13º FESTIVAL INTERNACIONAL DE LAS PALMAS DE GRAN CANARIA

Parte I: filmes premiados

Entre o 16 e 24 de Marzo puidemos asistir ao 13º Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria. A súa excelente programación e ambiente sitúan este evento en primeira liña do cinema independente e de autor. Convén ademais destacar as excepcionais condicións de traballo que o festival canario ofrece, xa que ademais de asistir ás proxeccións e roldas de prensa, dáse a posibilidade de conversar apraciblemente con directores da sección oficial e outros invitados. A continuación propomos un repaso ás quince longametraxes en competición na Sección Oficial 2012. As recensións veñen completadas con reflexións xurdidas de conversacións con oito dos seus directores, todas elas mantidas xusto logo de ve-los filmes e asistir ás roldas de prensa. Nin que dicir que poder establecer un diálogo directo con cada un dos autores, sentindo de cerca a súa voz e a súa ollada, permítenos ir moito máis aló na comprensión e relacións con cada título.

The Loneliest Planet (Julia Loktev, 2011, EEUU/Alemaña, 113′), protagonizada por Gael García Bernal e Jani Furstenberg, Gran Premio do Xurado no Festival de Cine Independente de Los Ángeles, fíxose coa Lady Harimaguada de Ouro e o Premio á mellor interpretación feminina nesta edición do certame. Unha parella de mozos despreocupados contratan a un guía xeorxiano para que lles acompañe nunha ruta de sendeirismo e acampada polos montes do país, unha contorna natural suave e aberta, basta e perdida, descoñecida e talvez perigosa. Unha planificación meticulosamente construída, que interrompe acotío a escenificación ante cámara flotante con tomas musicadas a gran distancia dos personaxes, conduce gradualmente a escenas da vida nocturna e a intimidade no interior da tenda. A relación entre estes tres seres evolucionan e dan un envorco irreversible cun incidente central, no que a directora, con longa experiencia neste tipo de viaxes, define como unha danza entre tres persoas e unha cámara, sobre o terreo, dinámica, con forte desgaste físico.

Tabu (Miguel Gomes, 2012, Portugal/Alemaña, 110′), recentemente galardoada co Alfred Bauer Prize na Berlinale, levou a Lady Harimaguada de Prata á segunda mellor película do festival e o Premio do Público 2012. Distintas xeracións entrecrúzanse nun armazón de relatos románticos ata quedar irremediablemente atrapados nun sentimento común de soidade, melancolía, saudade. O afecto e tenrura que mostran uns con outros, cando non amor fervoroso, apenas amortecen a aspereza dunhas relacións humanas profundamente moldeadas por pautas coloniais e relixiosas. Belo filme, repleto de detalles exóticos e emotivos en branco e negro, dividido en dous partes, en que a sobriedade dos planos e intensidade de diálogos da primeira entrega contrastan, malia a carga dramática e emocional, coa lixeireza na homenaxe ao cinema mudo e a música retro colonial da segunda, monolíticamente estruturada en torno á narración en off. En palabras do director, búscase producir choques mediante cambios no rexistro e as regras do discurso. Os sentimentos de perda e culpabilidade irreversibles, os paraísos e infernos da memoria, e a vulneración de tabús ou prohibicións preestablecidos, son segundo Gomes algunhas das claves deste traballo, considerado polo presidente do Xurado Oficial Vicente Aranda como creador de vangarda.

Jidan hei shitou / Egg and Stone (Huang Ji, 2012, China, 102′), premiada hai pouco como Mellor Película no Festival de Róterdan, mereceu a Mención especial do xurado. Retrato íntimo dunha moza en serias dificultades derivadas da adolescencia e a sexualidade, illada nun medio familiar insoportable e un pequeno pobo da China rural, onde a vida resulta especialmente dura para a muller. A burbulla en que se desenvolve a súa existencia, de paso pola escola e o estudo fotográfico, con puntuais escapadas ao campo co seu compañeiro, e o reconfortante tacto do ovo e a pedra, non a liberan de vivir con inmensa soidade e tristura a súa carga. Debuxada con extrema intimidade e sensibilidade, a película desprégase na quietude e a escuridade, cun ritmo silencioso e repousado, atípico e orixinal, que talvez recorde o mellor do cinema chinés contemporáneo. Unha forma singular de filmar e relatar unha historia que, segundo confesa a directora, adáptase perfectamente ao corpo e condición de debutante da protagonista.

Bahay bata / Baby Factory (Eduardo Roy jr., 2011, Filipinas, 97′) obtivo o Premio José Rivero ao mellor novo director. Traballadoras, nais e neonatos conviven nun dos paritorios máis grandes do mundo (o do hospital de Manila), cada cal coas súas respectivas problemáticas. A axitación habitual do recinto sanitario acentúase en datas de Nadal. O dinamismo e dramatismo do medio é malia e todo ben compensado cun estilo contido e máis ben plano. Mestura de documental e ficción, de traballo con actores e non actores, cun tratamento fotográfico e sonoro homoxéneo e tecnicamente solvente, que persegue, segundo o autor, situar todo a un mesmo nivel, sen resaltar ningunha historia nin penetrarse no melodrama.

Finalmente, Halt auf freier Strecke / Stopped on the Track (Andreas Dresen, 2011, Alemaña, 95′), protagonizada por Milan Peschel, gañou o Premio ao mellor actor, que se suma ao Premio Un Certain Regard de Cannes. Un médico diagnostica unha enfermidade cerebral terminal a un pai de familia. Arrinca o proceso dexenerativo que en poucos meses vai acabar coa súa vida, seguido de cerca pola súa muller, o seu fillo menor, a súa filla adolescente, e outros seres queridos. As serias dificultades motrices, de conduta e relacionais que todo iso leva, son apenas mencionadas no frío e técnico diagnóstico inicial, aínda que posteriormente si aparecen citadas por unha médico a domicilio, máis reflexiva e humanizada. Crónica detallada e explícita das devastadoras consecuencias desta patoloxía, tanto a nivel físico como de vínculos coa contorna, con interpretación sumamente expresiva, e inesperada aparición en escena do tumor, para dar pulso a unha historia interesante, con arranques e freadas, acorde co desenvolvemento da enfermidade, os seus paroxismos e lategazos.

A organización do festival ofrece a posibilidade de conversar cos directores da sección oficial, así como con outros invitados. De esqueda a dereita, e de arriba a abaixo: Sebastián Lingiardi, Julia Loktev, Miguel Gomes e Andrés Duque

Parte II: filmes non premiados

Sip’Ohi – El lugar del manduré (Sebastián Lingiardi, 2011, Arxentina, 66′), Grand Prix do Festival International du Documentaire de Marseille. Os Wichi, pobo indíxena do norte de Arxentina, afrontan as tentativas de asimilación que ameazan a súa subsistencia colectiva cun intento de preservar a súa cultura, lingua, contos, músicas, ritos, tradicións, lendas, formas de vida… Nunha contorna natural semi-urbanizada, con poucas infraestruturas e escasos recursos en comunicación e educación, xorde un meta-relato a medio camiño entre o documental antropolóxico e o autorretrato comunitario, creado polos propios protagonistas e portador dun forte compoñente experimental. Disxunción entre imaxe e son, primeiros planos de rostros de indíxenas, paisaxes e secuencias cotiás, locución en off de contos ancestrais, músicas tradicionais, tomas de audio e vistas na radio local, pantallas en negro, planos que reflicten o propio proceso de recollida e ensamblaxe de imaxes e sons, ata a supresión da propia imaxe, tras previr ao público e solicitar a súa comprensión. Afirma o seu autor que trátase dun punto de vista persoal e subxectivo xurdido tanto da identificación coa historia dun pobo como da oposición aos sistemas de pensamento e verdades únicos, alegación en defensa da multiculturalidade que confronta a persistencia en base á caza e a recolección co avance do progreso e a civilización. Di ademais Lingiardi que o filme rende culto a unha oralidade que sempre estivo presente no cinema, e que neste caso adquire carácter central grazas a uns relatos que, a medida que esbozan unha deidade irrepresentable, despréndense da dependencia respecto das imaxes para forxar unha película e un pensamento que, coas contribucións do interlocutor, áchase en permanente construción.

Nana (Valerie Massadian, 2011, Francia, 68′), Premio Mellor Ópera Prima do Festival de Locarno, Mellor Película en Competición do Festival Internacional de Cine de Valdivia e Primeiro Premio do Festival de Cinema Independente de Istambul. Unha nena vive coa súa nai nunha casa de campo relativamente illada do mundo. As tarefas do campo e do fogar, a vida no bosque e os xogos da nena, nútrense do suspenso dunha narración a tempo real que arrinca cunha secuencia inicial talvez premonitoria. Montada a partires de ducias de horas de gravación e intenso traballo coa pequena, perforada por reiteradas elipses, nace segundo a autora da intención de facer unha película cunha nena que atrape algo da infancia, do imaxinario infantil, da particular relación co tempo e o mundo, escapando da visión fráxil e sobreprotexida dos cativos, para captar a incrible forza e endereita dun animal salvaxe que non é aínda un ser social, que non está na sociedade ou a sedución, que usa unha pre-linguaxe na que o peso das palabras difire substancialmente do habitual. Partindo de situacións ficcionadas, e do afecto por un mundo rural de xestos e saberes que desaparecen por non seres xa transmitidos, Massadian confíase a un cinema de signos e elipses que non pretende impor unha lectura do filme, senón fomentar un desexo ou forma de diálogo que pasan por considerar ao outro, a súa capacidade de actuar e mirar unha imaxe, sen que esta sexa pre-pensada, fabricando en si mesmo as relacións.

Ensayo final para utopía (Andrés Duque, 2012, España, 75′). Corpos que danzan no medio de revoltas e revolucións, corpos enfermos e derrotados, corpos novos e vellos, negros e brancos, africanos e europeos. Tempos de vida e de morte, medios rebordantes de vitalidade e medios sumidos no “espectáculo da morte”. Imaxes de arquivo, imaxes propias, imaxes íntimas e familiares, imaxes trucadas, músicas e sons experimentais, todos e cada un destes elementos quedan atrapados na montaxe plástica e rítmica, expresiva e puntualmente sinistra, deste filme-ensaio para utopía. Fálanos o seu autor cumpridamente da súa asociación entre o carácter fantasmal do cinema e o soporte dixital, a dificultade de palpar unha imaxe dixital coas mans, e os potenciais deste novo paradigma, en que conflúen novos métodos de rexistro e herdanza do cinema.

Amnistia / Amnesty (Bujar Alimani, 2011, Albania/Greza/Francia, 83′). As vidas dun home e unha muller entrecrúzanse nas periódicas visitas ao cárcere onde as súas respectivas parellas áchanse confinadas para cumprir escrupulosamente cunha tarefa sumamente concreta. El vive só e está farto de estar pechado no seu traballo. Ela é de orixe humilde e rural, ten dous fillos e un pai severo. A súa amizade coa muller doutro recluso axúdalle a achar un traballo e unha vivenda na cidade, para ficares máis preto do seu marido. Mais os muros do cárcere esténdense alén do perímetro do recinto, nunha sociedade albanesa conservadora e patriarcal onde a muller é a miúdo percibida como pouco máis que un obxecto sexual, e onde se evidencia constantemente a existencia de cárceres fóra do cárcere. Fotografía e interpretación crúas, supeditadas á posta en escena dunha problemática grave, para trazares unha rutina carceraria e machista, que converxe inexorablemente cara un único punto de fuga posible, nun proceso de centrifugado emulado polo papel da lavadora. Cóntanos o autor que, en base a unha concepción fotográfica bañada en cor coñac e enmarcada en tons vermellos de amor e sangue, desprégase un relato de amor e soidade que, antes que de amnistías, fala de fugas imposibles, que culminan en traxedia grega.

Two Years at Sea (Ben Rivers, 2011, Reino Unido, 86′). Premio Especial do Xurado de Festival Internacional de Cine de Valdivia. Un home de avanzada idade vive illado da civilización, nunha gran casa perdida no bosque, sen que a súa opción repórtelle sentimento de soidade ou carencia algunha. Dispón de todo o que necesita e comparte coa natureza a súa afección pola música e a fotografía. A talla de leña, os paseos en barca, a cociña, ou calquera outra das súas rutinas, producen sinfonías de ruídos en pianísimo. Músicas e sons da diéxese, interesante modulación temporal, e unha fotografía panorámica en branco e negro moi depurada, fúndense nunha experiencia sensorial acústica e visualmente conmovedora.

Was Bleibt / Home for the Weekend (Hans-Christian Schmid, 2012, Alemaña, 88′). Retrato dunha familia burguesa incapaz de aceptar diferentes tipos de fracaso, como poden ser a enfermidade mental dunha nai bipolar, a separación dun fillo con neno, a quebra do negocio do outro fillo, ou o adulterio do pai de familia. Un modelo de fogar e de familia en desintegración perpetua, talvez incompatible con determinadas enfermidades mentais, na súa obsesión por preservar as aparencias e promover a negación, no seu egoísmo e egocentrismo desenfreados, na súa incomprensión ante o desexo e necesidades dos demais. Posta en escena á alemá, en que a cámara dedícase a seguir o xogo de interpretación proposto a uns actores que, como o propio neno, van atopar progresivamente a oportunidade de desprenderse das súas máscaras.

Din dragoste cu cele mai bune intentii / Best Intentions (Adrian Sitaru, 2011, Romanía), Premios ao mellor director e mellor actor en Locarno. Un mozo que convive coa súa parella recibe a preocupante noticia de que a súa nai foi ingresada por un accidente cerebral. Trasládase inmediatamente á cidade onde a nai é atendida para avaliar de preto a atención que recibe, xunto ao seu pai e coa súa moza. Desinformación e erros médicos, posibilidades de traslado, amizade con traballadores do centro, visitas externas en habitacións compartidas, deficiencias dalgúns centros sanitarios romaneses ou o risco inherente aos accidentes cerebrais, son algúns dos elementos que ambientan este drama. Con técnicas de filmación que exploran as posibilidades dunha cámara antropomórfica situada na cute de personaxes que observan e seguen a acción, a posta en escena busca construír un punto de vista intersubxectivo que, tomando en conta as dúbidas e inseguridades de cada quen, representa eficazmente un proceso colectivo daquilo que se podería denominar creación de sentido común.

Malaventura (Michel Lipkes, 2011, México, 74′). Un ancián pobre, decrépito, só e abandonado, frecuenta os ambientes máis sórdidos dunha gran cidade, salas X, bares decadentes, un parque onde traballa en ausencia, e outros ambientes cutres do lugar. Un personaxe entre tantos, encarnado de forma sumamente inexpresiva, nun relato amargo e hermético, de planos fixos e pausados, que fan sentir as miserias dunha vida insignificante, abandonada á resignación, a apatía, o deixamento, o baleiro.

Mãe e Filha / Nai e filla (Petrus Cariri, 2011, Brasil, 80′). Unha moza cun bebé no colo visita á súa nai anciá nunha leira rural abandonada e en ruínas. A súa intención é desprenderse do neno e falar do seu pai desaparecido. Nai e filla transitan e conversan entre natureza e cascallos, nunha contorna illada, máxica, poboada por espíritos e cargado de simbolismo, con iconografía relixiosa e pagá de transfondo. Planos elegantemente tépedos, que alternan contemplación e performance, para conformar un espazo metafórico presidido pola traxedia dunha perda, talvez recorrente.

Zoológico (Rodrigo Marín Cortez, 2011, Chile, 70′). Tres mozos dun mesmo instituto de elite afrontan con apatía e cada cal ao seu xeito ese momento decisivo en que reciben as súas últimas cualificacións e deben decidir que van facer coas súas vidas. A comunicación cuns pais fundamentalmente ausentes é case imposible. No colexio, o coche, o fogar ou a rúa, soportan tediosamente un mesmo clima de desidia xeneralizada que apenas se disipa con satisfaccións pasaxeiras como a amizade, a parella, o sexo, Internet, homevideos, guitarra, bicicleta, patíns, skate… Os xenuínos planos frontais desde o interior do coche, que permiten visibilizar o barrio e á súa vez escoitar as conversas en off cos proxenitores, os fogares bunquerizados nos que habitan os tres protagonistas, a propia escola de elite á que asisten, conforman gaiolas invisibles en que estes especímenes de zoolóxico viven recluídos.

Le aquí o artigo na súa versión orixinal en català.

Comments are closed.