FOTOCOPIAS SEN BRILLO

CURTAMETRAXES NA SEMANA DA CRÍTICA DE CANNES

Se consideramos Cannes a grande cita cinéfila anual para lle tomar o pulso ás tendencias cinematográficas da tempada, as curtas presentadas na Semana da Crítica o pasado maio non poden ser tomadas máis que como copias torpes do que acontece nas seccións de longas. A selección deste 2011 evidencia que, para a meirande parte dos directores, o formato breve segue a ser unha escusa para a aprendizaxe e experimentación das súas marcas autorais.

E normalmente, estas pegadas trabállanse dende o que se toma de prestado a outros. Lee Chang-dong, Hong Sang-soo, Robert Rodríguez, Frederick Wiseman (ou o documental observacional en xeral) e Darren Aronofsky (ou os patróns indie de Sundance en particular) son só algunhas das referencias evidentes que se aprecian nos filmes elixidos este ano.

A única peza que logra transcender esta repetición de fotocopias sen brillo duns luxosos orixinais é Dimanches, de Valéry Rosier (na imaxe superior), xustamente recoñecida polo xurado como a “revelación” do certame. Belamente fotografada, cun excelente ritmo, sentido da composición, e unha inusual capacidade para describir espazos e tipos; esta curta mófase cun elegante sarcasmo das rutinas do día a día, do mecánico dos nosos pouco reflexivos actos no traballo ou nas tarefas máis habituais, e da estupidez e patetismo de moitos usos e costumes da sociedade contemporánea.

Faino cunha consecución de planos-secuencia, cámara fixa, e rexistro de documental observacional, pero posta en escena claramente ficcionada. Dicir que racha os xéneros a estas alturas é ridículo. Máis ben rise da tendencia a evidencialo.

Seguramente, non haberá moitos críticos que compartan o entusiasmo do xurado cara Blue, de Stephen Kang, premiada como mellor curta. Unha antiga estrela da televisión, un moneco azul deses de programas para nenos, estilo Barrio Sésamo, vese obrigado a traballar nun cutre restaurante de comida rápida, dos que reutilizan o aceite ata a súa evaporación.

Rodada con oficio, pero sen gracia, é unha paleta de cores tirada directamente de Blue Valentine (Derek Cianfrance, 2010); a película queda niso, na metade dun orixinal que, xa de por si, era un calco dos pro-Sundance que manufacturan produtos indie cada ano, con outros parámetros distintos aos de Hollywood, pero resultados tan pouco estimulantes como os da política das majors.

A metáfora do moneco como símbolo da inmigración, do ‘outro’, da soidade e da fama, provoca máis ben risos non intencionados. A elección do restaurante é xenial, claro. Blue é como ese aceite reutilizado que causa indixestión.

La metáfora del muñeco como símbolo de la inmigración en 'Blue', de Stephen Kang, provoca más bien risas no intencionadas

A metáfora do boneco como símbolo da inmigración en 'Blue', do Stephen Kang, provoca risas non intencionadas. Esta peza obtivo o premio á mellor curtametraxe da Semana da Crítica

Sen entrar en detalles, as demais curtas seguen patróns semellantes. Copian, mellor nalgúns casos, peor noutros. Marcadamente exploitation na forma, e con chiscadelas tamén ao Gus van Sant de Paranoid Park; Junior, de Julia Ducornau, queda a medio camiño entre unha peli de zombis de Robert Rodríguez e a transformación fantástica como metáfora dos cambios producidos na adolescencia. Exploración da identidade a través da figura do monstro, o filme débelle moito ao cómic de Charles Burns Blackhole, aínda que como referentes visuais use máis a La mosca de Cronenberg ou ao Cisne negro de Aronofsky.

Hai outros exemplos de fotocopias que se deixan ver na selección. In Front of the House, de Lee Tae-Ho, conta cun excelente actor principal, que outorga ao conxunto un refinado humor. Un conxunto, que por outra banda, é a versión pobre de Lee Chang-dong e Hong Sang-soo.

A versión, non pobre, senón nefasta, da crueldade destilada nos filmes de Kim Ki-duk e Park Chan-wok, atopámola en Finis Operis, de Byoung-gon Moon. Torpe relato do suicidio dun velliño solitario, a curta ten un afán estetizante da violencia que non lle senta nada ben.

É unha broma de mal gusto case tan macabra como a dos programadores ao elixir La inviolabilidad del domicilio se basa en el hombre que aparece empuñando un hacha en la puerta de su casa. Pouco máis e xa me paso de caracteres. Plano fixo dun frío asasinato, parece rodado así sen ningún criterio estético e por preguiza. O mesmo di Woody Allen dos seus planos-secuencia, só que aquí vai en serio.

Poderiamos seguir con algún exemplo máis, pero en resumo, esta selección evidencia que a ollada dos novos creadores está viciada. Desembarazarse dos referentes, matar ao pai, é unha tarefa tan difícil como necesaria, pois o verdadeiro autor é aquel que non se parece a nada ou, máis ben, o que, aínda parecéndose, non copia a memoria do cinema; evócaa. Que tomen nota para o ano que vén.

Comments are closed.