LAS PALMAS 2018: PLURALIDADE EN CURTO

Como xa apuntamos na nosa crónica sobre a Sección Oficial de longametraxes do Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria, a última entrega do certame canario ofreceu unha multiplicidade de xéneros, formatos e historias orixinais entre as películas en competición. Esta pluralidade foi aínda máis notable no que se refire á selección de curtas, onde ademais atopamos un maior equilibrio entre directoras e directores. O comité do festival escolleu 12 filmes para formar parte da Sección Oficial de curtametraxes desta decimo oitava edición, onde puidemos ver títulos de ficción, documental, animación e performance. Unha vez máis o formato curto destacou polo seu potencial e liberdade creativa, acollendo algunhas das pezas máis arriscadas de todo o festival. Nesta ocasión o xurado oficial estivo composto polos directores Belén Funes (Sara a la fuga, 2015) e Adrián Orr (Niñato, 2017), xunto coa nova directora artística do Festival Punto de Vista, Garbiñe Ortega.

Mi amado, las montañas (Alberto Martín Menacho, 2017)

Mi amado, las montañas (Alberto Martín Menacho, 2017)

O premio á Mellor Curtametraxe foi para Mi amado, las montañas, unha coprodución entre España e Suíza presente tamén en festivais como o IFFR ou o Belfort Entrevues. Rodada integramente na localidade de Salvaleón (Badaxoz), a última obra do realizador madrileño Alberto Martín Menacho é unha evocadora representación do ciclo da vida a través das súas distintas etapas. Como xa fixera na súa premiada Pata Negra (2015), un relato sobre a memoria e as conexións xeracionais, Martín Menacho volve ás atemporais devesas estremeñas para falar de tradición e relevo. O traballo de Diego Cabezas, a cargo da dirección de fotografía, logra construír un limbo case místico no que se mesturan paisaxe, ritos e habitantes, ofrecendo unha experiencia visual repleta de secuencias de gran carga poética. O xurado argumentou a súa decisión destacando a posta en escena da película, “coherente á vez que orgánica”, ademais da “madurez coa que se retratan os diferentes momentos vitais”A cineasta estadounidense Stacey Steers completa o breve palmarés desta sección cunha mención especial do xurado para Edge of alchemy. Esta marabillosa peza de animación tradicional, presentada en competición no último festival de Locarno, foi creada utilizando máis de 5.000 collages feitos a man e filmados en formato 35mm. A obra está protagonizada polas estrelas do cine mudo Mary Pickford e Janet Gaynor, a través da reapropiación das súas imaxes, e forma parte dunha triloxía elaborada por Steers arredor da ollada feminina. O resultado é unha viaxe puramente surrealista, unha visión onírica dominada por flores, sangue e insectos, que lembra nalgúns momentos ao estilo doutros mestres do xénero como o checo Jan Švankmajer ou os irmáns Quay -cos que Steers comparte compositor musical-. Trátase dunha peza de estética escura, con multitude de escenas turbadoras e enigmáticas, na que asistimos á relación entre unha científica e a súa particular creación. Edge of alchemy é unha poderosa metáfora sobre a disección persoal, que logra escarvar nos nosos medos e inseguridades a través dun inspirado traballo de animación.

Algunhas das películas en competición tamén apostaron pola revisión de xéneros cinematográficos, como o thriller de espías en The hollow coin (Frank Heath, 2016) ou a ciencia ficción de Serie B na enérxica Babylon (Keith Deligero, 2017). O filme de Heath, presente tamén en Róterdam, é un relato hilarante en forma de chamada telefónica. Un misterioso personaxe intenta recuperar unha moeda introducida por error nunha cabina de teléfono, alegando que esta agochaba no seu interior unha pequena tarxeta de memoria cun vídeo de valor incalculable. The hollow coin está inspirada nun feito real acontecido durante a Guerra Fría, mesturando incidentes persoais e conflitos colectivos, e referencia filmes de espionaxe como o recente El Puente de los espías (Steven Spielberg, 2015). O apartado visual da curta consiste basicamente en imaxes da cidade de Nova York intercaladas coa disparatada secuencia rexistrada na tarxeta: unha cabina de teléfono ardendo por combustión espontánea no medio dun campo. Pola súa banda, o filipino Keith Deligero ofrece en Babylon unha delirante historia de ciencia ficción que homenaxea o cine trash dos anos 50 e 60. Antes de proxectarse en Las Palmas a película participou na competición de curtas da Berlinale, onde destacou pola súa aposta persoal e por unha inventiva desbordante. Viaxes no tempo, tiroteos sanguentos, telenovelas, galos que falan… Todo é posible nesta obra que representa unha nova e vibrante corrente dentro do cinema filipino moderno. A pesar do seu ton absurdo e desenfadado, e de non tomarse demasiado en serio a si mesma, Babylon non descoida o comentario político sobre a complexa situación que atravesa o país.

The hollow coin (Frank Heath, 2016)

The hollow coin (Frank Heath, 2016)

Non obstante, se hai unha obra que realmente destaca polo seu compromiso crítico e carga social esa é 8th Continent. Esta pequena xoia, asinada polo grego Yorgos Zois, é un brutal testamento sobre a crise dos refuxiados. Mesturando documental e alegoría, o filme de Zois trasládanos ata a illa de Lesbos, onde milleiros de chalecos salvavidas procedentes de travesías frustradas continúan acumulándose nun inmenso vertedoiro. Recordatorios espantosos das innumerables vidas que se perderon nas costas do Mediterráneo, formando agora un novo continente que se cimenta sobre a dor e a vergoña. Estamos ante unha peza de contrastes, dominada por obxectos inertes que falan da condición humana. Unha obra que grita dende o silencio e golpea ao espectador sen necesidade de palabras. A artista finesa Jonna Kina tamén prescinde de diálogos en Arr. For a scene, unha obra máis próxima ao arte performativo. Kina presenta unha pequena delicatessen cinéfila na que dous artistas de foley -Elodie Fiat e Gilles Marsalet- recrean os sons da icónica escena da ducha en Psicosis (Alfred Hitchcock, 1960). A curta está rodada nun único plano secuencia, no que nunca chegamos a ver a proxección da película orixinal. Para algúns pasará como un simple entretemento, unha curiosidade ao estilo making off, pero outros verán nesta peza unha curiosa deconstrución do proceso de creación cinematográfica.

A Sección Oficial de curtametraxe de Las Palmas 2018 tamén contou cun marcado acento luso, chegado dende ambos lados do Océano Atlántico. A portuguesa Leonor Noivo presentou o filme Tudo o que imagino, producido por Terratreme Filmes -empresa fundada por grandes nomes do cinema portugués actual como Pedro Pinho, Tiago Hespanha ou a propia Noivo, entre outros-. Ambientada no barrio de Alcoitão, e rodada con actores non profesionais, a película enmárcase no relato iniciático sobre o fin da adolescencia. A historia está contada dende a perspectiva de André, un carismático mozo dos suburbios que afronta esta etapa con gran entusiasmo, preocupado só por buscar aquilo que o faga “máis libre”. Terratreme contou ademais con outro título en competición, esta vez asinado pola romanesa Cristina Hanes -gañadora do Leopardo de Ouro á mellor curtametraxe no último festival de Locarno-. Antònio e Catarina documenta a peculiar relación entre unha moza de vinte e cinco anos e un home de setenta nun pequeno apartamento de Lisboa. A protagonista é a propia Hanes, que asume unha nova identidade para reflexionar sobre a vellez e o desexo con Augusto, un home case cincuenta anos maior ca ela. A través de sucesivas conversas, que os protagonistas manteñen ao longo de tres anos, ambos establecen os límites dunha relación marcada pola fugacidade. Finalmente, dende o outro lado do Atlántico chega o Terremoto Santo de Barbara Wagner e Benjamin de Burca. Esta enxeñosa curta musical xira arredor da na nova corrente de predicadores evanxelistas que se está afianzando nalgunhas rexións rurais do Brasil. Canto gospel e liturxias musicais nunha peza aparentemente distendida, pero que agocha unha preocupación real polo devir destes colectivos e a súa crecente influenza na sociedade brasileira.

Nothing new under the sun (Damian Kocur, 2017), Damien December (Lucie Plumet, 2017) e Möbius (Sam Kuhn, 2017) pechan a programación deste ano. Tres obras de gran calidade cinematográfica que ademais comparten algúns trazos temáticos e conceptuais. Todas elas seguen a protagonistas novos que, por diferentes motivos, padecen crises de identidade e problemas para comunicarse co seu entorno. A curta do polaco Damian Kocur céntrase na apatía de Michal, un mozo sumido na rutina e con dificultades para integrarse no seu grupo de amigos. A única esperanza de Michal é que a visita dunha rapaza á que coñeceu por Internet mude a súa vida por completo. Na obra de Plumet asistimos ás reflexións nocturnas de Damien, que tras unha pelexa coa súa parella sae a deambular polas rúas de París mentres revisa as súas actitudes e interaccións persoais. A realizadora francesa dirixe esta peza cunha gran sensibilidade, prestando especial atención á construción das conversas e os momentos íntimos. Pola súa banda, o canadense Sam Kuhn asina a que foi unha das curtas do último ano. Despois de ser presentada durante a Semana da Crítica no Festival de Cannes, Möbius formou parte de numerosos festivais internacionais –entre eles Curtocircuíto-. O filme xira arredor de Stella, unha poeta adolescente que afronta a morte da súa alma xemelga, o enigmático Sebastian. Unha “historia de liberación pouco convencional”, en palabras do director, que volve a explorar os sentimentos de alienación e exclusión experimentados durante a adolescencia. O pasado de Kuhn como realizador de videoclips queda absolutamente patente nunha obra de estética impecable, rodada en celuloide e especialmente coidada nos aspectos técnicos.

Möbius (Sam Kuhn, 2017)

Möbius (Sam Kuhn, 2017)

Comments are closed.