BERLINALE 2020: SECCIÓN OFICIAL (2/3)

Never Rarely Sometimes Always, de Eliza Hittman © Focus Features

Podes ler a versión orixinal deste texto en inglés.

Continuamos coa nosa crónica da Sección Oficial da 70ª Berlinale.

Never Rarely Sometimes Always, de Eliza Hittman, é unha desas estrañas experiencias transformadoras: unha invitación a observar algo cotián a través dunha perspectiva diferente. Unha desas ocasións nas que entras ao cine sen saber que esperar, e marchas sentindo que viches algo realmente notable. A ‘mirada feminina’ é un termo empregado frecuentemente nos últimos anos, pero tras un século de historia do cinema onde a mirada masculina foi a norma hexemónica, cantos de nós somos realmente capaces de comprender o concepto?

Algúns asistentes ao festival describiron a película, de forma moi inexacta, como “a nova Juno“, espertando certo escepticismo. Trala proxección, descubrimos que a película xa fora presentada anteriormente no Festival de Sundance, o cal non é habitual (debido ao requisito dalgúns festivais de contar coas obras en primicia). Con todo, é fácil entender por que o equipo de programación da Berlinale insistiu en incluír o filme na súa Sección Oficial. Do mesmo xeito, é xusto que a película recibise o segundo premio máis prestixioso do encontro: o Gran Premio do Xurado.

A dirección de Eliza Hittman non permite unha mirada pasiva; de feito, esixe en todo momento o compromiso dos espectadores. A actriz debutante Sidney Flanagan carga sobre os seus ombreiros co peso da película, ofrecendo unha interpretación notable no papel de Autumn. Aínda así, é a sensibilidade e a precisión do guión o que impulsa realmente a película. A cinta explora cuestións de gran relevancia, como os aspectos legais ou a desinformación arredor do aborto, a (des)igualdade de xénero e os innumerables problemas que impón o patriarcado ás distintas xeracións, e faino cunha determinación sen precedentes. O que podería ser unha representación sobredramatizada e simplista dunha sociedade sombría e patriarcal preséntase dunha forma máis sutil, onde Hittman explora a importancia da sororidade a través da relación entre Autumn e a súa curmá Skylar (Talia Ryder), desafiando os nosos prexuízos sobre as dinámicas de poder entre xéneros cando un mozo (Théodore Pellerin) mostra interese por Skylar. Talvez a interpretación de Flanagan non sexa impecable, pero logra encollernos o corazón cando finalmente se revela o misterioso título da película.

Falando de títulos crípticos, The Woman Who Ran de Hong Sang-soo probablemente sexa a gañadora. Asistir á proxección da última película dun dos directores máis aclamados do cinema contemporáneo, sen estar familiarizado co impresionante groso do seu traballo, impón certo respecto. Con todo, a través dunha especie de soño rohmeriano, a exploración que fai Hong Sang-soo do cotián logra atrapar ao público nunha atmosfera de seguridade e familiaridade, co seu descarado sentido do humor, os seus xogos de cámara e a súa particular música (escrita polo propio director). Se a isto lle sumamos unha memorable e divertida secuencia cun gato, o resultado é unha película totalmente accesible.

Nos seus 77 minutos de duración, The Woman Who Ran narra un día (ou tres) na vida de Gam-hee (Kim Min-hee), unha muller ‘felizmente casada’, mentres visita a unhas amigas. A narración presenta unha estrutura en tres actos, nos que Gam-hee conversa con tres mulleres en situacións diferentes: primeiro visita a unha amiga divorciada para gozar xuntas dunha grellada; máis tarde ponse ao día cunha amiga solteira durante o xantar; e finalmente comparte unha mazá coa esposa dun exmozo ao que visita no seu cine. A película consiste basicamente nunha serie de conversacións informais, con diálogos torpes e entrañables propios da vida cotiá, filmados en longas secuencias con simples movementos de cámara e zooms ocasionais aos personaxes.

É “a primeira vez en 5 anos” que Gam-hee e o seu esposo están separados, debido a que el marchou por unha viaxe de negocios. Esta información repítese en cada unha das secuencias. “El di que as persoas namoradas sempre deben permanecer xuntas. É o que el quere”, confesa Gam-hee. Son precisamente estes comentarios fugaces, no medio dun intercambio polo demais hilarante e case trivial, o que nos leva a sospeitar que Gam-hee podería estar realmente fuxindo de algo. Aínda así, faino con absoluta calma e discreción. Citando á propia Gam-hee cando fala da película que viu no cine, esta é unha obra moi tranquila.

Hong Sang-soo fíxose co premio ao Mellor Director da Sección Oficial, continuando unha impresionante racha para o cinema surcoreano este ano, tralo éxito histórico de Bong Joon Ho con Parasite. Malia ser unha obra cun encanto e unha beleza máis sutís, The Woman Who Ran é un auténtico agasallo para a vista.

The Woman Who Ran, de Hong Sang-soo © Jeonwonsa Film Co. Production

Non se pode dicir o mesmo de Favolacce, a cinta coa que os irmáns D’Innocenzo regresan á Berlinale. Dous anos despois de presentar a súa primeira longametraxe, La Terra dell’Abbastanza, estreada na sección Panorama, os xemelgos Damiano e Fabio volven cunha historia igualmente sombría sobre as traxedias modernas dos suburbios italianos.

A pesar do esforzo evidente por facer que a película resulte visualmente atractiva, parece que os realizadores carecen de calquera tipo de empatía cara os seus personaxes. Un narrador preséntanos as vidas entrelazadas de varias familias a través do diario dunha nena misteriosa, que máis tarde identificamos como unha das protagonistas. Con todo, o seu punto de vista na historia non parece ser máis importante que o de calquera outra persoa, resultando nun incoherente cambio de perspectivas ao longo da película. O espectador adopta un punto de vista omnisciente, mentres a cámara segue o drama das diferentes familias por quendas.

Malia que o guión presenta algúns momentos destacables, a narrativa non acaba de encaixar. De feito, o narrador conclúe admitindo que quizais foi o seu propio aburrimento o que o levou a contar estes relatos. A diferenza dalgunhas obras análogas como as de Alejandro González Iñárritu, onde as vidas dos distintos personaxes están unidas de forma poética a través dalgúns xiros inesperados do destino, os personaxes de Favolacce son simplemente veciños ou coñecidos cunha cousa en común: teñen uns pais terribles. A cinta presenta algúns momentos atrevidos, pero dilúense nos 100 minutos de duración, durante os cales a película carece dun enfoque claro e de actuacións cribles. É certo que algúns nenos teñen unha vida familiar horrible, pero a película podería profundar moito máis no tema. O feito de que Favolacce gañase o Oso de Prata ao Mellor Guión seguirá sendo para nós un dos grandes misterios desta edición.

Por outra banda, foi unha sorpresa realmente agradable que Delete History, dirixida por Benoît Delépine e Gustave Kervern, se alzase co Oso de Prata da 70ª Berlinale (galardón que substituíu este ano ao xa infame Premio Alfred Bauer). En xeral, considérase moi difícil escribir unha boa comedia. De feito, aquelas que non encaixan minimamente no xénero dramático raramente aparecen seleccionadas nas competicións de grandes festivais, e moito menos reciben premios importantes. Por iso, exemplos como Delete History conseguen restaurar a nosa fe nas narracións humorísticas.

O guión está repleto de críticas contemporáneas, tan divertidas como implacables. De feito, é evidente que esta película non foi premiada precisamente pola súa sutileza. Se alguén pregunta pola definición de slapstick, aquí ten a resposta. Toda a cinta mantén o ritmo dun incesante monólogo: xusto antes de que desapareza a última gargallada do público, os personaxes ofrecen unha nova resposta enxeñosa.

Marie (Blanche Gardin), Bertrand (Denis Podalydès) e Christine (Corinne Masiero) forman un trío de inadaptados, cuxas desafortunadas decisións vitais dan lugar a unha historia moi entretida. Marie é unha nai arruinada e recentemente divorciada, que se nega a aceptar que o seu fillo xa non vive con ela; Bertrand é o seu veciño, un pai solteiro que parece ignorar á súa filla adolescente mentres trata de contratar un servizo telefónico que claramente non precisa; e Christine é a condutora á que chaman cando se dan conta de que necesitan manter a quilometraxe dos seus coches o suficientemente baixa como para poder vendelos a bo prezo. Cando un estraño comeza a chantaxear a Marie con filtrar un vídeo de contido sexual, o trío embárcase nunha aventura delirante, ofrecendo unha das críticas máis evidentes e esaxeradas do consumismo que teñamos visto na gran pantalla.

A pesar dalgúns aspectos cuestionables como a representación que ofrece da clase traballadora, sería sorprendente que a película de Delépine e Kervern non se convertese nun éxito internacional de masas.

Desgraciadamente, non ocorrerá o mesmo coa última obra de Tsai Ming-Liang, Days. O certo é que a película non ofrece moito en termos de trama. Nunha escena vemos a un home pelando hortalizas durante dous minutos, e a continuación a secuencia dunha masaxe que dura polo menos quince. Con todo, no medio de todo iso sucede a maxia. A película está composta principalmente por unha serie de planos fixos, mostrando o mundano e o magnífico, ata lograr diluír a fronteira entre ambos.

Observamos os mercados de Taiwán, o reflexo dun fermoso amencer nun edificio monótono e a un home solitario xogando cunha caixa de música, todo iso no medio do caos dunha cidade frenética que parece ignorar estes pequenos detalles. No entanto, nós si os percibimos. A xustaposición entre a lentitude que nos impón o director e o ritmo acelerado que rodea aos dous protagonistas é absolutamente poética.

Days non é unha película para todo o mundo. Ninguén parecía odiala durante a Berlinale, pero poucos se sentiron realmente cativados por ela. Trátase dunha película “presentada intencionadamente sen subtítulos”, tal e como sinalan os créditos de apertura, onde Tsai Ming-Liang nos convida a mergullarnos nunha experiencia de dúas horas sen diálogos. Aínda que moitos se manterán afastados da película por este motivo, aqueles dispostos a achegarse a ela sen prexuízos descubrirán unha fermosa obra sobre os temas universais do envellecemento e a soidade, así como a natureza efémera das conexións humanas. Malia que non puidemos ver un número significativo de películas LGBTQ no festival, alegrámonos de que esta cinta lenta e conmovedora, fácil de pasar por alto, recibise algo máis de atención logo de facerse co Teddy Award á mellor película queer.

Days, de Tsai Ming-Liang © Homegreen Films

Comments are closed.