COSTA DA MORTE, de Lois Patiño

21 Costa da Morte (Leñadores)

Un inmenso bosque que se ergue na brétema. O cruxir das árbores que caen e baten os seus pesados troncos contra o chan. O son dunha serra de fondo. Así comeza Lois Patiño o seu filme, Costa da Morte (2013), adentrándonos na paisaxe máis profunda da Galiza, unha paisaxe na que o home se tenta abrir camiño, unha natureza á que se aferra e coa que tamén pelexa, na que vive e da que tamén subsiste. É que foi o capricho das ondas do mar o que achegou o barco ateigado de bombóns ata a costa, foron as rochas de granito as que serviron de escondrixo aos refuxiados no Monte Pindo e é nas rochas da costa onde os percebeiros acadan o seu sustento.

O director vigués bebe da obra de documentalistas como Peter Hutton ou James Benning, para os que o cinema é un espazo de tranquilidade no que o espectador debe aprender a observar e admirar o paso do tempo como modificador da paisaxe. Despois de ter filmado no estranxeiro, como en Montaña en sombra (2012) ou Na vibración (2012), este documental de Lois Patiño é a expresión do aspecto da realidade na Costa da Morte. A organización mailo ritmo das imaxes e os sons conforman unha interesante composición na que se tenta sacar a relucir a esencia dunha paisaxe que conta con identidade propia. O director amosa aquí a relación máis íntima do home coa natureza, o ambiente que envolve a Costa da Morte mais o alento dos que nela viven. Expón dun xeito fermoso o vínculo do ser humano coa paisaxe, unión que vén a descubrir a vida mesma na Galiza, que define ao home en tanto ser que mantén coa natureza unha relación de respeto, de sometemento e tamén de concordia. Escoitamos os arquexos do pescador que traballa na batea, a respiración daquel que se atopa no máis alto do viravento, pero tamén as risas dos que navegan ledos nunha barquiña río abaixo.

A través dos diferentes personaxes, exploramos o presente e mailo pasado da Costa da Morte, sabemos daqueles que naufragaron preto das costas mais tamén dos cazadores que hoxe son quen de comunicarse a gran distancia. Dos que se ían deitar á cama da fertilidade no Monte Pindo e tamén dos que hoxe empregan a serra para abastecerse da madeira que precisan. Do mesmo xeito amósase a tradición, os ritos e costumes que fican inalterables co paso do tempo e que fornan parte da personalidade e identidade destas persoas. As romarías do verán, a muller que toca lixeira a campá da igrexa, as procesións polo mar, a rapa das bestas e mesmo un paseo pola beira do mar. O director achéganos dende unha mirada obxectiva e impersoal aos hábitos que conforman a idiosincrasia e mailo folclore desta xente. Malia non ver os seus rostros, acadamos unha identificación total con estes personaxes, merecedores do maior dos nosos respectos así como tamén da nosa simpatía. Apenas advertimos os seus corpos entre unha paisaxe que nos abruma, nembargantes, as súas voces, os seus respiros, chégannos ben adentro.

21 Costa da Morte (Estuario)  4

Lois Patiño nos presenta deste modo a ridícula figura do ser humano, a pequenez e insignificancia do home perante esa gran forza maior na que irrompe e da que forma parte. Así, o director tamén revela a loita coa natureza que ás veces se torna perigosa, como a dos bombeiros que se enfrontan ao lume no medio da noite. Do mesmo xeito que o percebeiro se aferra á rocha para protexerse das marexadas, o home aférrase á natureza coa que convive e coa que pouco a pouco vai texendo a súa historia. Por iso Costa da Morte é tamén un filme sobre a historia, sobre o paso do tempo. Como as estacións que se suceden e tornan ao seu paso unha mesma imaxe fixa, coma as nubes que se desprazan paseniño sobre o home que fica no cemiterio. Esta é unha película sobre o devir do tempo, sobre como a paisaxe se transforma e de como o home tamén muda canda ela, móvese coma o barquiño blanco que baila sobre as ondas do inmenso océano azul.

As imaxes enfróntase ao real, transmiten e comunican o entorno, as diferentes formas da natureza con tódolos seus accidentes. Este documental leva a cabo a representación do momento calquera, está moi preto do impresionismo que ten como afán representar a fugacidade, a volatilidade do tempo, a realidade sorprendida no seu movemento natural. Trátase dunha sucesión de tomas fixas nas que o movemento é só interno, ten lugar dentro do marco. Asimesmo, o director tamén outorga protagonismo aos múltiples sons da realidade que configuran ese universo: a chuvia que cae sobre a paisaxe, as ondas que se abatican contra as rochas, os fogos artificiais que brilan sobre o ceo da noite, o son do fouciño co que o home sega a herba da leira. Todos eles, xunto coas confesións dos diferentes personaxes, e mesmo o son da súa respiración e dos seus esforzos, supoñen un valor engadido en tanto que complementan a imaxe, facéndonos ver e comprender cousas que sen eles non veriamos. A atmosfera sonora é por iso un elemento co-estructurador do filme, ten unha función nutrinte, así como tamén evocadora e de identificación.

Lois Patiño realiza así unha gran aportación á multiplicidade de propostas que conforman o Novo Cinema Galego. Combina o romanticismo con códigos formais innovadores coa fin de reivindicar unha identidade cultural nacional que xa foi quen de transmitir ao público dos circuítos de exhibición máis significativos do cinema independiente en todo o mundo. Este filme é unha volta ás orixes, é un homenaxe á naturalidade, á espontaneidade. Unha homenaxe a aqueles que están arraigados ao seu entorno tanto como o están á súa voz, ao seu corpo. Trátase dunha historia sen guión, pero non sen argumento. Coa montaxe das imaxes e os sons, este documental logra a crónica dun home que se atopa en harmonía coa natureza, unha natureza que é vida, e que tamén é arte.

Comments are closed.