ABERTA A INSCRICIÓN PARA O SEMINARIO A CRÍTICA EN IMAXES

Seminario2019

Crítica de cinema e creación son camiños que cada vez corren máis paralelos. Por iso, e continuando unha vontade que comezou no IV Seminario de Crítica que tivo lugar en Play-Doc, os videoensaios volven a centrar o noso discurso arredor das novas formas de ollar cara a crítica de cinema. Ante un cinema cada vez máis diverso, precisamos ferramentas máis potentes que as letras para falar del: precisamos falar de imaxes desde as imaxes.

O videoensaio xorde como un novo campo de traballo con grande potencial onde a crítica de cinema achégase, desde a creación, aos textos fílmicos. A montaxe, a edición, a manipulación e a apropiación son ferramentas que os alumnos deberán empregar para crear novos discursos sobre os filmes, ou incluso descubrir conexións, asociacións, que permanecen agochadas ao ollo nú.

Os alumnos terán a posibilidade de publicar os seus textos, escritos e audiovisuais, en A Cuarta Parede e contarán co apoio da mesma na edición dos seus textos. Asemade, os alumnos recibirán, unha vez entreguen o seu traballo, un diploma acreditativo pola formación recibida.

CALENDARIO

6 de Abril

Sesión teórica. 10:30 – 12:00h

Sesión impartida por Ricardo Vieira Lisboa

O ensaio audiovisual dixital como obxecto singular no panorama das imaxes en movemento (no reino do dixital) preséntase como entidade intermedia entre o reino artístico – os cinemas e os novos media (sobre o que versa directamente) – e o territorio académico e crítico (do que participa). Mentres, recentemente, os ensaios dixitais teñen sido acollidos en seccións (paralelas ou competitivas) de festivais de cinema e de vídeoarte, convidados a integrar programas de retrospectiva en cinematecas, en edicións de DVDs e exhibidos ocasionalmente en galerías e museos, aínda que de forma tímida. Que obxecto é este que parece ser fillo do cinema experimental e da vídeoarte (o traballo co “found footage”, a apropiación do vídeo, a des/re-contextualización das imaxes en movemento), mais tamén das prácticas do ensino e da análise fílmica? Nesta conversa presentarase unha serie de obxectos (do propio Ricardo e outros) que viven nese intervalo que se establece entre esas prácticas, aparentemente tan distintas. O foco: as relacións entre texto e imaxe e a repetición e o loop como ferramentas de investigación.

[O visionado previsto para as 12:30 trasládase á sesión práctica da tarde para permitir que os alumnos poidan asistir ao Encontro con Kidlat Tahimik]

Sesión práctica. 16:00 – 17:30h

Sesión impartida por Brais Romero Suárez

Primeira sesión práctica na que se orientará aos alumnos da sobre as múltiples formas de facer crítica en vídeo e os posibles problemas á hora de facelo. O alumnado deberá traer un programa de edición para realizar os seus propios proxectos, así como os filmes ou pezas coas que desexen traballar. Durante o festival, os alumnos traballarán nos seus ensaios audiovisuais e contarán coa asistencia do docente para resolver dúbidas ou solucionar posibles problemas técnicos ou de contido. Previamente, antes desta sesión, os alumnos recibirán a orientación do docente a través de email para chegar ao festival co tipo de ensaio decidido.

7 de Abril

Sesión práctica. 10:30 – 14:00h

Última sesión práctica dedicada ao traballo nas pezas individuais así como a un visionado colectivo dos traballos realizados, permitindo así que os alumnos se poidan nutrir do diálogo crítico e construtivo.

DOCENTES

Ricardo Vieira Lisboa, crítico de cinema e programador, ten desenvolto artigos académicos sobre a historia do cinema, a conservación e restauración de cinema portugués e ten producido curtametraxes experimentais coma Le métro, Vieira da Silva (2016), Children, Madonna and Child, Death and Transfiguration (2016) e Cigarro Azul (2017).

Brais Romero Suárez, director da revista A Cuarta Parede, programador de Curtocircuíto e investigador audiovisual, traballa a cotío nos campos do videoensaio, a lingua galega e a identidade. Entre os seus traballos destacan “Hedonismo e simetría” (2017) ou “Galicia filmada desde fóra” (2018). Na actualidade traballa na súa tese de doutoramento sobre o rol do galego no cinema de ficción.

PRAZOS E MATRÍCULA

O número de alumnos estará limitado a 25, tendo prioridade aqueles que realicen antes o pagamento da matrícula na conta de A Cuarta Parede.

O prezo de matrícula será de 20€ na semana do 11 de febreiro ao 17 de febreiro. A partir do día 18, o prezo será de 25€. Todos os alumnos recibirán unha acreditación completa para poder asistir ás proxeccións do festival. Ademais, ofrecerase un desconto en aloxamento para facilitar a estancia en Tui durante os días do festival.

Para realizar a matrícula, os alumnos deberán escribir un correo electrónico a info@acuartaparede.com, sinalando no asunto do correo “Seminario PlayDoc” e incluíndo no correo o nome completo e o DNI.

O prazo de matrícula estará aberto ata o 29 de marzo.

Comments are closed.