POR QUE PROGRAMAR ‘BUMMING IN BEIJING’: UNHA INTRODUCIÓN AO NOVO DOCUMENTAL CHINÉS

A historia de como chega a programarse Bumming in Beijing: The Last Dreamers é a dun descubrimento involuntario que provén do ciclo sobre a representación da cidade no cinema, que o Cineclube de Compostela está a pasar agora mesmo. Cando nos chegou o convite para programar unha sesión, pensamos que o lóxico era dialogar coas liñas xa existentes e responder cun conxunto de artigos a este tema tan suxerinte. A sesión tamén iría por aí. No meu afán por estudar a plasmación das transformacións urbanas no documental chinés recente, os primeiros nomes que apareceron foron loxicamente Wang Bing e Jia Zhangke. Pero por que mostrar algo que os espectadores do Cineclube xa coñecen? Así que indaguei un pouco e atopei unha cantidade de información que me resulta agora mesmo inabarcable. Estou só descubrindo a punta do iceberg do que se dá en chamar Novo Documental Chinés. Os filmes do movemento son de difícil acceso e, o máis fragrante, descoñecidos en España.

Bumming in Beijing: The Last Dreamers só fala da construción dunha nova urbe de modo tanxencial e subterráneo, mais hai algo que a fai relevante. Inaugura o movemento e, con el, todas as características formais e temáticas que o definen. Elíxoa pola miña atracción cara este cinema sen explorar. Tiña o destino ben definido, mais vin unha árbore no camiño e non puiden evitar comer do seu froito.

O movemento sitúase nun punto intermedio entre o 'direct cinema' de Frederick Wiseman e o 'cinéma vérité' de Shinsuke Ogawa.

Que é logo o Novo Documental Chinés?

O movemento xorde nun período histórico importantísimo para China sen o cal non é posible entender a aparición destes cineastas. Bumming in Beijing: The Last Dreamers concíbese xusto antes das protestas de Tian’anmen en 1989, revolta intelectual e obreira contestada cunha violencia inusitada por parte do goberno, o que provoca a repulsa internacional e un consecuente lixeiro cambio de rumbo do país cara unha liberalización económica e política cada vez máis acusada. A sociedade chinesa está a mudar. As cidades medran cunha reactivación industrial desaforada que provoca polución e cambios estruturais nas descontroladas urbes. Novos bens de consumo están accesibles para os cidadáns, recuperándose unha ostentación na forma de vestir só comparable ás épocas dos antigos emperadores1. Pero tamén xorden novos modos de contestación, agroman comunidades antes agochadas (como a gai-lésbica, cunha boa nómina de filmes do movemento) ou acaba por producirse un maior intercambio cultural con outros países.

É precisamente unha experiencia semellante a que vai definir a forma do movemento, se ben o contexto dá os contidos. O director de Bumming in Beijing: The Last Dreamers, Wu Wenguang, viaxa en 1989 xunto a outros compañeiros de xeración ao festival de Yamagata, fundado polo mestre do ‘cinéma vérité’ Shinsuke Ogawa2. Nese ano pasan unha retrospectiva dun dos pais do ‘direct cinema’, Frederick Wiseman. Wenguang volve a Pequín con esas dúas referencias e sitúase nun lugar intermedio, cunha cámara dixital na man, o que fai posible desenvolver as inquietudes de Dziga Vertov e o seu ‘cine-ollo’.

Esta amalgama de referencias descubertas recentemente contraponse ao documental político de corte informativo-propagandístico do réxime, única escola ata o momento dispoñible para os documentalistas, que agora poden usar a súa propia cámara dixital para gravar o que ocorre ao seu redor sen restricións formais ou temáticas.

Uso nivelado de observación e intervención para explicar a realidade. Desterro da voz en off. As imaxes deben falar por si soas. Son os valores máis claros do movemento, explotados na súa obra mestra West of the Tracks (Wang Bing, 2003), e presentes tamén na fundacional Bumming in Beijing: The Last Dreamers.

O concepto de 'xianchang' guía aos cineastas. Esta escena de 'Bunning in Beijing' é un caso emblemático, que precipita a trama cara o seu desenlace.

‘Xianchang’: aquí e agora

E nesta balanza de dous pesos, hai un terceiro que equilibra toda a ecuación: o concepto de ‘xianchang’. O mesmo Wu Wenguang descríbeo como estar “no presente e no lugar exacto”. Isto é, onde acontecen as cousas, mais sen esperar a que acontezan. Adiantarse a uns feitos que non se coñecen, mais que se senten. Un dos xeitos de suxerir que o método ‘xianchang’ é real, e non unha construción pre-fílmica, é “referirse a acontecementos nas películas que suxiran unha espontaneidade incontrolable e unha carencia de guión”3. Esta práctica é continua en Bumming in Beijing: The Last Dreamers. O filme ábrese cuns rótulos que presentan a cada un dos personaxes. O vínculo que os une son as comunas de artistas ou casas de acollida en Pequín, onde todos habitan. Algúns deles desaparecerán de escena ao longo da metraxe. Os motivos expóñense tamén en rótulos, e a narración de Wenguang vese alterada por estes acontecementos que non pode controlar.

O que me atrae desta película é a súa capacidade para retratar unha sociedade cambiante sen saír das catro paredes dun inmoble. Os cinco artistas que a protagonizan son representantes dunha contracultura agochada, ilegal, que parece ter só esperanzas no estranxeiro, nun paraíso que leva o nome dos Estados Unidos de América. Coma o título suxire, son os últimos soñadores, pois a liberdade e riqueza (espiritual mais tamén económica) que tanto anhelan algúns pode que estea máis preto do que pensan, pero se cadra non se corresponderá co que esperaban. En definitiva, o que o filme parece preguntarse é onde irán parar as esperanzas da revolta de Tian’anmen. A película transpira unha continua sensación de incerto cambio de era, para o que Wenguang ten claro o procedemento: mirar, preguntar, escoitar, contar.

O método non é novo, pero resulta efectivo. Tómase un lugar habitado por unhas presenzas que resulten interesantes para a cámara e báilase con elas, ao seu son. O plano vén definido polos seus movementos, e os nós de trama márcanos as súas accións. Non por nada cita Wenguang a Wiseman como a súa principal referencia cinematográfica.

Estou convencido de que Bumming in Beijing: The Last Dreamers é só un primeiro descubrimento dun mundo apaixonante e por explorar. Só espero que compartades o meu entusiasmo e que esta introdución ao movemento sirva para seguirmos indagando no fértil terreo do Novo Documental Chinés.

__________

  1. A recuperación do ‘qipao’, vestido de seda tradicional que vestían as mulleres ricas na dinastía Qing e prohibido nos anos máis duros do período comunista, é un signo dos cambios que experimenta a sociedade chinesa. Como curiosidade cinéfila, citar que, consciente de como a vestimenta pode comunicar o que somos e en que época vivimos, Wong Kar-Wai fixo vestir a Maggie Cheung uns 40 modelos de ‘qipao’ para evidenciar o paso do tempo en Deseando amar. Un non-chinés seguramente pasará isto por alto. Para coñecer máis sobre o ‘qipao’ e outros detalles curiosos da cultura chinesa (sobre todo a gastronomía), recomendo a lectura da novela negra Seda roja, de Qiu Xialong, editada en España por Tusquets.

  2. O director nipón dedicou durante máis dunha década varios títulos ás transformacións na área de Narita a causa da construción do aeroporto. Este método de rodaxe continuada no tempo será influínte para moitos membros da xeración, moi especificamente Wang Bing.

  3. Robinson, Luke, “From Public to Private: Chinese Documentary and the Logic of Xianchang” en Berry, Chris; Xinyu, Lu e Rofel, Lisa (eds.), The New Chinese Documentary Movement: For the Public Record, Aberdeen, Hong Kong University Press, 2010; p. 180

__________

Sesión Cineclube de Compostela – Mércores 28 de marzo ás 21.45h no Pichel


The Subconscious Art of Graffiti Removal
(Matt McCormick, EUA, 2002, 17′, VOSG)


+


Bumming in Beijing
(Wu Wenguang, China, 1990, 70′, VOSG)

Comments are closed.