PLAY-DOC 2018: UN ANO BIPOLAR

38 Play-Doc 2018 2

A decisión do xurado de distinguir, ex aequo, os filmes The Waldheim Waltz (Ruth Beckermann, 2018) e Lamaland (Teil I) (Pablo Sigg, 2018) espertou máis dun comentario retranqueiro entre o público que seguía, copa en man, a solemne entrega de premios da última edición de Play-Doc. Houbo quen opinou que, postos a repartir, ben podía ser un premio ex aequo entre os cinco filmes a concurso. Tamén houbo quen fantaseou coa posibilidade de que os gañadores partisen a pedra –o fermoso trofeo tallado polo artista Juan Vázquez– na cabeza dalgún dos presentes, para así voltar a casa con cadanseu cacho. Malas linguas aparte, o ex aqueo serviu para salientar as dúas liñas principais da competición deste ano: a revisión do arquivo e maila observación do cotián.

O Pasado e o Presente

The Waldheim Waltz recupera un lance ominoso da historia austríaca ignorado ou esquecido en boa parte do mundo: a elección de Kurt Waldheim –antigo secretario xeral da ONU (1972-1981) e antes, tamén, antigo oficial do exército nazi– como presidente deste país en 1986. Ruth Beckermann mergúllase no arquivo televisivo da época, ao que engade imaxes filmadas por ela mesma na altura, para artellar un relato sólido e eficaz que combina un certo suspense para os espectadores que non saben o que aconteceu cunha lúcida reflexión sobre os esqueletes que Austria aínda garda no armario. A cineasta cuestiona as imaxes a través dun comentario en primeira persoa, por veces autobiográfico, e pon en valor os momentos inmediatamente anteriores e posteriores ás gravacións oficiais, que resultan especialmente reveladores para desenmascarar a hipocrisía da clase política.

O verdadeiro escándalo que denuncia The Waldheim Waltz non é tanto que este político combatese canda os nazis –como fixeran a meirande parte dos seus compatriotas– senón que omitise e terxiversase sistematicamente este feito durante trinta anos. A temporalidade do filme é daquela múltiple: regresa ao pasado achegado (os anos oitenta) para remontarse a un pasado máis arredado (a Segunda Guerra Mundial) sen saír dun presente no que a ocultación e a desmemoria seguen a ser tácticas habituais entre os membros da clase política. Neste sentido, a proxección do filme na semana na que Cristina Cifuentes dimitiu como presidenta da Comunidade de Madrid logo de coñecerse, entroutros escándalos, a falsificación do seu título de mestrado, resultou especialmente oportuna.

The Waldheim Waltz (Ruth Beckermann, 2018)

The Waldheim Waltz (Ruth Beckermann, 2018)

O traballo co arquivo televisivo de Beckermann tivo o seu complemento no traballo co arquivo dixital que o cineasta canadiano Dominic Gagnon leva unha década desenvolvendo. Going South (2018), segunda entrega da tetraloxía sobre os catro puntos cardinais de internet que iniciou hai uns anos con Of the North (2015), é un novo mosaico de imaxes apocalípticas e discursos alucinados sobre a desorientación do presente, onde todo youtuber fachendea de estar en posesión da verdade absoluta. A metraxe non escatima vídeos polémicos, como salientan as dúas críticas e mailo videoensaio elaborados durante o obradoiro de crítica feminista que organizamos durante o festival: dá a impresión de que Gagnon, logo das críticas recibidas por recuncar nos estereotipos negativos do pobo inuit en Of the North, decidiu botarse ao monte e fuxir cara adiante, perseverando no seu proxecto de confrontarnos con aquilo que non queremos ver: a estupidez e os prexuízos que dominan os nosos propios refugallos audiovisuais.

O espectáculo da vida

Outros filmes atendían antes aos xestos do que aos discursos, como Terra Franca (Leonor Teles, 2018), a obra máis vitalista desta edición, un documentário observacional sobre un pescador de Vila Franca da Xira que se vai transformando paseniñamente no retrato colectivo da súa familia. A estratexia de Leonor Teles –gañadora do Oso de Ouro do Festival de Berlín pola súa curtametraxe Balada de um Batráquio (2016) mentres estaba a rodar Terra Franca– é ancorar esta longametraxe nunha imaxe concreta –a soidade do pescador no río, a primeira hora da mañá– para logo deixar que a vida, o acaso, o humor e a emoción vaian enchoupando toda a metraxe.

Terra Franca (Leonor Teles, 2018)

Terra Franca (Leonor Teles, 2018)

As distintas subtramas –a perda da licenza de pesca, os preparativos para o casamento dunha das fillas, a obsesión da muller co seu novo aspirador– dan continuidade á sucesión de comidas e conversas que, na verdade, constitúen a columna vertebral do filme. A medio camiño entre os traballos da produtora Terratreme e os retratos populares de João Canijo e Anabela Moreira –se cadra como resultado da montaxe a catro mans entre Luísa Homem, unha das socias de Terratreme, e João Braz, o montador habitual de João Canijo dende Ganhar a Vida (2001)– Terra Franca consegue capturar o espectáculo da vida sen énfase nin ínfulas, cunha frescura e espontaneidade que resulta sen dúbida notábel.

A lenta andaina cara a morte

Lamaland (Teil I) anúnciase como a primeira entrega do proxecto que o cineasta mexicano Pablo Sigg ten canda Friedrich e Max Josef Schweikhart, dous sobreviventes directos dunha comunidade utópica fundada a finais do século XIX en Paraguai por Elisabeth Förster-Nietzsche, a irmá do filósofo homónimo. Ese lugar, tal e como aparece nesta ficción documental, é un limbo analóxico retratado con toda a exuberancia da tecnoloxía dixital: a cámara recréase nos corpos enxoitos dos dous anciáns, nas súas mans, nos seus acenos, nas súas rutinas ralentizadas pola idade e polo clima. A contemplación ritual do seu eterno presente agacha un relato que avanza de forma elíptica e inexorábel cara un desenlace anunciado, polo que o sentido do filme está na recreación obsesiva desa espera, como acontecía en A torinói ló (Béla Tarr, 2011), unha obra coa que Lamaland (Teil I) ten moitos puntos en común, comezando pola referencia nietzscheana do seu título.

A competición incluía un segundo traballo aliñado co ritmo e a estética do slow cinema: Les Unwanted de Europa (Fabrizio Ferraro, 2018), unha recreación da fuxida do filósofo Walter Benjamin a través dos Pirineos. O cineasta italiano Fabrizio Ferraro propón, cun estilo posnarrativo que lembra as primeiras longametraxes de Albert Serra, unha exploración da paisaxe e da experiencia da fronteira franco-catalana durante o bienio 1939-1940, cando foi un lugar de tránsito para miles de refuxiados nunha dirección ou noutra. A cámara acompaña aos personaxes polos camiños da montaña mediante longos planos secuencia que se recrean na contemplación da natureza. O relato, igual que en Lamaland (Teil I), importa menos que a evocación sensorial, que conduce o filme cara unha dimensión metafórica e psicoxeográfica: a decisión do cineasta de filmar a lenta andaina dos seus intérpretes polos mesmos camiños que setenta e cinco anos atrás percorreran os refuxiados de media Europa non deixa de ser unha clara alusión á unha nova vaga de desprazados que arestora percorre o continente.

Les Unwanted de Europa (Fabrizio Ferraro, 2018)

Les Unwanted de Europa (Fabrizio Ferraro, 2018)

Eloxio dos Malditos

Pasado e presente, vida e morte, traballo de arquivo e observación do cotiá, velaí os polos entre os que se movían os cinco títulos a competición desta última edición de Play-Doc, que tamén recuperou o traballo de tres cineastas pouco coñecidos por estes lares: o estadounidense Peter Emanuel Goldman, autor de varias longametraxes de culto cun forte pouso existencialista, como Echoes of Silence (1965) ou Wheel of Ashes (1968); e mais os brasileiros Ozualdo Candeias e Aloysio Raulino, dous resistentes que teimaron en seguir filmando durante os anos máis escuros da ditadura brasileira, o primeiro como realizador de títulos como Aopção ou As Rosas da Estrada (Ozualdo Candeias, 1981) e o segundo, sobre todo, como director de fotografía de documentários como Braços Cruzados, Máquinas Paradas (Roberto Gervitz & Sérgio Toledo, 1978) ou tamén, máis adiante, neste século, O Prisioneiro da Grade de Ferro (Auto-Retratos) (Paulo Sacramento, 2003) ou Serras da Desordem (Andrea Tonacci, 2006). Todos estes filmes, quer na competición, quer nas seccións paralelas, axudaron por uns días a ‘subverter a normalidade’, como diría Cebe, a protagonista de Out of the Blue (Dennis Hopper, 1980), outro dos títulos proxectados no festival, dentro do ciclo (Anti)Heroínas, porque non todo van ser relatos en tres actos filmados en plano / contraplano. Play-Doc, por sorte, segue aí, como esmorga e como desafío, para axudarnos a ver e comprender algunhas das moitas cousas que se nos escapan.

Comments are closed.