DIEGO MARADONA, de Asif Kapadia

No 2009, Ken Loach asinaba Looking for Eric, unha película centrado na vida dun carteiro inglés que loita contra a súa particular crise coa axuda do dianteiro do Manchester United Eric Cantona. Non me considero un fanático do fútbol, aínda que si que gosto de ver algún que outro partido e sigo a actualidade de preto; quizais por iso o filme de Loach fíxome sentirme máis próximo aos meus amigos que si vivían o deporte. Máis próximo a esa paixón que cega a vista dunha ou doutra cor. Lembro que cando vin o filme, un destes amigos dixera que o fútbol, en certa forma, era o que mantiña a orde na sociedade capitalista, porque as loitas que se deberían dar na rúa contra o sistema, dábanse no estadio contra o equipo rival.

***

Se hai un don que se lle pode atribuír a Asif Kapadia é o de saber escoller aos protagonistas dos seus filmes. Despois de retratar a figura de Ayrton Senna e a rivalidade con Prost, de retratar a Amy Winehouse e o seu descenso aos infernos,  e de producir filmes sobre os irmáns Gallagher e Cristiano Ronaldo, Kapadia segue a manter arriba o seu propio listón cun documental centrado na etapa napolitana de Diego Armando Maradona. Diego Maradona (2019) constrúese sobre un extenso arquivo de imaxes, gravacións e fotografías sobre os que, puntualmente, aparecen as voces da xente que acompañou ao ‘Pelusa’ durante a súa vida. Un documental que fala de fútbol e do innato talento do arxentino para revolucionar o deporte, pero tamén de drogas, camorra, Scudettos e redención.

1558336122_705281_1558427052_noticia_normal

A chegada de Maradona ao Nápoles supuxo a revolución. A súa fichaxe, que rompeu o récord mundial de gasto daquel ano (12 millóns de euros, calderilla na actualidade), espertou rumores e comentarios sobre a influencia da camorra no orzamento do equipo. Algo que, rapidamente, negaría o presidente do club e que, o tempo, encargaríase de demostrar. Mentres, nunha das cidades máis pobres da Italia dos anos 80, os napolitanos recibían ao futbolista non como unha fichaxe estrela, senón como unha deidade á que adorar. O que vén despois, é por todos coñecido: o ascenso do Nápoles na Serie A, “La mano de Dios”, o famoso gol contra Inglaterra, as drogas, a caída en picado do astro arxentino…

O erro máis común á hora de ver un documental como Diego Maradona é pensar que este nos vai a descubrir algo inusual sobre a figura protagonista, cando en realidade, o que fai é construír unha historia, unha narración, sobre a vida do mesmo. Así, todo o que acontece no documental son episodios que xa coñecemos, mais quizais son os espazos entre esas grandes anécdotas ao que habitualmente non chegamos. Kapadia, como xa fixera en Amy e Senna, organiza os materiais con verdadeira destreza, permitindo que a historia se constrúa como se fose unha ficción, pero sen esquecer o compoñente documental do filme. Quizais por esta destreza, as voces en off que acompañan non se fan pesadas ou innecesarias, senón que axudan a ler de forma diferente as imaxes do arquivo.

Por outra banda, Diego Maradona non é só un documental sobre o futbolista. Diego Maradona é tamén un filme sobre un momento histórico, unha sociedade concreta: o Nápoles dos anos 80. Ao longo das dúas horas de duración, infíltrase a camorra e a súa influencia, así como o laissez faire social que dominaba nunha cidade sumida nunha clara recesión económica. Tamén retrata a rivalidade entre a cidade e o resto de Italia, así como o racismo latente cos inmigrantes que chegaban a Nápoles. De novo, Kapadia sabe administrar esta información, e deixa que, dunha forma case natural, a historia se desvíe momentaneamente por este retrato dunha Italia, en certos aspectos, non moi diferente á actual. Precisamente por esta situación social, é comprensible o fervor desmesurado que se viviu polo ‘Pelusa’ na cidade. O futbolista que fixo que o equipo local se erguese co título de liga italiano, o futbolista que inverteu as dinámicas habituais e puxo a Nápoles á cabeza. Maradona era unha vía de escape, unha utopía que se facía posible cando o 10 conducía o balón cos seus pés.

Como Ken Loach, Asif Kapadia escolle un protagonista que acadou a fama tanto polo seu talento como polos seus excesos. A necesidade de fuxir da presión dunha cidade que carga sobre ti a responsabilidade, o fácil acceso a paraísos artificiais, ou o culto desmesurado á personalidade propia acaban por converter a estes futbolistas en verdadeiros Mr. Hyde, onde, a personaxe creada acaba por devorar ao futbolista. Diego Maradona fainos conectar tamén con este lado emocional. “Diego no tiene nada que ver con Maradona, pero Maradona lo arrastra a Diego por todos los lados”, di o que foi o adestrador persoal do dianteiro.

 1558378167_245024_1558378420_noticia_normal

A película, podería caer no erro de dar unha redención ao futbolista, unha vía de escape que xustificase os excesos e os erros do pasado, unha explicación que, situando a presión no centro da ecuación, permitise entender a deriva destrutiva que o absorbeu. Pero a realidade non é así. Kapadia, que en ningún momento xulga ao protagonista, amósanos a totalidade: a Diego, a Maradona, e a Diego Maradona. Amósanos ese lado escuro que fixo que o rapaz que quería axudar á súa familia e gañar títulos, sexa agora un meme que vólvese facer viral cada poucos meses. A realidade é que non é D10S, senón un xoguete roto. O resultado de pasar de cero a cen en apenas minutos, sen freos nin rede de seguridade: tan só un ego desmesurado que se facía máis e máis grande a cada louvanza ou privilexio que recibía.

Mais, por riba de todo, o filme comparte a mellor das virtudes dos documentais asinados por Kapadia, isto é, a de enganchar ao espectador, sexa seguidor do fútbol ou non. Da mesma forma que acompañamos a Senna ata aquela curva do circuíto de Monza, ou a Amy Winehouse naquela noite en Camden Square, acompañaremos a Maradona ata (case) a actualidade, onde máis que nunca o seu lado escuro fai presencia. Todo isto nun documental que se afasta do sensacionalismo habitual de quen narra a historia de personaxes como estes; nun filme que intenta comprender, que non xustificar, o declive do mellor xogador da historia do fútbol. Un filme, en definitiva, que, como Looking for Eric, fainos entender porque esa paixón cega por un deporte, por un xogador, por un xenio do fútbol.

Comments are closed.