CAMINHOS DO CINEMA PORTUGUÊS: COIMBRA, CAPITAL DO CINEMA LUSO

Nunha chuviosa de novembro daba comezo o XX Festival Cinema Caminhos Português en Coimbra. A principal cidade da rexión norte de Portugal, coñecida como a segunda Salamanca pola súa tradición universitaria. Un evento cinematográfico que cumpre vinte edicións logo dun parón de dous anos na súa organización. En palabras do seu director Vítor Ferreira, na gala de inauguración, “os camiños fanse camiñando” e “Coimbra volvía ser a capital do cinema portugués”. Cun programa no que compiten 63 obras, de diversas temáticas e distribuídas nunha serie de seccións creadas para garantir o acceso a todo tipo de público; púidose vivir unha experiencia única ao gozar e descubrir, do día 14 ao 22 de novembro de 2014, as obras dos protagonistas do panorama actual cinematográfico e audiovisual de Portugal.

O lugar elixido para as proxeccións foi o Teatro Gil Vicente, localizado en pleno corazón da cidade a pé da famosa Praça da República. Un lugar excepcional polo que pasan a diario todos os habitantes de Coimbra e dende onde se poden contemplar as siluetas dos edificios universitarios onde naceu no ano 1988 o Festival “Caminhos do Cinema Português”. Unha primeira edición protagonizada por realizadores que forman parte da historia do cinema portugués como João César Monteiro, Paulo Rocha ou Manoel de Oliveira.

A XX edición do Festival Caminhos do Cinema Português estivo marcada polo talento das novas xeracións que competiron recentemente coas súas obras no Doc Lisboa, colleitando un grande éxito. E sen abandonar o ámbito académico da cita tamén se podería, como noutras edicións, gozar dunha serie de cursos teóricos e prácticos sobre todas as ramas do audiovisual impartidos polos propios realizadores.

CAMINHOS1Perderse nos camiños

O documental E agora lembra-me (2013) de Joaquin Pinto foi o encargado de iluminar por primeira vez a pantalla de cinema do teatro. O público desfíxose en aplausos logo da proxección deste vídeo-diario que xerou un debate interesante en torno á obra durante o desenvolvemento do festival. Foi a sección de longametraxe documental a que máis destacou na programación contando coa presentación de Alentejo, Alentejo (2014) de Sérgio Tréfaut, I Love Kuduro (Mário Patrocínio, 2014) e o sorprendente Pára-me de Repente o Pensamento (Jorge Pelicano, 2014). Traballos de temáticas dispares, que van dende a orixe dos cantos tradicionais da rexión do Alentejo, ao movemento frenético das cadeiras do baile Kuduro en Angola ata o silencio das voces quebradas dos internados no Centro Hospitalar Conde de Ferreira de Porto. Do realizador e produtor Sérgio Tréfaut, que recibira en 2012 o Premio do público no Festival de Xixón pola súa película Viajem a Portugal, proxectouse Alentejo, Alentejo, documental que nos transporta de novo a Portugal, esta vez ao sur, á rexión do Alentejo, de roxizas terras de explotación agrícola e gandeira.

A cargo da dirección Mario Patrocínio, e na fotografía de Pedro Patrocínio, presentouse o documental I love Kuduro. Dous irmáns que están mostrando cun grande éxito en Festivais Internacionais, o movemento cultural urbano nacido nos barrios pobres de Angola. Nomes como Cabo Snoop, Titica, Francias Boy ou Nagrelha protagonizan esta historia que ten comezo no interior dun gueto de Angola, na localidade de Luanda. Unha proposta arriscada en canto ao enfoque do tema polas diversas correntes musicais existentes e que foi a acertada, centrándose nos principais lugares e personalidades que representan o estilo de Kuduro.

Dous dos protagonistas da longametraxe documental Pára-me de Repente o Pensamento conversan durante un paseo matinal polos xardíns do Centro Hospitalar Conde de Ferreira de Porto. Con tres premios se alzaba esta película de Jorge Pelicano na gala de peche do Festival Caminhos, nada menos que o Prémio Melhor Realizador Europcar, Grande Prémio do Festival Portugal Sou Eu e Prémio do Público Chama Amarela. Sen dúbida a revelación do festival cunha longametraxe documental sobre a esquizofrenia, tema que se ten tratado en moitas ocasións pero non con tal grao de sensibilidade e respecto por esta enfermidade. O realizador adéntrase no Centro Hospitalar Conde de Ferreira de Porto co pretexto de coñecer información sobre un antigo paciente que estivo alí internado, o poeta portuense Ângelo de Lima, ao que se lle diagnosticou unha serie de perturbacións paranoicas que se ven reflectidas na súa obra literaria. O título do documental coincide co inicio dun dos seus poemas e en torno ao que xira toda a metraxe. Trátase dunha obra dura protagonizada por varios pacientes que contan algunhas das súas vivencias con constantes divagacións. E por momentos un pregúntase se está sendo espectador dunha ficción cun gran guión e un excelente casting. Pero nada que ver con iso, como ben explicou o propio realizador ao terminar a proxección, os pacientes pasaron por un proceso de adaptación á cámara gracias a varias semanas de traballo intensivo. Contou coa inolvidable participación do actor Miguel Borges que viviu durante tres semanas cos pacientes e que encarna e dá voz aos versos de Ángelo de Lima falecido en Lisboa no ano 1921.

Continuando coas longametraxes, dúas historias sobre o amor na adolescencia que conseguiron conmover ao público. A primeira delas, Um fim do mundo (2014) de Pedro Pinho, cunha coidada fotografía en branco e negro que se desenvolve en diversas localizacións da cidade de Setúbal. Un fiel retrato dun día na vida dun grupo de adolescentes de diferentes idades que pasan unha xornada de praia no estuario do Sado. É neste lugar durante a tarde onde xorde o amor entre dous dos protagonistas e que se secunda na escuridade da noite. Esta película, que foi rodada en 16mm e pasada a dixital, logrou o Prémio Melhor Fotografia que correu a cargo de Vasco Viana. O primeiro verão(2014)dirixida e interpretada polo novo Adriano Mendes, que a estreou internacionalmente no 17th Shanghai Internacional Film Festival e que gañou numerosos premios nacionais e internacionais, conta a historia de amor entre Miguel (Adriano Mendes) e Isabel (Anabela Caetano) durante a época estival fuxindo dos tópicos. Se algo fai especial a esta película é a hostilidade mutua entre os protagonistas, similar á que se produce en calquera relación. Adriano Mendes recibiu o Prémio Revelação Domus Legis por esta longametraxe, sendo ovacionado por toda a sala tras denunciar as dificultades polas que pasan os mozos ao realizar as súas obras.

Mención especial á longametraxe El grande Kilapy (2014),unha coprodución entre Portugal, Brasil e Angola comandada por Zézé Gamboa. Unha película baseada en feitos reais que lle aconteceron a Joãozinho, unha lenda en Angola pola súa relación coas mulleres e a política nos anos 60́ e 70́. O actor brasileiro Lázaro Ramos recréase na historia deste enigmático personaxe conseguindo unha interpretación brillante. O contexto histórico da película é o de finais do período colonial e o argumento desenvólvese en Portugal e Angola, países nos que Joãozinho viviu. Polo emprego de numerosos equipos humanos e técnicos necesarios para a recreación histórica, esta película recorda a unha gran produción de época.

Quizais as longametraxes con menos interese e non por iso con menos afluencia de público foron as de temática de comedia, terror e fantasía. Títulos como Virados do Avesso (2014) de Edgar Pêra, Eclipse em Portugal (2014 )de Alexandre Valente ou Famel Top Secret(2014)

CAMINHOS2Desvíos dos camiños

Todas as sesións diarias do Festival Caminhos do Cinema Português iniciábanse coa proxección de varias curtametraxes, todo un acerto por parte da organización o de acercar ao público este formato de curta duración antes das longametraxes. Púidose gozar de todo tipo de xéneros e coñecer en persoa a maior parte dos artífices das historias contadas: realizadores, actores, técnicos… unha completa homenaxe ao formato da curtametraxe creada en Portugal e que se reafirmou coa Selecção Ensaios. A Selecção Ensaios é unha programación complementaria á competición oficial do festival, que se desenvolveu no Mosteiro de Santa Clara-a-Velha situado ao outro lado do río Mondego, na que participaban traballos de escolas e universidades de Portugal. Unha oportunidade para coñecer os traballos dos futuros protagonistas do panorama audiovisual portugués, que sorprendeu pola calidade da maior parte das curtametraxes que se proxectaron, podendo nalgún dos casos ter competido na sección oficial. Das 33 curtometraxes que competían poderíanse destacar as seguintes:

Pedro Lino, valéndose dun texto do poeta Miguel Torga referente literario en Coimbra, constrúe a curtametraxe Terra (2014),que nos leva a unha zona de alta montaña onde unha multitude de persoas se agrupan en círculo para asistir a unha tradición na que dous bois se enfrontan nun corpo a corpo que dura varios minutos. A narración debátese entre o visual e o sonoro, provocando unha experiencia salvaxe igual á que trata o poeta no seu texto. A historia Outono(2014)de Marco Amaral desenvólvese nas montañas situadas en Serra da Estrela. Cóntanos a odisea que debe afrontar a diario un neno ao ter que andar varios quilómetros a pé ao ter sido pechada a súa escola máis cercana. Destaca nesta curtametraxe a interpretación do protagonista e unha coidada fotografía que rexistra fielmente as cores desa época do ano.

A Bicicleta (2014)de Luís Vieira Campos obtivo o Prémio Melhor Curta-Metragem Turismo do Centro e Prémio Melhor Actriz Secundária para Adelaide Teixeira. Unha curtametraxe gravada nunha das barriadas de Oporto, onde conviven familias de clase obreira en altos edificios que están, a maior parte deles, nun estado ruinoso. Conta a historia dunha familia con todos os seus membros en paro e que vive ao borde da desesperación. Ao pai xórdelle a posibilidade de obter un posto de traballo, pero para iso necesita dispor dunha bicicleta que non ten. O drama e o humor mestúranse nesta curtametraxe, ofrecendo unha visión humana da esperanza.

Na escama do Dragão(2014) de Ivo M. Ferreira e Longe do Éden (2014)de Carlos Amaral son dúas curtametraxes que comezaron a súa produción en 2012 dentro das actividades desenvolvidas en Guimarães por ser ese ano a Cidade Europea da Cultura. No primeiro deles seguimos o traballo de gravación dunha reporteira (e ao seu operador de cámara Siun Chong) pola costa do sur de China, lugar onde naufragou no século XII un buque portugués de exploradores. Unha delicia visual e sonora pero cun argumento complexo que provocou a indiferenza do público presente. Longe do Édentrata a aventura de supervivencia dun home (Vítor Correia) en paisaxes urbanas desoladas e hostís. Destaca a interpretación e a dirección artística da curtametraxe, capaz de simular un hipotético futuro. E das propostas máis experimentais do festival destacou a curtametraxe Triângulo Dourado(2014)de Miguel Clara Vasconcellos; construída a través da unión dunha serie de gravacións en 16mm que ten como pano de fondo as ribeiras do río Sena e paisaxes de París que percorre a súa protagonista, Sheylla Barros. Foi Furia (2014)de Diogo Baldaia, unha curtametraxe documental sobre as categorías inferiores de boxeo, a que se alzou co Prémio Melhor Ensaio Fnac.

Comments are closed.