CANNES 2018 EP. 11: NURI BILGE CEYLAN APURA AS SÚAS OPCIÓNS PARA A PALMA DE OURO

IMG_1394

A última das películas en competición este ano foi The Wild Pear Tree (2018), do turco Nuri Bilge Ceylan, que xa gañara a Palma de Ouro e o FIPRESCI con Winter Sleep (2014) e que aquí volve presentar un serio contendente. A película fai gala unha vez máis dun ritmo pausado e sutís conversas que agochan sempre dobres sentidos, na volta dun novo escritor á súa terra logo de estudar fóra dela. Aí ten que facer fronte a un pai que está a arruinar a súa vida co xogo, lidiar coa incapacidade para formar unha vida coa muller que o atrae e, en definitiva, aprender a vivir consigo mesmo ante unha sociedade que lle resulta allea.

Compórtase este rapaz coma unha sorte de superhome que estivese por enriba de todas as incoherencias do seu pobo, como pode ser a tensión entre unha vida laica ou outra marcada por valores relixiosos. Turquía é a fronteira de dúas formas de comprender o mundo, a cabalo entre a tradición xudeucristiá e a musulmá. Un interesante plano secuencia no que o protagonista discute cuns imáns da vila condensa en certa medida estas tensións que o filme pon sobre a mesa, resultando en radiografía dun pobo a través da ficción.

A empresa ten algo de dostoievskiano e, nesta vertente literaria na que se xoga tamén coa idea do libro que escribe o rapaz, podendo ser algunhas das secuencias ficcionalizacións da súa propia vida, irmándase en boa parte co dispositivo de Burning (Lee Chang-dong, 2018), a través do cal tanto Ceylan como Lee entregan notables películas.

IMG_1395

Desexos para os galardóns

Será difícil que Ceylan repita no palmarés, mais si nos gustaría ver a Burning coroada, xa que a consideramos a mellor película da sección oficial, esa que non nos solta días despois, que vai medrando no noso interior e nos invade na vixilia. Témola pegada en corpo e alma dende que a vimos. Invadiu os noso sentidos e mente.

A que parece que vai rascar algo é Alice Rohrwacher, nunha edición marcada pola reivindicación da muller e a loita pola conquista da igualdade. A súa Lazzaro felice (2018) seguramente sexa a película máis arriscada de toda a competición, polo que aplaudiremos que lle caia a Palma ou o premio á mellor dirección.

Guión para Hirokazu Kore-eda por Shoplifters (2018) sería recoñecer a volta do xaponés ao seu estilo máis depurado e, dado que é un filme máis ben de corte clásico que destaca pola súa narrativa, este é o galardón axeitado. Outras películas que nos gustan, pero que vemos lonxe do palmarés, son Asako I & II (Ryusuke Hamaguchi, 2018), Le livre d’image (Jean-Luc Godard, 2018) e Three Faces (Jafar Panahi, 2018), e é que non pode entrar todo nos galardóns.

Con máis opcións parte a notable Zimna wojna (Cold War, Pawel Pawlikowski, 2018), coa actriz Joanna Kulig podendo ser premiada, en contenda con Zhao Tao por Ash is Purest White (2018). Aínda que nos parece a película máis frouxa de Jia Zhang-ke, non é o sentir xeral, e o galardón a Tao sería un recoñecemento a unha comprometida carreira co realizador chinés.

Quen soa moito estes días para a Palma outros premios é Spike Lee. O compromiso político de Blackkklansman (2018) axuda sen dúbida á película, que nos parece unha crítica demasiado evidente ao rexurdir do racismo na era Trump, pero non nos amolaría que a levase a Palma. É unha película ben acabada e que axuda a visibilizar unha importante problemática social. Preferimos que o xurado tire polo cinema e non polo politicamente correcto, pero se fan iso, tampouco nos imos enfadar.

Os galardóns d’Unha Certa Mirada xa se coñeceron e saíron reforzadas de aquí Border (Ali Abassi, 2018) e Girl (Lukas Dhont, 2018). Dende a crítica estamos de acordo en resaltar esas, hai moito consenso, polo que creo que todo o mundo está contento co palmarés. A guinda sería que o xurado FIPRESCI recoñecera esta tarde a Bi Gan pola súa excelente Long Day’s Journey Into Night (2018) e xa falaríamos dun pleno.

Na Quincena levaron os premios Climax (Gaspar Noé, 2018) e En liberté! (Pierre Salvadori, 2018). Perdémonos as dúas, mais compañeiras nas que confiamos están de acordo en trasladarnos que son grandes filmes, do máis destacado xunto con Mandy (Panos Cosmatos, 2018), que tamén levou premio. De xustiza é tamén o recoñecemento a Diamantino (Gabriel Abrantes & Daniel Schmidt, 2018) na Semana, filme que seguiremos defendendo a risco de quedarnos sós entre a crítica. Foi das fitas peor puntuadas nesta edición. Para min vai na liña de deconstrución da nosa cultura popular de Spring Breakers (Harmony Korine, 2012), pero por algún motivo aquí non se apreciou a mesma xenialidade.

Esta noite coñécese o palmarés da oficial. Mañá faremos unha análise do mesmo e identificaremos as tendencias máis relevantes que advertimos nesta edición do festival de Cannes.

Comments are closed.