FESTIVAIS DE CINEMA: O ESTADO DA CUESTIÓN (e IV)

Cuarta parte

Ruptura ou continuidade

Josetxo Cerdán: Cando a min me ofreceron a dirección artística de Punto de Vista a oferta foi moi clara: entre tres e cinco anos de prazo. 2013 será o meu cuarto ano á fronte do evento (tres festivais máis un seminario, realizado neste pasado 2012) e o último. O acordo vaise a cumprir daquela segundo o pactado. Sinceramente, para min o feito de que a oferta incluíse un deadline era o mellor que podía pasar: sabía que tiña un tempo para desenvolver a miña proposta e, aínda que logo as cousas variaron, coido que saber cal era o período establecido axudoume a ter unha folla de ruta, sempre modificábel, mais cun percorrido e unhas etapas claras dende o principio, e cando hoxe miro algunhas das declaracións que fixen cando accedín ao posto paréceme que non o fixemos tan mal.

No caso de Punto de Vista, onde hai unha clara separación entre o traballo de dirección artística e o de dirección executiva, non hai dúbida de que a idea é que cada novo director achegue o seu perfil ao festival. No meu caso o labor non era nada sinxelo, posto que Carlos Muguiro, o primeiro director artístico do festival, fixera unha tarefa encomiábel que os cinéfilos de Pamplona e de fóra da cidade aínda lembran. A miña idea do cinema documentário non dista moito da súa, mais dende logo hai matices que foron xurdindo co tempo…

Paréceme que é difícil pensar nun cambio radical, sen un período de adaptación, de transición. Evidentemente, canto máis novo é un certame, máis sinxelo é innovar e realizar cambios, porque está menos asentado, menos arraigado. Javier falaba da esixencia do seu público e, aínda que todos os públicos son esixentes, cada un ao seu xeito, eu penso que el se refire a unha socialización do festival que, dende logo, vai impedir (ou cando menos vai protestar moito) se se fan experimentos estraños coa súa programación.

José Luís Cienfuegos: Coido que os directores / programadores podemos ofrecer moito á liña dun festival xa consolidado: a diferente concepción que ten Àngel Sala do fantástico que manifesta en ‘Novas Visións’, o xeito intelixente co que Angulo apontoa en tempos de crises as fortalezas da Seminci, a respectuosa transición de Muguiro a Cerdán construíndo un Punto de Vista dunha credibilidade irrenunciábel ou a admirábel resistencia de Cines del Sur malia a lamentábel redución de axudas.

Posto que é ben coñecido o traballo que se fixo en Xixón de construción dunha identidade radicalmente diferente á que existía antes do 95 e que funcionaba tanto entre o público como entre a crítica, eu preferiría centrarme agora no Festival de Sevilla, onde traballamos a partir das seguintes premisas á hora de desenvolver un festival especializado:

– Fortalecemento das importantes alianzas que xa existían (caso da Academia de Cinema Europeo).

– Acadar a implicación do público para que continuara ‘crendo’ no festival (ao que axudou enormemente os Q&A).

– Tirar proveito deses directores e institucións que ‘querían estar’ na nova aventura que era o festival de Sevilla 2012.

Digamos que se tentou ser respectuoso coa (curta pero intensa) historia do festival e o bo traballo realizado polos anteriores directores, pero á vez achegar elementos novos.

A cineasta francesa Agnès Varda no pasado Festival de Sevilla, onde a súa obra foi obxecto dunha retrospectiva.

Mulleres á fronte de festivais de cinema

Javier Angulo: Eu coñezo algúns casos concretos, como o da directora do Festival de Tarifa (se non estou errado) ou a que era xerente (e tiña mando) durante anos do Festival de Ourense, pero a verdade é que non abundan as mulleres á fronte dos festivais, como tampouco na crítica de cinema en España (hai máis na información, pero non na crítica). Tampouco entendo por que unha muller tarda dúas ou tres veces máis tempo que un home en ‘erguer’ un filme. Non entendo as razóns, sinceramente, a non ser pola posición dominante que os homes teñen en España en termos sociais e culturais. Penso que as mulleres farían moi ben este mesmo traballo, porque teñen sentido común e prudencia cando fai falla, e tamén poden ser as máis arroutadas e valentes.

Eu teño a sorte de estar rodeado de mulleres dende que cheguei en 2008 a SEMINCI. Case todas elas xa estaban dende a época de Fernando Lara, e grazas a elas seguimos adiante sen perder nin o sentido nin as ‘esencias’ do que fomos e queremos ser. A miña directora adxunta chámase Denise O´Keefe, a responsábel de comunicación é Luisa Carbajosa, quen leva prensa do festival é Sandra Bensadon, as relacións públicas é Eva Calleja, a xestión de cinema está en mans de Carolina Martínez e a xestión dos convidados é cousa de Blanca Visa. Algunha delas podería substituírme sen problemas, e penso en Denise, por exemplo.

José Sánchez-Montes: A equipa de Cines del Sur é case 100% feminino, agás o director e os programadores, que foron maioritariamente homes. Non sei por que se dá esa circunstancia (nin a primeira nin a segunda) e a verdade é que non penso que haxa unha discriminación nese sentido. Polo menos eu non a fago, nin me fixo no sexo para contratar a alguén. Seguro que de seguida haberá moitas máis mulleres que homes na dirección dos festivais, de xeito que serán mellores e máis sensatos.

Josetxo Cerdán: A cuestión de xénero nos festivais vai alén de ter ou non mulleres na equipa: en realidade penso que esas mulleres están en todas as equipas, o que ocorre é que certos lugares (como a dirección) só parecen accesíbeis para o sexo masculino (e si, sempre atoparemos excepcións, pero iso non serve para agachar a realidade). Doutra banda, é verdade que esa non é unha situación que afecte unicamente ao mundo dos festivais, senón que está tristemente estendida en moitos outros aspectos da sociedade española, e de xeito moi preocupante nos espazos da Cultura (agora si, con maiúsculas). Que o mundo do cinema segue funcionando cuns códigos completamente masculinos é innegábel, e que cando se aborda este tema adoitamos mirar para outra parte, tamén. A min preocúpame máis o segundo que o primeiro.

Cinema Retiro, un dos espazos onde se celebra o Festival de Sitges.

O futuro dos festivais. Internet e as plataformas dixitais

Àngel Sala: As plataformas de internet permiten unha maior accesibilidade de público, prensa e industria á programación dun festival, e tamén son unha ferramenta interesante para os xurados. É un complemento extraordinario para os festivais establecidos, e un xeito eficaz para crear novos eventos máis especializados.

Porén, os festivais con traxectoria non se poden deslocalizar, pois o lugar de celebración está xunguido cunha especial liturxia que arestora, dada a pouca personalidade dos circuítos de exhibición, resulta imprescindíbel. Cómpre introducir todos os elementos virtuais porque se non ficaremos perigosamente anquilosados, mais iso si, dimensionándoos segundo corresponda en cada festival.

Javier Angulo: Coido que estas plataformas son relativamente útiles, un novo instrumento que pode facilitarnos o traballo nalgúns casos. Por exemplo, eu emprégoo para ver algún título antes de ir a un festival onde teño unha cita nada máis chegar coa xente dese filme, ou cando sei que non vou poder velo á hora programada. Tamén o emprego ao rematar un festival, para ver os filmes que perdín. Mais, definitivamente, aos festivais haberá que seguir asistindo porque, na miña opinión, son un inmellorable punto de encontro de profesionais, onde intercambias experiencias, trocas os ‘cromos’ sobre os filmes que viches con outros compañeiros, descobres a produción do ano (sobre todo alguén que, coma min, estea interesado en ver filmes no mercado, onde tes unha oferta de entre 80 e 100 ao día) e do que vén, onde se comparte moita información, onde (sobre todo en Cannes) faste idea de por onde van os gustos e tendencias do ano ou dos próximos anos.

Ademais, a min gústanme os festivais porque neles vexo xente distinta nas salas de cinema: gústame ver e escoitar á xente, o que queda do acto social e cultural que foi durante décadas a proxección dun filme. Dende os meus tempos dirixindo Cinemanía sempre fuxín das proxeccións para xornalistas. Gustábame (e gústame) ver proxeccións co público onde, á marxe do teu criterio sobre o filme, recibes outras pistas interesantes: esas toses nerviosas, esa xente que se remexe nas súas cadeiras nun intre determinado, esa risa a destempo, eses suspiros, esas bágoas, eses abandonos… A min, como programador, axúdanme moito a confirmar (ou a botar por terra) o efecto que penso que un filme pode producir no público do meu festival.

En fin, que mentres existan os festivais con mercado (onde podes atopar alfaias que, polo que sexa, non están nas seccións en competición ou paralelas), mentres teñamos medios para visitalos, e mentres acollan xente interesante da que aprender, non substituirei os festivais polas plataformas.

Àngel Sala: Como reflexión final direi que, malia todo e como sexa, prevaleceremos, porque se todo se reduce até a case extinción e un día a conxuntura volve ser favorábel, entón non haberá nada, só un ermo, e iso se será a fin. Non podemos rendernos: o cinema está vivo e a capacidade dos creadores intacta, así como a do público, no sentido de recibir, debater e exercer ese sagrado dereito da opinión no marco dunha diversidade cultural, artística, en definitiva, as bases do diálogo que algúns semella que queren dilapidar. Pola miña banda, e coido que pola de todos, terano moi difícil.

Algúns dos cineastas participantes no pasado Festival de Sevilla: Eloy Enciso (director de 'Arraianos'), Carlos Esbert (productor de 'Arraianos'), Elias León Siminiani (director de 'Mapa') e Hammudi Al-Rahmoun Font (director de 'Otel.lo').

Josetxo Cerdán: Non vou dicir nada que non se dixera xa. Un festival é un acto social (cinéfilo, festivo, formativo) e Internet é unha actividade privada. Algo non casa. Dende logo, Internet facilítanos moito a vida para recibir e ver filmes, antes, durante e despois dos festivais… mais isto tamén o podemos ler ao revés: complícanos a vida, porque sempre estamos en disposición de ver máis filmes, hai máis títulos accesíbeis, etcétera, etcétera, etcétera.

A min algo me di que aínda non está feito o encaixe entre o mundo dos festivais e o de Internet, mais chegará o día en que iso ocorra: alguén terá unha boa idea e logo todos a copiaremos (iniciativas como o 4+1 de Mafre poderían apuntar algunha cousa en desenvolvementos posteriores nesa dirección). O tempo dirá, mais penso que moitas veces o debate sobre Internet (dentro e fóra dos festivais) está sobredimensionado.

José Luís Cienfuegos: Internet é unha ferramenta útil de traballo, un bo complemento e ren máis. Sempre dixen que un festival que leva o apelido de tal ou cal cidade non pode celebrarse á marxe da mesma. Todos cremos nun festival como punto de encontro, de traballo, desenvolvemento de proxectos… Internet é moi útil para os novos camiños do audiovisual, mais non pode polo de agora encher ocos como o innegábel impacto económico no ámbito local. Colectivos como Zemos 98 ou ‘lacasinegra’ traballan nesa dirección, mais coido que estamos a falar de cousas diferentes.

Para rematar, teño a impresión de que deixamos polo camiño, ou pasamos un pouco por riba, de cuestións como o fundamentais que estamos a ser agora os festivais á hora da circulación de certo tipo de cinema, tendo en conta que veñen tempos escuros para a liberdade e a capacidade de programación das filmotecas, e os distribuidores independentes están cada vez máis mediatizados á hora de adquirir para a estrea en salas filmes dunhas temáticas moi determinadas, dirixidas a unha determinada caste de público. Os festivais seguimos sendo entón unha táboa de salvación e unha plataforma de coñecemento esencial.

Comments are closed.