E AGORA? LEMBRA-ME, de Joaquim Pinto

e agora lembra-me

Ler este texto na súa versión orixinal en portugués

Como analizar o tempo? Como incorporar ese concepto filosófico milenario ao pensamento humano? O cinema, como arte do tempo, pode contribuír a esta busca interminábel: pode axudarnos a entendérmonos ou, aínda mellor, a pensarnos como seres durábeis e, sobre todo, finitos. Desa conciencia ontolóxica xorde E Agora? Lembra-me (Joaquim Pinto, 2013): o seu título alude de seguida a esa problemática, xogando coa idea de presente e de memoria. Non por acaso, o filme asume un modelo diarístico, confesional, no que o realizador é o narrador. O pretexto é, en si mesmo, dramático, temporal: acompañar un ano de tratamentos clínicos experimentais de Pinto, que sofre VIH e Hepatite C. Para nós, esta difícil cuestión do tempo é abordada, en E Agora? Lembra-me, pola vía da intimidade, a través da aproximación do cinema aos modos de vivir diarios.

Da Intimidade

Joaquim Pinto é un nome central no cinema portugués das últimas décadas, sobre todo como operador de son (de máis de medio centenar de filmes) e tamén como produtor (entre outros títulos, das dúas primeiras entregas da Triloxía de João de Deus asinada por João César Monteiro: Recordações da Casa Amarela, 1989, e A Comédia de Deus, 1995). Ademais, dirixiu algúns filmes como Uma Pedra no Bolso (1988) ou Onde Bate o Sol (1989) que sinalan unha determinada conxuntura na historia do cinema portugués: un momento de transición entre a xeración do Novo Cinema Portugués e a xeración seguinte, que procuraba novos camiños temáticos sendo aínda herdeira do legado dos anos sesenta. Así, entre outros, Pinto partilla as súas primeiras experiencias no cinema con Pedro Costa, João Canijo, Vítor Gonçalves ou Teresa Villaverde. Agora, case dez anos despois do seu último traballo (de curtametraxe) e máis de vinte anos despois do seu debut cos filmes anteriormente nomeados, este autor regresa á longametraxe con E Agora? Lembra-me; un título no que a súa filiación cos seus predecesores fica reforzada a través daquelas pasaxes biográficas onde a historia persoal de Pinto se funde coa historia do cinema portugués dos anos oitenta, sobre todo no tocante á súa relación persoal con João César Monteiro.

Como dixemos antes, este documentário autobiográfico é unha revelación intimista do día a día de Joaquim Pinto e Nuno Leonel, o seu compañeiro dende mediados dos anos noventa. A súa vida cotiá fica afectada polo tratamento experimental e con efectos colaterais ao que Pinto se somete. Como di ás tantas, ao tentar facer un calendario anotando os días bos e os días maos, acabou por desistir ao fin dunha semana, porque tódolos días foran maos. A intimidade que o filme revela xorde así das sucesivas crises que sofre Pinto, orixinadas pola medicación violenta que moitas veces o desorienta. Alén desta vontade de salientar esas crises mediante a súa, digamos, presentificación a través dos monólogos do realizador, o filme transforma eses momentos nunha narrativa máis ampla, creando rupturas con outras imaxes e outros momentos. En certo sentido, Pinto comparte con Pedro Costa o seu gusto polas experiencias intimistas ao xeito de No Quarto da Vanda (2000), onde a cámara dá testemuño daquilo que ten á súa fronte. Con todo, hai unha diferenza evidente: Pinto -e tamén Leonel- fílmanse a si mesmos, no seu tempo, na súa vida cotiá. Niso resulta radicalmente importante a voz en off que narra e intervén nas imaxes (moito habería que dicir sobre esta voz en off, que sabe perfectamente cando é preciso o silencio, e que nunca resulta redundante con respecto á imaxe), ordenándoas e dándolles unha coherencia por veces descoñecida para o espectador. O único exemplo comparábel dentro do cinema portugués recente serían as exploracións da voz en off de Gonçalo Tocha no seu xa ‘clásico’ documentário É na Terra não é na Lua (2011).

22 E Agora, Lembra-Me 2

Dentro destas estratexias narrativas, o que máis salienta é a necesidade constante de pensar as imaxes, de integralas nunha narrativa filosófica ampla, que detalla distintas preocupacións de Pinto (de feito, a súa voz é a voz do filme, da autoría). O filme dá lugar a un discurso no que se procura explicitamente o sentido da vida, nun xesto amplo e filosófico que combina o saber canónico (por exemplo, o da Biblia) con outros saberes escuros e iconoclastas, como o dese libro ilustrado do século XVI de Francisco da Holanda que Pinto filma entre as mans con luvas dunha bibliotecaria de Madrid. Mesmo a Biblia, como logo entenderemos, emprégase como un libro radical do pensamento humano. A partir de saberes milenarios e coñecementos científicos actuais, o filme tece unha abordaxe ao sentido da vida que sempre procura vivir na súa plenitude. Esta relación entre libros transpórtase tamén á relación entre Pinto e Leonel, xa que o segundo é cristián e reforza continuamente a radicalidade da Biblia. Deste xeito, Pinto emprega o filme como punto de conexión entre distintas vivencias do mundo e a experiencia-límite que el mesmo está a vivir.

Porén, o que E Agora? Lembra-me salienta é, ante todo, a cotidianidade da propia vida: a casa na aldea, o campo cultivado, o acordar, a relación cos cans, os xestos diarios que culminan nunha escena de sexo. Todo forma parte desa intimidade inaprensíbel, difícil de agarrar, que só fica rexistrada pola insistencia do cineasta en filmar e construír despois un discurso (a montaxe) a partir desas filmacións. A ollada de Joaquim Pinto e Nuno Leonel (os dous son ‘operadores de cámara’) é áxil e simpática, establecendo moitas pontes coas home movies do cinema de vangarda na liña de Jonas Mekas. Esa nostalxia, presente nas imaxes serenas do campo crepuscular e das brincadeiras cos cans, é examinada en contraste co discurso máis sofisticado da voz en off. Desta ambivalencia é de onde o filme tira a súa densidade, a súa beleza e a súa profundidade.

Doutra banda, hai unha sensación de que o filme obedece a un ritmo particular, sentido, como na súa banda sonora, que vai marcando os distintos ‘capítulos’ da narrativa. Por veces, ese son resulta case excesivo, malia que o silencio impere en varios momentos, como nun dos clímax violentos do filme, cando acompañamos Pinto e Leonel nunha exhaustiva carreira contra o lume. Nesa situación, acentúase a fraxilidade ante a violencia do mundo: non poderían haber ‘mellores’ imaxes para caracterizar a sensación de horror que as lapas infernais que destrúen todo polas mans do home (nun momento determinado, ouvimos a Leonel declarar que o incendio foi provocado).

22 E Agora, Lembra-Me 3

Como filme diarístico, filosófico e complexo que é, E Agora? Lembra-me esixe varios visionados para posibilitar un diálogo máis denso coa súa esixente bibliografia (Freud e Marx son nomeados varias veces de xeito subliminal). De feito, a súa duración (nalgúns momentos concretos, admítase, excesiva ou redundante) tamén esixe ese ollar afondado. No entanto, o filme ecoa como un documento dos intersticios do cotián, e as súas imaxes -sobre todo daqueles ollares selfie que documentan a loita contra a enfermidade de Pinto e Leonel- demostran que o presente continúa a ser un lugar dende onde se poden filmar e entender as contradicións da imparábel continuidade da vida.

Ler este texto na súa versión orixinal en portugués

Comments are closed.