First Cow, de Kelly Reichardt

First Cow, de Kelly Reichardt

© Allyson Riggs / A24 Films

Un can cheira algo estraño na terra dun bosque de Oregón. A súa dona escarva coas mans e descobre dous esqueletos durmindo xuntos o soño eterno. Así comeza First Cow (2020), o último filme da directora estadounidense Kelly Reichardt. Trátase dunha adaptación da novela The Half-Life, de Jonathan Raymond, que xa traballara previamente de guionista xunto coa propia Reichardt nalgúns dos seus filmes máis destacados, como Old Joy (2006), Wendy and Lucy (2008) e Meek’s Cutoff (2010).

O sorprendente achado co que comeza o filme fainos retroceder douscentos anos nun grande flashback que nos transporta ao Oregón dos anos 20 do século XIX, un perigoso territorio de fronteira no que se dan cita personaxes de todo tipo movidos polo afán de aventura ou a vontade de faceren fortuna. Un deles, o protagonista, Otis Figowitz, alias Cookie (John Magaro), é un cociñeiro ao servizo dunha expedición de cazadores de peles. Unha noite atopa no bosque a King-Lu (Orion Lee), un inmigrante chinés que acudiu ao Oeste procurando prosperidade mais é perseguido por un grupo de rusos sedentos de vinganza polo asasinato dun compañeiro. Figowitz proporciónalle axuda e sustento para que logre escapar e, unha vez rematada a expedición, e con ela o seu traballo, volve atopar casualmente a King-Lu e ambos maquinan un plan para crear un negocio grazas á vaca do patrón local, a primeira vaca do territorio de Oregón.

O filme é, polo tanto, un western, mais un western moi particular que non se axusta ás convencións clásicas do xénero, comezando pola súa localización nos húmidos bosques de Oregón no canto da aridez sufocante do Monument Valley. Tampouco Figowitz é un heroe arquetípico, pois posúe un carácter máis ben reservado e apoucado que o leva a soportar estoicamente as ameazas dos cazadores de peles, moito máis brutos ca el. Figowitz é incapaz de beber whisky sen tusir despois, opta por coidar dun bebé abandonado no fragor dunha liorta tabernaria e non ten reparos en pórse a varrer a casa do seu anfitrión, o seu inseparábel compañeiro King-Lu, sen necesidade de que este llo demande. É un home sinxelo, natural da costa leste dos Estados Unidos, que vaga sen rumbo nin obxectivo definido, encandeando diferentes traballos cos que poder manterse, após ficar orfo sendo aínda un cativo.

King-Lu resulta un bo contrapunto ao seu carácter pola súa actitude decidida e resolutiva. Porén, a pesar do seu incidente cos rusos, non se nos amosa tampouco que sexa un home dado ao manexo das armas. O seu é un espírito afouto e emprendedor que o leva sempre a maquinar o xeito de facerse rico o antes posíbel do modo máis sinxelo. Máis que un vaqueiro, aspira a ser un home de negocios nese contexto de transición a un modo de produción capitalista. Foi o seu afán de aventura o que o fixo embarcarse sendo un neno para ver mundo e saír da miseria, unha longa viaxe que o levou até o oeste americano porque, como lle explica a Figowitz: “Aquí hai oportunidades. Esta terra é un tesouro”. É King-Lu, polo tanto, o personaxe que mellor encarna o soño americano e a epopea da construción dos Estados Unidos, consubstancial ao western. Non deixa de ser chamativo, cargado dunha ironía mordaz, que xogue este papel precisamente o inmigrante chinés e non o norteamericano Figowitz, un home pusilánime, carente de todas as virtudes do perfecto cowboy, que simplemente actúa como o necesario brazo executor dos plans de King-Lu, auténtico cerebro da parella.

First Cow, de Kelly Reichardt

© Allyson Riggs / A24 Films

O peso da acción recae sobre ambos os dous protagonistas, con escasos personaxes secundarios relevantes ao longo da trama, practicamente só o patrón, propietario da vaca, e a vaca mesma, se se quere considerar así. Este minimalismo na concepción da historia correspóndese tamén cun estilo sobrio a nivel formal, típico de Reichardt. Destaca neste punto, de primeiras, a escolla dunha relación de aspecto 4:3, que xa empregara no seu outro western, Meek’s Cutoff (2010), e resulta característica da versión clásica do xénero, aínda que posteriormente se xeneralizase a visión panorámica das extensas chairas do Far West. Tamén a paisaxe ten unha importancia singular neste último traballo de Reichardt, onde abundan planos de extraordinaria beleza que destacan a maxestade desa terra aínda practicamente virxe. Porén, trátase dun contexto moi diferente, pois o elemento que se destaca é un grande río no interior dunha foresta repleta de froitos silvestres, animais salvaxes e inminentes perigos ocultos entre a maleza na escuridade da noite.

Así mesmo, ao contrario que na concepción clásica da secuencia, a presentación das escenas pasa do particular ao xeral, constituíndo auténticas sinécdoques visuais que presentan os personaxes e a súa situación a través de elementos fragmentarios. Así, o plano detalle de Figowitz dándolle lustre ás botas ou das súas mans trémulas nun momento de tensión condensa a representación simbólica dos personaxes e o preludio da acción que está por vir. Reichardt tamén emprega a profundidade de campo para amosar os diferentes papeis dos personaxes. Por exemplo, cando Figowitz e King-Lu se asocian definitivamente e aínda andan sopesando alternativas para facerse ricos sucédense diferentes planos nos que se pode apreciar, en primeiro termo, a Figowitz facendo algún traballo cotián mentres King-Lu, ao fondo, permanece inactivo reflexionando en voz alta sobre posíbeis negocios lucrativos, unha disposición que casa perfectamente cos seus respectivos roles.

Outro recurso frecuente para simbolizar o carácter pusilánime de Figowitz é o emprego de contrapicados desde o seu punto de vista para resaltar a súa inferioridade respecto a determinados personaxes, entre eles un dos cazadores de peles da expedición, que o ameaza gravemente mentres Figowitz o olla impasíbel. En xeral, é habitual ao longo do filme que a cámara se sitúe practicamente a rentes do chan, con maior ou menor inclinación en función do que amose en cada caso, igual que a utilización de marcos naturais no interior dos planos, un recurso estético polo que Reichardt manifesta predilección até o punto de empregalo con todo tipo de portas, ventás, aberturas de tendas de campaña, etc. En varias ocasións combínao coa profundidade de campo, empregada no sentido anteriormente apuntado. Así, mentres Figowitz sacude as alfombras en primeiro termo no interior da casa, a ventá permítenos ver ao lonxe como King-Lu fende leña co súa machada.

En síntese, First Cow é un western afastado do modelo canónico do xénero no que predomina a descrición dos personaxes e a súa relación entre si, especialmente a camaradería entre os dous protagonistas na súa ansia de saír da pobreza, por riba dunha acción bastante escasa ao longo de dúas horas de duración que se desenvolven cun ritmo pausado que permite deterse a contemplar as espectaculares paisaxes dos bosques de Oregón. Presenta, emporiso, ecos do grande relato mítico do Oeste como terra de perigos e oportunidades incorporada á nación norteamericana grazas á audacia de intrépidos aventureiros que deixaron todo para colonizar un lugar no que, como di King-Lu, “hai máis cousas sen nome que en ningunha outra parte”.

First Cow, de Kelly Reichardt

© Allyson Riggs / A24 Films

Comments are closed.