INFORME: CINECLUBISMO EN GALIZA

31 Feciga 1

Unha sala de cinema, mediana. Cadeiras de veludo, pequenas, estreitas. Cores pasteis. O chan é de madeira, e renxe. Os espectadores escoitan a unha persoa falando fronte a eles. A pantalla está en branco, logo dunha proxección. A xente é nova. Leva cabelos longos. Hai moitas barbas na sala, moitos cigarros acesos e moito fume. É un cineclube. A imaxe mental que temos dun cineclube. Algo anacrónica, por certo, ancorada nos anos setenta. Un cineclube, porén, vén sendo calquera grupo de persoas que se xunten nalgures para ver un filme nunha pantalla. Pode ser nos anos setenta ou nos dous mil dez, nunha cidade ou nunha aldea, nunha sala, nunha aula, nun bar ou nun palleiro. A cousa, ao final, é ver un filme acompañados.

Galiza conta nestes momentos cuns dezanove cineclubes activos (podedes ver unha listaxe completa ao remate deste texto). Algúns teñen unha programación regular: proxectan un ou varios filmes á semana, á quincena ou cando menos ao mes. Outros, pola contra, teñen unha programación estacional: proxectan cando poden, botando man moitas veces da dinámica de eventos, programando ciclos, mostras ou semanas de cinema. A gran maioría están xestionados por asociacións culturais, mais hai un par promovidos dende os seus respectivos concellos. Varios representantes dalgúns dos cineclubes máis activos do país falaron do seu traballo nun debate dixital que publicamos a comezos deste mes (aquí tendes a súa primeira, segunda e terceira parte). Nesa conversa, algúns cineclubistas mencionaron a importancia da Federación de Cineclubes de Galicia (a Feciga, no seu acrónimo) como axente dinamizador das súas actividades. Esta federación agrupa arestora a trece cineclubes (aos que se lle van sumar cinco máis que están en trámite de admisión), e dentro de dúas semanas vai cumprir nada menos que trinta e dous anos de historia.

31 Feciga 3

Sala de xuntas na sede da Feciga

A función principal da Feciga vén sendo representar ao conxunto de cineclubes galegos ante distribuidoras e institucións. Trátase, polo tanto, dunha entidade mediadora que axuda aos seus membros a negociar, dunha banda, o prezo do aluguer das copias dos filmes que proxectan, e doutra, o apoio económico que reciben da administración a xeito de subvencións. Alén destas tarefas, a Feciga tamén asesora aos cineclubes máis novos no desenvolvemento das súas actividades, para que así os seus socios aprendan rápido onde localizar os filmes que queren proxectar e como xestionar o pago dos seus dereitos de exhibición. Neste sentido, a Feciga serve, ante todo, para turrar do carro do cineclubismo galego, dándolle visibilidade ás proxeccións de tódolos seus membros (a través da web cineclubesdegalicia.wordpress.com, que funciona como unha axenda), e dinamizando as actividades daquelas asociacións que teñen máis atrancos para artellar unha programación estábel.

A web da federación, ademais dunha chea de información práctica (como constituír un cineclube, como pertencer á Feciga, etc), inclúe unha breve cronoloxía do cineclubismo galego. Os cineclubes máis lonxevos, e que aínda seguen activos, veñen sendo os de Pontevedra (fundado en 1954) e mailo Valle-Inclán de Lugo (fundado en 1966), ámbolos dous con máis de cincuenta anos de historia. Séguenlles de preto o do Carballiño (1969), o Padre Feijoo de Ourense (1970), Ádega de Vilagarcía de Arousa (1976), Cangas (1977) e Groucho Marx do Barco de Valdeorras (1980). Esta cronoloxía tamén inclúe un regueiro de altas e baixas, que amosa a volatilidade e intermitencia de moitas destas asociacións. A fin de contas, un cineclube dura o que dure a vontade e o tempo dos seus socios para artellar unha programación, e a xente ten todo o dereito do mundo a ir e vir, a mudar de vila e mudar de vida, porque o cineclubismo, en definitiva, non é (nin debe ser) unha profesión: é un impulso, unha práctica, un costume, unha paixón.

31 Feciga (Acta Fundación)

A acta fundacional da Feciga, que reproducimos aquí arriba, foi asinada o 8 de xullo de 1984 por representantes de até dezasete cineclubes, dos que sete aínda seguen en activo: Pontevedra, Valle-Inclán, Carballiño, Padre Feijoo, Ádega, Groucho Marx e mais o Liceo de Noia. Houbo dous que xa desapareceron (o Cineclube Carlos Varela Veiga de Santiago de Compostela e mais o Cineclube de Vigo), mais o seu relevo nestas cidades foi tomado anos despois por outras asociacións (Cineclube de Compostela e Lumière de Vigo). A actividade dos outros oito, pola contra, foi pouco a pouco esmorecendo até que desapareceron: algúns estaban en cidades (o Ateneo Ferrolán), moitos en vilas (Monforte, Ribeira, Verín, Celanova, Allariz, Trives), e había mesmo algún cineclube rural (Os Chaos de Amoeiro).

O mapa que debuxan estes dezasete cineclubes fundacionais amosa unha maior actividade no sur do país, onde xa daquela se concentraban máis da metade dos cineclubes galegos. O reparto provincial, porén, mudou nestas tres décadas ante a desaparición progresiva dos cineclubes ourensáns, que pasaron de oito a tres, e a emerxencia sostida dos cineclubes pontevedreses, que medraron de tres a nove. A ubicación da sede da Feciga non é allea a esta tendencia: Ourense foi a cidade elixida polo liderado numérico dos cineclubes da súa provincia a comezos dos anos oitenta, e tamén porque daquela (e aínda hoxe) resultaba un punto equidistante entre os cineclubes da costa e os do interior. Agora, malia o declive demográfico da provincia, a presenza da federación e o bo funcionamento do Cineclube Padre Feijoo contribúen a que o Cineclube do Carballiño e o Groucho Marx do Barco continúen coa súa programación habitual, e mesmo a que xorda un novo cineclube (A Lanterna) nun lugar (Viana do Bolo) onde a última sala de cinema pechou hai máis de tres décadas (o Cinema Prada, inaugurado en 1959 e clausurado en 1983).

31 Feciga (Estatísticas)

Distribución dos cineclubes galegos por provincias, en 1984 e 2016

Esta hexemonía meridional pode explicarse polo maior dinamismo da súa sociedade civil, sobre todo na costa: as Rías Baixas son a zona do país con maior densidade de poboación dende hai décadas, polo que non é de estrañar que sexa precisamente aquí onde máis cineclubes conseguen manter unha programación estábel. A dúbida xorde ante a ausencia de cineclubes na Galiza setentrional: por que hai tan poucos nas provincias da Coruña e de Lugo? “Habería que estudar se realmente no norte existe diversidade e riqueza cultural de actividades”, aventura Manuel Precedo, actual presidente da Feciga, “ou esta está organizada desde os concellos (ou deputacións) en detrimento da autoxestión”. O caso da Coruña é un bo exemplo desta hipótese: a programación estábel do CGAI, tan ameazada nestes tempos polas retalladas orzamentarias do actual goberno autonómico, cumpriu dende comezos dos noventa a función que podería ter un cineclube na cidade herculina. O caso de Cambre, pola súa banda, é outro exemplo, porque o seu cineclube xorde, igual que o da Illa de Arousa, por iniciativa municipal. A resposta a esta pregunta, en todo caso, vai ter que ficar no aire, en espera de mellores explicacións sociolóxicas ou de que a xente do norte volva a organizar novos cineclubes, como xa houbo en Carballo ou en Burela.

Por agora, a Feciga está en trámite de ampliar os seus membros actuais até dezaoito grazas a cinco cineclubes que apareceron nos últimos anos: o Cineclube de Bueu, Dzine de Lalín, o Ateneo Santa Cecilia de Marín e os xa mencionados da Illa de Arousa e A Lanterna de Viana do Bolo. A maioría de cineclubes galegos, con todo, vai seguir concentrada arredor das grandes vilas e cidades do sur, mais hai aínda quen é capaz de organizar proxeccións no medio rural, como Anxo Moure, programador do Cineclube Os Papeiros de Chantada. Aló, na aldea de Garabelos, abriu hai dous anos o seu Cinema Palleiriso, unha utopía cinéfila onde as imaxes escintilan no fondo dun palleiro. Penso que xa estamos todos tardando en recalar algún día por aló…

31 Palleiriso 1

Cinema Palleiriso, Chantada

31 Palleiriso 2

Cinema Palleiriso, Chantada

Integrantes Actuais da Feciga

A Coruña

Cineclube Liceo de Noia

Cineclube de Compostela

Lugo

Cineclube Os Papeiros (Chantada)

Cineclube Valle-Inclán (Lugo)

Cineclube A Calexa (Monforte)

Ourense

Cineclube Groucho Marx (O Barco de Valdeorras)

Cineclube do Carballiño

Cineclube Padre Feijoo (Ourense)

Pontevedra

Cineclube de Cangas

Cineclube O Poleiro (Goián)

Cineclube de Pontevedra

Cineclube Lumière (Vigo)

Cineclube Ádega (Vilagarcía de Arousa)

Cineclubes en Proceso de Admisión na Feciga

Cineclube de Bueu (Pontevedra)

Cineclube da Illa de Arousa (Pontevedra)

Cineclube Dzine (Lalín, Pontevedra)

Cineclube Ateneo Santa Cecilia (Marín, Pontevedra)

Cineclube A Lanterna (Viana do Bolo, Ourense)

Cineclubes Municipais

Cineclube de Cambre (A Coruña)

Cineclube da Illa de Arousa (Pontevedra)

Comments are closed.