CINEMA EN CURS


A EXPERIENCIA DA CREACIÓN CINEMATOGRÁFICA NA ESCOLA E O INSTITUTO

Cinema en curs é un proxecto de pedagoxía do cine con tres grandes obxectivos: propiciar un descubrimento do cinema polos nenos e novos, explorar as potencias pedagóxicas do cinema na escola e no instituto, e elaborar metodoloxías e propostas de transmisión do cine. Cinema en curs dá xeito a unha pedagoxía do cinema e ao mesmo tempo a unha pedagoxía co cine e a través del. É unha aposta polo cine (e a arte, a creación e a cultura) e pola educación. O proxecto púxose en marcha no 2005-2006 e nas súas sete edicións participaron case 2000 alumnos, 20 profesionais do cinema e 80 mestres e mestras.

Hai moitos xeitos de traballar o cinema no ámbito educativo, e tamén hai moitos xeitos de concibilo. Dende Cinema en curs entendémolo como arte e como creación, partindo sempre do proceso creativo. Por iso apostamos por unha transmisión do cinema baseada na experiencia da creación: na práctica e como espectadores. Esta é unha das premisas que guían o proxecto, estruturado en dúas grandes vertentes: os obradoiros e o laboratorio de investigación aplicada. Os obradoiros realízanse en escolas e institutos públicos, dentro do horario lectivo, e impártenos conxuntamente un profesional do cine e un equipo de docentes da escola ou instituto. Os obradoiros desenrólanse en contextos xeográficos e socioculturais moi diversos, con alumnos de entre 10 e 18 anos, onde todos comparten un mesmo programa de prácticas e visionados. A partir das experiencias e a análise dos obradoiros, e do traballo conxunto do equipo formado por profesionais do cinema e docentes, elabóranse e defínense prácticas, metodoloxías e materiais. É outro dos obxectivos de Cinema en curs: ser un laboratorio de pensamento que xere propostas e metodoloxías de transmisión do cinema extensibles a calquera contexto.
A continuación trataremos de explicar dun xeito sintetizado os principios e obxectivos de Cinema en curs, a metodoloxía de traballo e o desenvolvemento dos obradoiros.

Principios cinematográficos e pedagóxicos: a transmisión do cinema como arte.
O cinema precisa, de verdade o precisa, gañar espectadores que saiban gozalo como arte; espectadores para quen un filme non sexa un mero produto de consumo ou un pasatempo banal; espectadores, en definitiva, que sexan amantes do cine. En Cinema en curs achegámonos ao cine como acto poético -no sentido etimolóxico de poiesis, acto de realización, creación e produción- e dende a estima á arte cinematográfica, coa vontade de que os mozos e mozas gocen del como da pintura, a escultura, a arquitectura ou a literatura. E o goce -en contra do que a miúdo se pretende facer crer- tamén hai que aprendelo1.
A formulación de Cinema en curs, e tamén dos outros proxectos que desenrolamos desde a Asociación A Bao A Qu, pasa por un xeito de aproximación á arte non como un “contido” -que por definición é algo limitado, pechado, e polo tanto controlable e medible-, senón como unha experiencia, algo que desborda, asombra, move, emociona e conmociona. A arte é e debe seguir sendo un lugar para a aventura.


Hai algunhas características esenciais da creación artística que son irrenunciables, tamén e máis que en ningún outro lugar no ámbito educativo. Porque é xustamente o proceso creativo o que diferencia á arte de calquera outra actividade, o que fai dela un xeito único de coñecemento e de relación co mundo, cun mesmo e cos demais. E é esta especificidade esencial da arte o que pode convertela nunha aliada de primeira orde no proceso educativo. Sinalamos a continuación algúns dos que en Cinema en curs pensamos que son aspectos irrenunciables:

· A creación -cando verdadeiramente o é- implica un proceso por esencia aberto e, polo tanto, onde a incerteza xoga un papel activo e actuante. No caso do cinema -do que facemos e vemos en Cinema en curs– esta abertura constante é aínda máis radical, posto que é unha arte que se fai coa realidade e que, polo tanto, depende dela. A transmisión do cine como arte e creación debe instalarse no presente.

· En arte non hai respostas únicas, non se pode predefinir o correcto ou incorrecto. Aprender a ver e a facer cine non consiste en coñecer unha gramática composta de fórmulas do tipo “A = B”, senón aprender a mirar o mundo e a explorar e gozar dos recursos e as infinitas posibilidades expresivas do cine.

· Coñecer a tradición, o patrimonio artísticos universal, é importante. E debémonos achegar a iso non como algo morto, ancorado nun pasado que se debe venerar ou superar, senón como algo que fai crecer as nosas posibilidades creativas e a nosa visión do mundo. A arte fai que o mundo sexa máis amplo, máis intenso, máis rico. A tradición vivifica e enriquece o aquí e agora. A creación artística e o deleite das obras dos grandes creadores transforma a mirada sobre a realidade e, polo tanto, acrecenta a nosa capacidade de expresala, experimentala, comprendela, gozala, habitala.

· A arte non se deixa consumir; nin é mero obxecto de consumo nin se extingue. Unha obra de arte (novela, poema, cadro, filme) é sempre (e para sempre) inabarcable e infinita. Por iso unha verdadeira iniciación á arte debe pasar pola impregnación. E é en gran medida esta a tarefa, fundamental e imprescindible, que debe desempeñar a transmisión. Se de verdade cremos na arte temos que crer no seu poder. Atrevámonos a expor aos mozos á arte! A arte deixará rastro.

· No que se refire á arte o máis importante é querela, que sexa algo vital, que forme parte da vida. A arte non pode ser simplemente algo interesante ou que é importante coñecer. O seu valor reside en que transforma a mirada e, polo tanto, transfórmanos a nós. Por iso a transmisión da arte ten que partir do valor esencial e fundamental (por fundadora) da experiencia. A experiencia non queda almacenada nun lugar da memoria, senón que impregna o noso modo de ser, o noso modo de habitar o mundo.

· Se consideramos estas características da creación artística verdadeiramente irrenunciables, os modos de transmisión da arte necesariamente teñen que telas en consideración. E en primeiro lugar, hai que preservar ao máximo o espazo de rigor e esixencia que a arte -e no caso de Cinema en curs, o cine- require. Precisamente porque se fai na escola, o rigor propio da creación cinematográfica é clave. De feito, estes anos de traxectoria mostráronnos que o marabilloso do cine na escola é precisamente que o rigor cinematográfico é directamente proporcional ao rigor pedagóxico. Esta premisa serve para a práctica e tamén para o visionado: do mesmo xeito que cando filmamos pretendemos o mellor do que somos capaces, cando eliximos os filmes que miraremos e comentaremos cos alumnos, só o facemos entre grandes cineastas de tódolos tempos.


Cinema en curs aborda o labor de facer transmisión do cinema como arte apoiándose en dous aspectos crave: a entrada nos centros educativos de profesionais do cinema (realizadores, directores de fotografía, guionistas, montadores) e unha metodoloxía de traballo baseada na vinculación entre práctica e visionado.

"O profesional do cine pode propiciar ao alumno o descubrimento dunha sensibilidade máis ampla e máis aguda cara as materias coas que traballa, que non son outras que as materias da realidade que nos rodea"

Os profesionais do cinema na escola.
Os profesionais do cine interveñen nos centros educativos entre 80 e 90 horas distribuídas nunhas 25-30 sesións de traballo cos alumnos; algunhas sesións son de dous ou tres horas seguidas; outras -especialmente nos momentos de rodaxe e montaxe- desenvólvense durante unha xornada enteira. Sempre traballan xunto a un equipo de docentes. A súa presenza continuada e regular é sen dúbida unha das grandes apostas de Cinema en curs. Cando iniciamos o proxecto, fixémolo coa convicción de que para transmitir a arte e o oficio que é o cine non podía haber ninguén mellor que as persoas que se dedican a el. Da man dun profesional do cine, os alumnos descobren non só un xeito de traballar e un xeito de mirar, de relacionarse coa contorna, senón tamén unha relación persoal coa arte cinematográfica: un xeito de concibilo e de querelo. Por iso o seu diálogo cos alumnos pode constituír unha ocasión privilexiada para afinar as sensibilidades: moito máis alá de ensinar a utilizar a cámara, o equipo de son e o programa de montaxe, o profesional do cine pode propiciar o descubrimento dunha sensibilidade máis ampla e máis aguda cara as materias coas que traballa, que non son outras que as materias da realidade que nos rodea: a luz, as cores, os sons, os movementos…

O vínculo entre o visionado e a práctica.
Este traballo de sensibilización e de descubrimento do cine, como diciamos, vehicúlase a través da vinculación entre visionado e práctica. Mirar filmes de grandes cineastas axuda a comprender algúns aspectos esenciais da arte cinematográfica e acrecenta o desexo de filmar, a atención ás eleccións propias da creación cinematográfica, a sensibilidade con respecto ás materias da realidade. Enriquécese así o horizonte de posibilidades dos alumnos no momento de situarse no lugar do creador, de tomar as propias decisións, de mirar a realidade e inventar en cada plano como filmala. Non se trata de imitar modelos, senón de incrementares a capacidade perceptiva, de que os fragmentos actúen como inspiradores. Polo seu lado, a práctica, a experiencia directa do proceso creativo, fai que cando os alumnos ven filmes poidan facelo con mirada de cineastas, gozando das eleccións artísticas. Trátase, pois, dun dobre traxecto: do visionado á práctica, da práctica ao visionado.

Para dar xeito a esta vinculación entre visionado e práctica, os obradoiros estrutúranse cada ano ao redor dunha cuestión cinematográfica específica (a luz, a cor, os movementos de cámara, filmar ao personaxe, o personaxe e o mundo…). Os fragmentos de filmes organízanse por categorías que permiten abordar a cuestión e traballar de forma transversal os aspectos esenciais da creación cinematográfica a través dese fío condutor. Traballar a partires de fragmentos permite que os alumnos atendan ás eleccións dos cineastas de moi preto: podémonos fixar en como están feitos cada un dos planos, deternos sobre a montaxe, o son ou calquera outra cuestión cinematográfica. Ademais, traballar con fragmentos permite espertar interese sobre películas que en continuidade seguramente non o terían e ata xerar o desexo (sempre fermoso para a aprendizaxe!) de ver ese filme que non sabemos como continúa. O traballo con fragmentos facilita o achegamento aos grandes cineastas. E este é outro obxectivo fundamental para Cinema en curs: propiciar o descubrimento do gran cinema de tódolos tempos e culturas. Ao longo do curso, os alumnos descobren a cineastas como Jean-Luc Godard, Hou Hsiao-hsien, Nicholas Ray, Jonas Mekas, Chantal Akerman, Roberto Rossellini, Yasujiro Ozu ou Abbas Kiarostami. Todos os fragmentos son en versión orixinal subtitulada. Ademais, cada ano os alumnos ven unha película en sala na Filmoteca de Catalunya.

Os obradoiros comezan cos Minutos Lumière, nos que o alumno debe observar a contorna con ollos de cineasta, cunha mirada atenta aos matices, as materias, as pequenas e marabillosas transformacións da vida diaria.

Estrutura dos obradoiros.
O tema do ano tamén articula as prácticas que se propoñen. Cada curso, os obradoiros estrutúranse en catro grandes etapas, cada unha correspondente a unha práctica creativa: os Minutos Lumière, o proxecto fotográfico e/ou a peza cinematográfica experimental, a secuencia e o filme final. Deterémonos na primeira e a última.
Os obradoiros comezan cos Minutos Lumière2, planos documentais dun minuto exacto de duración realizados a partires dunhas condicións moi precisas inspiradas nas vistas dos irmáns Lumière e os seus operadores: a cámara debe estar fixa nun trípode, non se pode modificar ningún parámetro durante o plano e disponse dunha única toma. Logo de ver e comentar unha selección de vistas Lumière, os alumnos exploran a súa contorna en busca do seu Minuto Lumière. Rodarano, logo dunha observación e documentación minuciosas, acompañados dun equipo de rodaxe: o cámara, o sonidista e o axudante.
É a práctica inicial e tamén iniciática. Con estes primeiros planos, os alumnos introdúcense no modo de facer cine que desenvolverán ao longo do curso, un cine no que o primeiro xesto de creación é un acto de atención. Porque para realizares un bo Minuto Lumière hai que comezar mirando a contorna e facelo con ollos de cineasta, isto é, cunha mirada atenta aos matices, as materias, as pequenas e marabillosas transformacións da vida diaria. Con esa mirada transformada seguindo a senda dos Lumière, as coreografías dos oficios revélanse como un universo cargado de posibilidades; o percorrido dun tren ou autobús convértese nun motivo precioso; rúas, fábricas, panaderías e estradas convértense en espazos vibrantes, cheos de movemento… O mundo -a mirada sobre el- transfórmase. É o primeiro gran aprendizaxe.
Os últimos meses do curso adícanse á realización dunha curtametraxe de entre 6 e 10 minutos. O guión créase colectivamente entre todos os alumnos do grupo e na rodaxe os cargos son rotativos. Todos os alumnos realizan a montaxe, que se organiza por secuencias e pequenos grupos.
No proceso de guión hai algunhas condicións previas que están moi ligadas ao tipo de cinema que facemos e ás aprendizaxes que se queren pór en xogo. Afastámonos das historias fantásticas e os personaxes e situacións estereotipados; partimos, pola contra, da necesidade de contar historias próximas, que sucedan a mozos e mozas como os que están a realizar o filme, na contorna que coñecen. Estas premisas permiten profundar nos personaxes e as emocións que posteriormente deberán tomar xeito cinematográfico. Durante o proceso de creación do filme e aínda máis cando a película está rematada, os alumnos descubrirán que as súas historias tamén son valiosas, que as cousas que lles ocorren son importantes. E aínda máis: que aquilo que contaron e expresaron cinematograficamente emociona a outras persoas, que mediante o cine poden compartir as súas experiencias, vivencias e sentimentos.

Os últimos meses do curso adícanse á realización dunha curta, cun guión escrito colectivamente e no que tódolos alumnos participan na montaxe, que se organiza por secuencias e pequenos grupos.

As potencias pedagóxicas do cine.
Diciamos máis arriba que son precisamente as particularidades e as esixencias da creación cinematográfica as que fan que sexa extremadamente rica pedagoxicamente. Apuntamos algúns dos aspectos centrais desta correspondencia.
O cinema ten unha particularidade esencial. A súa materia prima é o mundo: os espazos, cousas e persoas que nos rodean; a luz, as cores, o movemento. Cando facemos cine temos que prestar unha atención especial á nosa contorna cotiá, mirámola dun xeito diferente. Por iso o cine é un proceso vinculante: axúdanos a redescubrir e querer a nosa realidade próxima e, polo tanto, faina máis habitable.
Precisamente porque se fai coa realidade, o cine tamén é unha arte na que se depende. Depéndese do equipo (de que todos e cada un dos seus membros dean o mellor de si mesmos en cada plano), e tamén de como cambia a luz se pasa unha nube, do vento que move as follas da árbore ou dos paxaros que sempre parecen cantar máis forte cando se está filmando (porque a atención é máis aguda). E depender implica estar pendente, expectante, ser paciente, esperar e, a miúdo, adaptarse.
Outro dos valores pedagóxicos do cinema é que obriga a elixir. Cando facemos un plano temos que decidir infinidade de cousas: como se desenvolverá a acción, onde situar a cámara, a luz, o enfoque, o son… Hai tantas posibilidades, sempre por inventar… Non se trata de saber ou acertar a resposta válida, senón de elixir. De sentir o desexo de facer un plano dun determinado xeito. Pero para algúns alumnos precisamente elixir e decidir é o máis difícil; desgraciadamente a escola enfróntalles pouco (ou nada) a esta situación. Por iso debemos aproveitar que o cine lles obrígalles a iso e faino apelando á sensibilidade individual e única de cada cal.
Esta apelación á subxectividade, ademais, vai da man dunha gran esixencia. Os procesos de creación cinematográfica son longos e requiren tempo e esforzo. Hai que decidir que filmar, como filmalo, atopar o lugar que responde ao encadre que decidimos, enfocar e, despois, a miúdo, repetir e realizar varias tomas. E despois, na montaxe, volveremos ter que mirar unha e outra vez, volver decidir, a probar e rectificar, a ser esixentes co corte xusto. E ninguén é máis esixente que os propios alumnos: poden chegar a realizar ata once tomas dun mesmo plano; cando montan dedican unha atención extrema a cada fotograma. E é que o rigor e o esforzo non se impoñen dende fóra, senón que son a implicación e as expectativas dos propios alumnos os que empurran cara ese traballo e fano posible.
Outro aspecto fundamental é que o cine é un traballo en equipo. E non dun equipo que funciona como a suma de cada unha dos seus partes, senón como un auténtico organismo. O obxectivo ten que ser común, verdadeiramente compartido, e tan importante como a responsabilidade individual son a responsabilidade e o compromiso colectivos. Ao mesmo tempo, o cine require habilidades tan diferentes entre elas e diferentes ás das disciplinas escolares que tódolos alumnos poden atopar o seu lugar e ser importantes para o grupo. É, polo tanto, unha oportunidade privilexiada para reforzar a autoestima daqueles que non destacan en ningún outro ámbito escolar, para transformar en maior ou menor medida as relacións do grupo, para dar novas oportunidades aos que habitualmente teñen poucas.
Son valores fáciles de recoñecer e explicar -a necesidade de compartir, atender, esperar, elixir, depender, compartir, confiar- pero non sempre fáciles de pór en práctica na escola. Se cremos que é deber e responsabilidade da escola traballar con rigor e atención, axudar a que os alumnos queiran e habiten mellor o seu mundo, descubran a arte e a creación e con eles coñézanse máis a si mesmos e aos outros, dedicar tempo ás cousas e saber que as cousas requiren tempo, xerar expectativas e que as expectativas e o interese motiven o traballo e a aprendizaxe, que os alumnos -todos- poidan saber que son capaces de facer ben as cousas, que todos teñen talentos e capacidades, que o traballo e a dedicación teñen un sentido, que teñen cousas que contar, entón podemos pensar que o cinema pode (e debe) ter un papel importante na educación de nenos e novos. Se cremos que é necesidade do cine ser descuberto e valorado como arte e creación, entón podemos pensar que a súa transmisión no ámbito educativo pode (e debe) ser crucial no seu porvir.

Máis información:

www.cinemaencurs.org

www.haciendocine.org

www.a-abaoaqu.org

______________________________________________________________________________________

1 Sobre todas estas cuestións escribiu maxistralmente Alain Bergala en La hipótesis del cine, Laertes, Barcelona, 2007.

2 A práctica foi ideada en 1995, coincidindo co centenario do nacemento do cinema, polo equipo de Le cinéma, cent ans de jeunesse, da Cinématèque Française. Cinema en curs está estreitamente vinculado ao dispositivo francés: trabállase en colaboración e compártense algunhas das prácticas propostas.

Comments are closed.