun río baixo a luz do sol non ten porqué significar nada, máis na filmografía dos Dardenne supón o primeiro signo de esperanza en décadas.

En canto que guionistas, os irmáns Dardenne confiren a esta historia sinxela un compoñente universal que a achega ao conto, sen que por iso haxa que perder moralismos e demagoxia. As accións dos personaxes non teñen xustificación [“o que conta é o acto, non as intencións”, explica Luc]. A descrición destes son caricaturescas, en ocasións maniqueas, o que contrasta co rico simbolismo da bicicleta do protagonista e dos lugares nos que se desenvolve primordialmente a acción: a cidade, o bosque e a gasolineira.

Con todo, os Dardenne centran descaradamente a súa atención no neno; son notables neste senso numerosas tomas dos primeiros minutos, nas que Cyril se move polo reformatorio, responde á xente, e nada máis se ve o seu rostro e o seu paso. O proceso de toma de conciencia sobre a realidade do seu pai e de abertura cara as posibilidades, honradas e vituperables, que ofrece o mundo, avanza lentamente en paralelo co sentimento de tenrura e compaixón que os Dardenne tratan de imprimir no relato.

Non obstante, e malia que a parella de cineastas estivo un ano desenvolvendo o guión, ao espectador pídeselle un acto de fe para seguir a historia. Os irmáns vían o neno coma o protagonista dun conto que ten que escapar da violencia intrínseca do mundo no que sempre viviu a través do afecto. Así e todo, ao cabo de poucos minutos cabería definir a Cyril coma un crío ao que, dada a súa deplorable situación familiar, se lle aparece a Virxe en forma de perruqueira e, en lugar de aproveitarse da súa entrega, tan insensata como emocional, prefire comportarse coma un crío caprichoso, indomable e desagradecido. A este respecto, a actuación do novo Thomas Doret está moi pautada e o seu personaxe avanza dando tombos: agora corro, agora non falo, agora rabúñome a cara, agora chamo a meu pai.

Céline de France tampouco responde a un patrón moi distinto: o seu personaxe manifesta a súa compaixón e perseverancia para co neno, por riba de calquera outro sentimento ou relación con outra persoa do seu entorno. Cumpre con nota ao reflectir a súa comprensión e o seu compromiso, pero Samantha é un personaxe que, como sucede con Cyril, non se mantén por si mesmo.

O traballo dos Dardenne, coa pluma e coa cámara, non sae deses parámetros borrosos, sen perfilar, cun acabado case de afeccionados, que marcan indefectiblemente a capacidade de conectar co espectador. Por esta razón, El niño de la bicicleta funciona mellor como punta de lanza da evolución do cine dos emblemáticos autores belgas que como unha entidade con vida propia e independente.

O que está claro é que, máis aló duns resultados de taquilla en Francia e Bélxica, que superaron os de El silencio de Lorna pero que non responderon aos esforzos dos Dardenne para chegar dunha vez ao gran público, o seu cine non se cansa de recibir gabanzas da crítica especializada e recoñecementos internacionais. Ben seguro que teremos Dardenne para rato.

 

Comments are closed.