2013. AXUSTES DE CONTAS CO PASADO

A teoría di que tódolos filmes falan, dun xeito ou doutro, do tempo no que foron filmados, mesmo se a súa trama acontece en calqueroutro período histórico. Esta consigna atravesa boa parte da colleita cinematográfica de 2013, o sexto ano de crise e depresión, un ano no que o cinema segue sen abordar de fronte este proceso malia ser moito máis consciente das pantasmas do pasado.

O pasado como territorio histórico

Os únicos dous filmes da nosa listaxe que semellan ter algo que dicir sobre o contexto socio-político actual foron Redemption (Miguel Gomes, 2013) e VidaExtra (Ramiro Ledo Cordeiro, 2013). Nestes dous traballos, os seus directores empregan o pasado como áncora dende a que desenvolver o seu discurso: Miguel Gomes fai malabares coa metraxe atopada para imaxinar a psicoloxía e as motivacións de catro dos principais responsábeis da actual política de austeritarismo en Europa, e Ramiro Ledo atopa na ocupación do Hotel Colón de Barcelona durante a Guerra Civil Española un precedente para as prácticas de resistencia (e sobre todo de representación desa resistencia) dos movementos sociais contemporáneos. Gomes e Ledo arríscanse no formal e no conceptual ao construír dous dispositivos tan imaxinativos como significativos, malia que as súas propostas funcionan mellor a posteriori, como pezas teóricas, que durante o seu propio visionado.

Redemption (Miguel Gomes, 2013)

Moitos outros filmes tomaron o camiño inverso a Redemption e VidaExtra ao parten do presente da rodaxe para axustar contas cos episodios máis escuros da historia do século vinte: a matanza ritualizada dun millón de indonesios logo do golpe de estado que derrocou a Sukarno en 1965 (The Act of Killing, Joshua Oppenheimer, Christine Cynn & Anonymous, 2012), a supervivencia no campo de concentración de Theresienstadt durante a Segunda Guerra Mundial (Le dernier des injustes, Claude Lanzmann, 2013), o xenocidio camboiano visto dende unha perspectiva autobiográfica (L’image manquante, Rithy Panh, 2013), e as actividades criminais dun mercenario portugués contra a guerrilla angolana, salvadoreña e vasca entre os anos setenta e os noventa (Terra de Ninguém,Salomé Lamas, 2012). Todos estes filmes ensaian diferentes xeitos de representar o irrepresentábel, aquilo que preferimos non ver mais que precisamos saber, e moitos deles mesmo ousan entrar en tratos co maligno: The Act of Killing Terra de Ninguém danlle voz, directamente, a uns verdugos nada arrepentidos para que eles mesmos se poñan en evidencia a través da súa versión dos feitos, mentres que Le dernier des injustes está concibida como un pulso dialéctico entre o cineasta Claude Lanzmann e o último presidente do Consello Xudeu de Theresienstadt, Benjamin Murmelstein, un personaxe controvertido e escorregadizo que foi demonizado polos propios xudeus por mor das súas maquiavélicas negociacións cos nazis. Só Rithy Panh tenta pórse a salvo do maligno ao refuxiarse nas súas lembranzas de infancia en L’image manquante, ensaiando unha aproximación diferente ao xenocidio camboiano logo de terse enfrontarse xa aos verdugos en S21, la machine de mort Khmère rouge (Rithy Panh, 2003).

O cinema de ficción, no entanto, volveu ao pasado coa intención de ofrecer novas representacións de acontecementos, períodos e feitos traumáticos a xeito de terapia. Algúns exemplos desta tendencia serían Django Unchained (Quentin Tarantino, 2012) e 12 Years a Slave (Steve McQueen, 2013), dous filmes que propoñen, cada unha na súa liña, unha nova iconografía para as narrativas asociadas coa escravitude afroamericana; В тумане (In the Fog, Sergei Loznitsa, 2012), un título que tronzou a épica da resistencia fronte á ocupación nazi para repensar o caso bielorruso en termos morais; 一代宗師 (The Grandmaster, Wong Kar-wai, 2013), un puzzle estético e narrativo que emprega a biografía de Ip Man para revisar a historia chinesa recente; Barbara (Christian Petzold, 2012), un retrato feminino centrado nas miserias cotiás da última década da RDA; ou No (Pablo Larraín, 2012), a crónica da campaña publicitaria que derrotou nas urnas á ditadura de Augusto Pinochet a costa de abandonar os ideais da época de Salvador Allende. A constante destes seis traballos é a procura dun novo relato (In the Fog), estética (The Grandmaster), punto de vista (Barbara), dispositivo formal (No) ou iconografía (Django Unchained e 12 Years a Slave) que permita ceibar a representación do pasado dos lugares comúns dunha versión oficial que cómpre cuestionar.

Django Unchained (Quentin Tarantino, 2012)

O pasado como territorio afectivo

O caso de La grande bellezza (Paolo Sorrentino, 2013) é paradigmático das múltiples formas coas que o cinema revisou o pasado neste 2013. Sorrentino ambienta o seu mellor filme até o momento na Roma do presente, mais as súas festas e personaxes remóntanse a moitos pasados superpostos: dunha banda, hai un pasado histórico recente (a resaca do berlusconismo) e un pasado histórico pretérito (a herdanza da Roma clásica e renacentista), mentres que doutra banda o filme fala tamén do pasado do cinema, contrastando a modernidade de La Dolce Vita (Federico Fellini, 1960) coa posmodernidade que leva anos practicando Sorrentino, e fala tamén do pasado como unha época vital irrecuperábel para o seu protagonista, Jep Gambardella, un personaxe lúcido e consecuente que sabe que eses intres de beleza fuxidía aos que adicou a súa vida non volverán nunca.

As ensinanzas de Sorrentino, vía Gambardella, son un manual de supervivencia para espíritos sensíbeis inmersos nun presente banal. Porén, o pasado que volve unha e outra vez de xeito sempre diferente en La grande bellezza non é un pasado traumático, como en Le passé (Asghar Farhadi, 2013), Les salauds (Claire Denis, 2013) ou The Perks of Being a Wallflower (Stephen Chbosky, 2012), senón un pasado feliz que, por desgraza para Gambardella, vai esvaecendo paseniñamente. Outros dous personaxes que andan nas mesmas son Jesse e Céline, a parella protagonista de Before Midnight (Richard Linklater, 2013), que adican boa parte do seu último día de vacacións en Grecia a evocar as súas lembranzas compartidas, para así ter a forza necesaria para superar a longa e tensa discusión que lles agarda esa noite. Ao contrario que Gambardella, que sabe que xa é demasiado vello como para mudar de vida, Jesse e Céline teñen nesa liorta unha oportunidade para medrar como parella, se é que queren seguir sendo unha parella de aquí á hipotética continuación da súa saga.

Jep Gambardella (Toni Servillo) en La grande belezza (Paolo Sorrentino, 2013)

Á marxe de se as lembranzas son positivas ou negativas, o pasado reaparece en moitas ficcións desta tempada para condicionar o presente: por exemplo, en Mud (Jeff Nichols, 2012), o personaxe interpretado por Matthew McConaughey vive atrapado nunha historia de amour fou que a esas alturas xa lle trae máis problemas ca satisfaccións; en Blue Jasmine (Woody Allen, 2013), Only God Forgives (Nicolas Winding Refn, 2013) ou Stoker (Park Chan-wook, 2013), a reaparición dun familiar esquecido, ignorado ou mesmo rexeitado serve para precipitar a desgraza dos personaxes; mentres que en Bir zamanlar Anadolu’da (Nuri Bilge Ceylan, 2011), a procura dun cadáver durante unha longa noite crea un clima propicio ás confidencias que lle permite a un médico e a un xuíz exteriorizar os seus respectivos fracasos vitais. Mesmo nunha peza de non-ficción como Mapa (Elías León Siminiani, 2012), o pasado serve como estímulo para que o seu protagonista -o propio cineasta- emprenda unha fuxida cara diante a xeito de diario de viaxes.

Neste vaivén entre lembranzas tóxicas e felices, hai tres filmes que xiran arredor do encontro frontal co pasado. O primeiro deles, o documentário musical Searching for Sugar Man (Malik Bendjelloul, 2012), combina a estrutura do diario de viaxes cunha intriga detectivesca para resituar no presente a unha figura esquecida, o cantante folk Sixto Rodríguez, que Malik Bendjelloul prefire retratar antes como mito que como persoa. O segundo, a comedia fantástica The World’s End (Edgar Wright, 2013), enfronta a Gary King, un rei adolescente en plena decadencia, coas quimeras da súa xuventude, atacando á nostalxia case con máis forza que ao fucking starbucking. E por último, El futuro (Luis López Carrasco, 2013) emprega un fake dunha home movie da movida madrileña dos oitenta para suxerir que a gran resaca que vivimos arestora procede, en parte, do optimismo e das expectativas xeradas naquela época. No primeiro caso, o encontro co pasado pretende reinterpretar a súa herdanza en positivo, mais o segundo e o terceiro filme advirten da vacuidade destes exercicios: para Edgar Wright e Luis López Carrasco, o pasado só existe na medida en que serviu para moldear o presente, mais pouco se pode facer agora para mudalo. Por iso, The World’s End e El futuro son, cada un na súa liña, reescrituras frustradas (mais non fallidas) dun pasado que cómpre asimilar en troques de reproducir.

Coda: Dora en Fisterra

Deixo para o final un dos títulos que presenta unha relación pasado-presente máis controvertida: o documentário Costa da Morte (Lois Patiño, 2013). Nunha primeira lectura, a ollada romántica de Lois Patiño cara a paisaxe fisterrá semella andar á procura da súa esencia inmutábel, mais os seus encadres case sempre inclúen algunha invasión ou inxerencia do presente nas imaxes. A secuencia da rapa das bestas, por exemplo, é modélica neste sentido: no interior do curro, onde os cabalos salvaxes tentan resistirse a súa doma, atópase a tradición; mentres que no exterior do curro, entre o público, un globo de Dora a Exploradora delata o presente no que se ancora esta escena, establecendo ademais unha hipotética intertextualidade entre as aventuras de Dora e as de Patiño polo mundo adiante.

Costa da Morte (Lois Patiño, 2013)

A inclusión do tema ‘We No Speak Americano’ de Yolanda Be Cool na banda sonora (porque esa era a canción que soaba realmente na rapa das bestas que filmou Patiño) disipa calquera dúbida arredor do sentido deste filme: o pasado, xa estea representado pola tradición ou pola música pop (porque ‘We No Speak Americano’ constrúese a partir dun sampler da canción ‘Tu vuò fà l’Americano’ de Renato Carosone) só pode existir a través da súa permanencia no presente; polo que para comprender o presente, cando menos en 2013, fai falla rescatar aqueles elementos do pasado que agora por fin estamos en situación de comprender. Esa é a lección de Dora en Costa da Morte: mesmo as paisaxes máis atemporais pertencen ao tempo no que ollamos para elas. O pasado, polo tanto, é sempre unha invención do presente. 

Comments are closed.