CANNES 2018 EP. 6: O SUAVE GUSTO DO SAKE I & II

Shoplifters (Hirokazu Kore-eda, 2018)

Shoplifters (Hirokazu Kore-eda, 2018)

Iamos con certa cautela á proxección de Shoplifters (Hirokazu Kore-eda, 2018) polo aparente retroceso das últimas obras do nipón. Mais o último do autor de Caminando (2018) volve precisamente a esa senda punzante e escrita con elegancia que botabamos de menos. Dende a primeira escena sitúanos nun singular domicilio, formado por membros que non comparten lazos sanguíneos mais que, a causa da situación de desamparo na que se atopan, forman unha familia aparentemente sólida. A súa ocupación son traballos pouco duradeiros e algún que outro roubo, co que intentan ir sobrevivindo. Mais un suceso que convén non contar fará que os segredos ocultos saían á flote e porá en perigo a unidade dese fogar.

Este argumento permite a Kore-eda indagar nos mecanismos que conforman unha familia e, máis concretamente, volver ao tema que xa o obsesionara en De tal padre, tal hijo (2013), que aquí resolve de xeito exemplar. Que é o que conforma a paternidade, ou a maternidade, alén de dar a luz? Non é acaso a familia unha unidade de construción identitaria na que o que máis conta é a transmisión e a confianza? Tamén é a unidade mínima de toda economía nacional, concepto que se encarga en desenvolver sobre todo no terceiro acto do filme.

Alén destes temas principais, hai outro que planea sobre toda a fita que é a necesidade de tocar para crear un vínculo. Por moito que poidan existir sentimentos, semella querer recordarnos Kore-eda que a pel tamén é sensible e mesmo ten memoria. Cando a familia recolle á pequena Ryu na rúa, rescatándoa, segundo eles o ven, das garras dunha parella que abusa dela, o primeiro que se apresura en facer a nova nai con ela e apertala e dicirlle “isto é que fai a xente que te quere”. Do mesmo xeito, a muller máis nova que habita no domicilio ten un emprego nunha sorte de local de peepshow no que representa insinuantes movementos para homes que se atopan ao outro lado dun cristal. O encontro físico (que non sexual), cun deles, semella espertar na rapaza un vínculo e un desexo que non pode satisfacer no eido da familia. Mentres que a parella que supón o núcleo desa unidade familiar, dado que viven nun pequeño espazo compartido, xa nunca practica o sexo. Ata que nunha pequena pausa na que están sós, e coa axuda dun acontecemento fortuíto, acaban por unirse furtiva e apaixoadamente.

Asako I & II (Ryûsuke Hamaguchi, 2018)

Asako I & II (Ryûsuke Hamaguchi, 2018)

O peso da carne

Se lle dou tanta importancia a este tema é porque me permite sacar a colación dúas películas d’Unha Certa Mirada que levan un par de días no caixón. Mon tissu préferé (Gaya Jiji, 2018) é unha fita de escaso interese cinematográfico, pero que aborda a cuestión dos matrimonios concertados, cunha protagonista que, ante isto, prefire escapar da súa represión sexual sen saber moi ben como. O desprezo ao seu corpo non vai tan lonxe coma en Girl (Lukas Dhont, 2018), onde ocupa o centro da trama. Historia sobre unha rapaza nada con corpo de home que quere dedicarse á danza, está filmada coa cámara sempre pegada á actriz a transmite unha naturalidade difícil de atopar que está a atopar o apoio unánime da crítica.

Mais volvendo á xornada de hoxe, a sección oficial deixounos outro filme nipón destacable. Agardabamos moito de Asako I & II (2018), pois con Happy Hour (2015) descubriramos en Ryusuke Hamaguchi un digno herdeiro de Yasujiro Ozu, e non defrauda. Se nesta trataba a crise persoal e sentimental de varias amigas preto dos corenta, cambia aquí o foco para centrarse nunha parella moito máis nova que, sobre os 20 anos, fica namorada dun frechazo. A aventura é breve, mais marca de por vida a Asako, que anos despois acaba por fixarse nun rapaz que se parece moito ao seu antigo amante. Comezan unha relación duradeira sen que el saiba este segredo de Asako.

Hamaguchi fala dos perigos da idealización do amor romántico e da carga que levamos nas relacións amorosas, dalgunha forma sempre marcadas polas experiencias previas. Hai unha palabra que se repite moito no filme, que é “kawaai”, o que poderiamos traducir como “cuqui” ou “mono”. É o que diríamos ao ver un gato bonito do Instagram (hai, por certo, un monísimo na película). A outra palabra que se escoita a miúdo é “sumimasen”, non porque se desculpen por cortesía, senón porque Hamaguchi inventa tensións no guión que causan desculpas sinceiras. Os seus personaxes, como na súa anterior película, non se cortan á hora de falar abertamente de temas tabú, revelar segredos ou ferirse con algún comentario, o que provoca longas secuencias (aquí, máis contidas) que os forzan a se definir. Parece case máis un recurso teatral (o seu gusto por esta arte é obvio, con citas a Antón Chéjov e Boris Ibsen) que leva tamén á posta en escena, forzando tensos triángulos no movemento dos intérpretes ou na posición na que sentan, que resolve cun plano máis aberto e outros cruzados sobre a mirada dos protagonistas. Tamén segue a colocar a cámara de forma frontal nos momentos máis intensos, o que crea un nivel de intimidade mesmo maior ca no anterior filme.

Tamén lle gusta a Hamaguchi a literatura. O seu gusto pola estrutura capitular é claro. Se na anterior dedicaba cada parte a ir desenvolvendo con maior concentración a trama de cada unha das mulleres que filmaba, aquí o filme está partido en dúas partes iguais, coma un espello (emulando os sentimentos da protagonista). Son caras dunha mesma moeda que se complementan e que, levadas a un terreo máis metanarrativo, poderían irmandarse co cinema do surcoreano Hong Sang-soo. Este mozo cineasta fainos acompañar e sentir o amor desta parella marcada polo seu pasado. Non lle faltan recursos estilísticos a Hamaguchi nesta película, na que se presenta como unha das máis grandes promesas do cinema xaponés.

Tanto Asako I & II como Shoplifters son filmes que destilan sinxeleza e finura, coma o suave sensación do bo sake natural no paladar. Hoxe levamos unha dobre ración gourmet e aínda estamos en efervescente estado etílico. Brindemos á saúde do cinema xaponés. Kampai!

Comments are closed.