GOING SOUTH, de Dominic Gagnon (I)

38 Going South 4

Esta peza foi elaborada durante o obradoiro do Seminario de Crítica Feminista que organizamos en Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui 2018

Non o queres ver (e non vas poder evitalo)

O director canadense Dominic Gagnon quere facer unha crítica á sociedade de masas en Going South (2018), o seu ultimo filme: á globalización, ao uso da tecnoloxía como ferramenta para suplir as carencias emocionais dun mundo enfermo; unha crítica á estupidez humana en ultima instancia. Óptimo.

Para iso, ten que acollerse ao dereito de liberdade de expresión e amosar imaxes de cousas que ninguén quere ver, pero que como público non conseguimos evitar deixar de mirar, porque o morbo axústase aos nosos sentidos coma un pracer prohibido, dado que a violencia e as súas representacións, ao sernos prohibidas, teñen un atractivo pervertido e insán no noso subconsciente. Digamos que, para ilustrar ás espectadoras no seu desexo de criticar a deriva actual das redes sociais –neste caso concreto, YouTube– e como esta rede afecta á xuventude, ten que vagar pola miseria humana ríndose nalgún momento dela. Aceptamos esta premisa? Erguédevos chavs, erguédevos negras e tailandesas sen subtitular!

En calquera caso, que fai unha muller trans en medio de toda esa mestura de imaxes? Por qué Dominic Gagnon recréase tanto na vida desa rapaza adolescente (sendo a única da que obtemos unha estrutura de relato clásico presentación-nudo-desenlace)? Que teñen en común un alcohólico en vías de desintoxicación, xente de festa, unha tribu perdida na selva, uns surfeiros bébedos, unha solitaria azafata de avións, un hippy con delirios de grandeza, unhas traballadoras sexuais tailandesas e unha adolescente trans (entre outras personaxes dispares)? O morbo.

Going South é un colaxe de momentos íntimos dunha dubidosa calidade ética, e é precisamente esa dubidosa calidade ética o único atractivo dun filme que tenta facer unha panorámica sobre a sociedade e remata sendo racista, clasista, e machista.

Comments are closed.