CANNES 2018 EP. 12: MERECIDÍSIMA PALMA AOS SHOPLIFTERS DE KORE-EDA

IMG_1397

Ao final a Palma foi para Shoplifters (Hirokazu Kore-eda, 2018). Alegrámonos moito porque era das nosas películas preferidas dunha edición de Cannes que deu moita calidade. Trata o tema de sempre, a familia, mais faino cunha sensibilidade que só se compara cos mellores traballos da súa obra, como Caminando (2008). Por fin ten a Palma, ben a merecía.

A gran sorpresa da noite foi escoitar a Cate Blanchett dicir que ían entregar unha Palma de Ouro especial e, dende ese momento, soubemos que ía para Jean-Luc Godard. A súa película é marabillosa, mais non pode xulgarse ao mesmo nivel das demais. É simplemente como comparar entre turismos e un autobús. Todos teñen rodas, aí se acaba o parecido. Se cadra debera ter ido fóra de competición, porque non tiña moito sentido nela, pero así levou unha Palma tamén moi merecida, así que ben acaba o conto.

Mais alén dos premios, quereríamos realizar unha lectura das tendencias que advertimos en toda a selección e comprobar como cada un dos galardóns encaixa nalgunha destas liñas.

IMG_1398

O festival das desaparicións

O festival abriuse con Todos lo saben (Asghar Farhadi, 2018), sobre o secostro dunha muller no medio da confusión dunha voda, e xa non deixou de entregarnos filmes nos que se trataba o tema da ausencia e a busca. Ás veces estas desaparicións supuxeron un simple detonante da trama, coma neste caso, noutras impactaban no desenvolvemento dos personaxes dun xeito estritamente dramatúrxico, como acontece con Weldi (Mohammed Ben Attia, 2018) e Asako I & II (Ryusuke Hamaguchi, 2018). Na primeira, a fuxida dun fillo para combater no Estado Islámico provoca que o pai se lance fisicamente a buscá-lo, mais a viaxe é tamén persoal. Máis elaborada é a psicoloxía de Asako, que Hamaguchi resolve cunha enorme elipse que corta o filme á metade e que permite reflexionar sobre como impacta a idealización das relacións co paso do tempo. O seu exmozo da posadolescencia está perdido e, cre ela, xa esquecido, mais a súa reaparición pon o seu universo patas arriba.

Pero os filmes máis interesantes neste aspecto son nos que a desaparición non é un simple instrumento narrativo, senón que se convirte na peza central da súa estética. Three Faces (Jafar Panahi, 2018) é exemplar neste sentido e por iso levou o premio a mellor guión, ex aequo con Lazzaro felice (Alice Rohrwacher, 2018), o filme máis arriscado da selección, que conviña premiar dalgún xeito. Three Faces ábrese cun plano filmado con móbil no que se grava un aparente suicidio. Panahi e a actriz Behnaz Jafari van na procura desa persoa, prantexándose nesta road-movie se o documento é real e como puido filmalo e pedir axuda. É un instrumento que Panahi lle propón á actriz a modo de exercicio de improvisación? É isto un documental ou unha ficcionalización dunha viaxe real? En definitiva, Panahi pon en dúbida a veracidade das imaxes como representación do noso mundo, propondo un xogo que se mostra moi estimulante na primeira hora da fita.

Nun festival no que brillou o cinema asiático, as nosas preferidas foron Long Day’s Journey Into Night (Bi Gan, 2018) e Burning (Lee Chang-dong, 2018), merecedora do premio FIPRESCI da crítica. As dúas, mediante o que non se mostra, logran construír evocadoras fitas que se achega ao mundo do soño. Acompáñannos porque van alén da razón e perforan o noso subconsciente. Este é o logro de dúas propostas hiperbólicas. Poucos filmes conquistan estas cotas de sofisticación.

IMG_1399
Dende o detritus da cultura pop

Pero cousas burdas tamén houbo. Diamantino (Gabriel Abrantes, Daniel Schmidt, 2018), absoluta merecedora na miña opinión do principal premio da Semana da Crítica, é máis hortera que un vestido de Agatha Ruiz de la Prada nun enterramento. Critica de maneira frontal o mundo do fútbol como negocio e ferramenta de control político, mais a súa disparatada trama e a mestura de efectos dixitais cun granulado e colorido 16mm son a expresión dun mundo representado a xeito de parque temático, no que o entretemento anula o pensamento. A mellor forma de contentar as masas, o mundo feliz de Aldous Huxley. Teño o convencemento de que este filme, aquí apedreado, debera ocupar no futuro un espazo similar ao que representa Spring Breakers (Harmony Korine, 2012) na cinefilia.

Under the Silver Lake (David Gordon Mitchell, 2018), hai que recoñecer, é un filme máis elegante que intenta o mesmo. A súa reiteración e o exceso de metraxe apagan un pouco o seu efecto, mais este agotamento da cultura popular logra representalo moi ben a través da reciclaxe do cinema clásico de Hollywood, a ostentación dos carros de Los Angeles (cidade representada como espazo mitolóxico), un coidado traballo de vestiario… Fai todo moi ben esta película, o único que se lle podía ter recomendado sería contención. É un filme cuqui e autoparódico, moi disfrutable, que agocha no fondo unha sá mala baba. Por certo, tamén vai dunha desaparición.

E mesmo se a ligazón é máis coa alta cultura, hai que citar aquí ao pai. Jean-Luc Godard realiza un revolucionario ensaio sobre as ruínas do século XX en Le livre d’image (2018). A súa reflexión é máis profunda, chegando mesmo a indagar nas bases da nosa tradición xudeucristiá, non centrado logo no universo pop máis propio de Norteamérica. É un filme, tamén, a postre, sobre unha civilización en crise a partir das pegadas que deixa a arte na sociedade, e aí é onde se irmanda coas dúas anteriores propostas.

Leto (Kirill Serebrennikov, 2018) pode considerarse tamén nesta liga, no sentido de que adapta grandes temas pop dos anos setenta e oitenta e ponos en escena ao xeito dun musical que ben podería poñerse en bucle na MTV. Eu sigo sen verlle a graza que outras lle asignan, a min paréceme moi videoclipeira.

IMG_1400

O amor si que morre

Afortunadamente, houbo outro musical neste certame que merece máis a nosa atención e que é o contrario que Leto. A realización pulcra e elegante de Zimna wojna (Cold War, Pawel Pawlikowski, 2018), premiada coa mellor dirección, está montada en torno a varios números musicais, quer de música tradicional polonesa, quer de jazz, que dalgunha maneira van marcando as fases deste filme, contado a base de elipses ao longo de varios anos. O amor dos protagonistas, aínda que apaixonado, por imposible, está destinado a acabar mal.

É o sentimento que tamén se desprende de Ash is Purest White (Jia Zhang-ke, 2018), tamén contada ao longo dun periodo de tempo de varios anos, coa relación de parella que máis evoluciona de entre os filmes a competición. Son os dous filmes melancólicos por este motivo, pois xogan coa memoria e a espera destas parellas.

Nada que ver co desencanto de Egy Nap (Zsófia Szilágyi, 2018), premio FIPRESCI na Semana, e con Wildlife (Paul Dano, 2018), que abría a mesma. Se Zimna wojna e Ash is Purest White acontecen nun longo paso de tempo, estas dúas ocorren só nunha única xornada ou nunha poucas. Son momentos precisos na vida dunha parella, ese instante no que todo se descompoñe. Sexa como for, con variacións, foi unha das temáticas máis habituais no festival.

BlacKkKlansman Premiere - 71st Cannes Film Festival, France - 14 May 2018
Visibilización das minorías

Xa por último, nunha edición marcada pola reivindicación da igualdade, a maioría máis minorizada do mundo, as mulleres, contou con varias historias de resistencia. Algunhas sobre a emancipación sexual, o traballo ou a maternidade, en xeral co piloto automático, como poden ser Mon tissu préferé (Gaya Jiji, 2018), Sir (Rohena Gera, 2018), Carmen y Lola (Arantxa Echevarría, 2018) ou Sofia (Meryem Benm’Barek, 2018).

Pero hainas que resaltan. O premio FIPRESCI e tamén o da mellor interpretación na sección Unha Certa Mirada a Girl (Lukas Dhont, 2018) é máis que merecido. Cun estilo directo e sinxelo, a película mostra o proceso de cambio de sexo dunha rapaza con corpo de home quere dedicarse ao ballet. Tamén é de mención Ayka (Sergei Dvortsevoy, 2018), sobre unha nai traballadora cun neno recén nado ao que se debate por abandoar. Moi estilo Dardenne e ben feita. A actriz está espectacular. Merecido premio a Samal Yeslyamova.

Nesta cólase de maneira indirecta, coma en Diamantino, Donbass (Sergei Loznitsa, 2018) – mellor director n’Unha Certa Mirada – ou Lazzaro felice a temática dos refuxiados. Non é nada relevante no conxunto, mais resulta curioso que varias fitas acaben por recoller este tema.

As minorías nativas de América Latina tamén contaron coa súa cota de representación con Pájaros de verano (Cristina Gallego, Ciro Guerra, 2018) e Chuva É Cantoria Na Aldeia Dos Mortos (João Salaviza, Renée Nader Messora, 2018). Pero, dende logo, a película que máis impacto tivo na reivindicación da igualdade para as minorías foi Blackkklansman (Spike Lee, 2018) – Gran Premio – na que se adapta un ensaio sobre a infiltración dun policía negro no Ku Klux Klan e, partindo da comedia, acaba por facerse unha analoxía coa situación actual, rematando o filme cos recentes disturbios en Charlottesville e a xustificación da violencia de certos individuos por parte de Donald Trump.

Nesta liña contestataria a bochornosa Les filles du soleil (Eva Husson, 2018) pasou sen pena nin gloria, pero Capernaum (Nadine Labaki, 2018) foi peligrosamente aplaudida por moitas. Acabouse levando o premio do xurado, sendo este o único premio inexplicable para calquera cinéfila decente. Parécenos que esta historia sobre nenos na rúa non fai máis que fomentar a aporofobia cun exercicio emotivamente manipulador. Aínda non nos explicamos como algo así pode entrar nun festival desta categoría.

Completa o palmarés a interpretación de Marcello Fonte por Dogman (Matteo Garrone, 2018), unha película que cremos non terá moito impacto, mais cunha actuación que merece tal galardón.

IMG_1402
Unhas recomendacións

E coma o cinema é moi subxectivo, despedímonos da cobertura de Cannes este ano coas dez películas preferidas deste cronista, agardando que algunha (ou todas) poidan gustarvos:

Burning (Lee Chang-dong, 2018)
Long Day’s Journey Into Night (Bi Gan, 2018)
Shoplifters (Hirokazu Kore-eda, 2018)
Le livre d’image (Jean-Luc Godard, 2018)
Lazzaro felice (Alice Rohrwacher, 2018)
Asako I & II (Ryusuke Hamaguchi, 2018)
Diamantino (Gabriel Abrantes, Daniel Schmidt, 2018)
Zimna wojna (Cold War, Pawel Pawlikowski, 2018)
Three Faces (Jafar Panahi, 2018)
Petra (Jaime Rosales, 2018)

Comments
One Response to “CANNES 2018 EP. 12: MERECIDÍSIMA PALMA AOS SHOPLIFTERS DE KORE-EDA”
  1. bidueiro di:

    Bo traballo de crítica cinematográfica.

    Grazas.