LA MIGLIORE OFFERTA, de Giuseppe Tornatore

A priori, a sinatura de Giuseppe Tornatore tería que ser un aval para La migliore offerta (2013), sobre todo cando este filme chega á carteleira en plena seca estival. Antes e despois da súa estrea mencionouse unha e outra vez o bo sabor de boca que deixara, hai xa un cuarto de século, Nuovo Cinema Paradiso (Giuseppe Tornatore, 1988); un sabor, que, para algúns rezumaba demasiado azucre, mais que daquela consagrou a Tornatore como unha nova promesa do cinema europeo. Tras unha carreira chea de máis ou menos acertos, o cineasta italiano tenta agora afastarse dos seus filmes anteriores cunha historia máis revirada e cun elenco internacional, malia que mantén dúas constantes: a súa coidada posta en escena e a importancia da música como acompañamento narrativo. Esta última cuestión é cousa, unha vez máis, do veterano mestre Ennio Morricone que, aínda que deixa entrever certo cansazo no seu traballo (os anos non pasan en balde), imprime a súa particular pegada sonora no filme.

Alén destes dous elementos, o terceiro alicerce sobre o que se asenta La migliore offerta é ese fenómeno australiano de impecábel acento british chamado Geoffrey Rush, a gran baza coa que xoga Tornatore para dar impulso a un guión ateigado de altibaixos. O certo é que os primeiros minutos do filme son bastante prometedores, con Rush encarnando ao subastador de arte Virgil Oldman: en apenas un par de pinceladas descubrimos a un personaxe meticuloso, pulcro e obsesivo con certas dificultades para comunicarse coas mulleres que compensa cunha inxente colección de retratos femininos que admira con silenciosa devoción. Non tardará, con todo, en atoparse coa súa media laranxa cando a misteriosa Claire Ibbetson, a quen dá vida a actriz holandesa Sylvia Hoeks, chame ao seu gabinete. Comezará daquela un xogo de conversacións cruzadas, encontros frustrados e olladas ocultas a través dunha falsa parede. Neste xogo, o espectador poderá atopar claras referencias ao cinema de Alfred Hitchcock, Roman Polanski ou Fritz Lang, e é que a señorita Ibbetson, cousas do destino, resulta ser unha muller encerrada na súa propia casa e nos seus propios medos ao xeito das protagonistas de The Woman in the Window (Fritz Lang, 1944) ou Repulsion (Roman Polanski, 1965).

O arquiduque Leopold Wilhem na súa galería de pinturas en Bruselas (David Teniers II, 1651-1653)

Un exemplo de caligrafía cinematográfica en La migliore offerta (Giuseppe Tornatore, 2013)

Esta prometedora primeira metade adopta as formas dun thriller no que o espectador agarda paciente o encontro desas dúas supostas almas xemelgas, unidas pola súa incapacidade para comunicarse cos demais e separadas polo fermoso mural que decora a falsa parede. Con todo, cando se inicia ese encontro, o filme comeza a perder fol e Tornatore remata caendo nos mesmos vicios que outros moitos cineastas ao alongar artificialmente a metraxe. Un dos problemas do filme é a interpretación de Hoeks, que tenta manter o tipo como a ‘misteriosa dama en apuros’ sen chegar a estar nunca á altura de Rush. Tampouco axuda moito a historia paralela da relación entre Virgil Oldman e un pragmático restaurador encarnado por Jim Sturgess, que ao cabo exercerá de conselleiro sentimental mentres monta un vello autómata que cobrará importancia segundo a trama avance. O actor inglés ponlle ganas, certo, mais o seu personaxe non deixa de resultar pouco crible. Por último, os golpes de efecto dun guión no que non caben máis elementos bizarros xuntos rematan por lastrar un mecanismo que Tornatore supuña perfecto, como o do autómata, mais que non para de renxer, coma se lle faltasen pezas ou lle sobrase ferruxe…

Algo semellante podería dicirse da trama referente ao personaxe interpretado por Donald Sutherland. Dunha banda, este veterano actor si que consegue dar unha réplica solvente a Rush, e ademais o seu personaxe introduce varios temas espiñentos no filme, como a mercantilización da arte e o acaparamento dos bens culturais en mans duns poucos privilexiados. Doutra banda, pola contra, Tornatore explota moi pouco esa liña argumental, reservándoa basicamente para dar un último golpe de efecto á trama. No entanto, a historia de amor de Rush e Hoeks atrapa por momentos, porque a maior parte do tempo resulta escandalosamente inverosímil. Ao cabo, a mestura de xéneros non remata de callar, e o que semellaba (e en realidade si que é) un thriller deriva nun drama un tanto pomposo e edulcorado. Nada novo tratándose de Tornatore, mais iso si, o seu filme non deixa de perfilarse como a mellor oferta (se se me permite o xogo de palabras) ante unha carteleira estival ateigada de terror teenager e animación infantil. Nese caso, La migliore offerta á unha, La migliore offerta ás dúas e…

Comments are closed.