“O CINEMA PRECISA IMAXINACIÓN”. ENTREVISTA CON DOMÉNEC BORONAT, PROGRAMADOR DE CINECIUTAT

O peche dunha sala de cinema é sempre un acontecemento triste, porque supón a desaparición dun lugar de memoria. Por iso, a revolta cidadá contra o peche dos Cinemas Renoir de Palma de Mallorca foi un acontecemento insólito que convida á esperanza. Doménec Boronat, un dos membros do comité de contidos de Xarxa Cinema, a asociación que xestiona agora estas salas, falounos da súa experiencia, que confirma a posibilidade de desenvolver un modelo de exhibición cinematográfica baseado no compromiso e na participación do público.

En que consiste a vosa proposta?

Cineciutat é o nome co que se rebautizaron os antigos Cines Renoir de Palma de Mallorca, que pecharon hai un ano. Unha forte mobilización cidadá impulsou unha plataforma que baixo o nome de Xarxa Cinema conseguiu aglutinar un proxecto asociativo refundador destas salas. Polo tanto, este é un cinema dos seus socios (mais aberto a tódolos públicos), e son eles os que transmiten e propoñen títulos a unha comisión de contidos integrada por voluntarios. Un ano despois, o noso proxecto segue gozando de boa saúde, financiándose somentes cun réxime anual de cotas e coa venda de entradas

Que tipo de filmes programades?

Somentes cinema en versión orixinal. Esta foi a aposta inicial e mais o primeiro obxectivo do proxecto: seguir coas versións orixinais que, logo do peche dos Renoir, desapareceran da cidade de Palma. Non hai que esquecer, ademais, que Baleares (e Mallorca en particular) é a comunidade autónoma con maior índice de poboación estranxeira de todo o estado: moitos dos socios que forman parte desta iniciativa son estranxeiros, principalmente ingleses e alemáns, e en menor medida franceses, holandeses ou escandinavos. Por ese motivo, Cineciutat tenta sempre equilibrar os seus títulos atendendo ás súas demandas.

Por exemplo, o filme máis visto nas nosas catro salas desque comezamos coas nosas proxeccións no verán pasado foi un documentário: Searching for Sugar Man (Malik Bendjelloul, 2012). As tendencias veñen así marcadas pola tempada. Nós tentamos respectar unha seria de principios de programación, que implican a elección de filmes e documentários en versión orixinal de calidade contrastada e de calquera procedencia. Apostamos sempre polas estreas, mais tamén comezamos cunha liña de re-estreas coas que procuramos atender unha demanda crecente, cousa que nos permite xogar de xeito máis flexíbel cos prezos.

Mobilizacións contra o peche dos Cinemas Renoir de Palma de Mallorca

É curioso que dende a comisión detectasemos que a maior parte das veces o éxito vén determinado polo xénero dun filme: as traxedias non gustan. Mesmo houbo semanas que tivemos que compensar a carteleira tirando de re-estreas de comedias, posto que a distribución de dramas e traxedias é exponencialmente maior que as comedias, e o público non quere sufrir: o espectador medio prefire comedias ou dramas ‘de perfil baixo’, é dicir, sen consecuencias tráxicas irreparábeis. Dende Cineciutat, porén, tentamos abrir o abano de títulos o máximo posíbel, xa que temos un público de cinema independente en versión orixinal e outro que prefire títulos comerciais máis accesíbeis, aínda que sempre en versión orixinal.

Cal é daquela o perfil máis habitual entre os vosos socios?

Os nosos espectadores adoitan ser xente de mediana idade, esixente, que ama o cinema de calidade e se é posíbel en versión orixinal. Un perfil de espectador/a que acode regularmente ás salas, que está formado e informado, que sabe o que vai ver e decide cando e como o quere ver. Entre eles, unha elevada porcentaxe está composta por xente que chegou tarde á revolución dixital, e polo tanto non saben ou non queren consumir cinema a través de pantallas individuais, resístense a ser desprazados das salas de exhibición.

Como é a vosa política de prezos?

Dentro da programación regular temos un prezo de billetería polas estreas, outro polas re-estreas, e un terceiro para os documentários, prezos todos eles que acordamos previamente coas distribuidoras. Os socios teñen desconto por cada entrada (ademais dunha entrada de balde ao mes), que se modifica en función de se se trata dun dos tres casos anteriores. Temos tamén unha promoción para os non socios que consiste nun bono de dez pases a 40€.

De que medios e equipamentos técnicos dispoñedes?

Teño que recoñecer que a desaparición dos 35mm está a darnos moitos problemas, basicamente de financiamento. Ao comezo, hai un ano, contabamos con catro proxectores de 35mm, mais arestora temos dous proxectores de 35mm e outros dous de Blu-Ray FullHD de alta gama, malia que seguimos sen poder contar cun DCP. As xestións para poder conseguilo son intensas, mais o seu elevado prezo e a falta de competencia no sector fai imposíbel poder adquirir un sen asumir un risco económico moi alto.

Tedes algún acordo con asociacións ou particulares para ceder as vosas salas a outro tipo de eventos ou proxeccións?

Cineciutat goza de moita difusión tanto no eido cinematográfico como cultural. As nosas salas acollen toda caste de propostas que xiran arredor do ámbito cinematográfico: por exemplo, os mércores, que é o día que non temos proxeccións regulares, organizamos estreas, ciclos, presentacións, charlas, etcétera. Varios autores e realizadores de Baleares e de fóra xa aproveitaron estas salas para presentar os seus traballos.

Ademais das súas proxeccións regulares, Cineciutat acolle tamén toda caste de eventos cinéfilo-culturais

Outros colectivos colaboran connosco na organización de ciclos de clásicos do cinema en versión orixinal (CineClàssics) ou de sesións infantís, mentres que a OCB (Obra Cultural Balear) dá un soporte económico a estreas e re-estreas de filmes en versión orixinal en catalán ou con subtítulos neste idioma. Fomos xa sede alternativa de diferentes festivais de cinema, como MARE MOSTRA ou a SICE (Semana Internacional de Cinema Europeo), e actualmente estamos en contacto co Festival de Cinema de Autor de Barcelona para programar algún dos seus ciclos.

Que opinades da idea de que o modelo de negocio da proxección pública de filmes en sala está esgotado?

Eu distinguiría entre ‘modelo de negocio’ e ‘proxección en salas’, porque coido que son aspectos moi diferentes. Como espectador e amante do cinema resístome a pensar que as salas teñan os seus días contados. Aos que durante anos asistimos de xeito case litúrxico ás salas para poder gozar en silencio do pracer do cinema gustaríanos imaxinar que iso seguirá sendo posíbel, malia que os indicadores digan o contrario. Ao feito engadido da caída de espectadores por distintos motivos -IVE, pirataría, etcétera- cómpre engadir o progresivo afastamento da xente nova das salas, especialmente das salas en versión orixinal. Non hai dúbida de que todo isto agudiza as dificuldades do negocio, ou cando menos do negocio tal e como o entenderamos até agora.

Neste contexto, Cineciutat posibilita un modelo alternativo, un modelo de participación cidadá nun proxecto colectivo: o cinema é de todos e somos nós quen temos que mantelo vivo. Abre unha porta á esperanza para todos aqueles afeccionados e espectadores que ven como as salas das súas cidades van pechando. Agora, máis que nunca, o cinema precisa imaxinación, e non somentes nas pantallas, senón tamén nas súas formas de distribución, exhibición e proxección.

 Entrevista realizada por email entre os días 20 e 23 de maio de 2013

Comments are closed.