EDEN, de Mia Hansen-Løve

Eden 02

DAFT PUNK E TÓDOLOS DEMAIS: UN PASEO POLO FRENCH TOUCH

Mia Hansen-Løve (París, 1981) comezou como actriz e crítica de cinema, mais axiña descobriu que o que realmente desexaba era ser directora. Esa decisión levouna até onde está agora: con catro longametraxes realizadas podemos dicir que Hansen-Løve ten xa un estilo moi definido e moitas cousas que contar. A última edición do Festival de Donostia incluiu na súa sección oficial o seu último filme, Eden (2014), un título que aborda o french touch logo de tres incursións na problemática familiar e sentimental da xuventude, un tema que xa non inspira á cineasta, como ela mesma dixo na presentación. O cambio non é tan grande nin profundo, e aí está precisamente a maxia: Hansen-Løve ten estilo e identidade, é capaz de contar calquera cousa con ese ton nostálxico e sutil que recorda ao cinema da Nouvelle Vague. A directora convida ao espectador a un paseo pola música electrónica francesa sen facer un aburrido filme histórico. Non é algo xeral, é moi persoal, e por iso se pode dicir que retratou nesas imaxes unha xeración, todas as xeracións.

Inspirada na historia de seu irmán, a fita fala da procura, da felicidade, da madurez, dos cambios e do paso do tempo. O tempo é unha constante no cine desta autora. En Tout est pardonné (2007) e Le père de mes enfants (2009), Hansen-Løve falaba da familia cun estilo moi semellante ao do cinema de Eric Rohmer. En Un amour de jeunesse (2011) investigaba os amores xuvenís, o ataque do tempo e o efecto da memoria: a parella protagonista enfrontábase aos seus sentimentos de forma moi pouco convencional. Agora, en Eden, fala de amor, familia, música, paixón, crecemento e amizade, e faino dun xeito máis casual, máis sinxelo, sendo á vez un filme moito máis complexo no fondo e non en forma, xa que as imaxes chegan fundidas coa música, os anos pasan case sen darnos de conta, mudan as cousas: pódese dicir que é un filme maduro e ambicioso, mais non pretensioso.

Centrada en tódolos que non foron Daft Punk e tentaron atopar un oco no mundo da música electrónica vivindo sempre nun vaivén entre o éxito e o fracaso, a satisfacción e a frustración, esta fita presenta a dous rapaces que se esforzan por vivir intensamente e manter unha tenra e libre mocidade que evidentemente escapa sen control. Hai cousas en común con Un amour de jeunesse: para os protagonistas de ambos filmes, o tempo é algo artificial, pasa no mundo externo, non pasa no seu mundo interior. Camille non esquece, Paul non madura, e ademais os dous se refuxian na creación e na arte tentando ignorar a insatisfacción que senten na súa vida persoal.

A directora falou en Donostia da profunda relación que existe entre “Within” de Daft Punk, o espírito do filme e a historia do protagonista. Será por iso que agora son incapaz de separar as imaxes da música, e será por iso que non esquezo as palabras. Redescubrín esta canción, que agora tamén fala de min. Fala de todos, é unha definición aproximada da mocidade, como Eden, que se aproxima con vertixe e melancolía aos problemas e paixóns dunha época. E non falo dos 90 nin do principio dos 2000, falo dunha época moito máis universal, unha época da vida na que estamos á procura de algo ou alguén, nalgún lugar sen entender nada, sen poder explicar nada.

I’ve been, for sometime
Looking for someone
I need to know now
Please tell me who I am

Esta nova xoia do cinema francés non vai gustar a todo o mundo, mais non gustará precisamente porque ten a marca Hansen-Løve nos diálogos, nos planos e nos personaxes, unha marca que posibelmente non triunfa en todas partes, anque tampouco é necesario. Puido comprobarse nos pases do festival: Eden pode aburrir e pode encantar. Non era iso o que demostra a forza e a xenialidade?

Comments are closed.