Curtocircuíto 2021: Planeta GZ, reciclaxe fílmica

Augas abisais, de Xacio Baño

Augas abisais, de Xacio Baño

Curtocircuíto volveu a Santiago de Compostela un ano máis como un dos festivais con programacións máis frescas e arriscadas de toda Galicia. Asistimos a Planeta GZ, onde se agrupan algunhas das curtametraxes máis destacables do panorama autonómico do último ano. Chama a atención, unha vez máis, o choque xeracional cada vez máis consolidado que existe —e toda a diversidade que esta ponte supón—, entre voces habituais como Eloy Domínguez Serén e Xacio Baño e talentos emerxentes que dan este ano o salto desde Supernova, como Antía Carreira ou Ariadna Cordal

É a peza desta última (codirixida xunto a Dani Cornes) a que mellor representa o cinema máis narrativo e lineal de toda a sección: Auria, última noite, filmada en Ourense e gañadora do Fas Muvis do OUFF 2020. É un estudo de personaxes (interpretados por Lida Veiga, Fran Nogueira e Yago Durán) articulado ao redor dunha revisitación de A Esmorga, de Eduardo Branco Amor. Cordal e Cornes realizan unha peza sinxela e humana na que destaca a dirección de fotografía de Adán Cordeiro e un guión intelixentemente construído, no que o conflito é sempre contido e nunca explícito. Unha película sobre a amizade e as despedidas, a pena egoísta e a alegría que conviven na confrontación coa partida do amigo.

Inside the microtubule, de Judith Adataberna

Inside the microtubule, de Judith Adataberna

A luz que apenas ve 

É xusto destacar á vilaboesa Judith Adataberna, sobre todo polo poderoso imaxinario que creou e asentou en pezas como El Espectorium e Glimpses in the Devils Eye. A través dunha linguaxe visual cimentada sobre a psicodelia, a experimentación e a non-narratividade, en Inside the microtubule continúa a súa investigación ao redor da mente humana e os seus diferentes modos de percepción sobre a realidade. Guiados por un único punto de luz —o dunha lanterna— a través da noite dunha paisaxe invernal, adentrámonos nas profundidades da mente deteriorada da súa avoa. Unha voz rota que deambula por paraxes inhóspitas, habitantes do recordo vago, tal e como transita Adataberna pola fría noite da montaña, sen rumbo pero sen posibilidade de achalo. Unha viaxe cara as paisaxes interiores-exteriores máis escuras e confusas.

De forma parecida constrúe Xacio Baño o seu relato sobre a memoria histórica en Augas Abisais (gañadora do Premio Galicia), na que accedemos a experiencias escondidas na memoria popular, silenciada anteriormente por voces poderosas e a escaseza de medios documentais. O director expón tres escenarios radicalmente diferentes cuxos límites consegue esvaecer, e que mesmo en determinados puntos consegue que parezan o mesmo: o fondo mariño polo que mergulla ese peixe abisal necrófago, case a cegas, só guiado pola luz da súa lámpada; a casa dunha familia lucense marcada para sempre pola desaparición dun irmán soldado e a procura do seu corpo ao morrer en batalla en Teruel, onde sitúa ese terceiro escenario, que se erixe como a parte do filme máis puramente documental e de investigación. Poucos relatos sobre a memoria histórica están expostos de forma tan fresca e sensible. Xacio entende ben toda esa escuridade que rodea ao suceso do que fala, só clarificado por cartas narradas pola irmá do desaparecido, e deambula por esa casa vella alumada por unha luz tenue e insuficiente, coma se dun peixe abisal polas profundidades mariñas se tratase.

Formigón, de Antía Carreira

Formigón, de Antía Carreira

A imaxe reciclada

As novas xeracións de cineastas galegas están a expor un cambio de paradigma, non só a nivel temático (o persoal, o autobiográfico, a nudez emocional), senón tamén a nivel formal. Desta forma, Antía Carreira continúa coherentemente a súa obra audiovisual no que é a súa segunda curtametraxe, Formigón, dando voz ás preocupacións máis comúns entre a xeración Z a través da óptica sucia, desarraigada e dousmileira da súa handycam. Carreira está a asentar a súa liña de traballo no arquivo, recuperando imaxes gravadas outrora, sen ningún tipo de intención fílmica, e articulándoas ao redor de voces críticas e desesperanzadas. Neste caso, relaciona intelixentemente a sobre-produtividade da industria construtora co nihilismo desesperado daqueles que acudían ás raves auto-xestionadas que se deron en Santiago de Compostela nos anos pre-pandémicos. Unha voz cansa rodeada de música techno. Unha mirada a un pasado íntimo e recente, que se expande nunha valiosa reflexión sobre a mocidade actual que, como esas grandes moles de cemento deshabitadas, espera “batendo pé” a poder cumprir as expectativas que puxeron sobre ela.

Radio Cu Cu descóbrese a si mesma como a peza máis humorística de Planeta GZ. Berio Molina accede a un arquivo de imaxes extraídas de rexistros de cámaras de vídeo-vixilancia e reflexiona sobre o uso que pode darlle a estas. Persoas anónimas sucédense en diferentes escenarios que van desde o cotián ata o estraño. A peza parte nun principio da mera observación destes espazos e dos individuos que os transitan, pero nun determinado punto o filme rompe en dous e o propio Molina entra nel, superpoñendo conversacións telefónicas nas que se presenta a persoas descoñecidas, cuxos números di atopar na rúa. Un bonito contraste entre unha voz e o que di, a madurez do seu ton e a infantilidade do que conta. As respostas son estrañamente amables para o invasivo que é o acto, e Molina tenta desta forma saldar unha conta pendente con esas imaxes que está a utilizar: xa que el nunca poderá saber quen son esas persoas, vai presentarse el mesmo a todo o mundo que poida.

Nunha sección do festival infestada de voces vampíricas e escuras, brilla A comuñónmiña prima Andrea, de Brandán Cerviño (mención especial do xurado), unha peza que coincide nese auto-vampirismo da imaxe que emprega Carreira, pero que se afasta notablemente en canto ao ton. Cerviño acode ás imaxes tomadas na comuñón da súa curmá pequena para crear un relato fantasioso no que, máis que dirixir el, delega ese rol na propia Andrea, quen imaxina e describe como sería a súa comuñón perfecta, abundante en brillibrilli e reguetón. Cerviño intervén e manipula esas imaxes sen ningún tipo de pudor, edits cutres que previsiblemente beben do cinema máis trash e da cultura do meme. Un relato amable e divertido, non demasiado transcendental no que conta —aínda que realiza un efectivo retrato da infancia posmoderna—, pero que no formal alimenta esas voces que falan dun cambio de inquietudes en canto ao relato cinematográfico, condicionado polo filtro de Instagram e o arranxo en Photoshop: novas formas de auto-ficcionarse.

Este ano, Planeta GZ resultou ser, en liñas xerais, unha bonita alegación colectiva a favor do arquivo. É necesario producir máis imaxes, máis historias, nunha sociedade saturada polas redes sociais e os medios, a través dos que consumimos imaxes cada día, cada hora, case cada minuto? Moitos destes cineastas prefiren recorrer a arquivos, sexan propios ou alleos, e resignificalos, escribindo en montaxe no canto de en guión, ou construíndo novas imaxes ao redor desoutras xa empoadas. Formas non tan habituais de entender a sétima arte que, sen dúbida, son xa un dos alicerces fundamentais do cinema que está por vir.

A comuñón da miña prima Andrea, de Brandán Cerviño

A comuñón da miña prima Andrea, de Brandán Cerviño

Comments are closed.