EM LISBOA, O INDIE MÉTESE NA PRODUCIÓN

miguel valverde2O Indie Lisboa decidiu este ano poñer en marcha a produción dun filme, Em Lisboa, rodado na cidade por catro cineastas moi próximos ao festival: Denis Côté, Dominga Sotomayor, Marie Losier e Gabriel Abrantes. A película proxectarase na gala inaugural da vindeira edición. Miguel Valverde, o co-director do certame, desvélanos os detalles da súa xoia da coroa.

Como se concibe Em Lisboa?

Nós tiñamos a idea, cando comezamos a pensar no proxecto, de que a celebración do décimo aniversario debía ser algo especial. Non que fose un repaso dos nosos primeiros dez anos, mais unha concepción para o futuro. Algo que nos proxectase cara novos camiños e experiencias. Entre estas ideas, xurdiu a do filme, e decidimos que queriamos dividilo en catro partes. Pareceunos que debía acontecer en Lisboa, porque é a cidade que acolle o festival, está no seu propio nome. E, doutra banda, os cineastas que elixísemos debían ser aqueles que levaran premio en edicións anteriores ou tiveran unha relación constante co festival e coa cidade. Así foi que pensamos en Marie Losier e Dominga Sotomayor, que gañaran consecutivamente en 2001 e 2012; ou en Denis Côté, do que temos posto case toda a súa obra. E, por último, faltaba por atopar un realizador portugués, e na nosa cabeza só podía ser un de dous: Gabriel Abrantes ou João Salaviza. Pensamos que son os maiores nomes dunha nova xeración de cineastas portugueses. Salaviza estaba moi ocupado preparando a súa primeira longa, e da conversa co Gabriel Abrantes semellou xurdir unha comprensión do proxecto. Trouxo unha boa idea, e iso facíao a escolla obvia.

E o resultado vaise proxectar no festival e moverse por outros?

Esa é a idea. A primeira rodaxe foi a de Denis Côté. El xa rodou en maio, ao longo de cinco días, ao remate do festival. Xa ten todo o material, e está a comezar agora a montaxe. A partir do 14 de xullo e ata o día 20, está prevista a filmación de Dominga Sotomayor. A de Marie Losier, entre o 9 e o 15 de agosto. E, por último, está previsto que Gabriel Abrantes filme na última semana de agosto. Todos os guións foron xa aprobados, e fixeron a localización en Lisboa, tamén xa atoparon as equipas técnicas e artísticas; e están xa en plena fase de preprodución, para que todo poda rodarse nas datas previstas. O que vai acontecer despois é que cada un deles levará as imaxes para a súa terra natal, por dicilo dalgún modo, montarán os proxectos e volverán a nós. Dende ese momento, faremos a posprodución de imaxe e son e convidarémolos a vir de novo a Portugal cara o final do ano. En xaneiro todo debera estar terminado, e o filme listo para ser o de apertura na edición de 2015. A nosa intención é tamén exportalo a outros festivais de fóra e ter unha estrea comercial. Sabemos que isto último é máis difícil, mais intentaremos que así ocorre, alo menos, nos países de orixe dos realizadores.

Que é o que imos ver logo na inauguración do ano que vén?

Non podo adiantar moito, mais si direi que hai un cruce entre as ideas e lugares do filme sen que eles o teñan planificado. Xurdiu de xeito natural, e iso é unha constatación interesante. Tamén se nota que hai unha vontade dos realizadores de participar nos proxectos dos outros. A comunidade portuguesa do cinema vai participar nestes filmes. Ben sexa porque aparecen nunha festa ou facendo un papel especial… En fin, vai haber un conxunto de persoas recoñecibles que van aparecer na película.

Con este proxecto, non se marca tamén a liña editorial dende a produción?

Claro, como dicía, a escolla destes cineastas provén da súa relación co festival, pois xa programamos as súas obras varias veces e gustamos moito deles. O que fan vai completamente na nosa liña, polo tanto a expectativa é que o que saia deste filme mostrará a cara do noso festival.

Que relación pode ter este modelo co Jeonju Digital Project, os fondos do Hubert Vals de Róterdam ou outras iniciativas nesta liña?

Certamente esta non é unha idea innovadora ou orixinal, moitos festivais teñen optado por este modelo. O de Jeonju lévase a facer moito tempo, mais ten a constrición de que os traballos deben filmarse en vídeo e, este ano, queren pasar de realizar tres curtas a chegar a unha duración de longametraxe. Aquí o proxecto é un pouco máis aberto. A idea é que se filme en Lisboa, e as historias teñan aquí a súa orixe, mais os formatos de gravación son completamente diferentes. Marie Losier vai filmar en 16 mm, Denis Côté gravou en vídeo, e tanto Gabriel Abrantes como Dominga Sotomayor van filmar cunha Alexa, que é dentro do dixital, o máis próximo á película. Non hai unha idea de unificar a nivel visual. Cada director vaise expresar dun xeito moi distinto, e cada historia conta cousas ben diferentes. Lisboa vai ser filmada dende a ollada moi particular de cada un destes cineastas. O que se cadra é novidoso deste proxecto é que estes cineastas son os máis independentes da súa nova xeración, e seguramente tamén dos máis naturais. Teñen unha ollada especial, totalmente diferente da que tiveron Wim Wenders, Alain Tanner, Eugène Green… Nós viamos neses filmes, sendo portugueses e vivindo aquí, unha ollada de quen non está dentro, senón do que vén de fóra. Aquí propuxemos a cineastas que…

Explicareino co caso de Marie Losier, pois paréceme o máis paradigmático de todos. Ela estivo a vivir en Lisboa durante o mes de maio, agora vai volver e estar por un período de tempo similar antes da rodaxe. E todos están a ser acollidos en casas particulares, non en hoteis. Dominga Sotomayor ficou na miña casa, e Marie Losier na dos cineastas João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata. Fixémolo para que teñan a perspectiva de onde é que se vai á mercería ou ao supermercado. Cales son as tendas máis próximas, a que cafetarías imos… Basicamente, para que teñan non a ollada do turista que desembarca aquí e vai aos lugares onde van os turistas, senón unha ollada distinta, do que vive aquí. E eu penso que esa é a principal diferencia con outros proxectos e o que vai rexer a idea final. É curioso que Gabriel Abrantes é portugués, mais non vive aquí, polo que tamén ten esa relación de descuberta, e iso para nós é moi interesante.

Que intencións hai de continuar co proxecto en posteriores edicións? Non son consciente de se xa se fixera algo similar en anos previos.

Pois non, e co traballo que está a dar desta volta, dubido que nos queden ganas de repetir (ri). Está a ser unha experiencia moi interesante, e estamos a aprender moito dela. Coido que, se se volve facer algo similar no futuro, seguramente deberá ter máis orzamento. Partimos dun proxecto no que a idea, e a vontade de crear, era o máis importante; mais cando nos puxemos a traballar, decatámonos do complicado que é poder dar aos cineastas as condicións apropiadas para a rodaxe. A dimensión real do proxecto só puidemos percibila coa experiencia.

O proxecto de Denis Côté foi o primeiro en filmarse, e en principio era o máis sinxelo. Porén, foron identificadas algunhas dificultades que agardo estean resoltas para as seguintes filmacións. E iso vaise vendo coa experiencia. Mesmo se é un proxecto cun baixo orzamento, intentaremos que iso non se sinta no resultado final.

De onde sae logo o orzamento para o filme e de que cantidade estamos a falar?

Non podo responder a esa pregunta, no sentido no que eu penso que, nos tempos que corren, os filmes deben facerse cun certo montante que garanta unhas condicións mínimas para traballar. Eu podería dicir que faremos o filme, mesmo se o noso orzamento é moi, moi baixo. Mais sería o mesmo que afirmar que se poden facer películas con moi poucos cartos, e eu non creo niso. Nós imos superando os problemas como podemos, intentando non tirar moito da caixa, mais eu non creo que o orzamento co que contamos sexa minimamente o correcto.

Pero insisto, de onde sae esta partida?

Conseguimos un apoio da Cámara Municipal de Lisboa, que achega unha parte substancial do total. Falamos de 20.000 euros. Isto foi o que nos permitiu poñernos a traballar. Agora estamos a traballar cunha distribuidora portuguesa, que nos está a comprar os dereitos de exhibición do filme. Isto implica que nos está a adiantar o valor da estrea comercial do filme, mais como as películas portuguesas non están a funcionar moi ben nas salas, esta cantidade non é moi elevada. Estamos tamén a procurar financiamento a través de institucións, que dan pequenas achegas. Tamén hai que ter en conta que hai moitas entidades que apoian con material e loxística. Isto hai que telo en conta á hora de calcular o custo total do filme. En esencia, conseguimos o mínimo para poñer o proxecto a andar, e agora agardamos que apareza máis diñeiro para as vindeiras rodaxes, e poder garantir mellores condicións para os cineastas.

Poden ser os festivais unha ferramenta para que os cineastas non só exhiban, senón que cheguen a facer cinema?

O Indie Lisboa e outros festivais non son produtoras. Isto do cinema é unha cadea. Como dicimos en Portugal: “cada macaco no seu galho”1. Cada un debe facer o que se lle dea mellor, e eu penso que no caso dos festivais, isto é a programación. Deben ser as produtoras as que desenvolvan os filmes. O que é indubidable é que os festivais xuntan a cineastas, e tamén a outras persoas que están arredor deles, que visitan os certames, e teñen intereses en facer cinema. Iso pode facilitar o proceso creativo. Os festivais son abastecedores e incubadoras de proxectos, pero a base sempre é o produtor. O festival é o punto de encontro, e pode ser tamén o punto de chegada desas mesmas películas, pero o que o produtor faga polo medio, a onde recorra para o financiamento, é alleo a nós. Coido que os festivais teñen ese papel agregador, de xuntar profesionais, equipas técnicas e artísticas para crear filmes.

em lisboa

EN PRIMEIRO PLANO

Denis Côté

Penso que son o primeiro en ter filmado e completado o meu proxecto para Em Lisboa. O meu segmento titúlase Excursões e durará 22 minutos. Trátase dunha curtametraxe impresionista sobre dous guías turísticos cuxas vidas solitarias chegan a unirse por forzas digamos… musicais.

Cando Miguel me propuxo o proxecto, decateime de que non era preciso filmar Lisboa de xeito pintoresco nin coma coñecedor, pois non o son. Só fun a Lisboa 5 veces e non podo pretender filmar a alma desta cidade como especialista senón máis ben como ‘visitante’ humilde. Pensei rapidamente na pista dos guías turísticos: persoas que poden coñecer perfectamente a cidade e a súa historia sen por iso ser capaces de entrar en contacto co Outro. Atopei guías de verdade que non teñen formación de actores. Decidín filmar estas persoas/personaxes, e non a cidade en si mesma. Sen mostrar demasiado estes espazos, filmamos en Principe Real, en Belém, e na Casa Independente, amais de en apartamentos privados.

Hai tempo, fixen un filme en lingua búlgara. Desta vez, rodamos en italiano e en portugués. Non controlo estas linguas así que para min, obrígame a mirar outras cousas, sentir algo diferente. O meu filme non está movido por informacións psicolóxicas dos diálogos, como en moitos outros casos”.

Resposta extractada dunha correspondencia mantida o 9 de xuño de 2014

Marie Losier

A cineasta francesa leva anos visitando Lisboa, onde fica habitualmente na casa de “dous estupendos cociñeiros”. Di sentirse “da familia” no domicilio dos seus compañeiros João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata. Eles téñenlle descuberto a noite lisboeta. Recorda que a primeira vez que os visitou coñeceu tamén a Fernando (Santos), protagonista de Morrer Como Un Homem. Eles foron bailar con João Rui ao club Finalmente, unha referencia queer na capital lusa. “Perdín a medida do tempo esa noite, e cheguei a perder o meu voo a Nova York”, relata Losier, para quen a súa idea de Lisboa “está ligada ás noites”.

Ese encontro fascinante co Fernando ficou arraigado na súa memoria, así que cando contactaron con ela para levar a cabo o proxecto Em Lisboa, non o dubidou: el ía ser o seu protagonista. “A última vez fiquei un mes en Lisboa, e foi a primeira ocasión que a descubrín realmente, pois vivín na cidade e os meus amigos leváronme aos lugares que eles frecuentan”, comenta. Por exemplo, o seu compañeiro de proxecto Gabriel Abrantes descubriulle “os lugares underground” e pescudas insatisfeitas quedaron desta resoltas. “Levaba moitísimo tempo buscando unha pintura do século 18 con albinos que sabía que estaba en Lisboa, e desta a paciencia dos meus amigos fixo que a atopásemos; e o mesmo ocorreu cun lugar inaccesible do Museo de Historia Natural, onde hai corredores cheos de ovos, paxaros, plumas…”, conta excitada ao rememorar estes fetiches. O cinema dos Joãos e o de Losier dálle importancia ao obxecto, sen dúbida, e este filme non podía ser menos. Nel, veremos a Fernando Santos preparándose para saír de noite, “converténdose en todas esas mulleres, todos eses personaxes, que quere ser”. “Primeirísimos primeiros planos de tixeiras, de detalles dos traxes… Corte a un tableau vivant con diversos deuses animais…” Losier salta dun plano a outro, describíndoos como se estivese enunciando un storyboard. Claramente, está ilusionada con este proxecto que, como di, ten “un ollar persoal dunha persoa de fóra, que pode atopar se cadra mellor que alguén do lugar, localizacións fascinantes”. Estas localizacións serán as praias da cidade, o Museo de Historia Natural ou o Xardín Botánico, entre outros. Entre tanto animal, saltando de tableau vivant a tableau vivant, o filme xogará a identificar, nunha sorte de exercicio freudiano, as distintas peles de Fernando, dos seus marabillosos traxes e, tamén, as peles da cidade. As peles de Lisboa.

Declaracións recollidas por Skype o 11 de xuño de 2014

Dominga Sotomayor

Me interesa mirar Lisboa desde un lugar no turístico, un cierto turismo frustrado si se quiere. Tiene que ver con mi sensación de la ciudad, que no se puede explicar muy bien. Me llama la atención más allá de sus espacios, por las situaciones que se dan, los encuentros inesperados, lugares recónditos. Para mí tiene cierta nostalgia y atemporalidad que me gustaría rescatar.

Quiero partir filmando en la Cinemateca y terminar un un terreno baldío y aislado más allá de Cacilhas. Una mujer de 50 años viaja a Lisboa a presentar una película en la que hace un papel secundario. Nadie más del equipo podía ir y le ofrecen partir a último momento. Comienza en el cine en el centro de la ciudad y termina en la oscuridad de un barrio abandonado al otro lado del mar. Ella tiene la ilusión de conocer la ciudad pero termina pasando la noche donde un conocido portugués, alejada del centro y todo lo que esperaba ver.

Para mi es un tránsito desde la luz hacia la oscuridad, de lo más aparente a lo más genuino. Me interesa seguir la línea de mis trabajos anteriores donde los espacios determinan el estado de los personajes. La fotografía tiene un rol fundamental. Se podría decir que es más sobre un lugar visitado que sobre una persona visitando. Cierta incomodidad desde la puesta en escena habla de la situación del personaje con respecto a la ciudad.

Lisboa me encanta y quiero tratar de explorar la ciudad desde una situación inacabada y particular. En mi calidad de extranjera me nace hacer algo acerca de alguien que llega, que desconoce, con una curiosidad natural sobre el lugar. La actriz es mi madre, me motiva trabajar con ella desde este punto de partida pero estando abiertos a lo que surja en nuestra estadía allá. Pienso que puede ser un diálogo entre esa ambigüedad que genera la ciudad y lo absurdo del mundo del cine, que también se balancea constantemente entre lo superficial y lo más trascendental”.

Resposta extractada dunha correspondencia mantida o 18 de xuño de 2014. Respéctase aquí o texto orixinal en español.

A Gabriel Abrantes foille imposible dar unha resposta por motivos persoais.

__________

1Basicamente, que cada un se dedique ao que lle compete e do que sabe. 

Comments are closed.