ELS DIES QUE VINDRAN, de Carlos Marqués-Marcet

© Avalon

© Avalon

No ano 2014, o realizador catalán Carlos Marqués-Marcet presentaba a súa primeira longametraxe: 10.000 km, unha cinta sinxela pero sorprendentemente lúcida sobre unha relación de parella a distancia (baseada nunha experiencia persoal do director). A película alzouse como a gran triunfadora no Festival de Málaga dese mesmo ano, e Marqués-Marcet recibía pouco despois o premio Goya ao mellor cineasta novel, converténdose inmediatamente nun nome a seguir dentro da industria nacional. A súa segunda longametraxe, Tierra Firme (2017), cunha maior escala de produción e unha vocación máis comercial, continuaba explorando as dinámicas de parella, engadindo á ecuación a ruptura co modelo de familia tradicional e o espertar do chamado ‘instinto maternal’. Este ano, Marqués-Marcet completou esta singular triloxía coa conmovedora Els dies que vindran, presentada en Sección Oficial no Festival de Cine de Róterdam (podes ler a nosa crónica completa aquí), e coa que volveu arrasar no certame malagueño, onde se levou a Biznaga de Ouro a Mellor Película e os premios a Mellor Dirección e Mellor Actriz para María Rodríguez Soto.

Els dies que vindran narra o embarazo inesperado de Vir y Lluís (David Verdaguer e María Rodríguez, parella na vida real e amigos íntimos do director), que a pesares de levar saíndo apenas un ano deberán enfrontarse xuntos a unha das experiencias humanas máis radicais e transformadoras. Mentres que Tierra Firme remataba “ás portas” do embarazo, focalizando as súas reflexións en torno ás expectativas e dilemas previos, neste caso o filme aborda todo o proceso de xestación, así como a forma na que este afecta ás vidas dos protagonistas dende o momento do descubrimento ata pouco despois do parto. Porén, o que fai desta obra unha peza verdadeiramente especial é a realidade que se vivía simultaneamente detrás das cámaras, xa que durante toda a rodaxe os actores protagonistas estaban vivindo realmente o embarazo e nacemento da súa primeira filla. De feito, este foi o acontecemento que desencadeou toda a película. Tal e como nos confesaba o propio Marqués-Marcet na entrevista que lle fixemos durante a súa visita a Róterdam, tan pronto soubo do embarazo dos seus amigos o que fixo foi propoñerlles levar a cabo “un acto creativo conxunto”.

© Avalon

© Avalon

Se a comparamos cos seus traballos anteriores, Els dies que vindran tivo un proceso de elaboración moito máis orgánico e “exploratorio”, no que tanto director como intérpretes foron atopando e pulindo o guión da película a medida que ían rodando (coa colaboración inestimable das guionistas Clara Roquet e Coral Cruz, especialmente durante as fases finais do proxecto). Dende a vertixe inicial do test de embarazo e a decisión de seguir adiante con este, ata o dilema sobre a modalidade do parto, pasando pola escolla do nome e as discusións sobre a futura crianza da nena, todas as situacións que se (re)crean na película transmiten unha autenticidade case palpable. O traballo de Rodríguez e Verdaguer é admirable, así como a confianza que depositan en Marqués-Marcet, quen logra compoñer unha obra de ficción honesta e emocionante partindo dunha experiencia real e próxima, o que lle permite explorar dende unha nova perspectiva moitos dos temas recorrentes na súa filmografía (a complexidade das relacións de parella, os dramas da maternidade, os roles de xénero…). Nas súas palabras, a clave do filme foi precisamente “utilizar as personaxes como un vehículo para transitar por certas vivencias”, valéndose dos mecanismos da ficción para abordar unha experiencia inabarcable dende un relato marcadamente íntimo.

Outro dos puntos fortes da película é o seu valor como retrato xeracional, poñendo énfase na forma na que a sociedade actual afronta a decisión de ter (ou non) descendencia, e contrapoñéndoa con modelos anteriores. Neste sentido, cabe destacar especialmente a inclusión duns vídeos caseiros atopados durante a rodaxe, nos que podemos ver imaxes do nacemento da propia María Rodríguez, gravados polos seus pais máis de 30 anos antes. Un achado providencial que levou a reestruturar toda a película, aportando novas lecturas e convertendo Els dies que vindran nun poderoso espello inter-xeracional e metacinematográfico. Un dos moitos exemplos nos que o azar e a realidade foron filtrando a través do proceso creativo e deixando a súa pegada na película.

En resumo, a terceira longametraxe de Marqués-Marcet constitúe unha magnífica aportación ao seu particular corpus temático, que ben podería pechar unha interesante triloxía ou simplemente engadir un elo máis á prometedora carreira do cineasta. Trátase dun filme humilde pero xenuíno, case milagroso na súa concepción, que nos invita a reflexionar sobre a “forma na que nos relacionamos” como seres humanos en circunstancias que nos obrigan a revisarnos constantemente. “Un dos aspectos que máis me interesaba era como de repente todas as cuestións de xénero -masculinidade, feminidade, relacións de parella-, que moitas veces cremos superadas, volven a emerxer cun embarazo”, explica Marqués-Marcet. Els dies que vindran é un filme ao que aproximarse cunha actitude empática, deixándonos guiar pola súa dimensión sensitiva e o periplo emocional dos seus protagonistas. Unha experiencia que, a pesar dos momentos de impotencia e desesperación, remata cunha nota optimista nun epílogo entenrecedor, acompañado pola acaida Tú que vienes a rondarme, de María Arnal. Un peche perfecto para unha viaxe persoal e universal, que a través do exercicio cinematográfico acada cotas de realidade insospeitadas.

© Avalon

© Avalon

Comments are closed.