EN UN MUNDO MEJOR, de Susanne Bier

O DOBRE FRUXO DA DIDÁCTICA E A CULPA · 

Como ocorre en tantas ocasións, unha tradución do título orixinal, non tanto desafortunada coma si pouco atrevida (moral e comercialmente), conduce non só a unha importante perda de matices, senón tamén, e de modo máis grave, a un considerable desvío na primeirísima orientación cara a lectura do filme, tanto no seu conxunto como nas súas partes. Por tanto, poderiamos estar ante un modo, aínda inocente, de adulterar unha obra fílmica? Nun mundo mellor, transcrición escollida para a versión internacional do filme, en inglés, e calcada con exactitude no noso país, sen atender ao referente orixinal, posúe de feito unhas connotacións rotundamente diferentes a A vinganza, interpretación máis exacta do título orixinal.

Unha tradución que, en definitiva, de maneira máis ou menos intencionada/interesada (imposible adiviñar), suaviza e edulcora en certa medida o sentido dunha película máis áspera do que podería parecer a primeira vista, oportunamente crúa e calculadamente didáctica. Cómpre descartar dende o primeiro momento a procura de calquera similitude coa obra de Michael Haneke, coa violencia como tema central e controlador da súa aclamada filmografía, representada como concepto illado, de maneira afiada e ata descarnada en ocasións. Nin moito menos a coincidencia da orixe debe levar a buscar parecidos cos controvertidos delirios do ‘cineasta nórdico por excelencia’, Lars von Trier, que dende os seus mesmos inicios exorcizou cara fóra (con progresiva perda da vergoña e da decencia) [1], as súas particulares pantasmas da culpa, da violencia e, por que non, da propia idea da vinganza.

Mais así e todo, este edulcorante en forma de tradución amedrentada non agocha un relato especialmente polémico. Hævnen quere e consegue camiñar sobre a sensible e difusa liña da corrección política e ética (en termos máis ‘europeos’, iso si), sen caer de bruces en ningún dos lados desta fronteira narrativa. E aínda que pareza querer retala nos momentos de máis intensidade dramática do relato, fuxindo do autocompracente, nunca chega a pasar por completo ao outro lado (o que suporía asumir un risco moi elevado, polo delicado da súa resolución neste argumento en concreto), e ademais, reconcíliase, no terceiro acto, coa banda do ben feito e das boas intencións. Un terceiro acto que patina por intres, despois dunha traxectoria previa máis lograda e íntegra, ao que se chega a través duns xiros argumentais, moi seguidos, nos que se asoma a temible pantasma do deus ex machina.

Despois de todo, estamos ante unha narrativa notablemente evidente, bastante próxima ao ‘cine serio’ co que o Hollywood contemporáneo está obrigado a encher, cada ano, os premios da súa Academia. Uns Oscar para os que esta produción resulta unha perita en doce e sen riscos no sempre debatido apartado das películas de fala non inglesa, e doada foi a decisión de galardoala por diante doutros títulos máis xenuínos e arriscados cos que competía, como Incendies, Canino ou mesmo Biutiful. Con todo, a virtude do filme reside na correcta aplicación dunha idea controladora non tan superficial e manifesta, como é ese paralelismo entre a didáctica de dobre fluxo que guía as relacións entre pais e fillos, coa idea de culpabilidade involucrada en todo momento, e ese ‘efecto bolboreta’ que parece rexer o desencadeamento dos acontecementos no tramo final, controlando así a maneira de reflexionar e interpretar os conceptos presentes no relato. Unha formulación, tanto vehicular como de fondo, moito máis complexo e valente do que suxiren as impresións inmediatas dunha finalización compracente.

Outro punto no que a película queda a medio camiño, sen terminar de explotar un grande potencial, é no aproveitamento, máis ben escaso, do escenario multicultural que presenta dende o primeirísimo prólogo, a diferentes niveis. Dende a oposición entre a África máis miserable e conflitiva coa Europa máis acomodada, ata discordias máis locais, coma a condición de non grato do protagonista, sueco, en Dinamarca, marcado pola sutil pero suficiente pegada idiomática (e síntoma das políticas de coprodución internacional). Pasando polas continuas migracións e as consecuentes dificultades de adaptación ás que está sometido un dos rapaces, a causa da mobilidade laboral do seu pai, aínda por riba viúvo. Todas estas diferencias, de maior ou menor amplitude, quedan máis aló dun terceiro plano nun argumento que podería complementar co drama da incomunicación global (retratado anteriormente en Lost in Translation ou Babel) o seu relato sobre os fluxos de culpabilidade e aprendizaxe redentora entre pais e fillos, pero ao que finalmente serven case como meros elementos decorativos e de recheo, con perda progresiva de significación en cada unha das relacións.

__________

[1] Para ser máis específico na devandita afirmación, remito á reseña que no seu momento escribín sobre Anticristo, o seu polémico último filme.

Comments are closed.