“PENSAR O TEMPO E O ESPAZO: ISO É O CINEMA”

A Spell to Ward off the Darkness é a primeira colaboración entre os cineastas Ben Russell e Ben Rivers, na que indagan nas posibilidades do sentimento espiritual nun mundo secular. Puidemos ver o work in progress deste esperado filme na última edición de Punto de Vista, e aproveitamos a (S8) Mostra de Cinema Periférico para manter unha breve conversa con eles sobre as craves da película.

Como traballastes xuntos ao longo de todo o proceso, da escritura á montaxe?

Russell: O proceso de escritura foi moi doado, porque non escribimos nada.

Rivers: Só unhas palabras…

Russell: Ningún dos dous traballa con guión. Para os produtores, presentamos un tratamento que tería unhas catro páxinas.

Rivers: Foi un proxecto que xurdiu de falar, así que mantivemos un contacto continuo, no que recordabamos de que foran todas esas conversas. Compartimos todo, dende a procura de localizacións á filmación. Mirabamos por quendas na cámara para definir os planos, movéndoos un pouco se ao outro non lle gustaba o encadre.

Iso, en todo o filme?

Rivers: Na parte que se titula Soidade, que é a primeira que aparece, no norte de Finlandia.

Teño a impresión de que semella moito a Two Years At Sea (Rivers, 2011).

Russell: Tamén a The Wet Season (McCaffrey & Russell, 2008) ou Workers Leaving the Factory – Dubai (Russell, 2008).

Rivers: Son planos estáticos, definidos polos dous.

Russell: Falamos moito dende o principio sobre como o filme debería ser. A forma é o contido, e debiamos saber como iamos rodar. O estilo de cada parte vai en consonancia co que se narra, e iso era algo que estaba claro mesmo antes de coller a cámara.

A min pareceume que cada parte, polo menos a primeira e a terceira, estaban rodadas por cada un de vós. A secuencia final ten conexións evidentes con Black & White Trypps Number Three (Russell, 2007).

Russell: Lóxico, é a mesma estética, eu son o operador. Pero, non sei…

Rivers: Sabiamos que iamos ter unha parte da Comuna, outra da Soidade e outra de Black Metal. Na de Soidade, todo plano debía ser estático, e o movemento vén na montaxe. É algo elíptico, que suxire un tempo dilatado. Como na parte da Comuna queriamos filmar conversas, optamos pola cámara múltiple para mantelas libres e soltas. Tamén están rodadas cámara en man, así que se xoga coa idea das formas primixenias do documental, no contexto de filmar un grupo de persoas. Esta parte tamén debía ser elíptica, mais condensada nun período de tempo máis curto. Para a última parte, a do Black Metal, debía semellarse ao tempo real, meterte no momento. Intentamos logo permanecer fieis á toma única con ‘steady cam’ para se meter entre os músicos. Non se trata só de captar a experiencia do público, senón de plasmar o súmmum (‘embodiment’) do músico.

Son logo tres tipos de percepcións.

Russell: Si, tres maneiras de pensar o tempo e o espazo: iso é o cinema.

Robert AA. Lowe. Por que o escollestes?

Russell: Hai moitas razóns, pero a principal é que é un músico que cando sae ao escenario; a súa interpretación é moi corpórea. Transmite esa idea do súmmum que tanto nos interesaba, unha manifestación del mesmo que invade o espacio.

Rivers: Cando está no escenario, e Ben xa o vira en directo… É que só con velo en YouTube, xa te decatas de que Rob entra nun estado de trance. E queriamos capturar iso, non buscabamos un actor.

Un trance que intenta provocar tamén o filme. Non só a través das imaxes, senón da música. De onde xorde a combinación destes elementos no último treito do filme?

Russell: Iamos detrás dunha fenomenoloxía, intentando probar como o cinema pode activar este tipo de presenza. Parte da ambición é crear un momento abrumador e enteiramente activo. Non se procura representar a experiencia, senón producila. E esta é a colisión que se produce entre algo tan potencialmente terrorífico coma o black metal e todo ao que a súa historia fai referencia. Realmente, tratábase de estar aí, coa maior proximidade posible.

Volvendo á comuna, onde a atopastes? Vexo algo de ficción nesa parte.

Russell: Sempre a hai.

Si, claro, nos filmes dos dous.

Russell: E en todo o cinema. Aquí está. Unha entrevista, con cámara, fotogramas, son… Todo é ficción, só que en distintos graos. Pero si, a comuna foi o que máis nos custou atopar. Supoño que demos con ela a través de contactos e con algo de sorte.

E na montaxe final, hai cambios nesa parte, non?

Rivers: Hai cambios, si. Durante un tempo, as partes estaban ordenadas de xeito diferente. A comuna ía antes, agora vai no centro. E quitámoslle preto de 20 minutos ao filme.

A ver como soa isto. Cando vexo un novo filme de Ben Russell, advirto unha continuidade moi evidente. Cando vexo un novo de Ben Rivers, máis me afago á idea de que estou ante unha obra diversa. É cousa miña ou as vosa achegas ao cinema son diferentes?

Rivers: Non sei… Supoño que me esixo máis que Ben (risos).

Russell: Eu sempre o vin ao revés de como ti o percibes.

Rivers: Supoño que os dous intentamos evolucionar, ir mudando, mesmo se de toda a obra se desprende unha idea de continuidade. Esa é unha das razóns polas que decidimos traballar xuntos, para obrigarnos a pensar doutro xeito e aproximarnos ao filme dunha maneira que non se nos tería ocorrido a cada un de nós individualmente.

Russell: Eu sempre crin que as películas que vou facendo eran distintas a aquelas que as precederon. Polo menos, formalmente. Pero pode que os meus filmes sexan máis enérxicos e os de Ben máis inmersivos.

__________

FOTOS: María Meseguer

Comments are closed.