DEBATE SOBRE DISTRIBUCIÓN (1/2)

O mercado da distribución, coma o da produción e a exhibición, está a cambiar moito cos adiantos tecnolóxicos da proxección dixital en DCP e vai unido moi estreitamente á aparición de salas, que programan fóra das grandes superficies propostas independentes e en versión orixinal.

As novas distribuidoras de cinema independente que tamén viñeron aparecendo nos últimos tempos chegan para fornecer de contido a esas salas, nun sector moi precarizado, mais no que parecen abrirse novas alternativas para mostrar cinema fóra dos multiplex. Quixemos falar con algúns dos valentes que están a protagonizar este cambio. Distribuidoras que apostan polo cinema cativo en medios, mais grande en ambicións.

Reunimos a Diana Santamaría, de Capricci; Diego Rodríguez, de Márgenes Distribución; Ramiro Ledo, de Numax Distribución; José Luis Carrera, de Abordar Casa de Películas, e Alberto Sedano de CineBinario, para poñelos a discutir sobre o sector.

Como definiriades a liña editorial das vosas distribuidoras? Por que elixistes esa liña para elas?

Diego Rodríguez; "Evolución tecnológica, control de la piratería desmedida, promoción y compromiso de las instituciones. Cuatro elementos para que se vea todo de otro color en un futuro".

Diego Rodríguez, sobre a liña editorial de Márgenes Distribución: “películas españolas, portuguesas e latinoamericanas que pese á súa grande calidade, teñen enormes dificultades para acceder ao circuíto de exhibición convencional”.

DIEGO RODRÍGUEZ (MÁRGENES) – A liña editorial é a mesma que vimos defendendo os últimos 15 anos coas programacións e festivais que vimos realizando (VisualFest e Festival Márgenes) e que derivaron na creación da distribuidora: películas españolas, portuguesas e latinoamericanas que pese á súa grande calidade, teñen enormes dificultades para acceder ao circuíto de exhibición convencional. Películas dunha xeración de cineastas brillantes que avanzan por camiños pouco transitados, polas beiras, nas marxes.

Autores cuxas obras reciben o recoñecemento da crítica especializada e son galardondas en festivais nacionais e internacionais mais que, paradoxalmente, son case invisibles para o gran público.

A elección ten que ver cunha certa idea de responsabilidade social e cultural co noso entorno e coa sociedade, cremos sinceramente que existe unha deixación de funcións por parte das distintas administracións políticas, dos medios de comunicación e unha parte moi importante da industria española sobre todo relacionado coa exhibición. Cremos que todos somos responsables de xerar un ecosistema de protección do noso patrimonio cinematográfico máis arriscado e autoral. E nestes momentos, máis que nunca.

Gústanos unha certa idea do cinema entendido coma un ben de interese cultural de primeiro nivel e non unha mera mercadoría industrial.

No caso de Márgenes, existe esa experiencia previa noutros ámbitos. Hai un selo xa recoñecido. Como traballastes os demais en construír tal selo? O caso de NUMAX é especialmente curioso, porque deberon construír unha marca para o cinema, e case inmediatamente trasladala á distribución. No caso de Capricci, xa que falamos de marcas, non sei se percibides que o público ligue tamén a marca a unha editorial, con libros, e se necesariamente coñecen a vosa vinculación con So Film.

DIANA SANTAMARÍA (CAPRICCI)Con Capricci Cine, antena do label francés Capricci, intentamos seguir un pouco a liña dura da empresa nai, que defende un cinema contemporáneo, independente e radical. Buscamos propostas innovadoras e intentamos descubrir novos cineastas, aos que producimos e distribuímos, coma é o caso de Jean-Charles Hue ou Albert Serra (xa un veterano). En España, aínda estamos un pouco a adaptar a nosa liña editorial porque nos damos de conta de que o panorama e la situación do cinema aquí non ten nada que ver co francés. Estamos aínda en fase de adaptación, pero seguiremos apostando por este cinema máis minoritario, que non chega ás nosas salas. En Francia pódese estrear todo ou case todo… Nós traballamos coas salas de preto e impórtanos moito todo o circuíto non-theatrical.

A relación con SOFILM esta alí. A revista colabora connosco e permítenos facer difusión dos nosos filmes, mais cremos que hai certas diferencias entre a liña SOFILM e Capricci. A xente vincúlanos sobre todo con CAPRICCI EDITIONS que si ten unha especie de recoñecemento e se asocia cunha colección moi cinéfila e de moita calidade. Gustaríanos, de feito, poder implantar a editorial aquí; mais polo momento as axudas están complicadas.

Mais como ben dis, Víctor, cremos nun label cinéfilo multidisciplinar: poder distribuír, producir ou escribir libros de cinema, editar coleccións de dvds…

Diana Santamaría en su puesto de trabajo en Capricci.

Diana Santamaría no seu posto de traballo en Capricci.

Aproveito as túas palabras para sacar o tema da acción multidisciplinar. Varios de vós tamén editades DVDs ou sodes exhibidores. Como se conxugan esas diferentes facetas?

RAMIRO LEDO (NUMAX) – Como sabedes, NUMAX somos dende marzo de 2015, ademais de distribuidora, sala de exhibición, libraría e laboratorio de vídeo e gráfica. Decidimos engadir a área de distribución ao resto de actividades unha vez que nos atopamos con que o traballo de programación como exhibidores facía extremadamente difícil conseguir estrear películas que carecesen de distribución comercial en España. Desta forma, o noso traballo como distribuidores vai moi unido ao traballo de exhibición: tratamos de propor títulos que nos gustaría ofrecer na nosa sala e que cremos que merecen ser vistos noutras salas españolas.

Agora mesmo temos só un título no noso catálogo, Los hongos (Óscar Ruiz Navia, 2014), unha película que tivo un grande e premiado percorrido por festivais internacionais (Locarno, Toronto, Rotterdam, Mar del Plata, Viennale, MoMa ou Sevilla, entre outros), que estreamos o pasado 4 de setembro. Pronto comezará a circular por cineclubs e filmotecas antes de saír á venta en dvd e VoD. É unha película que retrata a amizade na rúa e la iniciación artística e política de dous adolescentes dunha maneira moi enérxica e honesta, revestida dunha certa inocencia que lle confire un pouso de autenticidade moi de agradecer. Agora empezaremos tamén a mostrala a estudantes de secundaria e bacharelato dentro do noso programa “NUMAX na escola”, un programa que estamos comezando a desenvolver durante este curso escolar en distintos institutos da cidade.

Combinado con títulos como Los hongos, dun alcance de público máis amplo, anunciaremos moi pronto novos títulos no noso catálogo, centrados máis na liña do noso programa “Os ollos verdes”, que é a sección da nosa programación como exhibidores “na que se estrean aquelas películas que traballan por renovar e reformular os xeitos de ver e contar e que non atopan a miúdo un espazo nas carteleiras”. Esperamos así poder estrear por primeira vez en España a cineastas de referencia ou contemporáneos nosos que nunca antes tiveran un oco en salas comerciais en España.

Ramiro Ledo, al cargo de Numax Distribución, en la sala compostelana.

Ramiro Ledo, a cargo de Numax Distribución, na sala compostelana.

ALBERTO SEDANO (CINE BINARIO) – En CineBinario comezamos facendo “directo a vídeo” con edicións en DVD moi coidadas dunha serie de títulos concretos que dalgunha maneira marcaron a nosa liña de distribución. Títulos que comparten entre si ser primeiras películas ou obras de directores noveis, con equipos de rodaxe como familia, liberdade creativa nos procesos, de olladas moi persoais que abordan temas como a linguaxe, o amor, as relacións, o traballo, a crise (ampla e permanente)… Temas que pensamos que conectan moi directamente coa (nosa) xeración, ou cunha parte desta xeración preocupada polo seu valor. De aí se cadra, o eclecticismo do noso catálogo, que se debe en primeiro lugar a que son películas que nos gustan, como espectadores.

Volvendo ao DVD, o traballo de edición que desenvolvemos ata o de agora baseouse na creación de pequenas coleccións que funcionan como ciclos de cinema (Young American Filmmakers, dedicado ao mumblecore, ou a selección de ciencia-ficción minimalista Sci-Fi Cults). Estas coleccións tamén as distribuímos como tal en TV de pago, plataformas on-line e algunhas Filmotecas e Cineclubs, mais o DVD permítenos traballar co obxecto como fetiche e enriquecer o visionado con todo tipo de material adicional (libretos, entrevistas, curtametraxes…). O único DVD editamos editado, ata o momento, de forma illada foi Arraianos (Eloy Enciso, 2012), co que realizamos unha exhaustiva recompilación de materiais adicionais coa intención de que o espectador poida introducirse todo o posible nos procesos e reflexións que xeran unha película como esta.

JOSÉ LUIS CARRERA (ABORDAR) – En canto á referencia editorial, o noso xefe de contidos Ramón Colom, é o que decide que liña pode ter a película, e unha vez obtida traballamos nela para destinala á sala e ao público ao que pode gustarlle a película.

Cando temos un fondo de librería, o que adoitamos facer é contidos temáticos, para posibles visionados en Cine clubs ou institucións que lles poida interesar ese tema.

Con Camino a la escuela (Pascal Plisson, 2013), a parte do éxito de salas, o que máis facturación nos proporcionou foi os visionados en escolas e centros docentes, que aínda que a tarefa foi ardua valeu a pena e isto querémolo repetir con El gran día (2015), o segundo título de Pascal Plisson.

O que está claro é que hai que loitar por ter un bo xénero para que as poucas salas que quedan se interesen e aposten polas medianas distribuidoras.

José Luis Carrera, de Abordar: "Con 'Camino a la escuela' (Pascal Plisson, 2013), a parte del éxito de salas, lo que más facturación nos ha proporcionado ha sido los visionados en escuelas y centros docentes".

José Luis Carrera, de Abordar: “Con ‘Camino a la escuela’ (Pascal Plisson, 2013), a parte do éxito de salas, o que máis facturación nos proporcionou foi os visionados en escolas e centros docentes”.

Definida esa liña editorial, cales son as vosas estratexias para conseguir os filmes que queredes? A que festivais acudides e como se leva a cabo normalmente a negociación?

JLC – Non temos unha estratexia, imos aos festivais onde vemos que nos podemos nutrir de películas que encaixa na nosa liña: San Sebastián, Toronto, Rendez-Vous París, German Films en Dresden, Berlinale, etc.; e alí xa decide o noso departamento de contidos cales poden encaixar.

Unha vez que temos un título que nos gusta, contactamos coa distribuidora internacional e chegamos a un acordo sobre os dereitos de dito título, e se se nos axusta ao noso orzamento.

A túa resposta pon moitos temas interesantes sobre a mesa. O primeiro é a diversificación de públicos. Dende Abordar, como ben dis, apuntades a diversas salas ou mesmo centros educativos, se a película o require, por exemplo.

Polas características das demais distribuidoras, entendo que os vosos títulos se dirixen (polo menos de momento) a salas como a propia NUMAX. Védesvos proxectando os vosos títulos nun multiplex? Dende A Cuarta Parede, cremos que os públicos cada vez están máis polarizados, entre os grandes centros comerciais e as salas de carácter máis cultural. Quizás trabucámonos.

Outro tema que me gustaría sacar, e que se desprende tamén en parte da resposta de José Luis, é como se aproxima un ás películas para distribuílas. Por sacarvos un tema que seguro vos preocupa a todos: o mínimo garantido. É cousa do pasado? Suponvos un problema? Ao igual que hai exhibición a dúas velocidades, semella que houbera unha distribución paralela, pode que para se adecuar a un novo contexto, con novas demandas.

AS – Hai un punto importante á hora de definir a negociación económica (e posterior distribución) dunha película de cinema de autor contemporáneo en España, e é que España non é un país desenvolvido no que a políticas culturais se refire (e en tantas outras cousas). Dende as produtoras e axentes internacionais vennos moitas veces coma un país tercermundista e non lles falta razón. A política cultural do noso país directamente penaliza o cinema que distribuímos os que estamos a participar neste debate e aos exhibidores que o acollen. Tivemos oportunidade de intercambiar experiencias e opinións con mozos distribuidores de varios países (Francia, Alemaña, Brasil…) e resultan moi escandalosas as diferencias coa situación española. Onde uns teñen entre un 0 e un 7 por cento de IVE, nós temos un 21%; onde uns teñen axudas específicas á exhibición, nós temos a suspensión das mesmas (e unha liña de axuda a Industrias Culturais que velan pola modernización destas, e en canto ao cinema, ofrécese a plataformas online e denégase a dixitalización de salas por exemplo). Entón, onde uns teñen salas dixitalizadas con axuda dos seus gobernos, nós temos integradores con condicións moi agresivas, onde uns teñen un circuíto amplo de cinemas, nós témolo en decadencia de non ser polos que resisten e los que agora comezan, co apoio local no mellor dos casos. Unha serie de cousas que directamente afectan á saúde da industria, á diversidade cultural e á diversidade cinematográfica do mercado de distribución dun país. Cando nos sentamos coa produtora e/ou realizadores ou axentes de ventas (que é como levamos a cabo as negociacións) a charlar, comentar puntos de vista, posibilidades, etc.; coñecen o contexto e por sorte, á marxe de todo este panorama, ambas as dúas partes na negociación (e o público) valoramos tamén outros aspectos alén dos económicos. Baseámonos na confianza, na experiencia, o traballo e a proximidade e cada negociación é diferente segundo a estratexia de distribución, que adoita variar dunha película a outra.

Alberto Sedano en el centro, conversando con José Manuel Sande, guionista de 'Arraianos' (izquierda) y Domécec Boronat, de Cineciutat, en el festival de Las Palmas.

Alberto Sedano no centro, conversando con José Manuel Sande, guionista de ‘Arraianos’ (esquerda) e Domécec Boronat, de Cineciutat, no festival de Las Palmas.

En canto a festivais gústanos Berlín, o mercado e a organización. Na pasada edición tivemos a oportunidade de participar en Berlinale Talents, que foi moi enriquecedor. O mercado de Cannes, Rotterdam e aquí, por exemplo o Festival de Sevilla.

_________

Continúa aquí.

Comments are closed.